Xuño 2005
Mércores 1 de xuño de 2005
Doazóns e visitas a casas
Ooooola de novo. Empezo co parte meteorolóxico dicindo que chuvisca e arrefriou un chisco.
En Revlon estiven con Susan pondo as chapiñas para crema na 2805, a liña de Wexley.
O choio foi monótono e Susan non estivo moi faladora. Ela practicou español e eu aprendín algo máis de chinés e indonesio pero a maioría das cousas fóronse co vento. Mañá terei que levar un papel e un boli para apuntar esas cousas.
Máis tarde empezaron a colectar cartos para dous compañeiros que están enfermos. Un é Chad que e alto e enxuto e de pelo colorado e ten leucemia. Non sei o grave que estará pero necesita cartos. A outra enferma é Cinthia, unha negra cuns ollos grandísimos e saltóns. Non sei que problema ten coa diabete pero está no hospital. Aquí parece que a sanidade cubre o noventa por cento dos gastos médicos pero o dez por cento restante é unha cifra bastante elevada que afunde os aforros que non son moitos que a xente vive ao día neste país.
Neste país hai miles de maneiras de recoller cartos para o que non paga o Estado e a xente está acostumada a doar. Hai carreiras nas que pagas por participar a unha asociación, logo venden camisetas, pulseiras, viseiras e todo o que se poida imaxinar. O bó desas doazóns é que desgravan en Facenda.
Á tarde fun buscar a Ana e resulta que ten unha compañeira filipina que se muda e deixa a casa que ten alugada en Warrenton. E alá fomos os catro a mirar a casa que queremos mudarnos para a volta do verán.
A casa é xeitosa e grandeira con tres habitacións no segundo andar e un salón inmenso na planta baixa, un comedor e unha cociña amoblada e un cuarto para a lavadora e secadora. Ten dous baños: un arriba e outro abaixo. Fora ten un garaxe novo do trinque con capacidade para dous coches.
En fin, todo ben; pero o malo é a calefacción que na planta baixa é a gas e na alta eléctrica. O gas esta carísimo e sairía moi caro manter a casa tépeda. E este foi o motivo de rexeitala. De tódalas maneiras, dixémoslles aos arxentinos que a casa esa estaba libre e van vela mañá.
Logo Cris e Toño falaron dunha casa que toparan no periódico da zona e fomos Ana máis eu a mirala. Ana quedou namorada da casa e só a miramos por fóra que o home que a aluga non podía atendernos hoxe. A casa é máis moderna que a da filipina pero máis pequena. Pero o mellor é o sitio onde se topa: xusto á beira do lago Kerr. Un sitio apartado e tranquilo cunha casa co seu xardín e só outras tres casas perto.
Fixemos unhas fotos para ensinarlles a casa a Cris e Toño e quedaron convencidos. Mañá Cris e Toño van vela co home e a ver en que queda a cousa. Despóis de vela van falar con Ana e xa logo liscan para Elizabeth City para despedirse de Gabi que volve para Costa Rica, o país da ” Pura vida ” que parece un paraíso e teño gañas de visitar. Só hai que pensar que teñen abolido o exército !. Xa pode ser ben un paraíso !. Dalí, Cris e Toño van a Atlantic City que ten Toño un curso e dalí a Washington para coller o avión para a costa oeste.
E iso é todo de momento. Non puxen as fotos da casa que aínda está a cousa no aire e non vaia ser cousa do demo que se atrapalle todo e quede a cousa en nada.
posted by acedre @ 7:11 PM 0 comments ![]()
![]()
Non é un termómetro. É a cantidade de dólares doados contra o cancro en Warrenton. Detrás está a biblioteca
Xoves 2 de xuño de 2005
Minutemen
Hoxe chuviscou todo o día.
En Revlon foi todo ben e fixemos máis de 18000 unidades na liña 2805 e vannos dar un vale para o comedor.
Pola mañá, na radio, sorprendéronme dúas novas. Unha de que prenderon lume a tres cruces diante dunha casa de negros estilo kukluxklan. Non sei onde foi pero paréceme totalmente fóra de lugar.
A outra nova é que van pór en funcionamento tres avionetas de axuda aos inmigrantes mexicanos que cruzan o deserto en Arizona. Dende estas avionetas van lanzar auga e instruccións de axuda para os inmigrantes. Todo este dispositivo está subvencionado por doazóns.
Esta organización ” Paisanos al rescate “ naceu en contraposta dunha que é a do Proxecto Minuteman que son rancheiros americanos que patrullan Arizona na caza de ilegais. Esta asociación ten o beneplácito do Governeitor Swarzenegger e xa houbo casos de agresións aos inmigrantes con escopetas de pelotas de goma e paus. Esta asociación di que non fan dano aos ilegais, que só axudan aos patrulleiros da fronteira; pero van coas armas no cinto estilo Farwest. Nada, que son uns malnacidos e férveme o sangue a xente así.
Cambiando de tema: Cris e Toño foron mirar a casa e resulta que é outra distinta da que miramos onte e alá foron as nosas ilusións. Logo marcharon eles e xa non os volvemos mirar ata que cheguen á terriña.
Ana máis eu fomos con Gustavo e o Pichu a mirar a casa da filipina por se lles interesa a eles e despóis fomos á piscina. Logo ao Wal*Mart e para casa. Ana fixo unhas tortillas que mañá hai un picnic dos profesores. E iso é todo o de hoxe.
posted by acedre @ 8:40 PM 0 comments
Venres 3 de xuño de 2005
Elexía a Pearline
Hoxe o día estivo chuviñento e tristón como escenificando a traxedia.
Estaba eu traballando todo normal na liña 2805 cando Charles, o operator en prácticas, parou a cinta. Susan, a indonesia, saltou a ver porque parabamos. Oimos berros e sentimos movementos da xente da liña e fomos cara alá. As mulleres estaban alteradas, chorando, acenando e ningunha a traballar. Preguntamos e dixéronnos que Pearline acababa de morrer. Eu non o tiña claro. Morréralle unha irmá unhas semanas atrás pero ela… Estivera onte traballando na liña na etiquetadora e estaba sá coma unha mazá e andaba a xogar con Wexley e Tim e ameazándoos co puño con eses acenos machorros que ten ela…
Pois si, chamou á mañá dicindo que non viña traballar que lle doía a cabeza. Supoño que lle daría un derrame ou algo así.
O caso é que quedamos desfeitos e derrotados. A señora da gadaña volveu aparecer por onde menos se pensaba e nese momento lembrei aos meus mortos coñecidos e non puiden evitar un arrepío e a rabia esa de non poder facer nada ante esas desaparicións tan sorpresivas e inxustas na maioría dos casos. Supoño que a todo o mundo lle pasa iso. Non sei.
Logo apareceu por alí Denis Clayborne, o responsable da área, e díxonos que fosemos toda a área á sala de xuntas. Alí falaron el e dous máis. Eloxiaron a Pearline que ten ben merecido os eloxios porque era puntual, traballadora e gustáballe a xogueta. A xente toda ou choraba ou tiña os ollos a punto de estoupar porque a reunión foi moi emotiva cos sentimentos a flor de pel. Preguntaron se alguén quería falar de Pearline pero todos tiñan un nó na gorxa e só falou un para eloxiala e lembrar o leda que era. Despóis houbo uns minutos de oración e todos pecharon os ollos e besbillaron as súas preces. E ao rematar dixeron que se alguén quería marchar para casa que o fixese sen problema ningún. Todos calaron e só Rosi, a arxentina, foi para casa que a pobre estaba desfeita.
E o resto da xente seguimos adiante, primeiro todos calados e logo empezando a lembrar os bos momentos con Pearline que inevitablemente todos tivemos.
A min quédame a súa imaxe rindo ou perseguindo a Wexley co puño ameazador e a lembranza de que me chamaba Pidro co seu acento tan pechado.
Non cheguei a coñecela moito pero si dabondo para que a súa morte se me clavase como unha espiña máis nesta vida de rosas e espiñas que a todos nos toca vivir.
posted by acedre @ 7:14 PM 0 comments
Sábado 4 de xuño de 2005
Sábado interneteiro
O día está gris e quente.
Estivemos toda a mañá na casa, esperando a chamada da filipina para axudala na mudanza pero non chamou.
Eu adiqueime a errar pola Interrede e topei de todo. Dende xogos coma o Sudoku ata camisolas con mensaxes aquí e acolá pasando por lendas urbanas en inglés. Tamén actualicei as ligazóns con outros blogs…e así pasou a metade do día.
A foto vén a conto para dicir o bó que é manexar linguas e a mescolanza que vai haber no futuro ( falo de 100 ou 200 anos para adiante ).
Tiña pensado facer fotos de ” yard sales “, a típica venda da borralla que acumula a xente na casa e que a pon a vender na porta da casa. Co conto da mudanza quedei sen facer as fotos e xa quedarán para un futuro esperemos que non lonxano.
Agora iremos a un Target e contra a noitiña convidaremos aos arxentinos a pizza.
Mañá veremos o que hai.
Living a vida loca: englagueñol, o idioma do futuro
posted by acedre @ 11:00 AM 0 comments
Domingo 5 de xuño de 2005
Domingo de bichorno
Pois si, hoxe fixo unha calor abafante ata que choveu un chisco á tarde.
A mañá adiqueina a navegar e topei unha páxina de mariscos, outra de receitas dunha rapaza e outra con receitas máis enxebres.
Lembrei que nesta época empezan os curros na terriña e iso levoume a un caso curioso aquí en North Carolina. Resulta que hai uns séculos un barco español naufragou nesta costa brava. O barco levaba cabalos e quedaron ceibos nunha illa ata o día de hoxe. Resistiron fame e temporais ( algún morreu co furacán Isabel o ano pasado ) e aí están. Non son moitos e hai unha asociación que vela por eles.
Pola tarde fomos á piscina e Adán contoume que afogou un competidor do triatlón do lago Kerr. Díxome que se chamaba Wayne e pola descripción parece ser o tal que me convidou a navegar no seu veleiro. Eu espero que non sexa el porque senón vou pensar que son un gafe.
E iso é todo por hoxe. Mañá haberá máis.
Adan, alias Shin Chan, e Ana na piscina
posted by acedre @ 4:00 PM 0 comments
Luns 6 de xuño de 2005
Celebracións raras americanas
Hoxe si que fixo calor.
No choio todo ben anque hoxe traballei que me tocou encher caixas de champús. Ana practicamente rematou de arrombar todo na aula e encher formularios. Cris e Toño chamaron de Washington que ían coller o avión para San Francisco e preguntaron se topamos outra casa pero ou non contestan nos teléfonos ou non nos gusta a casa e quedaremos aquí de momento.
Agora é noite e andan os lucecús a centos. Onte tiven un na miña palma. Poderanse meter nun bote para alumar as noites negras ?. Téñoo visto nalgún conto e nalgunha película pero non sei se será factible.
E fozando por aí topei celebracións curiosas americanas como o día da sogra, o día do xefe, o día da secretaria e outros especiais coma o día da marmota que coincide coa nosa Candeloria no dous de febreiro e o día da Kwanza, unha celebración afroamericana no Nadal.
Mañá conto algo máis dende o outro ordenador que Ana ten que entregar este na Oficina Central. Mecachis na mar!.
posted by acedre @ 8:01 PM 1 comments
Martes 7 de xuño de 2005
Vagón Museu de Norlina
Cambio de ordenador
Hai treboada e aviso de inundacións en condados sureños.
Ao saír do choio fun ao YMCA. Cando levaba un chisco a nadar Adan ” Shin Chan ” mandounos fóra á xente da piscina que había treboada e féchana porque din que atrae os raios. Quedei con Ana no veterinario e fixen tempo nunha gasolineira. É curioso, proiben fumar nunha chea de sitios e logo nas gasolineiras están todos co pito na boca. Tamén entran na tenda e sempre hai reunións. Segundo parece, as gasolineiras foron dos primeiros lugares onde podían entrar os negros pola porta dianteira e así quedou coma lugar conquistado por eles.
Bueno, ao que ía, levamos ao Colín para a revisión para o viaxe a casa e Ana foi para o ximnasio e eu vin para casa…e aquí estou.
Vou ver se subo unha foto que fixemos o sábado buscando casas por aí adiante.
A foto é diante do Museu do Ferrocarril en Norlina, aquí no condado. A estación morreu hai ben anos por culpa ou gracias á mellora do transporte por estrada.
Logo escribo máis.
posted by acedre @ 3:25 PM 0 comments
Pifias variadas ( agora que vén a Selectividade )
Agora é noite e cantan os grilos, as ras e as carricantas.
O día estivo quente e ameazaba treboada pero quedou en nada. Menos mal, porque a de onte foi esaxerada.
Hai tempo comentei que ía falar de pifias dos alumnos de Ana pero non pode ser porque Ana xa non ten os exercicios eses. Lembro algúns graciosos que eran de relacións familiares e, por exemplo, preguntaba que era a irmá da túa nai para ti e respondían: o meu avó; e así moitas máis. Outra vez mandou dibuxar un mapa do mundo e non sabían. Debuxaban os EEUU de mala maneira, México debaixo e sabíase que era porque puñan o nome, logo unha illa enorme que era Puerto Rico e o resto das illas que son máis grandes desaparecían por arte de maxia. A pregunta de cal era a capital dos EEUU dicían Raleigh ou Nova York ou San Francisco ( menos mal que non punhan Warrenton )…O que xa era un misterio era o resto do mundo que debuxaban un borranchón e alá metían o resto do mundo…E non é de extrañar porque non estudian xeografia.
Nas matemáticas non andan moi espabilados que para dividir 500 entre 10 teñen que usar a calculadora.
E así podería encher libros de exemplos.
Todo égracias a Bush e a súa política ” Not child left behind “( Ningún neno deixado atrás ), que consiste en baixar o nivel de tal maneira que con escribir ben o teu nome e pouco máis xa aprobas.
Aquí deixo ligazóns a pifias que topei de Euskalherría, Andalucia e Brasil para disfrute xeral.
A foto que puxen é do Colín. Encántalle menealo ata rebentalo e despóis ponse a rillar os restos. Démosllo despóis de metelo na gaiola que o estamos acostumando para a volta a casa e hoxe ceou dentro da gaiola para que a asocie con algo bo.
E isto é todo por hoxe.
posted by acedre @ 7:21 PM 2 comments ![]()
![]()
O Colín xogando cun globo-luva
posted by acedre @ 7:20 PM 1 comments
Xoves 9 de xuño de 2005
Preparación de maletas
Hoxe tamén fixo calor e logo choveu un chisco. Menos mal que non houbo treboada e puidemos nadar na piscina. Por certo, estiven cun Wayne ( noutro posteo chamáballe Gwen polo parecido de pronuncia ) e díxome que o que morreu no lago Kerr no triatlón era o outro Wayne que eu sospeitaba. É unha mágoa. Era un home moi aberto e sempre ledo e moi querido no hospital de Henderson onde traballaba. Tamén estaba en forma pero deulle un ataque ao corazón e alí quedou. Non tivo solución a pesares da rapidez de auxilio.
No choio ben. Primeiro estiven con Susan e cando rematamos alí, mandáronnos a outras liñas e tocoume pegarlle etiquetas a man nuns frasquiños e alí rematei a xeira de traballo. Ana tivo un curso no que aprendeu cousas para clase e quedou toda contente.
Pola tarde fomos á piscina e agora estamos na casa preparando algo das maletas como meter libros mercados de segunda man no Salvation Army e no campus de Henderson que os vendían a vinte morriñosos centavos. Mágoa de que pesan un quintal que se non, enchía máis as maletas. Tamén metemos roupa que xa non imos usar e algúns detalles para a nosa xente.
O viaxe é longo: catro avións e saímos ás cinco da tarde aquí de Raleigh o domingo 12 e chegamos ( se non hai novidade e que o demo sexa xordo ) o LUNS 13 ÁS NOVE DA NOITIÑA A VIGO no vó Iberia de Madrid IB 580. Así que xa sabedes: traede as pancartas e os foguetes para recibirnos, ha, ha.
Mañá vou levar a cámara a Revlon e, anque non podo facer fotos dentro, a ver se as fago fóra.
E iso é todo por hoxe.
Ata mañá.
Vista de dúas das catro maletas de volta para casiña.
posted by acedre @ 7:08 PM 0 comments
Venres 10 de xuño de 2005
Último día en Revlon
Hoxe foi o último día en Revlon. Foi a mala sorte que me tocou traballar noutra área que non é a miña. Despedinme da xente como puiden, aproveitando os descansos e a hora do xantar que non coincidían. Dei apertas e choquei mans. Desexáronme boa viaxe e boa estadía e preguntáronme cando voltaba. Pedíronme regalos en broma e así foi a mañá. Fixen moi poucas fotos que non deixan entrar cámaras e así que tiven que facelas na porta a correr.
Fixo sol e houbo chuvascos esparexidos, todo bo para o tabaco que xa levanta un palmo; o feo que xa ten un corenta centímetros e servirá para manter o gando no inverno. O millo vai medrando tamén, así como a soia e os legumes das poucas hortas que hai aquí e acolá.
Ana tivo un curso de Power Point que aproveitou e prestoulle.
Pola tarde fomos ao YMCA; eu a nadar e Ana ás maquinas. Volvemos, ceamos e estivemos mirando a pelicula Ray de Ray Charles que collemos na biblioteca e sae gratis.
E así foi este venres.
Mañá é outro día.
Emma e Sandra, dúas compañeiras de Revlon.
posted by acedre @ 9:36 PM 0 comments
Domingo 12 de xuño de 2005
Despedida ata a próxima
Hoxe é o último día. É domingo con néboa borrallenta e escribo antes de recoller o portátil.
Só dicir que esta experiencia foi bonita e fixen amistades na rede. Gracias aos que escribiron comentarios e aos que me enlazaron nos seus blogs. Tamén gracias aos que perderon tempo lendo estas notas que espero que lles aproveitara para algo.
Volvemos para Galicia e vai ser difícil escribir no blog, así que non prometo nada. A mediados de agosto vimos de volta a Warrenton NC e procurarei coller o ritmo do blog.
Só me queda despedirme dos blogueiros e saudar a familia e amigos que vou visitar.
E aproveito para mandar unha ligazón a unha nota do 18 de maio contra o racismo baseada nun caso real e que é ben simpática.
Tamén mando unha ligazón a caricaturas de Castelao.
E iso é todo. Ata un futuro que espero non lonxano. Saúde e sorte.
posted by acedre @ 5:09 AM 3 comments ![]()
![]()
Último día en Warrenton ( que non derradeiro )
posted by acedre @ 5:08 AM 1 comments
Viaxe ata a terriña
| Ola, aquí estou nun cíber do Porriño.O Porriño está cambiado. Aquí e alá medran edificios sen orde nin concerto.
Vou contar un pouco da viaxe. De Raleigh a New York foi ben. Contar que os baños están automatizados cen por cen e sae auga da billa sen tocala, xabón de mans e o papel de secar as mans. Só hai que pór debaixo e a maquiniña cuspe o papel necesario. As medidas de seguridade non deixan pasar nin chisqueiros nin mistos no avión e hai que facer as colas de sempre, descalzándose e pondo todo nas bandeixas. Pasas polo arco e recolles todo noutro lado. En New York había un novato facturando e o Colín foi de gratis. Foron cartiños que aforramos que non contabamos co eles. O Colín estaba dopado no aeroporto e era a admiración dos traballadores do mostrador. O avión saiu un pouco tarde pero non importaba moito. Chegamos a London ben. O de Heathrow é un aeroporto todo enmoquetado e non podes saír dalí que tés portas de cristal vixiadas . Sentinme coma nunha cárcere. O avión a Madrid foi ben. En Madrid faltounos unha maleta. Durmimos por aí tirados. E o noso avión a Vigo saiu tarde. Tivemos un bo final de viaxe que fomos en primeira e probei xamón despóis de tanto tempo, logo durmín con sono atrasado. Chegamos a Vigo pero faltaba o Colín. Ana pasouno mal esperando polo raio do can mentres eu saín e saudei á miña familia e á de Ana que estaban todos ben e pouco cambiados. Bueno, meu pai afeitou o bigote. E o Colín apareceu no seguinte avión e tivemos sorte. Pois así foi a viaxe. A ver se outro día conto cousas que nos pasen e subo fotos. Chau. |
posted by acedre @ 4:01 AM 0 comments
Luns de resaca de eleccións. Non hai moita novidade.
O PP baixou e o BNG tamén. O BNG baixaría polo efecto Beiras e a enleada que trouxo con el.
O PSOE arrapañou os votos dos descontentos do PP e dos do BNG xa que o PSOE é o caixón de xastre dos indecisos, dos que non están situados, aparte dos afiliados conscientes… que non quero que ninguén me confunda.
E iso é o que teño que contar das eleccións das que non me sorprenderon os resultados.
posted by acedre @ 2:49 AM 0 comments
Semaniña de adaptación
Luns 13 foi a chegada e pouco se pode engadir. A cea foi na casa dos meus pais cos meus sogros, miña irmá e o meu cuñado.
Martes 14 durmimos coma campións ata a unha da tarde. Foi o sono atrasado e a existencia das persianas: unha cousa que non coñecen os americanos ( anglosaxóns en xeral ) e permite unha escuridade total no cuarto de durmir.
Despóis xantamos cos meus sogros e fomos visitar á miña cuñada, David e María. O David está coma sempre, bueno, anda fanadiño e progresa co seu acento vigués que foi unha cousa que notamos moito: os acentos. En canto a María…¿ que dicir ?. Pois que está feita un fervellico que non ten paraxe e leva a voz cantante na casa. Está alta e delgada e moi guapa.
Démoslles uns presentiños dos EEUU e moito riron co show do Colín e o globo.
Marchamos antes de cear e ceamos na Casa da Arenca en Torneiros do Porriño. Ceamos a fartar e non foi caro. Pedimos un revolto con cogomelos e gambas e unhas patacas bravas que non son tan ” picosas ” coma as mexicanas. O peor foi o pan que ben que o cobraron e estaba reseso. O Colín andou detrás dunha cadela todo histérico que levaba tempo sen cheirar unha. Isto vaille ben que así adelgaza un pouco.
E así foi o martes.
posted by acedre @ 2:56 AM 0 comments
Semaniña de adaptación 2
O mércores 15 foi día de meneos daquí palá.
Á mañá fomos á Caixa de Aforros a que nos desen poucos euros polos dólares. Tamén buscamos un adaptador para un enchufe americano e fomos a un cíber. Mercamos golosinas para Colín e fomos ó Lidl. Agora non cobran polas bulsas plásticas e teñen o aparcamento privado e non me extraña tal como está o Porriño patas arriba coas obras e estradas pechadas.
A tarde e o serán adicámolos a limpar e ordear a casa. Pensabamos que non funcionaba o quentador de auga de butano e resulta que tiña a chave de paso fechada. Hai que ver que pequeno parece todo, máis ben baixo: os mobles de cociña, os do baño, etc.
Outra diferencia grande é a luz que hai aquí que todo é máis claro e brillante. E o sabor das cousas é especial e iso que aínda non comemos moitas cousas da casa. A froita aquí é máis barata e máis saborosa e o leite e as latas de conserva que alá case non existen e así moitas cousas.
Á noite ceamos cos meus pais e miña irmá e Nando e ceamos peixe, claro. Levo unha semana enteira comendo productos mariños a fartar.
posted by acedre @ 3:11 AM 0 comments
Xoves en Patos
Xoves dedicámolo á praia.
Aquí as praias son pequenas e con rochas e algas. O aparcamento acostuma ser gratuito e o acceso é caótico polos camiños que hai e as casas e chilotes que hai aquí e alá.
Dá gusto aparcar a trinta metros da area gratis. Tamén é unha gozada tomar algo cunhas vistas maravillosas da ría e das Cíes.
E así disfrutamos da praia.
posted by acedre @ 3:28 AM 0 comments
Venres 17 de xuño de 2005
Visitamos a Puri, Manolo e Eviña en Vigo despóis de ir á praia de Patos onde nos proibiron levar ó Colín.
Tamén fomos ó ximnasio Corpore a visitar ós coñecidos.
posted by acedre @ 4:19 AM 0 comments
Sábado 18 de xuño: rape da Lisi.
Miña irmá deixounos o seu C2 e fomos á Rochiña en Pías. Fomos rapar á Lisi que tiña unha lá coma unha ovella e deu muito choio. Despóis refrescámonos na pisciniña que teñen meus pais alí montada.
Apareceu a Garda Civil que lle entrou un caquiño de pouca monta a meus pais. O caquiño este lévalles latas de conserva, botallas de viño ou Coca-Cola ou o que tope pero que non estea encertado… por se os viruses, supoño.
A Garda Civil fixo as anotacións correspondentes e marcharon.
Teño fotos de todo pero non podo subilas aquí. Mágoa.
posted by acedre @ 4:30 AM 0 comments
Domingo 19 de xuño de 2005: en Tulla, Bueu.
O domingo fixo bo tempo. Non fomos a misa que había que votar, ha, ha.
O que máis me gusta das eleccións é mirar xente que hai tempo que non miro e comentar as voltas que dá a vida.
Logo marchamos a Tulla. Aparcamos na praia de Mourisca e fomos polo monte á praia de Tulla que é onde acostumamos ir os domingos porque as outras praias están acuguladas de xente.
Fixo moita calor pero a auga cortaba e pouco nos bañamos. Eu acabei de ler ” Ícaro ” de Vázquez Figueroa que vai da vida do piloto que descubriu o Salto de Ángel en Venezuela: a caída de auga máis alta do mundo. E, por certo, Venezuela vén de Venecia pequena que o descubridor español que visitou o lago Maracaibo por primeira vez mirou poboados de palafitos e recordoulle a Venecia.
Fomos cear á Cepa en Bueu que xa non ten tan bos prezos nin tanta cantidade.
Na tele andaban cos recontos de votos que non foron sorpresa para min.
posted by acedre @ 4:36 AM 0 comments
Luns 20 de xuño de 2005
Luns en Arbo
Do domingo esquecín comentar que xantamos bocatas do Umia en Marín. Eu luras e Ana pulpo. Estes bocatas son unha marabilla de sabor e de prezo. Recomendo a calquera que colla bocadillos no Bar Umia xusto na fronte da porta da Escola Militar de Marín.
A mañá do luns adiqueina a Internet na biblio. Ana foi á pelu coa nai.
Á tarde fomos a Arbo a visitar os avós de Ana. Ceamos sardiñas á sombra do canastro que quere tirar a miña sogra. O canastro é de tixolos e cemento e quere facer un de pedra portuguesa na horta así que non me dá mágoa a perda deste canastro de materiais modernos. Fixemos fotos por alí da horta para mostrar nos EEUU.
A avoa Celia explicoume como fai coas pitas que llas trae o piteiro e custan 4,75 eiros ( como di ela ). Despóis engórdaas na hortiña para que dean ovos e carne.
posted by acedre @ 4:46 AM 4 comments
Martes 21. Aproveitamos que facía calor e collemos os bártulos para ir de acampada.
Chamamos por teléfono e decidimos ir ó camping Espiño en San Vicente do Mar.
Chegamos sen problemas a esa parte de Galicia que eu aínda non coñecía e gustounos.
Despóis de montar a tenda fomos á praia xusto en frente do camping que é a praia Seixeliños; praia típica en forma de cuncha con algas e rochas e unha auga que corta. Había unha cadela e Colín xa se enamorou e tivemos que atalo todo o día.
Mércores 22. Fomos ata o porto de Pedras Negras e topamos un paseo de madeira dende a praia da Barrosa pasando por unha zona militar ( onde acaba o paseo e aparece un camiño de pescadores entre as rochas) e vai dar á praia de Aguieira.
Estivemos cunha parella inglesa que flipaban cun esquío enriba dunha rocha na beira do mar.
Voltamos á praia da Buraca da Londra e facía unha calor infernal. Xantamos pouco e caro nun chiringo da praia Farruco e fomos ó Grove que na praia morría un mesmo debaixo da sombrilla.
Xa empezaba o serán cando volvemos á praia Seixeliños ata que marchou o sol.
Xoves 23. Á mañá seguimos facendo a rota onde a deixamos o día anterior. Xa o día estaba bo para andar que estaba anubado. Fomos dende a praia Castiñeira, que é nudista, ata as casas de Coupríns. Logo fomos xantar ó Grove e xa foi máis barato e de máis calidade no bar Barrantes.
Tomamos café no bar Corgo onde hai apegado un restaurante cunha grella en forma de hórreo que lle fixen unha foto pero que non podo subir aquí na biblio.
Á tarde fomos á praia Buraca da Londra pero estivo ben fresca a tarde que non nos bañamos e aproveitei para ler bastante da ” Balada del abuelo Palancas “ de Félix Grande que escribe prosa moi poética e rebuscada.
Á noite buscamos fogueiras de San Xoán pero só topamos unha fogueira de veciños perto da praia Barrosa. A Ana entroulle a cobiza e fixemos no camping unha fogueiriña con dúas piñas ben achantada que está proibido facer fogueiras no camping.
Seica en Mos e outros sitios foi unha noite vandálica con queima de contedores de vasura e outros estragos ( en Mondariz tiraron pedras dunha ponte antiga ).
Cando eu era máis novo iamos roubar carros e cancelas de casas que antes era na noite de San Pedro pero que pasou á de San Xoán pola proximidade de datas.
Os costumes cambian segundo parece.
Venres 24. Tocou recollida que xa non facía tempo de praia. Despedímonos do camping tipo familiar con percebeiros e percebeiras que veñen almorzar antes de buscar os catro quilos permitidos pola Xunta.
Fomos ata a praia de Carreiro que ten unha escola de mergullo e uns restos arqueolóxicos dun cemiterio romano bastante tardío.
Seguimos por esas praias solitarias ata a lagoa A Bodeira que é pouco máis que unha charca. Collín caramuxos para cear e metinos nunha botella plástica de auga. Fixen fotos dun esquío que tiña a catro pasos de min que non fuxía. Logo si e púxose a tremer entre unhas rochas mentres me miraba de esguello e deixeino por mágoa.
Fomos xantar á illa de Arousa e fomos pola vía de alta velocidade e agora xa é outra cousa iso comparado con antes e as caravanas de coches que se facían.
Paramos na oficina de información turística e recomendaron o porto de Xufre para tapear. Xantamos pulpo e empanada deliciosos no bar Risón a uns prezos bos e calidade excelente e trato amable e rápido. Non sei os outros bares da zona pero supoño que serán unha cousa parecida.
Eu chámolle illa dos Dioses á illa de Arousa pola cantidade de xente apelidada Dios e polas rapazas que son ben xeitosas. Os homes xa son un chisco brutáns levando motores de barca ó lombo. Esta illa é mítica para min porque estivo illada ata ben pouco e sempre foron moi independentes e mesmo nunha república ( I ou II non sei ), o concello declarouse independente para protestar polo desleixo do goberno co eles e duraron independentes uns días ata que desembarcou unha dotación militar e fusilou os concellais e o alcalde .
Logo fomos ata o faro andando para facer a dixestión e Colín asustouse cunhas avestruces que hai alí nunha finca á beira do faro e logo á praia de Area da Secada que se conserva case virxe con só un chiringo e un paseo de madeira que vai ata o centro de estudios acuícolas que hai nunhas rochas.
Retirámonos cando facía fresco na praia e volvemos para o Porriño.
posted by acedre @ 3:23 AM 0 comments
Sábado 25
Á mañá fomos a Vigo de compras. Ana foi a C&A para mercarlle algo á nai e eu fun a La Casa del Libro para mercarlle algo ó meu pai. Ana mercoume o libro de Anxos Sumai e estame gustando.
Xantamos no Gambrinus na praza Elíptica ( mágoa de que fechase o Open Kebab o ano pasado ) e logo fomos pasear polas praias onda o Museo do Mar.
Ás oito fomos a Ponteareas a visitar o meu irmán, Rocío e o Ficiño que está feito un fervellico.
posted by acedre @ 4:09 AM 0 comments
Domingo 26. Celebración de cumpreanos.
A avoa Celia cumpriu 80 anos estes días e a súa filla ( a miña sogra ) 40 anos, segundo dixo Davidiño.
Houbo comida a fartar: lamprea, pulpo, pescada, carne e unha torta de sobremesa.
Máis tarde fomos ós muiños da Rocha andando. Levan cinco anos restaurados e xa andan medios abandoados coas portas abertas e as moegas tiradas e todo ciscado. E por fóra estan as varandas a caír e cheo de broza que semella unha selva. A ver se o coidan máis que van ter que volver re-restaurar todo como siga así. Fixen fotos pola zona pero xa sabedes que non podo subilas. A ver se imos un día a Ponteareas e collemos Internet de balde que a hai inalámbrica nesa vila.
posted by acedre @ 4:14 AM 0 comments
Semana de San Pedro
Do luns 27 dicir que fun a Matutano a visitar os antigos compañeiros de traballo e están máis ou menos igual: estresados e nunca contentos coas vendas. Ana aproveitou para ir ó Alcampo e mercar pinturas e máis cousas. Á noitiña fomos ó ximnasio e estivemos con Chelo e a xente do ximnasio: Toni, Manuel, Enrique, Carlos e Marita.
Martes 28: choveu todo o día. Fomos cambiar a pintura e logo fomos ó Verbum, en Vigo; que había unha exposición de edicións do Quixote con traduccións en ruso, chinés, latín e outras máis ” normaliñas “. Tamén había posters de películas e emitían películas sen descanso. Outra cousa que había eran cadros e esculturas e o que me gustou foi o cadro de Urbano Lugrís. Non había xente e iso que é de balde. Esas cousas sempre me abraian, aquí a xente non ten preocupación pola cultura nin gratis. Que se lle vai facer…
Logo volvemos a casa e estivemos pintando o saído da cociña e entroume unha farangulla de Nanas nun ollo que só se me ocorre a min lixar o teito con Nanas. Ana sacouma e quedei co ollo resentido uns días.
Mércores de San Pedro: fomos xantar cos meus pais , meus irmáns e o meu cuñado Nando.
Houbo langostinos cocidos e á prancha, unha ensalada de peixe sapo que estaba boa e pescada rebozada e bistés empanados. Houbo torta de sobremesa e champán e todo. Marchamos pronto que fomos a Vigo. Fomos coa miña cuñada Marga a levar a David a un cumpreanos que agora fannos en ludotecas …¡ manda carallo !. Logo fomos cheirar escaparates e tendas chinesas de roupa. Máis tarde levou Marga a María á ludoteca esa e nós marchamos. Fomos a La Casa del Libro a trocar o do meu pai e logo para casiña.
Á noite chamou a miña prima Bea de Menorca e ó mediodía chamara a miña tía Mª José de Fuerteventura.
Xoves 30.
A mañá fomos cambiar o pantalón pirata que me agasallara miña irmá por un bañador. Fomos polo veterinario que o Colín segue mal dos bechiños .







