Arquivo de 'Sen clasificar'

Febreiro 2006

15 decembro 2007

Mércores 1 de febreiro de 2006

Día da Candeloria ( nos EEUU día da marmota )

Explícome. O día 2 de febreiro é o día da Candeloria ” que vai medio inverno fóra “. En Galicia había moita tradición nese día e dicían que era o día que casaban os paxariños e os mariñeiros dábanlle volta ás tellas para que cambiase o mal vento de dirección. Tamén era un día que se facían fogueiras e se adoraba o lume ( Candeloria=candea ). Eses ritos e crenzas pérdense no pasado. Pero agora somos moi ” listos ” e perdemos eses costumes aos poucos e non se lles dá a importancia que se lle daba antes.

Por outra banda, os norteamericanos brancos teñen raigames europeas. Entre eses europeos houbo alemáns que levaron a Pennsylvania ( concretamente á vila de Punxsutawney ) o costume que tiñan na Alemaña de consultarlle aos ourizos o que faltaba de inverno. Cando chegaron aos EEUU toparon as marmotas e quitáronlle o posto de predictores do tempo aos ourizos cacheiros. Co paso do tempo foi collendo fama e a marmota destes últimos anos chámase ” Phil “ e ten un tobo con calefacción e todo ( na foto ).

O ritual é así: o día 2 de febreiro van alí uns homes e sacan a ” Phil ” do tobo; se fai sol e ” Phil ” mira a sombra do seu rabo volve ao tobo e iso significa que faltan seis semanas de inverno. Se ” Phil “ non pode mirar a sombra da súa cola porque está o día cuberto iso quere dicir que o duro do inverno xa rematou. Logo hai festa con música, comida e demáis parafernalia e na vila esta xúntanse máis de 30000 persoas. E por se fose pouco ata hai unha película da vila protagonizada por Bill Murray.

E este é o día da marmota. Para que vexas que dun costume pode facerse festa e negocio. Como diría meu pai; estes americanos son finos como allos e agudos coma cebolas. A ver se aprendemos deles o que teñen de bó.

Deica mañá.

posted by acedre @ 3:12 PM 8 comments

Xoves 2 de febreiro de 2006

Colectando cartos

Onte pediume un dólar Lakisha, unha negriña de control de calidade da Revlon. Esta Lakisha é pequerrecha pero xeitosa. Ten dous fillos e no embarazo do segundo traballou ata o último día. Tiña un bombo impresionante e andaba abanándose pola fábrica adiante que parecía que ía caír e porse a rolar en calquera momento. Está casada cun homón que lle quita varias cuartas e que é ” trailero ” que é a forma de chamar a un camioneiro en espanglish. O dólar que me pediu era para a súa igrexa que xuntaba cartos para non sei que problemas duns nenos.

Aquí é moi típico pedir cartos para todo e a xente daos sen problemas. Que un compañeiro está no hospital ?, pois o compañeiro de turno pide cartos. Que unha casa arde?, outro tanto: a pedir cartos. E así sempre e con naturalidade. Ata na tenda de mascotas cando pagas con tarxeta preguntan se queres deixar un dólar para as canceiras de cans abandonados e podes indicar que si ou optar por responder cun ” Hoxe non ” que queda mellor que dicir que non directamente.

Este hábito de pedir vén a que neste país o goberno non paga moitas cousas. Logo a xente ten que idear o que sexa para xuntar cartos. E podes ver dende bombeiros pedindo nos semáforos coa bota de traballo na man, ata rapaces nos sábados que che lavan o coche pola ” voluntad “. Outro método de conseguir uns cartiños é o de vender comida feita por vontarios. Nesta foto do lado poño un exemplo disto. Venden bandeixas de carne asada para conseguir cartos para o departamento de bombeiros de Hawtree.

E isto foi todo por hoxe. Ata mañá.

posted by acedre @ 8:40 PM 5 comments

Venres 3 de febreiro de 2006

Vídeo

Despóis dalgúns problemas con blogger e despóis de meter un vídeo en youtube aquí podo mostralo para quen poida velo. O vídeo é do desfile de Nadal en Warrenton. Nel míranse os rapaces do instituto de Ana. Aí volo deixo como nota curiosa.

http://www.youtube.com/v/f5nnUOfYf64

posted by acedre @ 5:00 PM 8 comments

Domingo 5 de febreiro de 2006

Relixión, relixión

Estes días está o mundo revolto co asunto das caricaturas contra Mahoma.

Dende logo isto da relixión é un tema espiñento que non me gusta tocar porque todos cren ter a razón e tratan de meter en razón a quen non coincide con eles. Esta é unha historia vella coma a humanidade e seguirá sempre así ata que queden dúas persoas en pé e loitando por cadansúa fe.

Eu prefiro levalo con bó humor e como hoxe é domingo e non fun a misa polo menos aprendo da biblia nesta páxina onde un ‘ reverendo ‘ explica a biblia paso a paso e con imaxes do Lego por se un non sabe ler. Na foto sae Sansón desfrutando dunha muller de mala vida. Dende logo, se os cristiáns chegasen a ser coma os musulmáns este ‘ reverendo ‘ acabaría sepultado a pedradas.

Un saúdo e ata mañá.

posted by acedre @ 2:27 PM 11 comments

Luns 6 de febreiro de 2006

Cabaleiros confederados do KKK

Pois si, hoxe apareceu unha nova no periódico de Henderson “The Daily Dispatch” tratando da polémica que crea un numero do Ku Klux Klan na guía de teléfonos que temos na casa. Resulta que o número leva vinte anos na guía telefónica e agora queren sacalo. A compañía telefónica Sprint di que non vai retiralo que non é ilegal e que a chamada é vontaria e que pode chamar quen queira. Tamén din que este é un pais de discurso libre e que as palabras non ofenden. Poñen de exemplo os ateos que poden reclamar que hai igrexas na guía telefónica.
O debate está servido por aquí e agora a xente que está en contra quere buscar que cometan algo ilegal para poder retiralo do listín. E así está o tema: estancado de momento.
Do resto sen novidade.
Ata mañá.

posted by acedre @ 5:22 PM 12 comments

Mércores 8 de febreiro de 2006

Gastronomía extraña

Onte e hoxe tocoume traballar noutra área de Revlon. Onte cadroume estar cunhas señoras que tiñan moita leria e falaron entre elas de todo. Empezaron comentando as novas da zona que saíron na tele e na radio e logo seguiron falando de cans que traban a xente, dos seguros dos coches, de vodas e divorcios e de comida. Unha dixo que lle gustaba o peixe e as ostras e tamén que lle gustaba o coello como toque ” exótico “. Outra señora respondeu que antes que coello prefire esquío. Eu nese momento conectei o radar. Eu xa sabía que por este país cazan esquíos e que os comen pero nunca coñecera a alguén en persoa que os comera.

Onte pola tarde estiven buscando receitas e apareceu unha páxina onde hai receitas de esquíos, crocodilos ( que probei e sabe a pólo pero correoso ), zarigueyas, etc, etc. A páxina está en inglés e aquí podedes comprobalo. Agora cómeno con medo e xa case ninguén come os miolos que seica son unha delicia por medo ao mal das vacas tolas.

E non só os norteamericanos comen esquíos. Nos Pirineos había costume de comer os esquíos antigamente.

E isto é o que poño hoxe. Para que vexas que non só hai hamburguesas neste país.

Tamén agradecer a pintega porque gracias a ela puxen a ligazón  para a biblia de Lego.

Un saúdo.

posted by acedre @ 6:05 PM 10 comments

Xoves 9 de febreiro de 2006

posted by acedre @ 7:05 PM 10 comments

Sábado 11 de febreiro de 2006

Fotos, fotos

Hoxe fai moi mal día. Chove frío e pode ser que neve un pouco así que non saímos a ningún lado. Bueno, Ana segue co curso dos sábados pola mañá e Toño seica vén hoxe de Washington a facer unha visita fugaz. Iso se se anima que está a nevar dende Washington ata aquí.

A verdade é que me gustan as fotos de época, esas marabillas en B/N que nos falan de tempos idos e que nos fan meditar. E fuchicando por aí topei esta de Rianxo daqueles tempiños e púxena de cabeceira. Se queredes mirar algunhas fotos antigas de autores galegos podedes ir a esta páxina.

E, aparte disto, topei unha paxina con fotos de Extremadura antigas e algunhas das fotos fíxoas Ruth Matilda Anderson. Poderiamos aprender os galegos e montar unha páxina así con fotos desta muller que creo que non hai ningunha páxina adicada ás súas fotografías por terras galegas. Outras das fotos de Extremadura foron feitas por Eugene Smith (un fotógrafo dos mestres) e nesta foto dun velorio namorouse da muller retratada e mantivo correspondencia co ela por moitos anos. Iso si que é amor de verdade e que serve de exemplo agora que vén o día de San Valentín, non. Ata mañá.

posted by acedre @ 3:36 PM 13 comments

Domingo 12 de febreiro de 2006

Un saúdo blogueiro a Xiana

Ía falar do amago de neve que caiu por aquí, das películas de DVD que mirei nestes días que estivemos case aislados do mundo e todo iso pero o nacemento desta nena tan xeitosa anúlame o posteo de hoxe.

Dende aquí quero felicitar ao pai de Xiana que non é outro que Kiko, un galego que vive en Suecia e que ten un blogo que sigo con interés.

Iso, felicidades, parabéns e noraboa e que todo che vaia ben a ti e á túa familia.

posted by acedre @ 4:02 PM 5 comments

Luns 13 de febreiro de 2006

Vísperas de San Valentín

Esta fin de semana estivemos case pechados na casa. O sábado choveu todo o día e pola noite empezou a neviscar e o domingo neviscaba e paraba. A neve non chegou a callar e só había unha pouca nas prantas, nos coches e nos tellados.

Como estamos de anticipo de San Valentín miramos dous DVDs con tema romántico:

-” I capture the castle “: ambientada en Inglaterra nos anos trinta. É unha historia de amores cruzados, amores non correspondidos e amores interesados. Está ben e o final non é o típico que se podería esperar.

-” Elizabethtown “: unha azafata ( a chica de Spiderman ) ensínalle a un executivo despedido o importante que é o amor. A primeira parte da película non nos gustou pero a partir do funeral do pai do chico a película pega unha volta e mellora moito. O chico segue unha viaxe en coche coas cinsas do pai seguindo as instrucións que lle deixou a chica. Esa viaxe é preciosa e a música que o acompaña ( elexida pola chica )está moi ben. Unha mágoa que toda a película non fose esa viaxe !.

E isto é o que hai por hoxe. Mañá toca mirar globos con forma de corazón que neste país é de tolos a celebración do San Valentín. Non só celebran o amor de parella senón tamén o amor entre pais e fillos ( moitos nenos mañá non van en bus que esta proibido montar con globos e o instituto é un desfile de xente con globos, peluches e bombóns ). E aparte do amor aquí tamén celebran a amizade e os amigos entréganse tarxetas, agasallos e os inevitabeis globos. Mesmo os profesores reciben algun cariño dos alumnos e Ana seguro que trae algo para casa. O dito: unha cousa de tolos que non ten igual na terriña.

posted by acedre @ 7:09 PM 3 comments

Martes 14 de febreiro de 2006

Laid off

En cristiano: despedido temporalmente por escaseza de traballo. Si. Aquí cando non hai traballo din que vaias para casa que xa te chamarán. E iso tocoume de agasallo de San Valentín. Dennis Clayborne díxome que había de ser esta semana soa e que para a semana que vén que habería traballo e patatín e patatán. Tamén me dixo que mentes estivese el non me deixaría ” off ” ata que marchase no verán…e aquí estou.
Pois aproveitei hoxe e pola mañá fun andando ata a fábrica de caixas onde traballei o primeiro ano neste país. Fun pola rua principal de Warrenton. Pasei pola oficina de tráfico onde saquei o carné. Rescatei un paxariño que non voaba e estaba no medio da rúa. É un ” cardinal “, o paxaro emblema do estado. Pasei polo The Ivy, un hoteliño xeitoso e pola casa onde fan masaxes. Logo seguín e pasei pola fábrica de fíos que foi ao tacho haberá catro anos. De fronte está a fábrica de mobles Cochrane onde pedín traballo hai tempo. Logo hai que pasar unha gasolineira media desfeita e a distribuidora de combustible para calefacción…e xa está a fábrica Elberta Crate & Box que soa rimbombante e só fan unhas caixas para apañar froita que son de usar e tirar. Falei co encargado Tommy ( ” mayordomo ” en mexicano ) e que me cai ben. Ten unhas barbas mestas e descoidadas e uns ollos azuis que dan medo pero bota risadas grandes por nada e paréceme bó home. Díxome que non habia moito movemento de momento e, de feito, das tres cortadoras unha está parada e só traballan catro días na semana. Saudei aos antigos compañeiros e marchei para casa.
Cris deixara unha película de DVD e mireina e gustoume moito. Titúlase ” Rabbit-proof fence ” e en español está traducida como ” Cerca de la libertad “. Trata dunhas nenas aborixes australianas que son separadas das nais porque son mestizas e naquela época ( 1931 ) o goberno australiano quería diluir esa xente misturada na raza branca para purificalos e co tempo acabar sendo brancos. Mándanas a unha especie de misión relixiosa e elas foxen.
A película está moi ben e informoume dunha cousa que non sabía eu do trato dos aborixes por parte dos brancos.
Pola tarde fomos á piscina, pasamos polo Wal*Mart que estaba cheo de xente mercando globos de San Valentín, bombóns e flores e logo tiramos para casa.
E así foi o día de hoxe.

posted by acedre @ 5:23 PM 16 comments

Mércores 15 de febreiro de 2006

International Blog Serial Number

Estes días que teño libres adícoos a fedellar pola rede adiante e unha cousa que fixen é pórlle un número de código de barras a este blogo. Que para que serve ?. Pois non sei pero sei que este número é para este blogo e é único.
Se queres engadir o teu blogo á lista podes facelo aquí.
Eu descubrín isto do código de barras gracias a Calidonia.

Tamén brincando por aí diante topei un blogo dun español que vive en Corea e que conta cousas curiosas daquel país. A mágoa é que non se pode comentar no blogo. O enderezo é:
http://gunpo.blogspot.com/ e descubrino gracias a unha páxina de españois que están polo mundo adiante.

Tamén dicir que rematei de ler o libro ” La sombra del viento ” e gustoume bastante e recoméndoo a calquera.

Deica mañá.

posted by acedre @ 6:33 PM 3 comments

 

Xoves 16 de febreiro de 2006

País dos cabalos

Hoxe fixo moi bo día e apareceu Gustavo para acompañarme pola mañá. Paseamos ao Colín, mercamos unhas cousas, buscamos unha película de DVD na biblioteca e levou a documentación nosa para facer a declaración de facenda que neste país faise agora. E así pasou a mañá.

Paseando ao Colín pasamos polo cemiterio grande de Warrenton. Aquí os cemiterios son coma parques abertos con tumbas no chan e lápidas familiares que non son moi ostentosas. De cando en vez aparece unha que ten o seu aquel. Un exemplo é esta da foto na que se pode imaxinar que o morto quería un paraíso para percorrer en cabalo. E isto faime lembrar unha cousa que dixo un neno na terriña. Estaban varios falando e un pregúntalle a outro: De maior onde queres vivir ?. E o rapaz respostou: No país dos cabalos. Ti, supoño que pensarás o mesmo ca min e coincidirás en dicir que este é o país dos cabalos.

posted by acedre @ 6:21 PM 7 comments

Venres 17 de febreiro de 2006

Aprendendo idiomas

Hoxe fixo moi bo día e pola tarde fomos facer unha rota polo Medoc Mountain, a unhas vinte millas da casa. O percorrido que fixemos era de tres millas e o terreo apenas ten desnivel. O Colín andou ben anque rematou coa lingua por fóra.
No choio Ana estivo gravando a alumnos de español e non o fan moi mal para levar só dous meses de clases. Podes comprobalo no vídeo de abaixo.
O vídeo que é simpático de verdade é o que topou o nenodanorita e puxo na sua cabaseira. Se queres rir un pouco ou sorrir como menos podes mirar a sorpresa que ten preparada para ti neste día adicado a aprender idiomas.
http://www.youtube.com/watch?v=ADcT8CnBIoo

posted by acedre @ 6:27 PM 5 comments

Sábado 18 de febreiro de 2006

Auganeve e cinema

Hoxe quixo nevar pero foi unha neviscada que non callou. A auganeve caía no chan e desfacíase. Nin na foto se aprecia a neviscada. Quizáis o luns. Aínda non se sabe.

E aproveitamos a tarde para ir ao cinema a Rocky Mount a mirar a película ” Brokeback Mountain “. Dicir que os escenarios son marabillosos co esas montañas impresionantes. Os protagonistas non eran exactamente vaqueiros que eran pastores de ovellas e había hispanos coidando ovellas tamén ( pregúntome se serían parte dos bascos que emigraron a esa zona para coidar ovellas ). E a película trata da relación entre os protagonistas e as súas relacións coas familias respectivas. Por suposto que isto crea unha loita entre o que ” deben ” facer e o que realmente desexan facer. E diso trata a película que non vou contar máis.

Un saudiño.

posted by acedre @ 7:08 PM 11 comments

Domingo 19 de febreiro de 2006

A Casa das Latas

Hoxe fixo un día soleado pero moi frííío. Como estes días pasamos sempre pola ” casa das latas ” que chamamos nós, decidinme a facerlle un minivídeo para desfrute teu e meu. Esta ” casa das latas ” lémbrame un pouco ao museu do tolo de Camelle, Man. Non sei. O que facía Man e o que fai este ( aínda non lle mirei a cara ) de Marmaduke, Warren County, supoño que será arte. Polo menos reutilizan o que outros tiran e dun xeito orixinal.Pois iso, aquí queda o vídeo para que fagas unha idea do que temos cerca da casa e de por que as veces creo vivir nunha película. Polo menos hai personaxes extrañas e escenarios de película, non ?.

Mañá seica haberá algo máis.

 

http://www.youtube.com/?v=MAmhxBfK4FM

 

posted by acedre @ 3:45 PM 5 comments

 

Luns 20 de febreiro de 2006

Ano nevado non pode ser malo

Hoxe estamos contentos. Amenceu todo nevado e as rapazas non tiveron clase. Eu xa temía que ía pasar este inverno sen unha nevada digna de fotos pero a natureza sabe e produciu esta especie de miragre que é cubrir todo de branco cunha beleza tan grande, silandeira e misteriosa como perecedeira.

Ana, o Colín e máis eu aproveitamos a coxuntura e fomos de paseo ata o cemiterio onde puidemos tirar algunhas fotos coa neve e algún vídeo. O Colín gozou coa neve como acostuma gozar coa area da praia: bota carreiras e escarba coas patas. Logo afuciña no buraco e asoma os fuciños todos larafuzados. O malo da neve é que é fría e remata tremendo o parvechiño del, pero que lle quiten o bailado.

E aquí embaixo deixo o vídeo rodado no cemiterio. Escóitanse as miñas tripadas na neve dura e danlle un toque tétrico á gravación. Desta volta non dixen nin pío que está visto que o meu non é o choio de locutor: falo moi despacio e cunha voz profunda que mete medo.

E iso é todo por hoxe.

http://www.youtube.com/watch?v=1RLqgk_36bo

posted by acedre @ 5:50 PM 10 comments

Martes 21 de febreiro de 2006

Día da lingua materna

Entéirome que hoxe é o día da lingua materna declarado pola Unesco.

Eu non sei moi ben como se celebra nin que hai organizado para este día e supoño que os da Unesco queren que os gobernos e as institucións varias boten unha ollada sobre as linguas maternas e os seus problemas. E pouco máis podo engadir.

Ata mañá.

posted by acedre @ 6:45 PM 11 comments

 

Mércores 22 de febreiro de 2006

Entroidos

Unha das celebracións que boto en falta neste país é o entroido. Refírome ao entroido, entroido; o que se vive na rúa coa diversión e meténdose coa xente que non vai disfrazada. Por aquí hai entroido que lle chaman Mardi Gras e o máis famoso é o que se celebra en Nova Orleans. Co furacán Katrina o Mardi Gras perdeu en cantidade de comparsas ( ” krewes ” ) pero gaña en dispersión porque os habitantes da cidade que non regresaron celebran o entroido nas cidades de acollida e o que parecía unha perda irremediable parece ser que vai producir un espallamento desta festa. Isto paréceme ben que tamén este país necesita algo de alegría. De todas formas quédame moi a desmán este Mardi Gras. Outro grande que hai é o de Quebec que está en Canadá pero xa rematou e tamén me quedaba un pouco lonxe de máis.

Pero os que me gustan de verdade son os da terriña. Na terra hai moitas localidades con entroidos típicos como Laza, Verín, Xinzo, Viana, Vilariño, Manzaneda, Cobres, Chantada, terras do Ulla, Maceda, etc.

Brétemas falaba nun posteo acerca do intento de recuperación dunha personaxe do entroido antigo vigués. Un anónimo respostoulle que os entroidos típicos galegos non lle interesan, que el vai por libre e que non lle gusta que lle manden ir disfrazado dunha forma ou outra. Eu concordo en que meter algo artificial no entroido vai contra a lóxica do entroido en si pero penso que hai que botar unha man para recuperar algo que se perdeu. En Ourense capital intentan recuperar un entroido antigo, os das Pitas, e semella que vai ben. Dende logo eu prefiro que se apoien esas tradicións e non pasar de todo como o anónimo e que logo nos pase como aos nosos curmáns asturianos que perderon tanta riqueza cultural nun pasado borroso. Bueno, iso penso eu.

posted by acedre @ 7:33 PM 7 comments

Xoves 23 de febreiro de 2006

O meu 23-F

Hoxe volveume visitar Gustavo. Estivemos mirando a película Hotel Rwanda que é bastante dura e trata da guerra civil entre tutsis e hutus en Rwanda haberá máis de dez anos. Eu non vivín ningunha guerra nin quero nin lla desexo ao meu peor inimigo.

E falando de guerras hoxe é o 25 aniversario do intento golpista de Tejero e compaña. Eu lembro que estudiaba no instituto e apenas levaba dous anos afeitando o bigote e os pelos da fame do queixo. Eu de política, nin flores; como supoño que pasaría coa maioría dos meus compañeiros. No instituto tocábame clase de francés e Luis, o noso profesor, dixo: Hoy vamos al hotel a ver la televisión. E alá fomos ao hotel que aínda está hoxe perto do instituto. O tal Luis, un leonés de bigote e que lle faltaba un dedo da man, aquel día explicounos algo de política mentres mirabamos imaxes do golpe na tele. Así souben porque o profesor de lingua e literatura española que daba clases en galego ( si, en galego ) aquel día non apareceu a traballar nin en varios dias. E como el algúns máis. Todos estaban achantados sabía deus onde. Non así a profesora de xeografía que era cubana fuxida de cando Fidel e que, eu non sabía porque, apoiaba sempre a economía norteamericana e falaba pestes da rusa. Aquel profesor aclaroume moitas cousas a min e aos meus compañeiros diante dunha televisión en branco e negro e falounos de temas case intocables naqueles tempos. E así foi o meu 23-F que non recomendo a ninguén.

posted by acedre @ 7:12 PM 6 comments

Venres 24 de febreiro de 2006

Luar

Hoxe é venres e tocaría na TVG ” Luar “. Aquí tamén hai ” luar ” pero é un chisco distinto. Nesta zona de Carolina vive xente do máis normal que traballa, estudia e vive unha vida normal coas súas cousas boas e as non boas. De cando en vez hai problemas con roubos, tiros, pelexas de cans e ” luares “. E ti dirás: que raio será ese ” luar ” ?. Explícocho. ” Luar ” sería a tradución galega de ” moonshine ” que non é outra cousa que a elaboración caseira de alcol procedente do millo. Este nome de ” moonshine “ ten a súa orixe en que se facía o choio de noite, lonxe dos sitios habitados e á luz da lúa, ao luar. A elaboración de alcois neste país ten a súa procedencia en Europa onde se facía alcol caseiro de case calquera cousa como por exemplo de patacas en Irlanda. En Europa foise proibindo por motivos sanitarios e chegará o día en que proibirán facer viño caseiro. E se non xa verás. Nos EEUU estivo moi extendido e eu lembro películas de toda a vida coa imaxe do típico montañés facendo alcol caseiro.

E pasou o tempo e agora está proibido en todo o país. Pero a xente segue facéndoo ás agachadas e as fotos son unha mostra do descubrimento dunha destilería caseira a sete quilómetros de onde vivo. Nas fotos vese un policía de paisano destruindo os barrís e o mecanismo de elaboración deste alcol caseiro que non deixa de existir porque sae máis barato que mercalo nas licorerías típicas do Estado: ABC.

Ogallá que nunca se vexan imaxes así na terriña por estar proibido facer viño na casa.

Ata mañá.

posted by acedre @ 5:31 PM 8 comments

Sábado 25 de febreiro de 2006

Paseo polo lago Kerr


Pola tarde do sábado aproveitamos que facía bo día, ventoso de máis pero bó, e fomos ao lago Kerr. Este lago é en realidade un encoro bastante grande coas ribeiras ocupadas por casas de ricos cos seus embarcadoiros. Espallados aquí e acolá hai parques con zona de acampada, mesas de picnic e peiraos públicos. Ana, Cris, o Colín e máis eu intentamos ir a un que nunca foramos antes pero estaba fechado de tempada. Fomos a outro e tamén estaba fechado pero aparcamos e decidimos entrar que non hai peches arredor. Démoslle unha voltiña ao parque e como o encoro tiña pouca auga quedaba unha especie de praíña boa para pasear e así estivemos. Houbo un momento que apareceu un raposo que non sabía que estabamos alí e eu fíxenlle unha foto xusto cando se decatou da nosa presenza e liscou. Na foto está no medio e hai que ampliala para podelo mirar ollando para nós.
E así foi o día de hoxe.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:35 PM 2 comments

Domingo 26 de febreiro de 2006

O tío Pepe

Este señor tan feliz é o Pepe, o tío de Ana. Este Pepe é un pequeno gran home. Un home cheo de vida e festeiro coma el so. O Pepe é un home xeneroso e falangueiro cun riso rápido e real. Traballando non ten paraxe e preocúpase de que todo estea ben listo. Ten un restaurante nas montañas de Carolina, nunha zona preciosa cuns arredores que son esceario de moitas películas norteamericanas ( despóis de California e Nova York este estado é o terceiro no mundiño cinematográfico ). O Pepe é un exemplo dun emigrante galego que fixo a súa vida fóra da terra. Despóis de facer o servicio militar andou embarcado. O seu soño era desembarcar en Australia pero foille imposible. Cando o barco chegou a Tampa, Florida; aí xa puido desembarcar e quedou no país. Fixo a súa vida nos EEUU e tivo tres fillos e agora ten tres netos en Montana chamados Elijah, Matteo e Celia ( en honor á avoa de Ana e nai do tio Pepe ). Aquí embaixo está a foto dos netos do Pepe, galegos nun 25%.

Co este posteo quero felicitar no seu cumpreanos ao tío Pepe. Parabéns.

posted by acedre @ 5:50 PM 8 comments

 

Luns 27 de febreiro de 2006

Día do ” pancake “

Cando leas isto xa é martes de entroido na terriña. Aquí, en Warrenton, este día é o día do ” pancake “ que é unha especie de filloa pero moito máis grosa que as nosas filloas. Resulta que antes de empezar a coresma a xente tiña que consumir os ovos todos e o leite que tiñan na casa e non había mellor maneira de rematar co isto que facendo festas de ” pancakes ” e a iso dedicaban o martes antes de coresma.

Como ves no cartel hai unha festa desas pero non vou ir: unha festa que hai que pagar e ademáis é nunha igrexa non me semella moi festeira…e ademáis sen disfrazarse…onde se mirou tal cousa ?. Porque neste país o entroido non existe. Hai algún caso aillado coma o de Nova Orleans e pouco máis.

E como nós botamos de menos os disfraces o que facemos e ir probando sombreiros nos comercios e co iso imos safando a morriña polo entroido. Ou sexa, aproveita o entroido ti que podes, non sexas parvo.

Ata mañá.

posted by acedre @ 6:06 PM 12 comments

Martes 28 de febreiro de 2006

Stop all war

Hoxe seguín co paro vacacional que xa se está facendo longo de máis pero é que non hai moito máis onde ir nesta viliña. Aproveitei e mirei o documental Fahrenheit 9/11 de Michael Moore.
Este documental é unha crítica do goberno do actual presidente norteamericano. Explica as relacións entre os árabes e o presidente e achegados. Descubre as relacións monetarias con empresas petrolíferas e armamentísticas e o desvío da atención da poboación norteamericana sobre o verdadeiro motivo da invasión de Iraq. Tamén explica como o goberno está interesado en ter unha poboación amedrentada para facer o que queren eles.
Bueno, o documental é duro e ten momentos emotivos e fala dende moitos puntos de vista. Eu recomendo este documental para coñecer un pouco máis dos verdadeiros motivos da guerra de Iraq. E para rematar o posteo de hoxe deixo unha foto dun sinal modificado pola xente para pedir a paz.
Ata mañá.
 

posted by acedre @ 6:15 PM 10 comments

 

Marzo 2006

Mércores 1 de marzo de 2006

Rico, rico

Estes días tanto falades de filloas que acabo agoándoas. Gustaríame comer filloas pero dándolles o toque norteamericano cun chisco de xarope de arce como o que leva o carro do debuxo. Un debuxo moi bó por certo. Saqueino dunhas infusións que mercamos da marca ” Celestial Seasonings ” que teñen debuxos moi bos nos envases e só co iso dá gañas de mercalos. Busquei na interrede e teñen unha presada de artistas que podedes consultar nesta ligazón.

Neste país hai envasado de case todo e nos estantes dos supermercados hai unha explosión de cores e formas de productos que queren vender polo ollo. Xa sabes que aquí venden de todo ou polos menos inténtano. Esta arte de vender poderiámola aprender nós para darlle saída ao queixo en lata que seica é un invento galego segundo di Colineta. Dende logo se o envase ten un debuxo así de bonito seguro que o merco.

E de despedida deixo outro debuxo. Ata mañá.

posted by acedre @ 5:52 PM 8 comments

Xoves 2 de marzo de 2006

Véntase a primavera

Hoxe fixo bastante calor e cando paseaba ao Colín pola mañá había unha parella de rolas facendo o seu niño. Aquí e acolá empezan a abrochar as flores das árbores e fan unha imaxe bonita.

Aquí non hai amendoeiras como a da foto copiada de www.itineranceplus.com, pero non puiden evitar pór esta foto e contar unha lenda do sur de Portugal que me semellou bonita para este tempo.

Hai moítisimos anos había un rei mouro no Algarve que se enamorou dunha princesa do norte europeo e casou co ela e levouna para o seu castelo. Pasou o tempo e a princesa estaba triste no palacio. Asomábase á fiestra e estaba triste mirando os campos. O rei mouro preguntoulle a un paisano dela se sabía o que lle pasaba e este díxolle que a princesa botaba en falta a neve. O rei mouro quería compracer á súa enamorada pero no Algarve non nevaba e non sabía que facer. Ata que un día tivo unha idea e prantou milleiros de amendoeiras rodeando o castelo. Cando chegou a primavera, a princesa do norte asomouse e mirou a paisaxe cuberta de amendoeiras en flor e recuperou a ledicia: parecían árbores nevadas. E así pasaron moitos anos felices esperando a primavera e as súas flores.

E isto é todo por hoxe. Aquí deixo a ligazón a esa lenda que me gustou. Ata mañá.

posted by acedre @ 6:13 PM 8 comments

Venres 3 de marzo de 2006

Diferentes intereses, diferentes calendarios

Hai tempo descubrín unha páxina de indios no que cada día relatan un acontecemento da súa historia nesa data. Por exemplo, un tres de marzo saiu Ponce de León de Porto Rico na busca da fonte da xuventude topada na illa Bimini ( que non era illa senón a península de Florida ). E a historia segue. A ligazón déixoa aquí pero está en inglés.

E hoxe tamén descubrín unha páxina na que poñen unha foto diaria relacionada con obxectos astronómicos ( non confundas con salarios de diversos futbolistas ou políticos ). A foto de hoxe é de Turquía e sae Venus e o cometa Pojmanski ( non me preguntes sobre el que é a primeira vez que sei algo del ). Deixo aquí a ligazón a esta páxina en inglés con esas boas fotos diarias de obxectos astrais.

E iso é todo. A ver que poño mañá.

posted by acedre @ 8:12 PM 3 comments

Sábado 4 de marzo de 2006

Wake Forest

Hoxe facía sol pero corría un aire bastante frío. Fomos Cris, Ana, o Colín e máis eu a Wake Forest, unha viliña que vai rematar sendo absorbida por Raleigh, a capital de North Carolina.
Xantamos nun restaurante mexicano e logo fomos pasear pola zona das casas ricas e, de exemplo, está a foto cunha casa que semella saída dun conto. Logo do paseo tomamos un café nun sitio tranquilo que ten pegada unha tenda de moedas antigas que ten unha páxina web e descubrín que tamén teñen a vender chapas de identificación de escravos negros que as levaban colgadas no pescozo coma se fosen cans. Esas chapas eran para esclavos que alugaba o dono a outro señor. Agora esas chapiñas poden chegar a custar 6000 $. Mágoa de non topar eu unha tirada mentes paseo ao Colín !.
E así foi este día. Ata mañá.

posted by acedre @ 8:11 PM 8 comments

Domingo 5 de marzo de 2006

Amor animal

O Toño está aprendendo moitas cousas nos zoos onde está e nos centros de animais. Esta semana estivo moi emocionado coa inseminación dunha elefanta. Na foto está un veterinario inseminando á elefanta como ben supós. Que un home disfrazado de mago che insemine o producto non ten parecido a un bó revolcón. E agora a elefanta terá que esperar uns vintedous meses, case dous anos, para ter a cría. Dende logo isto non é o mellor exemplo de amor animal pero é o que hai.

Mañá hai máis.

posted by acedre @ 8:12 PM 10 comments

Luns 6 de marzo de 2006

” Antros “

Antros é o nome que usan os mexicanos para denominar o que serían os nosos pubs ou discotecas. Os antros para nós teñen mala sona pero para eles é un lugar de diversión. En Norlina ( a sete quilómetros ) hai un antro deses que máis ben semella un antro dos nosos. Eu nunca entrei, tamén hai que dicilo; pero as mozas tampouco queren entrar. Os carteis da entrada dan un pouco de medo, a verdade. E para que me creas deixo dúas fotos feitas onte domingo. Unha é da entrada proibindo armas, drogas e ” solisitasion ” que é o espanglis de ” pedir cartos “. E a outra foto indica quen pode ” tomar ” e quen non e os requisitos que se piden. Bueno, deixo as dúas fotos que son tamén un bonito exemplo de espanglis. E pensar que hai alguén que quere escribir o Quixote en espanglis e di que o galego é un invento dos políticos. Non sei se rir ou chorar.

posted by acedre @ 6:17 PM 11 comments

Martes 7 de marzo de 2006

Prezos de casas

Despóis do posteo do outro día coa casa de conto de Wake Forest entroume a curiosidade polos prezos de casas. Non por mercar, por suposto; só por curiosidade. O domingo demos un paseo pola viliña onde vivimos, Warrenton, e apareceu un cartel cun enderezo web e consultei prezos. Estaba a casa Dun Mor cun prezo un pouco inasequible: máis dun millón de dólares. A casa é esta da esquerda. Logo había outra casa máis barata por menos de 160.000 dolares. A casa está aquí á dereita. Pero tamén esta quedaría fóra das nosas posibilidades así que busquei e busquei e topei a fin a casa dos nosos soños: unha casa que custa menos que botarlle aire á roda do coche que aquí custa 50 centavos o raio da máquina do aire da gasolineira. Si. Topei unha casa GRATIS, de balde, polo papo, free, 0 pesetas, rien de rien, niente. Uau, unha casa gratis e non hai truco. E, efectivamente, a casa é gratis pero… Sempre hai un pero. Pero non venden o terreo así que tes que desmontala e levala a outro lugar.

Ese era o truco da casa gratuita que sae nesta foto de embaixo.

posted by acedre @ 5:48 PM 14 comments

Mércores 8 de marzo de 2006

Case, case

Hoxe case consigo traballo. Fun a unha empresa que está a dez minutos da casa andando e díxome o encargado que estes días poidera ser que houbese ” chanse ” ( oportunidade ). A empresa é de molduras prefabricadas e son todos mexicanos menos un negro carretilleiro e unha señora branca oficinista ( que eu saiba ). A ver se hai sorte e traballo aí que queda ao ladiño da casa e aforro en gasolina e así voume acostumando a silicose do Porriño e Ponteareas para cando volva, ha, ha. Mellor rir que chorar, non ?.

E como non vou falar de asuntos laborais poño unha foto dun solpor nunha granxa de aquí agora que os días son máis longos e xa é imposible facer esa foto indo ao ximnasio. Espero que vos guste a todos os que me ledes e comentades que sodes do melloriño da rede adiante.

Ata mañá.

posted by acedre @ 6:12 PM 19 comments

Xoves 9 de marzo de 2006

Piscineiros

No anterior posteo falaba de que nós iamos camiño do ximnasio cando tirei a foto ( un pouco triste pero bonita ). Hai tempo que non o menciono pero si que imos Ana máis eu ao ximnasio. É unha das poucas diversións que hai por aquí. Máis que nada imos á piscina e outros días imos á sala das máquinas a andar en bici ou na máquina de ” step ” ( non sei como será en galego; é esa maquina que fas que sobes unha escaleira ). Hoxe, por exemplo, eu fun á sala de máquinas e fixen bicicleta e ” step ” mentres lía ” To kill a mockingbird ” ( ” Matar un reiseñor ” ). Ana foi á piscina e, de mostra, aquí déixovos un vídeo do ano pasado onde estamos nadando e que conste que xa melloramos o estilo.
Ata mañá.

http://www.youtube.com/watch?v=iEWqesLb8bM

posted by acedre @ 6:41 PM 5 comments

Venres 10 de marzo de 2006

Xa traballo

Si. Todo foi gracias a uns blogueiros que querían que topase eu choio e xuntaron enerxías e telepatías e moveron fíos aquí e alá e deixaron os porcos coxos e así me conseguiron traballo.
Hoxe non eran as oito da mañá e chamáronme para ir a Cast Stone Systems, inc. Esta empresa foi a que visitei o outro día. Empezou mal porque o encargado chamoume e deume un cuarto de hora para ir ao choio. Eu díxenlle que tiña que almorzar e logo ía para alí. Por suposto que almorcei. Non me gusta traballar con fame. Na mili un día un cabo chusqueiro ergueunos da cama e mandounos apañar follas que había ciscadas na estrada que ese día había visita e fomos sen almorzar e estivemos ata a hora de xantar cunha mala uva… Bueno, ao que ía, eu almorcei e paseei o can e logo fun andando que son uns dez minutos. Non me dixo nada o encargado, faltaría máis, e logo xa me presentou a quen me vai ensinar e xa traballei hoxe. O choio parece bo, como de manualidades porque estou tapando fallos nos moldes para facer pezas para edificios. Xa explicarei máis no futuro sobre o choio e os compañeiros.
Así que xa sabes: se queres saber por Acedre pregunta aquí de oito a cinco da tarde. Pregunta polo novato.

posted by acedre @ 7:08 PM 24 comments

Sábado 11 de marzo de 2006

San Patricio en Raleigh, NC

Xa sabes como son neste país que celebran as cousas cando cadra e hoxe celebraron o dia de San Patricio no centro de Raleigh.

Facía calor e un bo día e o desfile empezou ás doce do mediodía. Aquí nos desfiles participan colectivos moi diversos que non teñen que ver coa celebración pero eles van igual.

No desfile había gaiteiros de orixe irlandesa e escocesa pero tamén había unha asociación de orixe alemá e outra de orixe escandinava cun barquiño viquingo e todo. Logo había motarras en Harley Davidson, unha escola de animadoras, unha escola de danzaríns irlandeses, un clube de loita medieval, un ximnasio de artes marciais, unha escola de xente con minusvalías, asociacións de defensa de animais, un clube de cans huskies ( aparte dos galgos irlandeses da foto que son dos cans máis grandes do mundo ),

 bombeiros, uns tolos que en vez de cars tiñan como camións en miniatura e alí andaban a toda velocidade. Desfilaban tamén vendedores de concesionarios de coches, personal de emisoras de radio, unha escola de patinadores e unha restra de diferentes igrexas regalando estampas de santos, aparte de caramelos e colares tipo Mardi Gras de diversas cores brillantes anque o verde era o que predominaba así como no atuendo do público.

Logo fomos xantar alí ao lado do parque onde actuaban os gaiteiros e as danzarinas e disfrutamos do ambiente festeiro.

En definitiva, un día de festa dos poucos que disfrutamos neste país. E aquí abaixo queda un vídeo dun baile irlandés do ano pasado que a cámara non me deixou baixar máis que quince fotos de hoxe.

http://youtube.com/watch?v=SLn7cuLkhJU
 

posted by acedre @ 6:27 PM 7 comments

Domingo 12 de marzo de 2006

Visita a Wake Forest

Hoxe tamén fixo calor e bichorno. Fomos cos arxentinos xantar no restaurante mexicano da semana pasada e logo paseamos polo centro de Wake Forest. Tivemos sorte de que estivese aberto o museu da antiga universidade e a guía, unha señora moi amable, ensinounos o museu.

Na foto estamos na enfermería da universidade.

A ver se posteo mañá.

posted by acedre @ 5:54 PM 5 comments

Luns 13 de marzo de 2006

Mascotas

Este país ten fama polo trato cos animais. Aquí pode haber de todo: dende ecoloxistas e zoólogos do melloriño do mundo ata xente que é máis besta ca os pobres dos animais e cazan osos con arcos ou poñen comida de cibo para cazar cervos.

Da caza xa falarei outro día que aquí está moi metida nos costumes da xente e dá para escribir moito.

Do que quero falar é dun ” veciño ” en Norlina ( perto do antro dos mexicanos ) que ten un cartel que di ” Non entrar. Manterse lonxe: lobo “. Ao primeiro pensabamos que era un que tiña un can e quería meter medo aos posibles cacos da súa propiedade pero un día miramos o becho e tivemos que tirarlle unha foto. A de arriba fíxoa Toño e a de abaixo fíxena eu en distinto día. O Toño preguntou no zoo ( onde saben máis que inseminar elefantas ) e os veterinarios dixeron que é un lobo e quedaron alucinados de que alguén teña un lobo atado estilo can. Pero xa sabemos que neste país hai de todo.

Aí deixo as fotos do ” Calcetíns ” de ” Bailando con lobos ” que debe de ser lobo porque non ladra pero debe de ser un lobo bó que é moi amigable.

Ata mañá.

posted by acedre @ 6:14 PM 10 comments

Martes 14 de marzo de 2006

Algúns compas

No choio vou progresando e aprendendo diferentes tarefas. O meu mestre particular é Carlos, un mexicano de perilla que non me lembra a ninguén especial. Gústalle o meu nome que o emprega sempre para falar comigo e explica as cousas tranquilamente. En definitiva, parece bó tipo e bó traballador que busca que quede todo perfecto. Logo está a compañeira Jessica, unha mexicana baixiña, baixiña e eu acabo con dor de costas traballando na mesa adaptada á altura deles. Logo está Francisco Javier que parece un dos de Camela pero máis baixo e máis moreno. Sempre sorrí ensinando os dentes de ouro. Tamén está Andy, un ” bolillo ” como din os mexicanos para referirse a un norteamericano sen mala intención. Está un pouco tolo e chapurrea bastante do mexicano e canta coa radio tanto en inglés como en mexicano e bota os aturuxos mexicanos moi ben. Ten catro chichos pequechos no pelo e está sempre fumando co cigarro de esguello que parece Popeye ( aquí non sei se está proibido ou non fumar no traballo ). Ah, Popeye dise “popai” en inglés.
Logo hai máis compañeiros traballando que aínda non coñezo e como aínda non teño fotos dos compañeiros poño esta dun vendedor mexicano nunha ” pulga ” ( spanglish para mercado de rastrillo, do inglés ” flea market “).
Ata mañá, supoño.

posted by acedre @ 6:57 PM 9 comments

Mércores 15 de marzo de 2006

Lenda urbana

Moitas veces creo vivir nun escenario de película. Xa hai meses topei uns zapatos pendurados dun cable de luz nun bairro de Warrenton. Agora xa hai outro par noutro bairro. Estes zapatos lémbranme a película “Big Fish”, unha película que me gustou moito porque é un xeito de conto.

O costume de pendurar zapatos ten varias explicacións: dende que é unha marca dunha banda de delincuentes ata que é unha mostra de perda da virxinidade. Outra explicación di que é o paso da infancia á madureza. Logo esta a teoría de que os zapatos son dun que vai casar e os amigos íspeno na despedida de solteiro e penduran os zapatos por non pasar unha proba. E tamén hai a teoría que di que é broma e que empezou un nun sitio e vai extendéndose o costume polo país adiante. Eu non sei quen ten razón. Supoño que tódolos motivos poden servir. Só espero que estes zapatos en Warrenton teñan unha orixe distinta á teoría de bandas delincuentes.

Deica mañá se cadra, claro.

posted by acedre @ 6:39 PM 14 comments

Xoves 16 de marzo de 2006

Opcións

Moitas veces paro a pensar no mundo no que estamos e se paga a pena seguir este ritmo tolo de materialismo e sen metas.

Seguro que xa o pensache algunha vez coma min iso de deixalo todo e vivir co fundamental e sen máis problemas.

A foto esta é dunha rapaza dunha comunidade paquistaniana das montañas que acostuma ter paxariños como mascotas. Esta comunidade respecta toda a vida animal e, de feito, cando o fotógrafo ía facer a foto, a rapaza estaba rescatando avelaíñas dun bulleiro ou pucharca. A páxina descubrina gracias a Nemeth e a ligazón é esta.

Hai veces que me gustaría ser así. O peor sería dicir adeus ao xamón e ao pulpo.

Ata mañá.

posted by acedre @ 8:41 PM 10 comments

Venres 17 de marzo de 2006

San Patricio e o día da árbore


Hoxe é o día de San Patricio, patrón dos irlandeses. Neste país hai moitos descendentes deles. A este país chegou xente que emigrou fuxindo da fame que provocou unha peste nas patacas de Irlanda. Viñeron aquí e fixeron unha vida nova e trouxeron costumes e tradicións. Na foto sae un home disfrazado de leprechaun.

E hoxe non é a única cousa verde que se celebra porque tamén é o día da árbore: ese ser mudo e xigante que nos dá sombra, frutos e calor. Estes días hai moitos incendios por Texas ( wildfires=lumes salvaxes, palabra expresiva coma poucas ) e arden árbores, cultivos e prados e tamén sofren moitos animais como os dez mil cabalos e vacas que morreron queimados; unhas cifras xigantescas difíciles de imaxinar.

Na outra foto estou eu cun carballo americano que non collía na foto. Gústanme as árbores e, de feito, un dos meus apelidos é un nome de árbore.

E isto é todo por hoxe. Ata mañá.

posted by acedre @ 8:27 PM 8 comments

Domingo 19 de marzo de 2006

Feliz día dos Pepes e Pepas e dos pais !

Parabéns a todos neste día. Ana máis eu felicitamos aos nosos pais respectivos e démoslles un sorpresón: Ana está embarazada.

posted by acedre @ 3:37 PM 40 comments

Luns 20 de marzo de 2006

Graciñas

” WE’S IN HEBEN “, ” estamos no paraíso “; como negriños nun campo de sandías, así sentímonos Ana máis eu despóis de recibir tantos parabéns, felicitacións, noraboas e zorionak.

Hai pouco tempo mandastes enerxía positiva para que eu topase traballo e conseguístelo. Agora mandades máis enerxía positiva para Ana e mailo bebé e vai saír duro coma un ferrote. Seguro.

A vosa resposta foi espectacular e quedamos sorprendidos, sobre todo Ana. Díxenlle a Ana para gravar un minivídeo de agadecemento estilo mensaxe nadaleira dos Borbóns pero ela ten máis siso ca min e chamoume parvo. Non hai vídeo e deixo esa foto de agradecemento. GRACIÑAS.

Mañá a ver se poño algo.

posted by acedre @ 9:03 PM 18 comments

Martes 21 de marzo de 2006

Vídeo de consolación para o PQV

Hoxe choveu e quedei a xantar no choio. Xantei con Jessica e tres mexicanos máis. Un preguntáballe a Jessica polo home e a filla e ela contou que viñan dentro de dous días, que tiñan que entrar de ” mollados ” por Arizona e que tardarían iso en cruzar o deserto ata Phoenix.
E alí empezaron a contar historias de ” mollados “, de ” coyotes “, da ” migra ” ( a policía de inmigración ), dos prezos ( entre 1800 e 2000 dólares cobran os ” coyotes ” por pasar unha persoa a fronteira ) e demáis desventuras que ten que pasar esta xentiña e moitos máis polo mundo adiante. Cando xa ía ser hora de volver a traballar apareceu Andy que se xuntou conosco e cun par de mexicanos máis que chegaron e un preguntoulle a Andy que faría el se entrase a migra pola fábrica e el dixo que escaparía polo monte con todos coma se fose un máis deles, que era mexicano un 90% e que non lle gustaría quedar só el traballando na fábrica. Aí fíxonos rir a todos. Dende logo este Andy é simpatíquisimo e caime moi ben.
E falando de norteamericanos, aquí deixo un vídeo onde sae un hobbie desta xentiña norteamericana que en moitos casos non deixan de ser uns rapaces mentalmente nun corpo adulto ( coma o tal Bush falando do terceiro aniversario da guerra de Iraq ).
Este vídeo vai de premio de consolación ao comité organizativo da PQV ( Plataforma Queremos Vídeo ). Eu estou intentando convencer a Ana e incluso quería disfrazar a Cris de Ana para facer o vídeo pero Ana resístese. A PQV terá que idear unha estratexia e insistir máis.

http://youtube.com/watch?v=oz0QQ8e2kR4

posted by acedre @ 8:06 PM 9 comments

Mércores 22 de marzo de 2006

Xente pouco discreta

Hai xente que ten cara para todo. Na foto mírase unha voda dunha parella de norteamericanos que casaron o día dos enamorados nunha pista de xeo tinxida de rosa a posta para a ocasión. Aproveitaron o descanso dun partido e montaron o chiringuito e deron o si nunha cerimonia de quince minutos diante do cura, a mascota do equipo e uns mil espectadores. O acto non sei se será moi romántico pero o que é é pouco discreto. Se eu lle digo a Ana para facer isto primeiro ponse colorada e logo cómeme cru. Ana é sinxela e non lle gustan as estridencias nin ser estrela nun vídeo nin cousa polo estilo así que non vai haber vídeo de agradecemento anque saibades que vos damos moitas gracias por ese apoio que nos mandades. De verdade que sodes especiais. E isto é o que hai por hoxe, aparte da boa nova do cesamento do fogo permanente por parte da ETA.
Mañá haberá o que haxa.

A foto e a información son propiedade do amigo Diego.

posted by acedre @ 7:38 PM 12 comments

Xoves 23 de marzo de 2006

Elección de sheriff

O outro día lin unha nova desta zona que dicía que hai un incremento dos roubos nos coches e que aconsellaban aos propietarios pechalos con chave.

Esta nova dá unha idea do nivel de delincuencia neste condado que xa me gustaría a min poder deixar o coche aberto na terriña.

Para loitar contra esa delincuencia están os policías e os sheriff e aínda non sei cal será a diferencia. O que si sei é que vai haber elección de novo sheriff e hai carteis por tódolos sitios. Aquí os carteis son destes de cravar no chan e non hai carteis de pegar nas paredes que me parece unha boa idea. E na loita polo posto de sheriff hai varios candidatos e o da foto é o que ten máis carteis. Logo hai outro candidato que ten páxina web e todo e alí explica o programa de actuación. O máis bonito de ver é a sua garavata.

E iso é todo por hoxe, día tranquilo e sen novidades e con Ana que o leva ben.

Mañá vai ser outro día, non ?.

posted by acedre @ 8:16 PM 9 comments

Venres 24 de marzo de 2006

Tempos novos, tempos vellos


Esta é unha parte do centro de Warrenton na actualidade. Aquí está a pizzería Milano’s onde mercamos pizza os venres para cear. Bueno, agora Ana non atura o cheiro da pizza, xa sabes, cousas dos antollos. Agora hai días que lle apetecen donuts e antes non os podía ver diante e tamén hai días que prefire ovos.Despóis da pizzería vén unha floristería, unha xestoría, o local do periódico The Warren Record, unha tenda de antiguidades e a gasolineira.

Na postal antiga ( agasallo de Nemeth ) vese máis vida e na acera da esquerda había un restaurante e todo onde hoxe hai unha casa de préstamos que ten un cartel na porta proibindo mendigar.

E agora que van elixir novo sheriff, Ghanito ten claro por que candidato votar. Graciñas pola confianza depositada.

posted by acedre @ 7:22 PM 11 comments

Domingo 26 de marzo de 2006

Millas e millas

Si que fixemos millas estes dous días. Onte sábado fomos a Rocky Mount a mercar roupa nova para Ana e logo voltamos a Warrenton. Dalí fomos a Rolesville xa con Cris e Toño que veu de Washington a cear á casa dos arxentinos que nos deron cousiñas para o bebé e dalí volvemos a casa. E hoxe domingo fomos Ana máis eu ao aeroporto de Raleigh a cambiar o billete de volta a Madrid e tivemos que cambiar de compañía que agora a US Airways non permite cans nos seus vos. Con tal motivo non nos cobraron polo cambio de data.
Antes de ir ao aeroporto paramos a xantar no restaurante mexicano El Azteca ( na foto sae o dono retratado ). O dono é o típico mexicano con éxito que leva sombreiro de cowboy, cinto con fibela ben grande e botas campeiras. Eu xantei pulpo que estaba ben picante e branducho e de sobremesa ” sopapilla ” que non é outra cousa ca unha orella das nosas. As camareiras eran unhas pesadas preguntando se estabamos ben cada dous minutos.
Despóis de irmos ao aeroporto fomos ao Whole Foods a mercar delicias como pan e falafel.
E así foron estes dous días. Mañá toca volver á rotina.

posted by acedre @ 6:22 PM 9 comments

Luns 27 de marzo de 2006

Gustaríame ser famoso


Gustaríame presentarme para sheriff como propón ghanito, ser o candidato máis fino como di kiko, gañar a estrela dourada deseñada por nemeth, pór orde no condado de Warren e poder ir a Canadá a evitar a matanza de 300.000 focas e ser famoso por iso.

Aquí fálase da matanza de focas e outras animaladas ( ou persoadas ? ) que se fan polo mundo adiante. Os vídeos e as fotos feren a sensibilidade de xente sensible e revolve o estómago e a mente. Estás avisado.

posted by acedre @ 6:06 PM 7 comments

Martes 28 de marzo de 2006

Estes mexicanos son do que non hai; Bush quere dar máis caña aos inmigrantes e eles adícanse a ir a ” antros “. Na foto está o programa da festa que perdín o sábado. Falta na foto a cabeza de ” Priscila y sus balas de plata ” que un fan dela da fábrica non puido evitar gardar un souvenir dela.

Mañá será outro día e porei algunha foto dalgúns compañeiros.

posted by acedre @ 8:04 PM 9 comments

Mércores 29 de marzo de 2006

Carpinteiros de Warrenton

Na foto están Lorenzo e Andy vestidos de paisano. Non me custa nada imaxinalos vestidos de indio e vaqueiro pero Andy sería un vaqueiro bó. Seino.

E na foto de abaixo está Francisco Javier ( o que me lembra a un dos de Camela ) e Lorenzo outra volta.

E co esta xente e outros máis paso a xornada de traballo que agora é máis longa porque hai máis horas de sol.

posted by acedre @ 7:40 PM 14 comments

Xoves 30 de marzo de 2006

Lotería

Hoxe foi o gran día. Este estado deixou de estar aillado. Os estados que o rodean xa teñen todos lotería: ese xogo do demo que desfai familias e fai que a xente gaste os cartos da comida no vicio, etc, etc.

Aquí non hai moitas novas falando de España e unha que mirei hai tempo falaba do Gordo de Nadal e na televisión puñan a nova coma se fose un costume bárbaro ou extraño e os presentadores rían cando miraban a xente descorchando champán na rúa.

Bueno, agora tócalles a eles que xa teñen lotería. E como son así xa hai camisetas e gorras apoiando a lotería.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:38 PM 8 comments

Venres 31 de marzo de 2006

Tudo bem

Tudo bem. No choio aparte de traballar aprendo palabras mexicanas e espanglesas. Eu tapo os buracos das caixas con ” bando ” que non é outra cousa que a pronuncia en inglés da marca da masilla. Tamén usamos ” tíner ” que é o disolvente ( vén de ” lacquer thiner ” ). Unha palabra curiosa que aprendín é ” diablo ” que non é o demo que imaxinamos todos. O tal ” diablo “ é un carriño de man para cargas. Busquei na interrede e topei o oficio de ” diablero “, aparte doutros curiosos como franelero, checador, bicitaxista, tamalera, bolero, cilindrero, etc. Xa sabes, se queres traballar en México aquí están estes oficios.

Polo resto ben. Hoxe foi día de cobro; danme un cheque cada semana e pagan ben que sae contabilizado o tempo todiño segundo ” se poncha ” ( fichar ou picar ) e dez minutos que se chega antes cada día e dez minutos que sae un máis tarde suman e logo son horas extras. E hoxe o xefe, Ted, ofrecíame unha bici para ir ao traballo que me mira andando para casa. E non sei, quizáis luns pídolle a tal bici.

Ana está ben, un pouco triste por despedirse de roupa que lle vai quedando xusta, pero ben.

O Toño estivo hoxe no zoo co futuro candidato dos republicanos para presidente dos EEUU que houbo unha operación dun gorila.

Cris como sempre e o Colín outro que tal baila: só pensa en comer e logo xogar.

E iso é todo. Ata mañá.

posted by acedre @ 8:17 PM 5 comments

 

 

Abril 2006

13 decembro 2007

Sábado 1 de abril de 2006

Osos e roupa

Hoxe fomos mirar osos tallados en madeira. O Toño quere levarlle un detalle á señora que lle deixa un cuarto de balde en Washington. Esta señora adoece polos animais e ten unha colección de figuras de osos así que se lles ocorreu a Cris e Toño mercarlle un osiño de madeira dun obradoiro de camiño a Raleigh e xa quedou encarregado.

Logo fomos xantar de suave ao Panera Bread e dalí fomos a un centro comercial que Ana quería mercar roupa. No centro comercial había organizada unha festa de presentación da ditosa lotería e había xogos, souvenirs e múica e cola de xente mercando a lotería. Tamén estaba unha xente que protexe cans do Labrador cunha cadela moi agarimosa.

Ana mercou roupa nunha tenda de maternidade e déronlle un paquete de agasallo cunha crema e unha especie de compresas para os peitos aparte dun feixe de folletos de propaganda. Aínda estivemos en más tendas e na librería Barnes&Noble e na festa.

E así foi este sábado e agora queda a noite cunha loucura de ruidos feitos por grilos e chicharras.

posted by acedre @ 6:18 PM 8 comments

Domingo 2 de abril de 2006

As rapazas e coches

Hoxe Ana foi montar no coche e equivocouse. Non foi tal pero o coche é bonito, eh ?. Quédalle ben a Ana, non ?.
Neste país o mundo dos automóbeis ferve: a xente reforma coches vellos e ata crea o seu coche particular como este da foto de abaixo con Cris o ano pasado.

A min os coches non me atraen moito pero hai que recoñecer as belezas cando se teñen diante.

posted by acedre @ 7:04 PM 11 comments

Luns 3 de abril de 2006

Tornados e sapos

Parece que foi o demo. Onte domingo fixo sol e calor ( así estaba Ana á beira daquel coche ) e hoxe houbo tornados, raios, lóstregos, vento forte e moita chuvia e saíron os sapos cando finou a chuvia. Para min que foi Kiko , o pseudosueco, que estaba abraiado da pouca roupa que levaba Ana e mandou a bruxa. O certo é que este temporal foi o resto do temporal que castigou o centro dos EEUU e matou a máis de 27 persoas. Eu estiven buscando algunha foto miña dun día de chuvia para colgar e só topei esta na Florida. Está visto que teño que facer fotos con mal tempo.

posted by acedre @ 7:56 PM 6 comments

 

Martes 4 de abril de 2006

Kasege, raíña dos Cri

Eran os últimos anos da década dos 70. O tempo das sestas adicábao eu e ler e debuxar. Robinson Crusoe foi un libro que me gustaba e líao e relíao. Tamén nesa época botaban na televisión o ” Planeta dos Simios “. Con detalles dun e detalles do outro acabei creando un planeta novo cos seus habitantes, razas, idiomas, etc. Como non podía ser doutra maneira eu mesmo en adulto era rei dunha terra. Ao meu irmán pequeno gustoulle o xogo e tamén el foi rei dun imperio mariñeiro. Miña irmá tamén quería entrar no asunto pero era mala idade para nós e non me chistaba moito a idea así que por facerlle un favor nomeeina raiña dos Cri: unha xente enorme e peluda coma ” bigfoot “ que vivía ciscada por unhas montañas altísimas. Contrariamente ao que eu coidaba, á miña irmá gustoulle e quería mirar a capital. Debuxeille un castelo con mala pinta rodeado dunhas poucas chouzas e díxenlle que ese era o seu reino. A ela non lle chistou moito así que fixen outro debuxo onde eu ía visitala e ela recibíame nas portas do castelo coa xunta dos anciáns Cri. O castelo era máis grande e a vila xa tiña casas de madeira e de pedra e a vila estaba viva e animada e no fundo víanse unhas montañas enormes pero fermosas. Desta volta miña irmá - Kasege nese mundo - xa quedou contenta.

E xa pasaron todos aqueles anos e a vida levounos por distintos camiños aos tres e agora xa teño unha moi boa relación coa miña irmá: unha moza que mañá día cinco cumpre trintaetantos anos e que foi e será a mellor raíña que poden ter os Cri ou calquera outra xente.

Por ti vai este posteo e de sobremesa xelado desta marca que sei que che vai gustar.

Un bico.

posted by acedre @ 7:22 PM 13 comments

Mércores 5 de abril de 2006

Neno ou nena ?

Por aquí todo segue o seu ritmo. No traballo ben anque Andy tivo un incendio na súa casa o sábado e ardeulle toda. Leva uns días sen vir que supoño que estará buscando outra casa para mudarse. Por sorte, a el e á familia non lle pasou nada.

As rapazas están ben e o Toño rematou en Washington e está na casa outra volta.

Ana está ben e sen molestias. O que fai moito é informarse aquí e acolá sobre o embarazo e os bebés. Leva uns días topando tests para facer en internet para predecir se vai ser neno ou nena segundo a experiencia de comadronas e neste test o resultado deulle un 65 % nena pero hai outros nos que o resultado varía. Ou sexa, que de momento pode ser de calquera sexo e non o sabemos aínda.

Logo está a custión do nome e temos alguns pensados pero agradeceriamos máis nomes. Quen sabe ?: quizáis o nome que digas nos gusta e collémolo.

E máis nada. Ata mañá, supoño.

O debuxo foi collido nesta páxina sobre crenzas encol do embarazo e dos bebés que está en Tagalo e inglés.

posted by acedre @ 7:46 PM 21 comments

Venres 7 de abril de 2006

Teles ” everywhere  “

Por aquí todo trascorre ao seu ritmo: a primavera avanza, a Ana médralle a panza e eu apenas teño folganza.

No choio todo ben e agora temos un axudante chamado Cirilo ( nome que non lle imos pór ao Acedriño ).

Despóis fomos á piscina do YMCA e alí estaban cunha tele coa película da foto que, por certo, nunca mirei.

Si: unha tele na piscina !. Explícome. Neste país gústanlle as teles moito; por suposto que as teñen nas casas e non só unha ou dúas senón ata catro ou cinco dependendo da xente que viva alí. Agora empeza a habelas nos coches para os asentos traseiros. Na sala de máquinas do ximnasio hai catro en ringleira con distitas canles. Está ben porque ves algo mentes pedaleas ou andas na cinta. Onde non me parece moi normal é que haxa unha tele no vestiario pero habela, haina. O colmo é que agora, por se fose pouco, hai venres que poñen vídeo infantil na piscina. Xa puxeron unha vez ” Finding Nemo “ ( non lembro o título en cristiano ) e non tivo éxito que viñeron tres nenos e a media película morrían de frío. Como non aprenderon desa repitiron a xogada e hoxe xa habería uns catro ou cinco nenos que non se podían contar ben que non paraban e non lle facían caso á tele.

E iso e todo. Mañá falarei de libros e armerías.

posted by acedre @ 8:06 PM 9 comments

Sábado 8 de abril de 2006

Libros na armería

Hoxe choveu e caíron tronos un par de horas pola mañá. Ana tivo un curso de aprendizaxe tactil e kinestésico organizado polo instituto e Cris, Toño e máis eu fomos á armería de Warrenton. Si; aquí toda vila que se prece ten unha armería que nestes momentos de paz relativa serve tanto para bailes como para actos sociais coma o de hoxe que era a venda de libros descatalogados da biblioteca de Warrenton. Eu non merquei nada pero Toño mercou tres libracos que trataban de animais. O mellor son os prezos: libros de tapa dura a 1 $, libros de tapa branda a 50 centavos, revistas a 10 centavos, etc. Non dirás que son caros os libros. Este vai ser un detalle que vou extrañar deste país.
Un saúdo e a ver que poño mañá.

posted by acedre @ 7:55 PM 8 comments

Domingo 9 de abril de 2006

Arsenais e armerías

Teño que pedir perdón por non explicarme ben. Cando falei da armería fixen unha tradución directa de ” armory ” que tanto pode ser armería como arsenal e supoño que neste caso sería máis ben arsenal ou almacén de armas e non armería coma tenda de armas. Perdón. En vilas un pouco xeitosas é típico que haxa unha armory que sería o almacén ou depósito de armas da poboación. O que non sei é contra que inimigos gardarían as armas. Supoño que sería no tempo da guerra fría e que xa viña de cando tiñan medo que os invadisen os xaponeses aínda antes no tempo.

Non sei. Nas fotos de hoxe xa poño a ” armory ” de Warrenton onde non hai rastro de armas ( noutras aínda hai canóns nas portas ) e unha real armería ou tenda de armas de Wilmington NC.

Por outra banda dicir que o día de hoxe foi fresquiño pero soleado e andei a facer fotos pola vila adiante.
Ana mirou a táboa chinesa para predecir o sexo do Acedriño, mandada por torredebabel e o resultado deu que é neno. Fixemos a proba con máis rapaces coñecidos e nuns atina e noutros non así que seguiremos coa dúbida.
E de extra deixo unha foto sepia de Ana diante dunha casa de Warrenton que non é nosa. Mágoa.

posted by acedre @ 5:11 PM 9 comments

Martes 11 de abril de 2006

Amnistía para ilegais

Nestes días Bush está a falar dunha especie de amnistía para os 12 millóns de ilegais que hai no país. Hai xente a favor e xente en contra. A maioría está a favor e en moitas cidades hai manifestacións apoiando a legalización de tanta xente que vén a este país a gañar a vida.
Na foto está Carlos, o meu mestre; Chucho, unha forma de dicir Xesús en mexicano, e a súa dona Jessica que pequecha como é fai uns traballos esmerados ao cen por cen. Non me extraña que esta xentiña fose capaz de facer obras tan ben rematadas.
A filla de Chucho e Jessica chegou haberá dúas semanas e tivo que pasar polas montañas e acabou queimada da neve. O pai foi buscala a Arizona a ela e a un curmán e tróuxoos para Norte Carolina ( como din os mexicanos ). Para estes que chegaron agora non vai haber amnistía. Eu só espero que a amnistía lles chegue a estas persoas da foto que só con miralos traballar ben que o merecen.

posted by acedre @ 7:30 PM 6 comments

Mércores 12 de abril de 2006

É un Acedriño !!!

Tiñamos pensado o nome de Lía ( un dos nomes favoritos tamén para *sara ) se fose unha nena pero resultou ser un neno. O neno está ben e normal e Ana tamén. Ana dicía que ía ser un neno que tiña soños premonitorios. A min dábame na espiña que ía ser unha nena pero está visto que pronosticar non é o meu. Agora esperemos que todo siga o seu ritmo normal.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:06 PM 26 comments

 

Xoves 13 de abril de 2006

Coello de Pascoa

Neste país non hai rosca do padriño nen cousa parecida. Aquí o que manda é o coello de Pascoa cos seus cestos de presentes a vender nos locais comerciais e os ovos de chocolate de diversas cores e tamaños. Como tamén fan negocio de todo por estes lares, no centro comercial podes pagar por facer unha foto do fillo sentado no colo do coello de Pascoa como imitación dos Reis Magos ou o Papá Noel.

O costume do coello é moi antigo e vén de Alemaña e é anterior á cristianización e ten que ver máis coa chegada da primavera e a procreación que con outro asunto. Aquí podes saber máis deste costume.

Esta fin de semana nós non imos participar na busca de ovos organizada en Warrenton (nin na que hai na Casa Branca).

 

Tampouco imos a un pow-wow dos indios da zona. Nós imos a Wilmington, á praia, ao sur. Cris e Toño tiran para o norte. Eles van ás fervenzas do Niágara como unha parelliña máis de rulas.

Ata domingo ou luns.

posted by acedre @ 7:15 PM 14 comments

Venres 14 de abril: chegada a Wilmington

O venres fixemos a viaxe a Wilmington que está a unhas tres horas de Warrenton.

Da viaxe non hai moito que relatar. Cando chegamos ao Motel 6 deixamos as cousas e a Colín que iamos á praia máis cercana. Na praia facía moito aire e había unha chea de xente. Logo tomamos un café no Port City Java que foi unha cadea que visitamos bastante esta fin de semana. Aquí dan bós cafés e boas lambonadas e hai internet gratis anque isto último non o aproveitamos.

Logo volvemos ao hotel e démoslle unha voltiña a Colin no Greenfield Park onde fixen esta foto espectacular de solpor no lago cun alcipreste careco que nace na auga e o seu ” spanish moss ” pendurando.

posted by acedre @ 7:15 PM 3 comments

Sábado 15 de abril: repetido co ano pasado

Si. Este dia fixemos case o mesmiño co ano pasado. Almorzamos no Ihop. Logo fomos a Fort Fisher e alí collemos o ferri para Southport. Esta localidade encántame pola tranquilidade e por ser tan bonita. É un sitio ideal para xubilarse. Ana sae diante dunha casa adornada para o Easter co seu coello de Pascoa e demáis trapalladas.

Este ano tamén había a festa da primavera coma o ano pasado e había tenderetes con artesanía, postos de comida e concursantes de prebe de chili. Todo igualiño ca o ano pasado. Aparcamos ao lado do Visitor Center onde hai un carballo duns oitocentos anos que semella na forma un cervo deitado. Está retorto a propósito que os indios tíñano como marca de zona pesqueira. Demos un paseo pola costa e estaban as marisquerías acuguladas de xente e nunha había moteiros coas Harley aparcadas na entrada. Tamén había un mariñeiro limpando peixe e botaba os restos aos pelicáns que había na auga e que pedían de comer dando voltas.

Cando pasaron as horas de calor voltamos á praia de Fort Fisher no ferri e fixemos unha rota nun parque natural dalí. Parque natural curioso e dividido en dúas partes por unha especie de autopista para todoterreos que os americanos non poden andar dous quilómetros pola area.

O Colín acabou derrengado e tamén se lle cravaban nas patas uns pinchos e tiven que levalo no colo.

Volvemos para o hotel e deixamos ao Colín e fomos cear. No centro de Wilmington estaban os restaurantes cheos e había que esperar para sentarse así que rematamos no Carrabba’s que é unha cadea de restaurantes italianos algo careiros pero de moi boa calidade.

posted by acedre @ 7:32 PM 0 comments

Domingo 16 de volta

Pola mañá almorzamos no Ihop e logo, como estaba anubado, decidimos ir a Airlie Gardens. Pensabamos que era pequeno pero aínda é ben grandeiro. Ten un lago partido en dous e varias rotas por xardíns de camelias, prantas carnívoras, rosaledas, azaleas, xardín das bolboretas (Ana sae retratada alí), pérgola italiana, xardín de North Carolina, un carballo inmenso de 400 anos, un xardín adicado a Minnie a señora que estivo na porta por moitos anos e fixéronlle unha especie de capela con botellas de cores como se ve na foto. etc.

Despóis decidimos ir a Fort Fisher a xantar e fixémolo de mala maneira que había un feixe de mosquitos rabiosos que non nos deixaron tranquilos. Saiu o sol con forza e non corría chisca de aire e non tiñamos sombrilla nin nada. Bañamos a Colín e logo bañámonos nós. Estivemos un tempo na entrada da praia que hai unha especie de mirador cuberto de madeira e alí foi onde mellor estivemos en todo o día. Logo apareceu un grupo escandaloso de hispanos (a praia estaba chea deles) e marchamos cara Warrenton. Paramos en Rolesville a saudar aos arxentinos e logo fomos para casa.

E así foi esta fin de semana en Wilmington e bisbarra. Foi case un calco do que fixemos o ano pasado pero con mellor tempo este ano.

posted by acedre @ 8:07 PM 8 comments

Martes 18 de abril de 2006

Explicacións

Por aquí segue todo con normalidade: Ana e o Acedriño están ben e de vacacións esta semana que non hai escola porque é o “spring break”, unha forma politicamente correcta de chamar á semana santa así como no Nadal hai o ” winter break “.

A primavera está no seu esplendor e camiño do choio eu paso por este xardín xapo-americano xeitoso. E falando de prantas o outro día houbo algúns blogueiros que me preguntaban polo “spanish moss”. Pois ben, a pranta non é un musgo anque pareza que o di o seu nome senón que e unha especie de fías da familia da piña que se penduran das árbores pero que non as matan que só as empregan de soporte.

O nome ten varias posibles orixes e a máis extendida é a lenda de Gorez Goz, un malandro español que quería beneficiarse unha indiña e foi atrás dela. A india agabeou unha árbore e o outro seguiuna. Ela baixou por unha póla e o español quedou enganchado das barbas e morreu e daí quedou o nome da pranta. Esta é a versión máis extendida.

Logo está unha versión máis bonita que di que un español estaba namorado dunha india e a familia dela non estaba conforme e ataron ao pretendente a unha árbore. Dixéronlle que o soltaban se renegaba do amor que tiña pola india e el dixo que non, que nunca a desprezaría. Ao cabo dun tempo acabou morrendo o español de barbas vermellas e como mostra do amor eterno cara a india as barbas foron pasando de árbore en árbore polos tempos e tempos ata hoxe.

Podes quedar coa versión que prefiras pero que saibas que esa pranta decora as árbores e serviu dende roupa para os indios, ata material para construir…pasando por recheo de asentos de coche !!!. Que o saibas. Máis información aquí en inglés, sorry.

posted by acedre @ 6:47 PM 8 comments

Mércores 19 de abril de 2006

Esta tele americana…

No ximnasio aproveitei para mirar a tele mentes facía bici. Non sei como andará na terriña a tele pero aquí dá pena a mala calidade que ten. Nas novas falaban dos prezos da gasolina que agora anda polos 2,93 $ o galón (case 4 litros) e hai tres anos podíase topar gasolina por 1,29 $ o galón. Tamén falaban de Iraq e do escándalo da violación dunha bailarina negra por parte de tres xogadores de Lacrosse da universidade de Duke.
Como detalle simpático deixo aquí un anuncio dunha das múltiples igrexas deste país e a foto dunha igrexa de Warrenton cun nome que me soa catalán.
Ata mañá.

posted by acedre @ 8:13 PM 12 comments

Xoves 20 de abril de 2006

Fervenzas do Niágara

Mentres nós fomos esta fin de semana pasada ao sur, á praia; Cris e Toño tiraron cara ao norte e ata saíron do país que estiveron pola fronteira canadiana.
Eles estiveron nas fervenzas do Niágara e no día foron no barquiño que se mete debaixo do cachón de auga. Dixéronnos que o ruido é intenso e forte e sempre hai un ou dous arcos de vella como se ve na foto de abaixo.
Na foto de arriba pode verse de noite o panorama. Eu non sabía que as tiñan iluminadas pero non se lle pode negar unha beleza grandísima como grandes que son elas.

posted by acedre @ 8:31 PM 8 comments

Venres 21 de abril de 2006

Suicidas e rañaceos

No posteo anterior había comentaristas que falaban dos rañaceos e de valados antisuicidas e unha combinación pode verse nesta foto do 2004. O Toño fíxonos a foto a Cris máis eu no Empire State Building en Nova York (Ana ten vértigo e non quixo subir). Detrás nosa está o valado que aínda segue un anaco para arriba e está dobrado cara ao edificio para evitar suicidios.

A xente gusta moito de suicidarse en sitios coñecidos como o Empire State, o Golden Gate de San Francisco ou mesmo a ponte de Rande ou a Internacional de Tui (construida polo francés Eiffel).

Hai dous tipos de persoa que se bota nas fervenzas do Niagara: os suicidas e a xente que quere ser famosa. Na fervenza do lado estadounidense non sobreviviu ninguén dos que se botaron por ela pero na canadiana en forma de ferradura sobreviviron alguns (hai museu, por suposto) e ata houbo un que se botou dúas veces e na segunda ocasión foi coa noiva !. Só houbo un home que sobreviviu sen levar nada de protección e tivo que pagar multa por gastos nos equipos de emerxencia !.

Un saúdo e desfruta da vida. Deixa que os tolos sexan os outros.

posted by acedre @ 8:58 PM 10 comments

Sábado 22 de abril de 2006

Día da Terra e aniversario de ” Eu e os EEUU “

Hoxe é o día da Terra e aquelas palabras do xefe indio Seatle ao daquela presidente dos EEUU seguen vixentes e nunha situación máis apurada aínda.
Tamén hoxe hai un ano que empecei co este blogo de maneira tatexante e toupeira. Menos mal que fun aprendendo un pouco, non ?.

Un saúdo de fin de semana.

posted by acedre @ 6:29 PM 16 comments

Domingo 23 de abril de 2006

Libros e vagalumes

Hoxe foi o día do libro alá por España. Nos EEUU non houbo esa celebración que non sei cando celebran. Na foto de arriba saen dúas caixas cheas de libros usados que alguén deixou para que a xente aproveitase nun mercadillo de maioría hispana e semelloume unha boa idea. Outra idea que me gustou foi a ideada polo Náufrago do concurso para escoller a verba galega máis bonita. A palabra vagalume saiu gañadora e hai que recoñecerlle a beleza anque non se lle pode negar a beleza ás outras palabras concursantes. E o que lle comentei eu: nos concursos de misses só gaña unha pero non se lle pode negar o mérito ás outras.

Eu téñolle moito cariño aos libros e na foto de abaixo poño o último libro que me agasallou miña moza polo meu aniversario…e non teño máis remedio que querela, nonsí ?.

posted by acedre @ 7:45 PM 5 comments

Luns 24 de abril de 2006

Aletazos de bolboreta

Ana empeza a sentir os movementos do Acedriño. Ela di que son suaves coma o roce dunha bolboreta.

Ana consulta moitas páxinas na rede adiante e máis ou menos coinciden en dicir que a partir da semana 18 empezan a sentirse os estrabuxos da criatura.

Se fosemos norteamericanos ao mellor mercabamos o aparato para oír os latexos do neno e poder gravalos…pero non nos dá por aí.

A ver mañá que novidades hai.

posted by acedre @ 8:20 PM 8 comments

Martes 25 de abril de 2006

Relixión rockeira

Coma sempre, perdo as boas festas e non vou ir a esta na igrexa EN LUME; nome ben rockeiro para un santuario. Quen sabe que relixión será esta e se está incluida nos mapas topados por Nemeth sobre as relixións nos EEUU. Iso si, aparte das misas sempre se pode ir de excursión cos rapaces no bus mentes dan charlas aleccionadoras.

E agora vou desconectar que vai vir unha treboada eléctrica de mil pares.

Mañá a ver que poño.

posted by acedre @ 6:50 PM 9 comments

Mércores 26 de abril de 2006

Lenda de Popocatepetl

A semana pasada fomos cear ao restaurante mexicano “El río” en Norlina que está perto e cómese ben. Os restaurantes mexicanos acostuman a estar pintados e adornados con cores vivas. Outro costume que teñen é o de pintar murais con motivos indíxenas ou do campo mexicano. Neste de Norlina hai un mural onde se ve unha muller morta e un indio velándoa. Cris díxome que hai unha lenda ao respecto e informeime. Resulta que había unha princesa azteca chamada Iztaccihuatl que estaba namorada dun guerreiro chamado Popocatepetl pero o pai dela non estaba conforme co este amor así que mandou ao guerreiro a unha guerra. A princesa agardou por el pero chegoulle a nova de que morrera no combate e ela rematou morrendo de tristura. Cando Popocatepetl regresou topou a sua namorada morta así que a levou fóra da cidade, fixo unha fogueira e quedou velándoa ata que tamén el morreu. Os deuses compadecéronse dos amantes e cubríironnos de neve e trasformáronos en montañas. Na actualidade pódese ver unha montaña coa silueta dunha muller deitada chamada Iztaccihuatl (muller branca) velada polo volcán Popocatepetl.

Aquí podes ver esta lenda e cadros relativos a ela.

Mañá supoño que xa non choverá.

posted by acedre @ 7:15 PM 13 comments

Xoves 27 de abril de 2006

Morojo

Houbo blogueiros que se queixaron pero ninguén é perfecto e os académicos da RAE non son unha excepción e se intentan meter no dicionario unha palabra galega 100% que máis falla de profisionalidade poden ter ?.
Proba a consultar a palabra “morojo“.

posted by acedre @ 8:40 PM 9 comments   

 

Terra de indios

Non podo negar que me gusta o mundo dos indios. Será un resto da infancia ou a influencia mediática pero teño aprezo aos indios e a todo relacionado co eles. Na foto do ano pasado estou cunha india monacan no Natural Bridge en Virxinia.

Irei contando cousas do libro que me mercou Ana que non ten desperdicio. E aquí deixo un vídeo gravado o ano pasado dun powwow dos Haliwa-Saponi, os indios deste condado. No vídeo entran os indios a bailar cos seus traxes rechamantes.

Mañá os a