Marzo 2006

Mércores 1 de marzo de 2006

Rico, rico

Estes días tanto falades de filloas que acabo agoándoas. Gustaríame comer filloas pero dándolles o toque norteamericano cun chisco de xarope de arce como o que leva o carro do debuxo. Un debuxo moi bó por certo. Saqueino dunhas infusións que mercamos da marca ” Celestial Seasonings ” que teñen debuxos moi bos nos envases e só co iso dá gañas de mercalos. Busquei na interrede e teñen unha presada de artistas que podedes consultar nesta ligazón.

Neste país hai envasado de case todo e nos estantes dos supermercados hai unha explosión de cores e formas de productos que queren vender polo ollo. Xa sabes que aquí venden de todo ou polos menos inténtano. Esta arte de vender poderiámola aprender nós para darlle saída ao queixo en lata que seica é un invento galego segundo di Colineta. Dende logo se o envase ten un debuxo así de bonito seguro que o merco.

E de despedida deixo outro debuxo. Ata mañá.

posted by acedre @ 5:52 PM 8 comments

Xoves 2 de marzo de 2006

Véntase a primavera

Hoxe fixo bastante calor e cando paseaba ao Colín pola mañá había unha parella de rolas facendo o seu niño. Aquí e acolá empezan a abrochar as flores das árbores e fan unha imaxe bonita.

Aquí non hai amendoeiras como a da foto copiada de www.itineranceplus.com, pero non puiden evitar pór esta foto e contar unha lenda do sur de Portugal que me semellou bonita para este tempo.

Hai moítisimos anos había un rei mouro no Algarve que se enamorou dunha princesa do norte europeo e casou co ela e levouna para o seu castelo. Pasou o tempo e a princesa estaba triste no palacio. Asomábase á fiestra e estaba triste mirando os campos. O rei mouro preguntoulle a un paisano dela se sabía o que lle pasaba e este díxolle que a princesa botaba en falta a neve. O rei mouro quería compracer á súa enamorada pero no Algarve non nevaba e non sabía que facer. Ata que un día tivo unha idea e prantou milleiros de amendoeiras rodeando o castelo. Cando chegou a primavera, a princesa do norte asomouse e mirou a paisaxe cuberta de amendoeiras en flor e recuperou a ledicia: parecían árbores nevadas. E así pasaron moitos anos felices esperando a primavera e as súas flores.

E isto é todo por hoxe. Aquí deixo a ligazón a esa lenda que me gustou. Ata mañá.

posted by acedre @ 6:13 PM 8 comments

Venres 3 de marzo de 2006

Diferentes intereses, diferentes calendarios

Hai tempo descubrín unha páxina de indios no que cada día relatan un acontecemento da súa historia nesa data. Por exemplo, un tres de marzo saiu Ponce de León de Porto Rico na busca da fonte da xuventude topada na illa Bimini ( que non era illa senón a península de Florida ). E a historia segue. A ligazón déixoa aquí pero está en inglés.

E hoxe tamén descubrín unha páxina na que poñen unha foto diaria relacionada con obxectos astronómicos ( non confundas con salarios de diversos futbolistas ou políticos ). A foto de hoxe é de Turquía e sae Venus e o cometa Pojmanski ( non me preguntes sobre el que é a primeira vez que sei algo del ). Deixo aquí a ligazón a esta páxina en inglés con esas boas fotos diarias de obxectos astrais.

E iso é todo. A ver que poño mañá.

posted by acedre @ 8:12 PM 3 comments

Sábado 4 de marzo de 2006

Wake Forest

Hoxe facía sol pero corría un aire bastante frío. Fomos Cris, Ana, o Colín e máis eu a Wake Forest, unha viliña que vai rematar sendo absorbida por Raleigh, a capital de North Carolina.
Xantamos nun restaurante mexicano e logo fomos pasear pola zona das casas ricas e, de exemplo, está a foto cunha casa que semella saída dun conto. Logo do paseo tomamos un café nun sitio tranquilo que ten pegada unha tenda de moedas antigas que ten unha páxina web e descubrín que tamén teñen a vender chapas de identificación de escravos negros que as levaban colgadas no pescozo coma se fosen cans. Esas chapas eran para esclavos que alugaba o dono a outro señor. Agora esas chapiñas poden chegar a custar 6000 $. Mágoa de non topar eu unha tirada mentes paseo ao Colín !.
E así foi este día. Ata mañá.

posted by acedre @ 8:11 PM 8 comments

Domingo 5 de marzo de 2006

Amor animal

O Toño está aprendendo moitas cousas nos zoos onde está e nos centros de animais. Esta semana estivo moi emocionado coa inseminación dunha elefanta. Na foto está un veterinario inseminando á elefanta como ben supós. Que un home disfrazado de mago che insemine o producto non ten parecido a un bó revolcón. E agora a elefanta terá que esperar uns vintedous meses, case dous anos, para ter a cría. Dende logo isto non é o mellor exemplo de amor animal pero é o que hai.

Mañá hai máis.

posted by acedre @ 8:12 PM 10 comments

Luns 6 de marzo de 2006

” Antros “

Antros é o nome que usan os mexicanos para denominar o que serían os nosos pubs ou discotecas. Os antros para nós teñen mala sona pero para eles é un lugar de diversión. En Norlina ( a sete quilómetros ) hai un antro deses que máis ben semella un antro dos nosos. Eu nunca entrei, tamén hai que dicilo; pero as mozas tampouco queren entrar. Os carteis da entrada dan un pouco de medo, a verdade. E para que me creas deixo dúas fotos feitas onte domingo. Unha é da entrada proibindo armas, drogas e ” solisitasion ” que é o espanglis de ” pedir cartos “. E a outra foto indica quen pode ” tomar ” e quen non e os requisitos que se piden. Bueno, deixo as dúas fotos que son tamén un bonito exemplo de espanglis. E pensar que hai alguén que quere escribir o Quixote en espanglis e di que o galego é un invento dos políticos. Non sei se rir ou chorar.

posted by acedre @ 6:17 PM 11 comments

Martes 7 de marzo de 2006

Prezos de casas

Despóis do posteo do outro día coa casa de conto de Wake Forest entroume a curiosidade polos prezos de casas. Non por mercar, por suposto; só por curiosidade. O domingo demos un paseo pola viliña onde vivimos, Warrenton, e apareceu un cartel cun enderezo web e consultei prezos. Estaba a casa Dun Mor cun prezo un pouco inasequible: máis dun millón de dólares. A casa é esta da esquerda. Logo había outra casa máis barata por menos de 160.000 dolares. A casa está aquí á dereita. Pero tamén esta quedaría fóra das nosas posibilidades así que busquei e busquei e topei a fin a casa dos nosos soños: unha casa que custa menos que botarlle aire á roda do coche que aquí custa 50 centavos o raio da máquina do aire da gasolineira. Si. Topei unha casa GRATIS, de balde, polo papo, free, 0 pesetas, rien de rien, niente. Uau, unha casa gratis e non hai truco. E, efectivamente, a casa é gratis pero… Sempre hai un pero. Pero non venden o terreo así que tes que desmontala e levala a outro lugar.

Ese era o truco da casa gratuita que sae nesta foto de embaixo.

posted by acedre @ 5:48 PM 14 comments

Mércores 8 de marzo de 2006

Case, case

Hoxe case consigo traballo. Fun a unha empresa que está a dez minutos da casa andando e díxome o encargado que estes días poidera ser que houbese ” chanse ” ( oportunidade ). A empresa é de molduras prefabricadas e son todos mexicanos menos un negro carretilleiro e unha señora branca oficinista ( que eu saiba ). A ver se hai sorte e traballo aí que queda ao ladiño da casa e aforro en gasolina e así voume acostumando a silicose do Porriño e Ponteareas para cando volva, ha, ha. Mellor rir que chorar, non ?.

E como non vou falar de asuntos laborais poño unha foto dun solpor nunha granxa de aquí agora que os días son máis longos e xa é imposible facer esa foto indo ao ximnasio. Espero que vos guste a todos os que me ledes e comentades que sodes do melloriño da rede adiante.

Ata mañá.

posted by acedre @ 6:12 PM 19 comments

Xoves 9 de marzo de 2006

Piscineiros

No anterior posteo falaba de que nós iamos camiño do ximnasio cando tirei a foto ( un pouco triste pero bonita ). Hai tempo que non o menciono pero si que imos Ana máis eu ao ximnasio. É unha das poucas diversións que hai por aquí. Máis que nada imos á piscina e outros días imos á sala das máquinas a andar en bici ou na máquina de ” step ” ( non sei como será en galego; é esa maquina que fas que sobes unha escaleira ). Hoxe, por exemplo, eu fun á sala de máquinas e fixen bicicleta e ” step ” mentres lía ” To kill a mockingbird ” ( ” Matar un reiseñor ” ). Ana foi á piscina e, de mostra, aquí déixovos un vídeo do ano pasado onde estamos nadando e que conste que xa melloramos o estilo.
Ata mañá.

http://www.youtube.com/watch?v=iEWqesLb8bM

posted by acedre @ 6:41 PM 5 comments

Venres 10 de marzo de 2006

Xa traballo

Si. Todo foi gracias a uns blogueiros que querían que topase eu choio e xuntaron enerxías e telepatías e moveron fíos aquí e alá e deixaron os porcos coxos e así me conseguiron traballo.
Hoxe non eran as oito da mañá e chamáronme para ir a Cast Stone Systems, inc. Esta empresa foi a que visitei o outro día. Empezou mal porque o encargado chamoume e deume un cuarto de hora para ir ao choio. Eu díxenlle que tiña que almorzar e logo ía para alí. Por suposto que almorcei. Non me gusta traballar con fame. Na mili un día un cabo chusqueiro ergueunos da cama e mandounos apañar follas que había ciscadas na estrada que ese día había visita e fomos sen almorzar e estivemos ata a hora de xantar cunha mala uva… Bueno, ao que ía, eu almorcei e paseei o can e logo fun andando que son uns dez minutos. Non me dixo nada o encargado, faltaría máis, e logo xa me presentou a quen me vai ensinar e xa traballei hoxe. O choio parece bo, como de manualidades porque estou tapando fallos nos moldes para facer pezas para edificios. Xa explicarei máis no futuro sobre o choio e os compañeiros.
Así que xa sabes: se queres saber por Acedre pregunta aquí de oito a cinco da tarde. Pregunta polo novato.

posted by acedre @ 7:08 PM 24 comments

Sábado 11 de marzo de 2006

San Patricio en Raleigh, NC

Xa sabes como son neste país que celebran as cousas cando cadra e hoxe celebraron o dia de San Patricio no centro de Raleigh.

Facía calor e un bo día e o desfile empezou ás doce do mediodía. Aquí nos desfiles participan colectivos moi diversos que non teñen que ver coa celebración pero eles van igual.

No desfile había gaiteiros de orixe irlandesa e escocesa pero tamén había unha asociación de orixe alemá e outra de orixe escandinava cun barquiño viquingo e todo. Logo había motarras en Harley Davidson, unha escola de animadoras, unha escola de danzaríns irlandeses, un clube de loita medieval, un ximnasio de artes marciais, unha escola de xente con minusvalías, asociacións de defensa de animais, un clube de cans huskies ( aparte dos galgos irlandeses da foto que son dos cans máis grandes do mundo ),

 bombeiros, uns tolos que en vez de cars tiñan como camións en miniatura e alí andaban a toda velocidade. Desfilaban tamén vendedores de concesionarios de coches, personal de emisoras de radio, unha escola de patinadores e unha restra de diferentes igrexas regalando estampas de santos, aparte de caramelos e colares tipo Mardi Gras de diversas cores brillantes anque o verde era o que predominaba así como no atuendo do público.

Logo fomos xantar alí ao lado do parque onde actuaban os gaiteiros e as danzarinas e disfrutamos do ambiente festeiro.

En definitiva, un día de festa dos poucos que disfrutamos neste país. E aquí abaixo queda un vídeo dun baile irlandés do ano pasado que a cámara non me deixou baixar máis que quince fotos de hoxe.

http://youtube.com/watch?v=SLn7cuLkhJU
 

posted by acedre @ 6:27 PM 7 comments

Domingo 12 de marzo de 2006

Visita a Wake Forest

Hoxe tamén fixo calor e bichorno. Fomos cos arxentinos xantar no restaurante mexicano da semana pasada e logo paseamos polo centro de Wake Forest. Tivemos sorte de que estivese aberto o museu da antiga universidade e a guía, unha señora moi amable, ensinounos o museu.

Na foto estamos na enfermería da universidade.

A ver se posteo mañá.

posted by acedre @ 5:54 PM 5 comments

Luns 13 de marzo de 2006

Mascotas

Este país ten fama polo trato cos animais. Aquí pode haber de todo: dende ecoloxistas e zoólogos do melloriño do mundo ata xente que é máis besta ca os pobres dos animais e cazan osos con arcos ou poñen comida de cibo para cazar cervos.

Da caza xa falarei outro día que aquí está moi metida nos costumes da xente e dá para escribir moito.

Do que quero falar é dun ” veciño ” en Norlina ( perto do antro dos mexicanos ) que ten un cartel que di ” Non entrar. Manterse lonxe: lobo “. Ao primeiro pensabamos que era un que tiña un can e quería meter medo aos posibles cacos da súa propiedade pero un día miramos o becho e tivemos que tirarlle unha foto. A de arriba fíxoa Toño e a de abaixo fíxena eu en distinto día. O Toño preguntou no zoo ( onde saben máis que inseminar elefantas ) e os veterinarios dixeron que é un lobo e quedaron alucinados de que alguén teña un lobo atado estilo can. Pero xa sabemos que neste país hai de todo.

Aí deixo as fotos do ” Calcetíns ” de ” Bailando con lobos ” que debe de ser lobo porque non ladra pero debe de ser un lobo bó que é moi amigable.

Ata mañá.

posted by acedre @ 6:14 PM 10 comments

Martes 14 de marzo de 2006

Algúns compas

No choio vou progresando e aprendendo diferentes tarefas. O meu mestre particular é Carlos, un mexicano de perilla que non me lembra a ninguén especial. Gústalle o meu nome que o emprega sempre para falar comigo e explica as cousas tranquilamente. En definitiva, parece bó tipo e bó traballador que busca que quede todo perfecto. Logo está a compañeira Jessica, unha mexicana baixiña, baixiña e eu acabo con dor de costas traballando na mesa adaptada á altura deles. Logo está Francisco Javier que parece un dos de Camela pero máis baixo e máis moreno. Sempre sorrí ensinando os dentes de ouro. Tamén está Andy, un ” bolillo ” como din os mexicanos para referirse a un norteamericano sen mala intención. Está un pouco tolo e chapurrea bastante do mexicano e canta coa radio tanto en inglés como en mexicano e bota os aturuxos mexicanos moi ben. Ten catro chichos pequechos no pelo e está sempre fumando co cigarro de esguello que parece Popeye ( aquí non sei se está proibido ou non fumar no traballo ). Ah, Popeye dise “popai” en inglés.
Logo hai máis compañeiros traballando que aínda non coñezo e como aínda non teño fotos dos compañeiros poño esta dun vendedor mexicano nunha ” pulga ” ( spanglish para mercado de rastrillo, do inglés ” flea market “).
Ata mañá, supoño.

posted by acedre @ 6:57 PM 9 comments

Mércores 15 de marzo de 2006

Lenda urbana

Moitas veces creo vivir nun escenario de película. Xa hai meses topei uns zapatos pendurados dun cable de luz nun bairro de Warrenton. Agora xa hai outro par noutro bairro. Estes zapatos lémbranme a película “Big Fish”, unha película que me gustou moito porque é un xeito de conto.

O costume de pendurar zapatos ten varias explicacións: dende que é unha marca dunha banda de delincuentes ata que é unha mostra de perda da virxinidade. Outra explicación di que é o paso da infancia á madureza. Logo esta a teoría de que os zapatos son dun que vai casar e os amigos íspeno na despedida de solteiro e penduran os zapatos por non pasar unha proba. E tamén hai a teoría que di que é broma e que empezou un nun sitio e vai extendéndose o costume polo país adiante. Eu non sei quen ten razón. Supoño que tódolos motivos poden servir. Só espero que estes zapatos en Warrenton teñan unha orixe distinta á teoría de bandas delincuentes.

Deica mañá se cadra, claro.

posted by acedre @ 6:39 PM 14 comments

Xoves 16 de marzo de 2006

Opcións

Moitas veces paro a pensar no mundo no que estamos e se paga a pena seguir este ritmo tolo de materialismo e sen metas.

Seguro que xa o pensache algunha vez coma min iso de deixalo todo e vivir co fundamental e sen máis problemas.

A foto esta é dunha rapaza dunha comunidade paquistaniana das montañas que acostuma ter paxariños como mascotas. Esta comunidade respecta toda a vida animal e, de feito, cando o fotógrafo ía facer a foto, a rapaza estaba rescatando avelaíñas dun bulleiro ou pucharca. A páxina descubrina gracias a Nemeth e a ligazón é esta.

Hai veces que me gustaría ser así. O peor sería dicir adeus ao xamón e ao pulpo.

Ata mañá.

posted by acedre @ 8:41 PM 10 comments

Venres 17 de marzo de 2006

San Patricio e o día da árbore


Hoxe é o día de San Patricio, patrón dos irlandeses. Neste país hai moitos descendentes deles. A este país chegou xente que emigrou fuxindo da fame que provocou unha peste nas patacas de Irlanda. Viñeron aquí e fixeron unha vida nova e trouxeron costumes e tradicións. Na foto sae un home disfrazado de leprechaun.

E hoxe non é a única cousa verde que se celebra porque tamén é o día da árbore: ese ser mudo e xigante que nos dá sombra, frutos e calor. Estes días hai moitos incendios por Texas ( wildfires=lumes salvaxes, palabra expresiva coma poucas ) e arden árbores, cultivos e prados e tamén sofren moitos animais como os dez mil cabalos e vacas que morreron queimados; unhas cifras xigantescas difíciles de imaxinar.

Na outra foto estou eu cun carballo americano que non collía na foto. Gústanme as árbores e, de feito, un dos meus apelidos é un nome de árbore.

E isto é todo por hoxe. Ata mañá.

posted by acedre @ 8:27 PM 8 comments

Domingo 19 de marzo de 2006

Feliz día dos Pepes e Pepas e dos pais !

Parabéns a todos neste día. Ana máis eu felicitamos aos nosos pais respectivos e démoslles un sorpresón: Ana está embarazada.

posted by acedre @ 3:37 PM 40 comments

Luns 20 de marzo de 2006

Graciñas

” WE’S IN HEBEN “, ” estamos no paraíso “; como negriños nun campo de sandías, así sentímonos Ana máis eu despóis de recibir tantos parabéns, felicitacións, noraboas e zorionak.

Hai pouco tempo mandastes enerxía positiva para que eu topase traballo e conseguístelo. Agora mandades máis enerxía positiva para Ana e mailo bebé e vai saír duro coma un ferrote. Seguro.

A vosa resposta foi espectacular e quedamos sorprendidos, sobre todo Ana. Díxenlle a Ana para gravar un minivídeo de agadecemento estilo mensaxe nadaleira dos Borbóns pero ela ten máis siso ca min e chamoume parvo. Non hai vídeo e deixo esa foto de agradecemento. GRACIÑAS.

Mañá a ver se poño algo.

posted by acedre @ 9:03 PM 18 comments

Martes 21 de marzo de 2006

Vídeo de consolación para o PQV

Hoxe choveu e quedei a xantar no choio. Xantei con Jessica e tres mexicanos máis. Un preguntáballe a Jessica polo home e a filla e ela contou que viñan dentro de dous días, que tiñan que entrar de ” mollados ” por Arizona e que tardarían iso en cruzar o deserto ata Phoenix.
E alí empezaron a contar historias de ” mollados “, de ” coyotes “, da ” migra ” ( a policía de inmigración ), dos prezos ( entre 1800 e 2000 dólares cobran os ” coyotes ” por pasar unha persoa a fronteira ) e demáis desventuras que ten que pasar esta xentiña e moitos máis polo mundo adiante. Cando xa ía ser hora de volver a traballar apareceu Andy que se xuntou conosco e cun par de mexicanos máis que chegaron e un preguntoulle a Andy que faría el se entrase a migra pola fábrica e el dixo que escaparía polo monte con todos coma se fose un máis deles, que era mexicano un 90% e que non lle gustaría quedar só el traballando na fábrica. Aí fíxonos rir a todos. Dende logo este Andy é simpatíquisimo e caime moi ben.
E falando de norteamericanos, aquí deixo un vídeo onde sae un hobbie desta xentiña norteamericana que en moitos casos non deixan de ser uns rapaces mentalmente nun corpo adulto ( coma o tal Bush falando do terceiro aniversario da guerra de Iraq ).
Este vídeo vai de premio de consolación ao comité organizativo da PQV ( Plataforma Queremos Vídeo ). Eu estou intentando convencer a Ana e incluso quería disfrazar a Cris de Ana para facer o vídeo pero Ana resístese. A PQV terá que idear unha estratexia e insistir máis.

http://youtube.com/watch?v=oz0QQ8e2kR4

posted by acedre @ 8:06 PM 9 comments

Mércores 22 de marzo de 2006

Xente pouco discreta

Hai xente que ten cara para todo. Na foto mírase unha voda dunha parella de norteamericanos que casaron o día dos enamorados nunha pista de xeo tinxida de rosa a posta para a ocasión. Aproveitaron o descanso dun partido e montaron o chiringuito e deron o si nunha cerimonia de quince minutos diante do cura, a mascota do equipo e uns mil espectadores. O acto non sei se será moi romántico pero o que é é pouco discreto. Se eu lle digo a Ana para facer isto primeiro ponse colorada e logo cómeme cru. Ana é sinxela e non lle gustan as estridencias nin ser estrela nun vídeo nin cousa polo estilo así que non vai haber vídeo de agradecemento anque saibades que vos damos moitas gracias por ese apoio que nos mandades. De verdade que sodes especiais. E isto é o que hai por hoxe, aparte da boa nova do cesamento do fogo permanente por parte da ETA.
Mañá haberá o que haxa.

A foto e a información son propiedade do amigo Diego.

posted by acedre @ 7:38 PM 12 comments

Xoves 23 de marzo de 2006

Elección de sheriff

O outro día lin unha nova desta zona que dicía que hai un incremento dos roubos nos coches e que aconsellaban aos propietarios pechalos con chave.

Esta nova dá unha idea do nivel de delincuencia neste condado que xa me gustaría a min poder deixar o coche aberto na terriña.

Para loitar contra esa delincuencia están os policías e os sheriff e aínda non sei cal será a diferencia. O que si sei é que vai haber elección de novo sheriff e hai carteis por tódolos sitios. Aquí os carteis son destes de cravar no chan e non hai carteis de pegar nas paredes que me parece unha boa idea. E na loita polo posto de sheriff hai varios candidatos e o da foto é o que ten máis carteis. Logo hai outro candidato que ten páxina web e todo e alí explica o programa de actuación. O máis bonito de ver é a sua garavata.

E iso é todo por hoxe, día tranquilo e sen novidades e con Ana que o leva ben.

Mañá vai ser outro día, non ?.

posted by acedre @ 8:16 PM 9 comments

Venres 24 de marzo de 2006

Tempos novos, tempos vellos


Esta é unha parte do centro de Warrenton na actualidade. Aquí está a pizzería Milano’s onde mercamos pizza os venres para cear. Bueno, agora Ana non atura o cheiro da pizza, xa sabes, cousas dos antollos. Agora hai días que lle apetecen donuts e antes non os podía ver diante e tamén hai días que prefire ovos.Despóis da pizzería vén unha floristería, unha xestoría, o local do periódico The Warren Record, unha tenda de antiguidades e a gasolineira.

Na postal antiga ( agasallo de Nemeth ) vese máis vida e na acera da esquerda había un restaurante e todo onde hoxe hai unha casa de préstamos que ten un cartel na porta proibindo mendigar.

E agora que van elixir novo sheriff, Ghanito ten claro por que candidato votar. Graciñas pola confianza depositada.

posted by acedre @ 7:22 PM 11 comments

Domingo 26 de marzo de 2006

Millas e millas

Si que fixemos millas estes dous días. Onte sábado fomos a Rocky Mount a mercar roupa nova para Ana e logo voltamos a Warrenton. Dalí fomos a Rolesville xa con Cris e Toño que veu de Washington a cear á casa dos arxentinos que nos deron cousiñas para o bebé e dalí volvemos a casa. E hoxe domingo fomos Ana máis eu ao aeroporto de Raleigh a cambiar o billete de volta a Madrid e tivemos que cambiar de compañía que agora a US Airways non permite cans nos seus vos. Con tal motivo non nos cobraron polo cambio de data.
Antes de ir ao aeroporto paramos a xantar no restaurante mexicano El Azteca ( na foto sae o dono retratado ). O dono é o típico mexicano con éxito que leva sombreiro de cowboy, cinto con fibela ben grande e botas campeiras. Eu xantei pulpo que estaba ben picante e branducho e de sobremesa ” sopapilla ” que non é outra cousa ca unha orella das nosas. As camareiras eran unhas pesadas preguntando se estabamos ben cada dous minutos.
Despóis de irmos ao aeroporto fomos ao Whole Foods a mercar delicias como pan e falafel.
E así foron estes dous días. Mañá toca volver á rotina.

posted by acedre @ 6:22 PM 9 comments

Luns 27 de marzo de 2006

Gustaríame ser famoso


Gustaríame presentarme para sheriff como propón ghanito, ser o candidato máis fino como di kiko, gañar a estrela dourada deseñada por nemeth, pór orde no condado de Warren e poder ir a Canadá a evitar a matanza de 300.000 focas e ser famoso por iso.

Aquí fálase da matanza de focas e outras animaladas ( ou persoadas ? ) que se fan polo mundo adiante. Os vídeos e as fotos feren a sensibilidade de xente sensible e revolve o estómago e a mente. Estás avisado.

posted by acedre @ 6:06 PM 7 comments

Martes 28 de marzo de 2006

Estes mexicanos son do que non hai; Bush quere dar máis caña aos inmigrantes e eles adícanse a ir a ” antros “. Na foto está o programa da festa que perdín o sábado. Falta na foto a cabeza de ” Priscila y sus balas de plata ” que un fan dela da fábrica non puido evitar gardar un souvenir dela.

Mañá será outro día e porei algunha foto dalgúns compañeiros.

posted by acedre @ 8:04 PM 9 comments

Mércores 29 de marzo de 2006

Carpinteiros de Warrenton

Na foto están Lorenzo e Andy vestidos de paisano. Non me custa nada imaxinalos vestidos de indio e vaqueiro pero Andy sería un vaqueiro bó. Seino.

E na foto de abaixo está Francisco Javier ( o que me lembra a un dos de Camela ) e Lorenzo outra volta.

E co esta xente e outros máis paso a xornada de traballo que agora é máis longa porque hai máis horas de sol.

posted by acedre @ 7:40 PM 14 comments

Xoves 30 de marzo de 2006

Lotería

Hoxe foi o gran día. Este estado deixou de estar aillado. Os estados que o rodean xa teñen todos lotería: ese xogo do demo que desfai familias e fai que a xente gaste os cartos da comida no vicio, etc, etc.

Aquí non hai moitas novas falando de España e unha que mirei hai tempo falaba do Gordo de Nadal e na televisión puñan a nova coma se fose un costume bárbaro ou extraño e os presentadores rían cando miraban a xente descorchando champán na rúa.

Bueno, agora tócalles a eles que xa teñen lotería. E como son así xa hai camisetas e gorras apoiando a lotería.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:38 PM 8 comments

Venres 31 de marzo de 2006

Tudo bem

Tudo bem. No choio aparte de traballar aprendo palabras mexicanas e espanglesas. Eu tapo os buracos das caixas con ” bando ” que non é outra cousa que a pronuncia en inglés da marca da masilla. Tamén usamos ” tíner ” que é o disolvente ( vén de ” lacquer thiner ” ). Unha palabra curiosa que aprendín é ” diablo ” que non é o demo que imaxinamos todos. O tal ” diablo “ é un carriño de man para cargas. Busquei na interrede e topei o oficio de ” diablero “, aparte doutros curiosos como franelero, checador, bicitaxista, tamalera, bolero, cilindrero, etc. Xa sabes, se queres traballar en México aquí están estes oficios.

Polo resto ben. Hoxe foi día de cobro; danme un cheque cada semana e pagan ben que sae contabilizado o tempo todiño segundo ” se poncha ” ( fichar ou picar ) e dez minutos que se chega antes cada día e dez minutos que sae un máis tarde suman e logo son horas extras. E hoxe o xefe, Ted, ofrecíame unha bici para ir ao traballo que me mira andando para casa. E non sei, quizáis luns pídolle a tal bici.

Ana está ben, un pouco triste por despedirse de roupa que lle vai quedando xusta, pero ben.

O Toño estivo hoxe no zoo co futuro candidato dos republicanos para presidente dos EEUU que houbo unha operación dun gorila.

Cris como sempre e o Colín outro que tal baila: só pensa en comer e logo xogar.

E iso é todo. Ata mañá.

posted by acedre @ 8:17 PM 5 comments

 

 

Leave a Reply