Febreiro 2006
Mércores 1 de febreiro de 2006
Día da Candeloria ( nos EEUU día da marmota )
Explícome. O día 2 de febreiro é o día da Candeloria ” que vai medio inverno fóra “. En Galicia había moita tradición nese día e dicían que era o día que casaban os paxariños e os mariñeiros dábanlle volta ás tellas para que cambiase o mal vento de dirección. Tamén era un día que se facían fogueiras e se adoraba o lume ( Candeloria=candea ). Eses ritos e crenzas pérdense no pasado. Pero agora somos moi ” listos ” e perdemos eses costumes aos poucos e non se lles dá a importancia que se lle daba antes.
Por outra banda, os norteamericanos brancos teñen raigames europeas. Entre eses europeos houbo alemáns que levaron a Pennsylvania ( concretamente á vila de Punxsutawney ) o costume que tiñan na Alemaña de consultarlle aos ourizos o que faltaba de inverno. Cando chegaron aos EEUU toparon as marmotas e quitáronlle o posto de predictores do tempo aos ourizos cacheiros. Co paso do tempo foi collendo fama e a marmota destes últimos anos chámase ” Phil “ e ten un tobo con calefacción e todo ( na foto ).
O ritual é así: o día 2 de febreiro van alí uns homes e sacan a ” Phil ” do tobo; se fai sol e ” Phil ” mira a sombra do seu rabo volve ao tobo e iso significa que faltan seis semanas de inverno. Se ” Phil “ non pode mirar a sombra da súa cola porque está o día cuberto iso quere dicir que o duro do inverno xa rematou. Logo hai festa con música, comida e demáis parafernalia e na vila esta xúntanse máis de 30000 persoas. E por se fose pouco ata hai unha película da vila protagonizada por Bill Murray.
E este é o día da marmota. Para que vexas que dun costume pode facerse festa e negocio. Como diría meu pai; estes americanos son finos como allos e agudos coma cebolas. A ver se aprendemos deles o que teñen de bó.
Deica mañá.
posted by acedre @ 3:12 PM 8 comments
Xoves 2 de febreiro de 2006
Colectando cartos
Onte pediume un dólar Lakisha, unha negriña de control de calidade da Revlon. Esta Lakisha é pequerrecha pero xeitosa. Ten dous fillos e no embarazo do segundo traballou ata o último día. Tiña un bombo impresionante e andaba abanándose pola fábrica adiante que parecía que ía caír e porse a rolar en calquera momento. Está casada cun homón que lle quita varias cuartas e que é ” trailero ” que é a forma de chamar a un camioneiro en espanglish. O dólar que me pediu era para a súa igrexa que xuntaba cartos para non sei que problemas duns nenos.
Aquí é moi típico pedir cartos para todo e a xente daos sen problemas. Que un compañeiro está no hospital ?, pois o compañeiro de turno pide cartos. Que unha casa arde?, outro tanto: a pedir cartos. E así sempre e con naturalidade. Ata na tenda de mascotas cando pagas con tarxeta preguntan se queres deixar un dólar para as canceiras de cans abandonados e podes indicar que si ou optar por responder cun ” Hoxe non ” que queda mellor que dicir que non directamente.
Este hábito de pedir vén a que neste país o goberno non paga moitas cousas. Logo a xente ten que idear o que sexa para xuntar cartos. E podes ver dende bombeiros pedindo nos semáforos coa bota de traballo na man, ata rapaces nos sábados que che lavan o coche pola ” voluntad “. Outro método de conseguir uns cartiños é o de vender comida feita por vontarios. Nesta foto do lado poño un exemplo disto. Venden bandeixas de carne asada para conseguir cartos para o departamento de bombeiros de Hawtree.
E isto foi todo por hoxe. Ata mañá.
posted by acedre @ 8:40 PM 5 comments
Venres 3 de febreiro de 2006
Vídeo
Despóis dalgúns problemas con blogger e despóis de meter un vídeo en youtube aquí podo mostralo para quen poida velo. O vídeo é do desfile de Nadal en Warrenton. Nel míranse os rapaces do instituto de Ana. Aí volo deixo como nota curiosa.
http://www.youtube.com/v/f5nnUOfYf64
posted by acedre @ 5:00 PM 8 comments
Domingo 5 de febreiro de 2006
Relixión, relixión
Estes días está o mundo revolto co asunto das caricaturas contra Mahoma.
Dende logo isto da relixión é un tema espiñento que non me gusta tocar porque todos cren ter a razón e tratan de meter en razón a quen non coincide con eles. Esta é unha historia vella coma a humanidade e seguirá sempre así ata que queden dúas persoas en pé e loitando por cadansúa fe.
Eu prefiro levalo con bó humor e como hoxe é domingo e non fun a misa polo menos aprendo da biblia nesta páxina onde un ‘ reverendo ‘ explica a biblia paso a paso e con imaxes do Lego por se un non sabe ler. Na foto sae Sansón desfrutando dunha muller de mala vida. Dende logo, se os cristiáns chegasen a ser coma os musulmáns este ‘ reverendo ‘ acabaría sepultado a pedradas.
Un saúdo e ata mañá.
posted by acedre @ 2:27 PM 11 comments
Luns 6 de febreiro de 2006
Cabaleiros confederados do KKK
Pois si, hoxe apareceu unha nova no periódico de Henderson “The Daily Dispatch” tratando da polémica que crea un numero do Ku Klux Klan na guía de teléfonos que temos na casa. Resulta que o número leva vinte anos na guía telefónica e agora queren sacalo. A compañía telefónica Sprint di que non vai retiralo que non é ilegal e que a chamada é vontaria e que pode chamar quen queira. Tamén din que este é un pais de discurso libre e que as palabras non ofenden. Poñen de exemplo os ateos que poden reclamar que hai igrexas na guía telefónica.
O debate está servido por aquí e agora a xente que está en contra quere buscar que cometan algo ilegal para poder retiralo do listín. E así está o tema: estancado de momento.
Do resto sen novidade.
Ata mañá.
posted by acedre @ 5:22 PM 12 comments
Mércores 8 de febreiro de 2006
Gastronomía extraña
Onte e hoxe tocoume traballar noutra área de Revlon. Onte cadroume estar cunhas señoras que tiñan moita leria e falaron entre elas de todo. Empezaron comentando as novas da zona que saíron na tele e na radio e logo seguiron falando de cans que traban a xente, dos seguros dos coches, de vodas e divorcios e de comida. Unha dixo que lle gustaba o peixe e as ostras e tamén que lle gustaba o coello como toque ” exótico “. Outra señora respondeu que antes que coello prefire esquío. Eu nese momento conectei o radar. Eu xa sabía que por este país cazan esquíos e que os comen pero nunca coñecera a alguén en persoa que os comera.
Onte pola tarde estiven buscando receitas e apareceu unha páxina onde hai receitas de esquíos, crocodilos ( que probei e sabe a pólo pero correoso ), zarigueyas, etc, etc. A páxina está en inglés e aquí podedes comprobalo. Agora cómeno con medo e xa case ninguén come os miolos que seica son unha delicia por medo ao mal das vacas tolas.
E non só os norteamericanos comen esquíos. Nos Pirineos había costume de comer os esquíos antigamente.
E isto é o que poño hoxe. Para que vexas que non só hai hamburguesas neste país.
Tamén agradecer a pintega porque gracias a ela puxen a ligazón para a biblia de Lego.
Un saúdo.
posted by acedre @ 6:05 PM 10 comments ![]()
Xoves 9 de febreiro de 2006
posted by acedre @ 7:05 PM 10 comments
Sábado 11 de febreiro de 2006
Fotos, fotos
Hoxe fai moi mal día. Chove frío e pode ser que neve un pouco así que non saímos a ningún lado. Bueno, Ana segue co curso dos sábados pola mañá e Toño seica vén hoxe de Washington a facer unha visita fugaz. Iso se se anima que está a nevar dende Washington ata aquí.
A verdade é que me gustan as fotos de época, esas marabillas en B/N que nos falan de tempos idos e que nos fan meditar. E fuchicando por aí topei esta de Rianxo daqueles tempiños e púxena de cabeceira. Se queredes mirar algunhas fotos antigas de autores galegos podedes ir a esta páxina.
E, aparte disto, topei unha paxina con fotos de Extremadura antigas e algunhas das fotos fíxoas Ruth Matilda Anderson. Poderiamos aprender os galegos e montar unha páxina así con fotos desta muller que creo que non hai ningunha páxina adicada ás súas fotografías por terras galegas. Outras das fotos de Extremadura foron feitas por Eugene Smith (un fotógrafo dos mestres) e nesta foto dun velorio namorouse da muller retratada e mantivo correspondencia co ela por moitos anos. Iso si que é amor de verdade e que serve de exemplo agora que vén o día de San Valentín, non. Ata mañá.
posted by acedre @ 3:36 PM 13 comments
Domingo 12 de febreiro de 2006
Un saúdo blogueiro a Xiana
Ía falar do amago de neve que caiu por aquí, das películas de DVD que mirei nestes días que estivemos case aislados do mundo e todo iso pero o nacemento desta nena tan xeitosa anúlame o posteo de hoxe.
Dende aquí quero felicitar ao pai de Xiana que non é outro que Kiko, un galego que vive en Suecia e que ten un blogo que sigo con interés.
Iso, felicidades, parabéns e noraboa e que todo che vaia ben a ti e á túa familia.
posted by acedre @ 4:02 PM 5 comments
Luns 13 de febreiro de 2006
Vísperas de San Valentín
Esta fin de semana estivemos case pechados na casa. O sábado choveu todo o día e pola noite empezou a neviscar e o domingo neviscaba e paraba. A neve non chegou a callar e só había unha pouca nas prantas, nos coches e nos tellados.
Como estamos de anticipo de San Valentín miramos dous DVDs con tema romántico:
-” I capture the castle “: ambientada en Inglaterra nos anos trinta. É unha historia de amores cruzados, amores non correspondidos e amores interesados. Está ben e o final non é o típico que se podería esperar.
-” Elizabethtown “: unha azafata ( a chica de Spiderman ) ensínalle a un executivo despedido o importante que é o amor. A primeira parte da película non nos gustou pero a partir do funeral do pai do chico a película pega unha volta e mellora moito. O chico segue unha viaxe en coche coas cinsas do pai seguindo as instrucións que lle deixou a chica. Esa viaxe é preciosa e a música que o acompaña ( elexida pola chica )está moi ben. Unha mágoa que toda a película non fose esa viaxe !.
E isto é o que hai por hoxe. Mañá toca mirar globos con forma de corazón que neste país é de tolos a celebración do San Valentín. Non só celebran o amor de parella senón tamén o amor entre pais e fillos ( moitos nenos mañá non van en bus que esta proibido montar con globos e o instituto é un desfile de xente con globos, peluches e bombóns ). E aparte do amor aquí tamén celebran a amizade e os amigos entréganse tarxetas, agasallos e os inevitabeis globos. Mesmo os profesores reciben algun cariño dos alumnos e Ana seguro que trae algo para casa. O dito: unha cousa de tolos que non ten igual na terriña.
posted by acedre @ 7:09 PM 3 comments
Martes 14 de febreiro de 2006
Laid off
En cristiano: despedido temporalmente por escaseza de traballo. Si. Aquí cando non hai traballo din que vaias para casa que xa te chamarán. E iso tocoume de agasallo de San Valentín. Dennis Clayborne díxome que había de ser esta semana soa e que para a semana que vén que habería traballo e patatín e patatán. Tamén me dixo que mentes estivese el non me deixaría ” off ” ata que marchase no verán…e aquí estou.
Pois aproveitei hoxe e pola mañá fun andando ata a fábrica de caixas onde traballei o primeiro ano neste país. Fun pola rua principal de Warrenton. Pasei pola oficina de tráfico onde saquei o carné. Rescatei un paxariño que non voaba e estaba no medio da rúa. É un ” cardinal “, o paxaro emblema do estado. Pasei polo The Ivy, un hoteliño xeitoso e pola casa onde fan masaxes. Logo seguín e pasei pola fábrica de fíos que foi ao tacho haberá catro anos. De fronte está a fábrica de mobles Cochrane onde pedín traballo hai tempo. Logo hai que pasar unha gasolineira media desfeita e a distribuidora de combustible para calefacción…e xa está a fábrica Elberta Crate & Box que soa rimbombante e só fan unhas caixas para apañar froita que son de usar e tirar. Falei co encargado Tommy ( ” mayordomo ” en mexicano ) e que me cai ben. Ten unhas barbas mestas e descoidadas e uns ollos azuis que dan medo pero bota risadas grandes por nada e paréceme bó home. Díxome que non habia moito movemento de momento e, de feito, das tres cortadoras unha está parada e só traballan catro días na semana. Saudei aos antigos compañeiros e marchei para casa.
Cris deixara unha película de DVD e mireina e gustoume moito. Titúlase ” Rabbit-proof fence ” e en español está traducida como ” Cerca de la libertad “. Trata dunhas nenas aborixes australianas que son separadas das nais porque son mestizas e naquela época ( 1931 ) o goberno australiano quería diluir esa xente misturada na raza branca para purificalos e co tempo acabar sendo brancos. Mándanas a unha especie de misión relixiosa e elas foxen.
A película está moi ben e informoume dunha cousa que non sabía eu do trato dos aborixes por parte dos brancos.
Pola tarde fomos á piscina, pasamos polo Wal*Mart que estaba cheo de xente mercando globos de San Valentín, bombóns e flores e logo tiramos para casa.
E así foi o día de hoxe.
posted by acedre @ 5:23 PM 16 comments
Mércores 15 de febreiro de 2006
International Blog Serial Number
Estes días que teño libres adícoos a fedellar pola rede adiante e unha cousa que fixen é pórlle un número de código de barras a este blogo. Que para que serve ?. Pois non sei pero sei que este número é para este blogo e é único.
Se queres engadir o teu blogo á lista podes facelo aquí.
Eu descubrín isto do código de barras gracias a Calidonia.
Tamén brincando por aí diante topei un blogo dun español que vive en Corea e que conta cousas curiosas daquel país. A mágoa é que non se pode comentar no blogo. O enderezo é:
http://gunpo.blogspot.com/ e descubrino gracias a unha páxina de españois que están polo mundo adiante.
Tamén dicir que rematei de ler o libro ” La sombra del viento ” e gustoume bastante e recoméndoo a calquera.
Deica mañá.
posted by acedre @ 6:33 PM 3 comments
Xoves 16 de febreiro de 2006
País dos cabalos
Hoxe fixo moi bo día e apareceu Gustavo para acompañarme pola mañá. Paseamos ao Colín, mercamos unhas cousas, buscamos unha película de DVD na biblioteca e levou a documentación nosa para facer a declaración de facenda que neste país faise agora. E así pasou a mañá.
Paseando ao Colín pasamos polo cemiterio grande de Warrenton. Aquí os cemiterios son coma parques abertos con tumbas no chan e lápidas familiares que non son moi ostentosas. De cando en vez aparece unha que ten o seu aquel. Un exemplo é esta da foto na que se pode imaxinar que o morto quería un paraíso para percorrer en cabalo. E isto faime lembrar unha cousa que dixo un neno na terriña. Estaban varios falando e un pregúntalle a outro: De maior onde queres vivir ?. E o rapaz respostou: No país dos cabalos. Ti, supoño que pensarás o mesmo ca min e coincidirás en dicir que este é o país dos cabalos.
posted by acedre @ 6:21 PM 7 comments
Venres 17 de febreiro de 2006
Aprendendo idiomas
Hoxe fixo moi bo día e pola tarde fomos facer unha rota polo Medoc Mountain, a unhas vinte millas da casa. O percorrido que fixemos era de tres millas e o terreo apenas ten desnivel. O Colín andou ben anque rematou coa lingua por fóra.
No choio Ana estivo gravando a alumnos de español e non o fan moi mal para levar só dous meses de clases. Podes comprobalo no vídeo de abaixo.
O vídeo que é simpático de verdade é o que topou o nenodanorita e puxo na sua cabaseira. Se queres rir un pouco ou sorrir como menos podes mirar a sorpresa que ten preparada para ti neste día adicado a aprender idiomas.
http://www.youtube.com/watch?v=ADcT8CnBIoo
posted by acedre @ 6:27 PM 5 comments
Sábado 18 de febreiro de 2006
Auganeve e cinema
Hoxe quixo nevar pero foi unha neviscada que non callou. A auganeve caía no chan e desfacíase. Nin na foto se aprecia a neviscada. Quizáis o luns. Aínda non se sabe.
E aproveitamos a tarde para ir ao cinema a Rocky Mount a mirar a película ” Brokeback Mountain “. Dicir que os escenarios son marabillosos co esas montañas impresionantes. Os protagonistas non eran exactamente vaqueiros que eran pastores de ovellas e había hispanos coidando ovellas tamén ( pregúntome se serían parte dos bascos que emigraron a esa zona para coidar ovellas ). E a película trata da relación entre os protagonistas e as súas relacións coas familias respectivas. Por suposto que isto crea unha loita entre o que ” deben ” facer e o que realmente desexan facer. E diso trata a película que non vou contar máis.
Un saudiño.
posted by acedre @ 7:08 PM 11 comments
Domingo 19 de febreiro de 2006
A Casa das Latas
Hoxe fixo un día soleado pero moi frííío. Como estes días pasamos sempre pola ” casa das latas ” que chamamos nós, decidinme a facerlle un minivídeo para desfrute teu e meu. Esta ” casa das latas ” lémbrame un pouco ao museu do tolo de Camelle, Man. Non sei. O que facía Man e o que fai este ( aínda non lle mirei a cara ) de Marmaduke, Warren County, supoño que será arte. Polo menos reutilizan o que outros tiran e dun xeito orixinal.Pois iso, aquí queda o vídeo para que fagas unha idea do que temos cerca da casa e de por que as veces creo vivir nunha película. Polo menos hai personaxes extrañas e escenarios de película, non ?.
Mañá seica haberá algo máis.
http://www.youtube.com/?v=MAmhxBfK4FM
posted by acedre @ 3:45 PM 5 comments
Luns 20 de febreiro de 2006
Ano nevado non pode ser malo
Hoxe estamos contentos. Amenceu todo nevado e as rapazas non tiveron clase. Eu xa temía que ía pasar este inverno sen unha nevada digna de fotos pero a natureza sabe e produciu esta especie de miragre que é cubrir todo de branco cunha beleza tan grande, silandeira e misteriosa como perecedeira.
Ana, o Colín e máis eu aproveitamos a coxuntura e fomos de paseo ata o cemiterio onde puidemos tirar algunhas fotos coa neve e algún vídeo. O Colín gozou coa neve como acostuma gozar coa area da praia: bota carreiras e escarba coas patas. Logo afuciña no buraco e asoma os fuciños todos larafuzados. O malo da neve é que é fría e remata tremendo o parvechiño del, pero que lle quiten o bailado.
E aquí embaixo deixo o vídeo rodado no cemiterio. Escóitanse as miñas tripadas na neve dura e danlle un toque tétrico á gravación. Desta volta non dixen nin pío que está visto que o meu non é o choio de locutor: falo moi despacio e cunha voz profunda que mete medo.
E iso é todo por hoxe.
http://www.youtube.com/watch?v=1RLqgk_36bo
posted by acedre @ 5:50 PM 10 comments
Martes 21 de febreiro de 2006
Día da lingua materna
Entéirome que hoxe é o día da lingua materna declarado pola Unesco.
Eu non sei moi ben como se celebra nin que hai organizado para este día e supoño que os da Unesco queren que os gobernos e as institucións varias boten unha ollada sobre as linguas maternas e os seus problemas. E pouco máis podo engadir.
Ata mañá.
posted by acedre @ 6:45 PM 11 comments
Mércores 22 de febreiro de 2006
Entroidos
Unha das celebracións que boto en falta neste país é o entroido. Refírome ao entroido, entroido; o que se vive na rúa coa diversión e meténdose coa xente que non vai disfrazada. Por aquí hai entroido que lle chaman Mardi Gras e o máis famoso é o que se celebra en Nova Orleans. Co furacán Katrina o Mardi Gras perdeu en cantidade de comparsas ( ” krewes ” ) pero gaña en dispersión porque os habitantes da cidade que non regresaron celebran o entroido nas cidades de acollida e o que parecía unha perda irremediable parece ser que vai producir un espallamento desta festa. Isto paréceme ben que tamén este país necesita algo de alegría. De todas formas quédame moi a desmán este Mardi Gras. Outro grande que hai é o de Quebec que está en Canadá pero xa rematou e tamén me quedaba un pouco lonxe de máis.
Pero os que me gustan de verdade son os da terriña. Na terra hai moitas localidades con entroidos típicos como Laza, Verín, Xinzo, Viana, Vilariño, Manzaneda, Cobres, Chantada, terras do Ulla, Maceda, etc.
Brétemas falaba nun posteo acerca do intento de recuperación dunha personaxe do entroido antigo vigués. Un anónimo respostoulle que os entroidos típicos galegos non lle interesan, que el vai por libre e que non lle gusta que lle manden ir disfrazado dunha forma ou outra. Eu concordo en que meter algo artificial no entroido vai contra a lóxica do entroido en si pero penso que hai que botar unha man para recuperar algo que se perdeu. En Ourense capital intentan recuperar un entroido antigo, os das Pitas, e semella que vai ben. Dende logo eu prefiro que se apoien esas tradicións e non pasar de todo como o anónimo e que logo nos pase como aos nosos curmáns asturianos que perderon tanta riqueza cultural nun pasado borroso. Bueno, iso penso eu.
posted by acedre @ 7:33 PM 7 comments
Xoves 23 de febreiro de 2006
O meu 23-F
Hoxe volveume visitar Gustavo. Estivemos mirando a película Hotel Rwanda que é bastante dura e trata da guerra civil entre tutsis e hutus en Rwanda haberá máis de dez anos. Eu non vivín ningunha guerra nin quero nin lla desexo ao meu peor inimigo.
E falando de guerras hoxe é o 25 aniversario do intento golpista de Tejero e compaña. Eu lembro que estudiaba no instituto e apenas levaba dous anos afeitando o bigote e os pelos da fame do queixo. Eu de política, nin flores; como supoño que pasaría coa maioría dos meus compañeiros. No instituto tocábame clase de francés e Luis, o noso profesor, dixo: Hoy vamos al hotel a ver la televisión. E alá fomos ao hotel que aínda está hoxe perto do instituto. O tal Luis, un leonés de bigote e que lle faltaba un dedo da man, aquel día explicounos algo de política mentres mirabamos imaxes do golpe na tele. Así souben porque o profesor de lingua e literatura española que daba clases en galego ( si, en galego ) aquel día non apareceu a traballar nin en varios dias. E como el algúns máis. Todos estaban achantados sabía deus onde. Non así a profesora de xeografía que era cubana fuxida de cando Fidel e que, eu non sabía porque, apoiaba sempre a economía norteamericana e falaba pestes da rusa. Aquel profesor aclaroume moitas cousas a min e aos meus compañeiros diante dunha televisión en branco e negro e falounos de temas case intocables naqueles tempos. E así foi o meu 23-F que non recomendo a ninguén.
posted by acedre @ 7:12 PM 6 comments
Venres 24 de febreiro de 2006
Luar
Hoxe é venres e tocaría na TVG ” Luar “. Aquí tamén hai ” luar ” pero é un chisco distinto. Nesta zona de Carolina vive xente do máis normal que traballa, estudia e vive unha vida normal coas súas cousas boas e as non boas. De cando en vez hai problemas con roubos, tiros, pelexas de cans e ” luares “. E ti dirás: que raio será ese ” luar ” ?. Explícocho. ” Luar ” sería a tradución galega de ” moonshine ” que non é outra cousa que a elaboración caseira de alcol procedente do millo. Este nome de ” moonshine “ ten a súa orixe en que se facía o choio de noite, lonxe dos sitios habitados e á luz da lúa, ao luar. A elaboración de alcois neste país ten a súa procedencia en Europa onde se facía alcol caseiro de case calquera cousa como por exemplo de patacas en Irlanda. En Europa foise proibindo por motivos sanitarios e chegará o día en que proibirán facer viño caseiro. E se non xa verás. Nos EEUU estivo moi extendido e eu lembro películas de toda a vida coa imaxe do típico montañés facendo alcol caseiro.
E pasou o tempo e agora está proibido en todo o país. Pero a xente segue facéndoo ás agachadas e as fotos son unha mostra do descubrimento dunha destilería caseira a sete quilómetros de onde vivo. Nas fotos vese un policía de paisano destruindo os barrís e o mecanismo de elaboración deste alcol caseiro que non deixa de existir porque sae máis barato que mercalo nas licorerías típicas do Estado: ABC.
Ogallá que nunca se vexan imaxes así na terriña por estar proibido facer viño na casa.
Ata mañá.
posted by acedre @ 5:31 PM 8 comments
Sábado 25 de febreiro de 2006
Paseo polo lago Kerr

Pola tarde do sábado aproveitamos que facía bo día, ventoso de máis pero bó, e fomos ao lago Kerr. Este lago é en realidade un encoro bastante grande coas ribeiras ocupadas por casas de ricos cos seus embarcadoiros. Espallados aquí e acolá hai parques con zona de acampada, mesas de picnic e peiraos públicos. Ana, Cris, o Colín e máis eu intentamos ir a un que nunca foramos antes pero estaba fechado de tempada. Fomos a outro e tamén estaba fechado pero aparcamos e decidimos entrar que non hai peches arredor. Démoslle unha voltiña ao parque e como o encoro tiña pouca auga quedaba unha especie de praíña boa para pasear e así estivemos. Houbo un momento que apareceu un raposo que non sabía que estabamos alí e eu fíxenlle unha foto xusto cando se decatou da nosa presenza e liscou. Na foto está no medio e hai que ampliala para podelo mirar ollando para nós.
E así foi o día de hoxe.
Ata mañá.
posted by acedre @ 7:35 PM 2 comments
Domingo 26 de febreiro de 2006
O tío Pepe
Este señor tan feliz é o Pepe, o tío de Ana. Este Pepe é un pequeno gran home. Un home cheo de vida e festeiro coma el so. O Pepe é un home xeneroso e falangueiro cun riso rápido e real. Traballando non ten paraxe e preocúpase de que todo estea ben listo. Ten un restaurante nas montañas de Carolina, nunha zona preciosa cuns arredores que son esceario de moitas películas norteamericanas ( despóis de California e Nova York este estado é o terceiro no mundiño cinematográfico ). O Pepe é un exemplo dun emigrante galego que fixo a súa vida fóra da terra. Despóis de facer o servicio militar andou embarcado. O seu soño era desembarcar en Australia pero foille imposible. Cando o barco chegou a Tampa, Florida; aí xa puido desembarcar e quedou no país. Fixo a súa vida nos EEUU e tivo tres fillos e agora ten tres netos en Montana chamados Elijah, Matteo e Celia ( en honor á avoa de Ana e nai do tio Pepe ). Aquí embaixo está a foto dos netos do Pepe, galegos nun 25%.

Co este posteo quero felicitar no seu cumpreanos ao tío Pepe. Parabéns.
posted by acedre @ 5:50 PM 8 comments
Luns 27 de febreiro de 2006
Día do ” pancake “
Cando leas isto xa é martes de entroido na terriña. Aquí, en Warrenton, este día é o día do ” pancake “ que é unha especie de filloa pero moito máis grosa que as nosas filloas. Resulta que antes de empezar a coresma a xente tiña que consumir os ovos todos e o leite que tiñan na casa e non había mellor maneira de rematar co isto que facendo festas de ” pancakes ” e a iso dedicaban o martes antes de coresma.
Como ves no cartel hai unha festa desas pero non vou ir: unha festa que hai que pagar e ademáis é nunha igrexa non me semella moi festeira…e ademáis sen disfrazarse…onde se mirou tal cousa ?. Porque neste país o entroido non existe. Hai algún caso aillado coma o de Nova Orleans e pouco máis.
E como nós botamos de menos os disfraces o que facemos e ir probando sombreiros nos comercios e co iso imos safando a morriña polo entroido. Ou sexa, aproveita o entroido ti que podes, non sexas parvo.
Ata mañá.

posted by acedre @ 6:06 PM 12 comments
Martes 28 de febreiro de 2006
Stop all war
Hoxe seguín co paro vacacional que xa se está facendo longo de máis pero é que non hai moito máis onde ir nesta viliña. Aproveitei e mirei o documental Fahrenheit 9/11 de Michael Moore.
Este documental é unha crítica do goberno do actual presidente norteamericano. Explica as relacións entre os árabes e o presidente e achegados. Descubre as relacións monetarias con empresas petrolíferas e armamentísticas e o desvío da atención da poboación norteamericana sobre o verdadeiro motivo da invasión de Iraq. Tamén explica como o goberno está interesado en ter unha poboación amedrentada para facer o que queren eles.
Bueno, o documental é duro e ten momentos emotivos e fala dende moitos puntos de vista. Eu recomendo este documental para coñecer un pouco máis dos verdadeiros motivos da guerra de Iraq. E para rematar o posteo de hoxe deixo unha foto dun sinal modificado pola xente para pedir a paz.
Ata mañá.
posted by acedre @ 6:15 PM 10 comments






















