Xullo 2005
Venres 1. Hoxe chegarán Cris e Toño.
Chau, non teño máis tempo.
Sábado 2 de xullo: o noso gozo nun pozo
Esta fin de semana intentamos ir á illa de San Simón que había barco gratis pero o sábado chegamos ás once da mañá e había moita xente. Pasamos por Marín, mercamos bocatas no Umia ( sígoo recomendando ) e fomos á praia de Tulla que este ano ten máis xente que antes pero polo menos podemos ter a Colín na praia conosco.
Á noite do sábado estivemos con Sonia, Sergio, Puri e Manolo e ceamos en Vigo na dos Pepes. Estivo ben a cea e estivemos falando de moitas cousas. Logo fomos tomar algo pola zona e miramos a xuventude que viña de volta ou das festas de Coia ou da actuación en Castrelos que tocaban Hombres G e El Canto del Loco.
Domingo 3 de xullo: camiñata polo Cabo Udra
Esquecín comentar que o sábado estivemos cos pais de Cris e Cris e Toño chegaron, tarde e sen maletas, pero chegaron.
O domingo intentamos ir á illa de San Simón outra vez e pensabamos que a hora de xantar sería boa hora que habería menos xente, pero estabamos errados. Chegamos pouco antes da unha e facía vento e o día estaba anubado pero xa había xente para o barco das catro da tarde así que pegamos media volta. Xa quedará para outra ocasión.
Na cola estaba Beli, unha amiga de Ana que non recoñecín cando me dixo que me tirara unha foto porque levaba gafas de sol. Logo xa lle tirei a foto con Ana e a illa favorita de Ana de fondo.
Fomos á praia Tulla e xantamos os bocatas do Umia ( non nos damos aburrido deles ). Bañámonos e todo que a auga estaba boa anque o mar andaba revolto polo aire. Máis tarde decidimos seguir unha rota sendeirista que pasa pola praia Mourisca e alá fomos Ana, o Colín e máis eu. A rota pasa pola praia do Lago e na praia Area de Bon pegamos media volta. Ao primeiro, a rota vai polo monte con vistas marabillosas das illas Ons e a ría de Aldán pero logo métese por estradiñas inzadas de chilotes e con tráfico e xa perde a naturalidade.
Logo marchamos para casa e paramos en Marín a tomar un café para que Colín descansase un pouco das curvas que acaban co el.
Ana e Beli coa illa de San Simón de fondo
Luns 4 de xullo de descuberta
Hoxe fomos Ana máis eu ao Alcampo e topámonos coa miña irmá e Nando na cola do restaurante Flunch. Logo apareceu Pecas, un amigo deles e, non sei como, díxonos que se estabamos perto da biblioteca do Porriño poderiamos conectarnos co noso portátil… e aquí estou !. Por fin podo subir fotos e ter un chisco máis de liberdade.
E máis nada por hoxe, imos cear con Nando e Nena hoxe e maña toca embotellar en Arbo.
Cea en Tui
Á noite fomos cear Ana máis eu con Nando e miña irmá. Leváronnos a un sitio precioso saíndo de Tui dirección A Guarda. A casa é de pedra construida con bo gusto. Por fóra semella unha igrexa ou algo semellante. Non levabamos a cámara e foi mágoa porque ben merecía un par de fotos. Dentro do comedor había mesas de madeira cuns asentos que o meu cuñado deixou que puxasemos e case non podiamos co eles que eran de madeira maciza. Polas paredes, aparte doutras cousas, había pendurados xugos de carros portugueses que a dona do sitio é portuguesa.
A cea estivo ben e os prezos chéganlle ben…pero bueno. A señora tivo o erro de empezar a recoller a prata de peixes cando eu aínda non rematara coas navallas. Pediu perdón pero quedou toda cortada.
Martes 5 de xullo: embotellar
Non tódolos días son festa e tocounos axudar a embotellar.
Fomos para Arbo de mañá e botamos un par de horas pola mañá e tres horas pola tarde para embotellar unhas 1700 botellas. A maioría é viño Condado para venderen meus sogros no bar e o resto era treixadura.
Pasámolo ben que miña sogra fala moito e o día foi redondo: non escachamos nin a primeira botella !.
Houbo empanada de almorzo regada co ese viño recén ” munxido ” e iso non ten prezo.
Ana, miña sogra Marga e o avó Ricardo en plena faena.
Mércores 6 de xullo: xuntanza con Cris e Toño
Pois si. Viñeron xantar Cris e Toño á nosa casa. O Colín flipou e menos mal que case non ten rabo que se chega a telo caille dos meneos ao mirar de volta a Cris e Toño.
Na sobremesa estivemos falando da súa estadía polo canón do Colorado, Yosemite, Zion, San Francisco, etc, etc. Eles si que tiñan material para encher catro blogues a un tempo !!.
Despóis decidimos facer unha rota pequena pola zona: faltaría máis ! e fomos facer o percorrido Eifonso entre Bembrive e o parque forestal de Beade en Vigo.
A rota era doada ( iso dicía o folleto ), pero róncalle o c……!. Foron catro quilómetros de pura ascensión; primeiro seguindo o río Eifonso con sitios ben xeitosos e logo de chegar á capela de San Cibrán o camiño encóstase e non é nada doado nin recomendable para levar unha familia ou iniciarse no sendeirismo como di o folleto.
Na zona máis pina pasamos polos restos dunhas casas que era o poboado de Ben Vivere ( dai vén o nome de Bembrive ) que fan un conxunto arqueolóxico bonito cos carballos que o tupen.
Chegamos ao parque de Beade, tomamos algo e baixamos e a baixada xa foi doada.
Logo voltamos para o Porriño e Cris e Toño foron para Marín.
Fervenzas da Ferrolana no percorrido Eifonso
Xoves 7 de xullo de 2005
Cangas e Peinador
Decidimos cambiar de praia e tiramos para o concello de Cangas. En Cangas fixemos unha parada discrecional e enteirámonos dos atentados en Londres. Quen sabe se os extremistas farían atentados nas outras cidades aspirantes para os xogos olímpicos !. Que nada, que as cousas seguen retorcidas e ninguén está seguro en ningures…
Ao que ía, fomos polo concello de Cangas e pasamos Hío co seu cruceiro arrincado dun penedo dunha soa peza…Eses si que eran canteiros e non eu coa rebarbadora e demáis apoios modernos !!.
Metémonos por eses camiños do demo e fomos dar á praia de Area Brava. Deixamos o coche nunha finca onde nos cobraron dous euros por deixalo alí pero polo menos estaba á sombra.
Había aire que foi a máis e acabou botándonos dalí a media tarde pero aínda tivemos tempo a bañarnos que a auga está ben boa cando está picada. Máis tarde apareceron uns rapaces que estaban a facer unha cabana de canas e eu axudei a arrincar unha media morta e corteime nun dedo. Fun onda os socorristas e atendéronme nun caseto que teñen para iso con biblioteca e internet. Era o primeiro día e non estaba en funcionamento nada e eu encertei as tiritas e todo. Alí ao lado había unha furgoneta de aluguer para acampar con enderezo web e todo.
E coma o vento ía a máis marchamos a Hío onde había unha caseta de turismo. Entramos e preguntamos por rotas e tamén pedimos folletos e pósters para levarmos aos EEUU. Faláronnos dunha rota por Aldán que temos que facer un día pero non ese día que non tiñamos calzado apropiado. Así que decidimos buscar un camiño para a praia Lagoelas dende Menduiña.
Aparcamos na capela de San Amaro que é un bo edificio nunha carballeira co seu encanto. Logo empezamos a andar por aqueles eucaliptais buscando o camiño pero o único que logramos foi suar e que Ana rompese a sandalia número equis das nosas aventuras.
Fomos para a praia de Menduiña a refrescarnos e o Colín levou un susto dun can que se lle botou enriba. Eu deille un couce ben atinado ao can ese e a cousa rematou sen máis problemas.
Puidemos refrescarnos onde unhas rochas e dalí a pouco apareceron un feixe de rapaces dende os dez anos aos quince ou así e dous deles botáronse dende un penedo que impuña pola altura. Marchamos dalí que a Ana non lle gusta ver esas cousas.
E á noite chegaron os meus primos de Canarias e fomos recibilos a Peinador. Elena, Javi e Uxía chegaron ben anque un pouco asustados.
Sábado 9 de xullo en praia Patos
Ana ten familia no Brasil e estaban en Arbo. Chamáronnos para irmos á praia todos xuntos e fomos co eles a Patos, pero á zona do mogollón. Cleia ou Clea ficou alucinada coa tranquilidade da praia que alá no Brasil teñen medo nas praias pola xente. Claro, esta familia non é de pobres precisamente. E a Clea aprendeu que as toallas chámanse toallas en español tamén que ela dicía toajas.
Á noite ceamos na Casa do Penedo en Mosende. Aquí a cociñeira é suiza e ten un San Bernardo e todo coma Heidi. Non fai comida de fartar pero o sitio é tranquilo e bonito e a dona vai preguntando polas mesas que tal está todo.
Domingo 10 en Tulla ( por variar )
Si. Fomos a Tulla e apareceron Cris e Toño con Manuel e Isa, unha parella de veterinarios que teñen unha casa no Irixo, Ourense.
O día pasou con boas charlas e Ana bañándose cada pouco, para admiración dos ourensáns que a auga non estaba precisamente quente.
Á noite fomos onda os pais de Cris que a nai fixera unha tarta de mazá desas de premio.
E así foi o domingo.
Chegada á casa dos pais de Cris
Luns de San Benito
Ana máis eu fomos xantar a Arbo que era San Benito ( igual que no Porriño ).
En Arbo estaban os brasileiros: Clea, Eduardo, Mariluci, Mónica, Filipe e Alicia. Tamén estaba a tía Carme de Bande e, por suposto, Celia e Ricardo.
Xantamos coma se tivesemos fame e logo houbo sesta a presión pola calor abafante.
Á noite fomos con Nando e Nena, San e Pecas e os primos canarios ás atracións da festa no Porriño. A pequena meteuse nas gaiolas con bolas de cores e alí saltou e chimpou ata romper a saia. Javi foi no simulador e despóis saltou enganchado a unhas cordas elásticas nunha cama tamén elástica. Elena non subiu a ningunha atración que lle fan mal.
San Benito en Arbo
Martes 12 de xullo: zoo de Vigo e viaxe á Mariña luguesa
Á mañá fomos cos primos canarios á Madroa. Facía moita calor e os animais buscaban a sombra. O zoo ten zonas en obras e parece que non están moi a gusto os animais.
Logo fomos xantar ao Compton ( barato e a fartar, e servicio e calidade das primeiriñas. Xúrovolo de corazón e non teño nada que ver co dono ).
Logo enchemos o Panda e tiramos para Barreiros, na costa luguesa. Tivemos que parar en San Lázaro, saíndo de Santiago que o Colín abafaba no coche da calor dese día. Logo xa refrescou e baixando a Mondoñedo xa é outra cousa. Miramos o cartel do camping a Gaivota e alá fomos. Gustounos e quedamos sen preguntar prezo nin nada.

Burro a raias e admiradores
Mércores 13 de xullo: o gran paseo
Decidimos ir andando dende o camping A Gaivota ata a praia das Catedrais.
A costa é preciosa e ten un paseo de madeira abeirándoa na maioría do treito. Hai zonas que vas pola estradiña. E así fomos dende a praia de Benquerencia ata a praia dos Castros, despóis da das Illas, do Esteiro e a das Catedrais.
Fixo calor abondo e acabamos case rebentados. Ao final foron oito quilómetros de ida e outros tantos de volta sen sombra e mollando ao Colín de cando en vez e furtivamente porque non deixaban cans en toda a zona.
Cando chegamos á praia das Catedrais aínda a marea estaba alta así que fixemos tempo andando ata a dos Castros, paramos a xantar nun chiringo na praia de Esteiro e logo volvemos á praia das Catedrais. Primeiro baixou Ana e non topou nada. Logo eu e outro tanto do mesmo. Pregunteille a un artista que pintaba cristaliños coas figuras rochosas e xa me explicou onde era. Fun alá coa cámara e a pouco máis e afógoa. Fixen fotos a correr e volvín para que Ana as mirase pero xa non lle deu tempo que a auga cubría. O vendedor dos cristais variaba os prezos coa marea: se a marea era baixa subía o prezo e se a marea era alta baixaba o prezo.
Á tarde, despóis de tanto andar fomos en coche polo arredor e miramos os hórreos de Viladaíde que aquí chaman cabozos.
Arcos das Catedrais
Xoves 14
Amenceu anubado e decidimos seguir a rota que nos quedaba dende Rinlo a Ribadeo.
Fomos a Rinlo e visitamos o resto dunha cetárea que semellaba unha piscina para xente. Rinlo é pequeno e está metido nunha cala rochosa. Antes tiña moita xente adicada á pesca pero no portiño non apreciamos actividade ningunha.
De Rinlo sae un paseo que non ten faroliñas xa que o vandalismo acabou co elas. Hai veces que non merecemos nada, non si ?. Outra cousa que observamos é a cantidade de burros fariñotes que hai e a cantidade de rapaces que falan francés.
Recollemos o Panda e levounos á illa Pancha na boca da ría de Ribadeo. Dende alí había un paseo ata Ribadeo pero decidimos facelo en coche parando nos lugares máis característicos coma o forte de San Adrián que estaba pechado coma o faro; e o Cargadeiro cunha pasarela con vistas á ponte dos Santos. Deixamos o coche alí aparcado e fomos pola ponte dos Santos ata Asturias e había alí un posto de información turística onde recollemos folletos e un póster. Volvemos para a ribeira galega e aparcamos o coche en Ribadeo. O Colín estaba canso e quedou no coche mentres nós fomos xantar. Non topamos moito sitio onde xantar e acabamos en La Lira onde xantamos máis ou menos e caro e máis tarde topamos o Centro Social detrás do Concello que tiñan menú do día e boas vistas. É o malo de non coñecer !!.
Estivemos na Alameda facendo tempo mentres non abría a oficina de información turística e miramos a Torre dos Moreno que é máis grande do que eu pensaba e que está bastante descoidada. Tamén fixemos fotos coa figura do Marqués de Sargadelos baixando as escaleiras do concello.
Na oficina atendeunos unha rapaza moi amable comparada coa señora vella que atendeu a outros turistas antes ca nós. Tiñan alí aparcadas as doce bicicletas de aluguer para turistas que empezaba ese servizo ese mesmo día. E coa información que nos proveeron fomos por esas rúas de Ribadeo adiante, facendo fotos de casas de indianos antes de que constrúan enriba delas que a construción anda a cen alá. Chegamos á estación do FEVE e pegamos media volta. Merquei unha pegata de Galicia para o coche americano.
Logo saímos co coche cara Asturias e estivemos de paso por Figueiras e Castropol e rematamos en Tapia de Casariego onde seguen coa teima de proibir pasear cans polos paseos e tivemos que marchar dalí porque tamén había moita xente co gallo das festas do Carme. Estivemos a buscar empanadillas para o Colín e ao final tivemos que mercarlle unha empanadilla de pizza !!!!! en Ribadeo.
Volvemos para o camping e demos un paseo pola praia mentres caía o sol.
Solpor na praia de Benquerencia
Venres 15 de xullo: de volta a casa
Barca de pedra na finca Galea

Pola mañá non prometía o día polo tempo que facía así que recollemos, pagamos e tiramos para Alfoz para visitar a finca Galea. A finca Galea é un museu aberto adicado á auga e o seu aproveitamento. Por dous euros pódese visitar o xardín e estanque recuperado a unha canteira. O percorrido está salpicado de estatuas, árbores e mecanismos hidráulicos saídos da imaxinación do dono.
Tamén ten casa rural e un pequeno museu da casa galega con lareira, muiños e un folón ou muiño de batán que fai un estrondo de medo. E o que máis me gustou foi a barca de pedra que fixo o dono escarbando un bloque de granito.
Despóis dalí fomos á torre de Castro de Ouro que ten boas vistas sobre o val do río Ouro.
Chegou a hora de xantar e fomos a Mondoñedo onde xantamos no centro social á sombra que saíra o sol con moita forza. Dalí fomos en coche ata o salto do Coro que ten o último tramo empinado.
Como había tempo, decidimos ir á praia das Catedrais que Ana aínda non mirara as formacións rochosas e en media hora puxémonos alí. Aparcamos debaixo duns piñeiros para deixar a Colín e fomos apurando alí. Ana quedou encantada e penso que é o sitio ideal para pedir a man a unha rapaza e, se non quere, déixase alí, ha, ha.
Despóis xa tiramos para casa cunha paradiña na do Rei das Tartas e a súa mostra de fotos xa históricas con personalidades máis que nada televisivas.
E así rematou a acampada en Barreiros con boas praias, boas paisaxes, un cámping pequeno e acolledor e con todo en galego e un tempo que facilitou todo.
Sábado 16 de xullo en Cangas
Aquí estamos Cris, María ( con David engadido ), Toño, Colín, eu, Ana e Mon. Estamos no paseo de Cangas e detrás entraban os barcos celebrando o Carme.
Ese sábado estivemos xuntos despóis de case un ano e relatamos as novidades nos esteits e en Madrid. E rematamos ceando no Gatañal que ten boas vistas da ría e unhas pizzas moi boas.
Domingo 17 de xullo: tranquilo
Pasamos a noite no piso de Cris en Marín. Almorzamos e fomos mercar un bocata ao Umia e despóis tiramos para a praia de Tulla. O tempo foi empeorando e foi marcharmos e empezar a chuviscar. Logo paramos nos postos de venda de Marín e aínda paramos na feira do libro de Pontevedra onde Ana mercou ” El zorro ” de Isabel Allende, que tiña gañas del e despóis para casa e xa non estaba a garda civil nos pasos elevados da autopista coma o sábado pola visita do príncipe a Marín.
Luns 18 de xullo de 2005
Talasoterapia !
Vida de señoritos
O luns 18 transcorría normal cando chamou Marga, a irmá de Ana; que nos convidaba ao Talaso Atlántico en Oia. Resulta que mercaron uns bonos que sae o baño de auga mariña a presión por uns nove euros e podes ir os días de semana…así que alá fomos. Só é necesario gorro e bañador que alí dan chancas, albornoz e toalla. Vas ao vestiario, deixas as cousas nunha taquilla que funciona cun euro que devolven e xa podes entrar na piscina cos seus diferentes chorros, duchas e tamén hai unha corrente que te leva se fas o morto.
Ou sexa, pasámolo ben e iso que só foi unha hora.
Logo tomamos algo mentres merendaban María e David na cafetería que é bastante careira e marchamos para casa.
Despóis de cear tomamos un café Ana máis eu con Nando e Nena no Meigas.
Martes e mércores.
Martes 19.
Tocou lavar botellas en Arbo para o viño.
Mércores 20.
Fomos á praia de Patos á parte menos “ popular ” onde a auga está chea de algas e a area é máis gorda. Outro defecto que ten esa zona son as moscas que veñen atraídas polas algas mortas.
Fomos cear a Pias e levamos unha tortilla e unha torta de galletas. Lonxe, no monte, había un incendio e semellaba un volcán polo fume que botaba. Os meus primos canarios miraron por vez primeira morcegos ao natural. Outros animaliños que non teñen visto en Fuerteventura son os grilos e ata as abellas son novidade para eles.
Xoves 21: camiñada polos muiños do Rosal
O xoves 21 decidimos ir andar polos muiños do Rosal a media tarde.
Son uns catro quilómetros, a metade subindo e a outra metade de baixada. Deixamos o Panda no muiño de información e, despóis de coller folletos, empezamos a andar.
A subida foi cansa pola calor e o desnivel pero é unha rota ben bonita e ándase polos grupos de muiños do Folón que din que son 36 pero eu non os contei. Ao primeiro, ándase por un bosque de eucaliptos, logo chégase a un muiño privado ben coidado e cun xardín bonito nunha zona umbría. Súbese un pouco atravesando un regato e máis arriba xa están os grupos de muiños famosos nunha valgada case sen árbores. Por unha chan arborada unha vez que se alcanza o cume, vaise llaneando un chisco e logo toca baixar abeirando os muiños do Picón ata chegar á Casa da Pintora, unha casa de tapas cun xardín ben coidado que está aberto ao público. A mágoa foi de que non estivese aberto o restaurante para refrescarnos un pouco.
Logo volvemos para o coche e tiramos a Vigo para visitar a Marga, Toni, David e María.
Ana e os muiños do Folón
Venres 22 de xullo: cea de balde.
O venres foi tranquilo. Pola mañá Ana foi á perruquería e eu levei ao meu sogro Moncho a Tui, ao taller, que tiña que cambiarlle o aceite ao Peugeot 306 para levalo nós a Madrid o sábado.
Á tarde deixamos ao Colín cos meus pais e collemos un colchón extra para Cris e Toño.
Logo pola noite fomos cear con Toni, Marga, David e María. Fomos á praza Elíptica e miramos un sitio novo aberto que se chama ” Firs: comidas del mundo ” e decidimos cear alí. E resulta que ese día inauguraban e todo era gratis, só había dúas opcións de comida pero de balde. Así que ceamos alí anque David quería hamburguesa e o pai mercoulla no Mac Donalds do lado e Ana tivo que coller un bocata no Pans & Company que todo o do Firs levaba carne.
Despóis da cea fomos recoller a Cris e Toño e tiramos para casiña.
Sábado 23 de xullo: viaxe a Madrid.
Erguémonos a iso das oito e ás nove e media xa estabamos en rota. Enchemos o depósito na Caniza, tomamos un café na Gudiña e xantamos uns bocatas en Tordesillas, nun bar que ten pósters de Cangas e o Morrazo.
En Galicia estaba algo anubado e no resto xa fixo calor ata chegar ao inferno de Madrid. Supoño que moitos de vós xa fixestes este camiño en coche pero a min non deixa de gustarme pola variedade que hai. O camiño ten poboacións bonitas e de exemplo está Puebla de Sanabria e hai outras máis pero normalmente non se pode parar en todas.
Outra cousa que me fascina son as diferentes contrucións coma as adegas por terras zamoranas que parecen casas de Teletubbies ou de indios dalgunhas zonas dos EEUU. Tamén teñen o seu aquel os castelos coma o de Arévalo, os pombeiros e ruinas curiosas espalladas aquí e alá.
E logo están as paisaxes que cambian a medida que se avance: primeiro os montes queimados ou non das provincias de Pontevedra e Ourense cos virandelos nos altos aproveitando o vento para facer electricidade e darlle uns cartiños ás comunidades de montes. Logo veñen os bosques baixos de pino manso e xestas por Zamora . E daí pasamos ás terras chaá con campos de trigo recollido, millo regado por esas regadeiras inmensas con rodas, “virasoles” seguindo o percurso do sol e videiras a rentes do chan por Valladolid. E rematamos cos penedos ciscados pola provincia de Segovia subindo a serra que a separa de Madrid.
En cuestión de animais estan as cigoñas nos campanarios das vilas castelás ou nas torretas da luz en Benavente ( Buena tierra, mala gente- di o refrán ) e os miñatos e aguias surcando o ceo na busca de comida…
E conducindo e admirando o camiño chegamos a Carabanchel. María e Mon mostráronnos o seu piso e fomos ao centro comercial Parquesur e Maria e Mon mercáronlle a Ana “ La sombra del viento ” e a Cris o último de Harry Potter.
Logo fomos cear a unha trattoria en Aluches e para cama a sufrir coa calor.
Vista nocturna dende a casa de María e Mon
Domingo 24 de xullo: andanzas por Madrid adiante.
O domingo collemos o metro en Oporto e fomos ao Rastro. Había unha chea de cousas e un torrente de persoas. Xantamos en Tirso de Molina ben e nada caro. Logo fomos camiñando ata o parque del Retiro e pasamos pola praza de Santa Ana, polo edificio do Congreso, os hoteis Palace e Ritz, a fonte de Neptuno e o museo do Prado. No Retiro estivemos á sombra e Ana púxose a facer Pilates comigo e Mon. Logo pasamos polo estanque e Ana escapou dun mimo que só quería posar con ela para unha foto. Pasamos polo palacio de cristal e tomamos algo nunha terraza ao lado dun sitio onde había libros para levar para casa diso de bookcrossing. María estaba cansa coa calor e o embarazo así que collemos o metro de volta e tomamos algo perto de onde vivían antes. Dalí fomos para casa cansos de tanto camiñar.
Na praza do Cascorro
Día de Santiago en Madrid.
O día de Santiago tomámolo con máis calma. Fomos á piscina da urbanización antes de xantar. Xantamos pulpo, tortilla, croquetas e ensalada. Logo montamos un tendal deses que se recollen no teito e volvemos para a piscina ata as nove que é a hora de peche.
Fomos cear a unha terraza de Carabanchel e para casa que había que madrugar no día seguinte.
Vista diaria dende o piso
Martes 26 de xullo: volta á terra
Tocou volta no día de Santa Ana.
María e Mon voltaron para a rotina do traballo e nos tiramos para casa de volta.
O día xa estaba máis anubado e foi refrescando a medida que chegabamos a Galicia.
Tomamos un café en Benavente, xantamos no Padornelo e tomamos outro café na Gudiña e saiunos ben que deixaron algo sen cobrar nos sitios. E xa non fixemos máis paradas ata O Porriño. Descargamos, saudamos á nai de Ana e levamos a Cris e Toño a Marín. Na casa dos pais de Cris démoslle unha lavadela ao Peugeot e Ana máis eu marchamos. Paramos un chisco no Carrefour e logo fomos cara Vigo. Fomos ao Firs que Ana tiña cobiza de falafel pero non tiñan e tivo que se conformar cunha pita de vexetais. Tomamos o café no Jamaica e para casa. Buscamos ao Colín que estivo triste e apenas comeu mentres estivemos en Madrid.
Mércores e xoves sen novidades
Non houbo moitas novidades. O tempo refrescou e chegou a chover. O xoves fomos con Marga e os nenos ata Montero Ríos que Marga ía a unha revisión. Tomamos algo nunha terraza e as pombas atacan os restos das mesas. Xantamos na casa de Marga e á tarde chovía así que cada quen foi á súa casa.
Venres 29 de xullo: cea cos amigos.
Á noite ceamos con Puri, Manolo, Sonia e Sergio no Compton. Logo tomamos unhas copas polo Porriño adiante. No Parque do Cristo estaba a tocar un grupo folk e tomamos cafés e cervexas no Art&Drinks e no The Classic ( isto xa parece un país anglosaxón ).
Cea no Compton
Sábado 30 de xullo: máis ceas
Fomos xantar a Pías cos meus pais, Nena, Nando e a familia de Canarias. Puidemos probar os alcoholímetros que están a instalar miña irmá e o meu cuñado por pubs e discos e pasámolo ben soplando.
Nando e meu pai cun alcoholímetro
Á noite fomos cear Ana máis eu con Paco, Eva, Xesús e Uxía na Gulpilleira. Logo estivemos de cháchara e mirando vídeos deles e fotos nosas ata as tantas.
Paco, Uxía, Eva e Xesús co seu polegar tipo americano
Domingo 31 de xullo: de espera polos aventureiros
O domingo fomos xantar a Arbo. Fomos Ana máis eu, os meus sogros, Toni, Marga, os nenos, os pais de Toni e os avó de Ana, por suposto.
O xantar foi a fartar que miña sogra debe de ter medo que pasemos fame e houbo langostinos, pulpo, croquetas, lamprea seca, pólo, carne e pasteis e dúas tortas…unha fartura.
Logo chegou Alejandro ( un cuñado de Toni ) e fomos despedilos aos dous que se montaron nunha piragua en Barcela, Arbo ( onde saen os de rafting de Arrepións ). Alá os deixamos e quedamos dúas horas máis tarde en Caldelas de Tui. Fomos ata alí a esperalos e non aparecían. Cando xa eran dúas horas e media chamaron que estaban chegando a Salvaterra que foramos alá a buscalos. Pasaron moitas peripecias: romperon un remo, cairon dúas veces na auga e acabaron desfeitos polo esforzo. Cando ían por Setados preguntáronlle a un que onde estaban e o outro díxolles: ” Setados” e o Toni e o Alejandro non sabían e dixeron: ” Non, sentados xa estamos pero queremos saber onde estamos “.
Esperando polos aventureiros en Caldelas de Miño

















