Abril 2006
Sábado 1 de abril de 2006
Osos e roupa
Hoxe fomos mirar osos tallados en madeira. O Toño quere levarlle un detalle á señora que lle deixa un cuarto de balde en Washington. Esta señora adoece polos animais e ten unha colección de figuras de osos así que se lles ocorreu a Cris e Toño mercarlle un osiño de madeira dun obradoiro de camiño a Raleigh e xa quedou encarregado.
Logo fomos xantar de suave ao Panera Bread e dalí fomos a un centro comercial que Ana quería mercar roupa. No centro comercial había organizada unha festa de presentación da ditosa lotería e había xogos, souvenirs e múica e cola de xente mercando a lotería. Tamén estaba unha xente que protexe cans do Labrador cunha cadela moi agarimosa.
Ana mercou roupa nunha tenda de maternidade e déronlle un paquete de agasallo cunha crema e unha especie de compresas para os peitos aparte dun feixe de folletos de propaganda. Aínda estivemos en más tendas e na librería Barnes&Noble e na festa.
E así foi este sábado e agora queda a noite cunha loucura de ruidos feitos por grilos e chicharras.
posted by acedre @ 6:18 PM 8 comments
Domingo 2 de abril de 2006
As rapazas e coches
Hoxe Ana foi montar no coche e equivocouse. Non foi tal pero o coche é bonito, eh ?. Quédalle ben a Ana, non ?.
Neste país o mundo dos automóbeis ferve: a xente reforma coches vellos e ata crea o seu coche particular como este da foto de abaixo con Cris o ano pasado.
A min os coches non me atraen moito pero hai que recoñecer as belezas cando se teñen diante.

posted by acedre @ 7:04 PM 11 comments
Luns 3 de abril de 2006
Tornados e sapos
Parece que foi o demo. Onte domingo fixo sol e calor ( así estaba Ana á beira daquel coche ) e hoxe houbo tornados, raios, lóstregos, vento forte e moita chuvia e saíron os sapos cando finou a chuvia. Para min que foi Kiko , o pseudosueco, que estaba abraiado da pouca roupa que levaba Ana e mandou a bruxa. O certo é que este temporal foi o resto do temporal que castigou o centro dos EEUU e matou a máis de 27 persoas. Eu estiven buscando algunha foto miña dun día de chuvia para colgar e só topei esta na Florida. Está visto que teño que facer fotos con mal tempo.
posted by acedre @ 7:56 PM 6 comments
Martes 4 de abril de 2006
Kasege, raíña dos Cri
Eran os últimos anos da década dos 70. O tempo das sestas adicábao eu e ler e debuxar. Robinson Crusoe foi un libro que me gustaba e líao e relíao. Tamén nesa época botaban na televisión o ” Planeta dos Simios “. Con detalles dun e detalles do outro acabei creando un planeta novo cos seus habitantes, razas, idiomas, etc. Como non podía ser doutra maneira eu mesmo en adulto era rei dunha terra. Ao meu irmán pequeno gustoulle o xogo e tamén el foi rei dun imperio mariñeiro. Miña irmá tamén quería entrar no asunto pero era mala idade para nós e non me chistaba moito a idea así que por facerlle un favor nomeeina raiña dos Cri: unha xente enorme e peluda coma ” bigfoot “ que vivía ciscada por unhas montañas altísimas. Contrariamente ao que eu coidaba, á miña irmá gustoulle e quería mirar a capital. Debuxeille un castelo con mala pinta rodeado dunhas poucas chouzas e díxenlle que ese era o seu reino. A ela non lle chistou moito así que fixen outro debuxo onde eu ía visitala e ela recibíame nas portas do castelo coa xunta dos anciáns Cri. O castelo era máis grande e a vila xa tiña casas de madeira e de pedra e a vila estaba viva e animada e no fundo víanse unhas montañas enormes pero fermosas. Desta volta miña irmá - Kasege nese mundo - xa quedou contenta.
E xa pasaron todos aqueles anos e a vida levounos por distintos camiños aos tres e agora xa teño unha moi boa relación coa miña irmá: unha moza que mañá día cinco cumpre trintaetantos anos e que foi e será a mellor raíña que poden ter os Cri ou calquera outra xente.
Por ti vai este posteo e de sobremesa xelado desta marca que sei que che vai gustar.
Un bico.
posted by acedre @ 7:22 PM 13 comments
Mércores 5 de abril de 2006
Neno ou nena ?
Por aquí todo segue o seu ritmo. No traballo ben anque Andy tivo un incendio na súa casa o sábado e ardeulle toda. Leva uns días sen vir que supoño que estará buscando outra casa para mudarse. Por sorte, a el e á familia non lle pasou nada.
As rapazas están ben e o Toño rematou en Washington e está na casa outra volta.
Ana está ben e sen molestias. O que fai moito é informarse aquí e acolá sobre o embarazo e os bebés. Leva uns días topando tests para facer en internet para predecir se vai ser neno ou nena segundo a experiencia de comadronas e neste test o resultado deulle un 65 % nena pero hai outros nos que o resultado varía. Ou sexa, que de momento pode ser de calquera sexo e non o sabemos aínda.
Logo está a custión do nome e temos alguns pensados pero agradeceriamos máis nomes. Quen sabe ?: quizáis o nome que digas nos gusta e collémolo.
E máis nada. Ata mañá, supoño.
O debuxo foi collido nesta páxina sobre crenzas encol do embarazo e dos bebés que está en Tagalo e inglés.
posted by acedre @ 7:46 PM 21 comments
Venres 7 de abril de 2006
Teles ” everywhere “
Por aquí todo trascorre ao seu ritmo: a primavera avanza, a Ana médralle a panza e eu apenas teño folganza.
No choio todo ben e agora temos un axudante chamado Cirilo ( nome que non lle imos pór ao Acedriño ).
Despóis fomos á piscina do YMCA e alí estaban cunha tele coa película da foto que, por certo, nunca mirei.
Si: unha tele na piscina !. Explícome. Neste país gústanlle as teles moito; por suposto que as teñen nas casas e non só unha ou dúas senón ata catro ou cinco dependendo da xente que viva alí. Agora empeza a habelas nos coches para os asentos traseiros. Na sala de máquinas do ximnasio hai catro en ringleira con distitas canles. Está ben porque ves algo mentes pedaleas ou andas na cinta. Onde non me parece moi normal é que haxa unha tele no vestiario pero habela, haina. O colmo é que agora, por se fose pouco, hai venres que poñen vídeo infantil na piscina. Xa puxeron unha vez ” Finding Nemo “ ( non lembro o título en cristiano ) e non tivo éxito que viñeron tres nenos e a media película morrían de frío. Como non aprenderon desa repitiron a xogada e hoxe xa habería uns catro ou cinco nenos que non se podían contar ben que non paraban e non lle facían caso á tele.
E iso e todo. Mañá falarei de libros e armerías.
posted by acedre @ 8:06 PM 9 comments
Sábado 8 de abril de 2006
Libros na armería
Hoxe choveu e caíron tronos un par de horas pola mañá. Ana tivo un curso de aprendizaxe tactil e kinestésico organizado polo instituto e Cris, Toño e máis eu fomos á armería de Warrenton. Si; aquí toda vila que se prece ten unha armería que nestes momentos de paz relativa serve tanto para bailes como para actos sociais coma o de hoxe que era a venda de libros descatalogados da biblioteca de Warrenton. Eu non merquei nada pero Toño mercou tres libracos que trataban de animais. O mellor son os prezos: libros de tapa dura a 1 $, libros de tapa branda a 50 centavos, revistas a 10 centavos, etc. Non dirás que son caros os libros. Este vai ser un detalle que vou extrañar deste país.
Un saúdo e a ver que poño mañá.
posted by acedre @ 7:55 PM 8 comments
Domingo 9 de abril de 2006
Arsenais e armerías
Teño que pedir perdón por non explicarme ben. Cando falei da armería fixen unha tradución directa de ” armory ” que tanto pode ser armería como arsenal e supoño que neste caso sería máis ben arsenal ou almacén de armas e non armería coma tenda de armas. Perdón. En vilas un pouco xeitosas é típico que haxa unha armory que sería o almacén ou depósito de armas da poboación. O que non sei é contra que inimigos gardarían as armas. Supoño que sería no tempo da guerra fría e que xa viña de cando tiñan medo que os invadisen os xaponeses aínda antes no tempo.
Non sei. Nas fotos de hoxe xa poño a ” armory ” de Warrenton onde non hai rastro de armas ( noutras aínda hai canóns nas portas ) e unha real armería ou tenda de armas de Wilmington NC.
Por outra banda dicir que o día de hoxe foi fresquiño pero soleado e andei a facer fotos pola vila adiante.
Ana mirou a táboa chinesa para predecir o sexo do Acedriño, mandada por torredebabel e o resultado deu que é neno. Fixemos a proba con máis rapaces coñecidos e nuns atina e noutros non así que seguiremos coa dúbida.
E de extra deixo unha foto sepia de Ana diante dunha casa de Warrenton que non é nosa. Mágoa.

posted by acedre @ 5:11 PM 9 comments
Martes 11 de abril de 2006
Amnistía para ilegais
Nestes días Bush está a falar dunha especie de amnistía para os 12 millóns de ilegais que hai no país. Hai xente a favor e xente en contra. A maioría está a favor e en moitas cidades hai manifestacións apoiando a legalización de tanta xente que vén a este país a gañar a vida.
Na foto está Carlos, o meu mestre; Chucho, unha forma de dicir Xesús en mexicano, e a súa dona Jessica que pequecha como é fai uns traballos esmerados ao cen por cen. Non me extraña que esta xentiña fose capaz de facer obras tan ben rematadas.
A filla de Chucho e Jessica chegou haberá dúas semanas e tivo que pasar polas montañas e acabou queimada da neve. O pai foi buscala a Arizona a ela e a un curmán e tróuxoos para Norte Carolina ( como din os mexicanos ). Para estes que chegaron agora non vai haber amnistía. Eu só espero que a amnistía lles chegue a estas persoas da foto que só con miralos traballar ben que o merecen.
posted by acedre @ 7:30 PM 6 comments
Mércores 12 de abril de 2006
É un Acedriño !!!
Tiñamos pensado o nome de Lía ( un dos nomes favoritos tamén para *sara ) se fose unha nena pero resultou ser un neno. O neno está ben e normal e Ana tamén. Ana dicía que ía ser un neno que tiña soños premonitorios. A min dábame na espiña que ía ser unha nena pero está visto que pronosticar non é o meu. Agora esperemos que todo siga o seu ritmo normal.
Ata mañá.
posted by acedre @ 7:06 PM 26 comments
Xoves 13 de abril de 2006
Coello de Pascoa
Neste país non hai rosca do padriño nen cousa parecida. Aquí o que manda é o coello de Pascoa cos seus cestos de presentes a vender nos locais comerciais e os ovos de chocolate de diversas cores e tamaños. Como tamén fan negocio de todo por estes lares, no centro comercial podes pagar por facer unha foto do fillo sentado no colo do coello de Pascoa como imitación dos Reis Magos ou o Papá Noel.
O costume do coello é moi antigo e vén de Alemaña e é anterior á cristianización e ten que ver máis coa chegada da primavera e a procreación que con outro asunto. Aquí podes saber máis deste costume.
Esta fin de semana nós non imos participar na busca de ovos organizada en Warrenton (nin na que hai na Casa Branca).

Tampouco imos a un pow-wow dos indios da zona. Nós imos a Wilmington, á praia, ao sur. Cris e Toño tiran para o norte. Eles van ás fervenzas do Niágara como unha parelliña máis de rulas.
Ata domingo ou luns.
posted by acedre @ 7:15 PM 14 comments
Venres 14 de abril: chegada a Wilmington
O venres fixemos a viaxe a Wilmington que está a unhas tres horas de Warrenton.
Da viaxe non hai moito que relatar. Cando chegamos ao Motel 6 deixamos as cousas e a Colín que iamos á praia máis cercana. Na praia facía moito aire e había unha chea de xente. Logo tomamos un café no Port City Java que foi unha cadea que visitamos bastante esta fin de semana. Aquí dan bós cafés e boas lambonadas e hai internet gratis anque isto último non o aproveitamos.
Logo volvemos ao hotel e démoslle unha voltiña a Colin no Greenfield Park onde fixen esta foto espectacular de solpor no lago cun alcipreste careco que nace na auga e o seu ” spanish moss ” pendurando.
posted by acedre @ 7:15 PM 3 comments
Sábado 15 de abril: repetido co ano pasado
Si. Este dia fixemos case o mesmiño co ano pasado. Almorzamos no Ihop. Logo fomos a Fort Fisher e alí collemos o ferri para Southport. Esta localidade encántame pola tranquilidade e por ser tan bonita. É un sitio ideal para xubilarse. Ana sae diante dunha casa adornada para o Easter co seu coello de Pascoa e demáis trapalladas.
Este ano tamén había a festa da primavera coma o ano pasado e había tenderetes con artesanía, postos de comida e concursantes de prebe de chili. Todo igualiño ca o ano pasado. Aparcamos ao lado do Visitor Center onde hai un carballo duns oitocentos anos que semella na forma un cervo deitado. Está retorto a propósito que os indios tíñano como marca de zona pesqueira. Demos un paseo pola costa e estaban as marisquerías acuguladas de xente e nunha había moteiros coas Harley aparcadas na entrada. Tamén había un mariñeiro limpando peixe e botaba os restos aos pelicáns que había na auga e que pedían de comer dando voltas.
Cando pasaron as horas de calor voltamos á praia de Fort Fisher no ferri e fixemos unha rota nun parque natural dalí. Parque natural curioso e dividido en dúas partes por unha especie de autopista para todoterreos que os americanos non poden andar dous quilómetros pola area.
O Colín acabou derrengado e tamén se lle cravaban nas patas uns pinchos e tiven que levalo no colo.
Volvemos para o hotel e deixamos ao Colín e fomos cear. No centro de Wilmington estaban os restaurantes cheos e había que esperar para sentarse así que rematamos no Carrabba’s que é unha cadea de restaurantes italianos algo careiros pero de moi boa calidade.
posted by acedre @ 7:32 PM 0 comments
Domingo 16 de volta
Pola mañá almorzamos no Ihop e logo, como estaba anubado, decidimos ir a Airlie Gardens. Pensabamos que era pequeno pero aínda é ben grandeiro. Ten un lago partido en dous e varias rotas por xardíns de camelias, prantas carnívoras, rosaledas, azaleas, xardín das bolboretas (Ana sae retratada alí), pérgola italiana, xardín de North Carolina, un carballo inmenso de 400 anos, un xardín adicado a Minnie a señora que estivo na porta por moitos anos e fixéronlle unha especie de capela con botellas de cores como se ve na foto. etc.

Despóis decidimos ir a Fort Fisher a xantar e fixémolo de mala maneira que había un feixe de mosquitos rabiosos que non nos deixaron tranquilos. Saiu o sol con forza e non corría chisca de aire e non tiñamos sombrilla nin nada. Bañamos a Colín e logo bañámonos nós. Estivemos un tempo na entrada da praia que hai unha especie de mirador cuberto de madeira e alí foi onde mellor estivemos en todo o día. Logo apareceu un grupo escandaloso de hispanos (a praia estaba chea deles) e marchamos cara Warrenton. Paramos en Rolesville a saudar aos arxentinos e logo fomos para casa.
E así foi esta fin de semana en Wilmington e bisbarra. Foi case un calco do que fixemos o ano pasado pero con mellor tempo este ano.
posted by acedre @ 8:07 PM 8 comments
Martes 18 de abril de 2006
Explicacións
Por aquí segue todo con normalidade: Ana e o Acedriño están ben e de vacacións esta semana que non hai escola porque é o “spring break”, unha forma politicamente correcta de chamar á semana santa así como no Nadal hai o ” winter break “.
A primavera está no seu esplendor e camiño do choio eu paso por este xardín xapo-americano xeitoso. E falando de prantas o outro día houbo algúns blogueiros que me preguntaban polo “spanish moss”. Pois ben, a pranta non é un musgo anque pareza que o di o seu nome senón que e unha especie de fías da familia da piña que se penduran das árbores pero que non as matan que só as empregan de soporte.
O nome ten varias posibles orixes e a máis extendida é a lenda de Gorez Goz, un malandro español que quería beneficiarse unha indiña e foi atrás dela. A india agabeou unha árbore e o outro seguiuna. Ela baixou por unha póla e o español quedou enganchado das barbas e morreu e daí quedou o nome da pranta. Esta é a versión máis extendida.
Logo está unha versión máis bonita que di que un español estaba namorado dunha india e a familia dela non estaba conforme e ataron ao pretendente a unha árbore. Dixéronlle que o soltaban se renegaba do amor que tiña pola india e el dixo que non, que nunca a desprezaría. Ao cabo dun tempo acabou morrendo o español de barbas vermellas e como mostra do amor eterno cara a india as barbas foron pasando de árbore en árbore polos tempos e tempos ata hoxe.
Podes quedar coa versión que prefiras pero que saibas que esa pranta decora as árbores e serviu dende roupa para os indios, ata material para construir…pasando por recheo de asentos de coche !!!. Que o saibas. Máis información aquí en inglés, sorry.
posted by acedre @ 6:47 PM 8 comments
Mércores 19 de abril de 2006
Esta tele americana…
No ximnasio aproveitei para mirar a tele mentes facía bici. Non sei como andará na terriña a tele pero aquí dá pena a mala calidade que ten. Nas novas falaban dos prezos da gasolina que agora anda polos 2,93 $ o galón (case 4 litros) e hai tres anos podíase topar gasolina por 1,29 $ o galón. Tamén falaban de Iraq e do escándalo da violación dunha bailarina negra por parte de tres xogadores de Lacrosse da universidade de Duke.
Como detalle simpático deixo aquí un anuncio dunha das múltiples igrexas deste país e a foto dunha igrexa de Warrenton cun nome que me soa catalán.
Ata mañá.

posted by acedre @ 8:13 PM 12 comments
Xoves 20 de abril de 2006
Fervenzas do Niágara
Mentres nós fomos esta fin de semana pasada ao sur, á praia; Cris e Toño tiraron cara ao norte e ata saíron do país que estiveron pola fronteira canadiana.
Eles estiveron nas fervenzas do Niágara e no día foron no barquiño que se mete debaixo do cachón de auga. Dixéronnos que o ruido é intenso e forte e sempre hai un ou dous arcos de vella como se ve na foto de abaixo.
Na foto de arriba pode verse de noite o panorama. Eu non sabía que as tiñan iluminadas pero non se lle pode negar unha beleza grandísima como grandes que son elas.

posted by acedre @ 8:31 PM 8 comments
Venres 21 de abril de 2006
Suicidas e rañaceos
No posteo anterior había comentaristas que falaban dos rañaceos e de valados antisuicidas e unha combinación pode verse nesta foto do 2004. O Toño fíxonos a foto a Cris máis eu no Empire State Building en Nova York (Ana ten vértigo e non quixo subir). Detrás nosa está o valado que aínda segue un anaco para arriba e está dobrado cara ao edificio para evitar suicidios.
A xente gusta moito de suicidarse en sitios coñecidos como o Empire State, o Golden Gate de San Francisco ou mesmo a ponte de Rande ou a Internacional de Tui (construida polo francés Eiffel).
Hai dous tipos de persoa que se bota nas fervenzas do Niagara: os suicidas e a xente que quere ser famosa. Na fervenza do lado estadounidense non sobreviviu ninguén dos que se botaron por ela pero na canadiana en forma de ferradura sobreviviron alguns (hai museu, por suposto) e ata houbo un que se botou dúas veces e na segunda ocasión foi coa noiva !. Só houbo un home que sobreviviu sen levar nada de protección e tivo que pagar multa por gastos nos equipos de emerxencia !.
Un saúdo e desfruta da vida. Deixa que os tolos sexan os outros.
posted by acedre @ 8:58 PM 10 comments
Sábado 22 de abril de 2006
Día da Terra e aniversario de ” Eu e os EEUU “
Hoxe é o día da Terra e aquelas palabras do xefe indio Seatle ao daquela presidente dos EEUU seguen vixentes e nunha situación máis apurada aínda.
Tamén hoxe hai un ano que empecei co este blogo de maneira tatexante e toupeira. Menos mal que fun aprendendo un pouco, non ?.
Un saúdo de fin de semana.
posted by acedre @ 6:29 PM 16 comments
Domingo 23 de abril de 2006
Libros e vagalumes
Hoxe foi o día do libro alá por España. Nos EEUU non houbo esa celebración que non sei cando celebran. Na foto de arriba saen dúas caixas cheas de libros usados que alguén deixou para que a xente aproveitase nun mercadillo de maioría hispana e semelloume unha boa idea. Outra idea que me gustou foi a ideada polo Náufrago do concurso para escoller a verba galega máis bonita. A palabra vagalume saiu gañadora e hai que recoñecerlle a beleza anque non se lle pode negar a beleza ás outras palabras concursantes. E o que lle comentei eu: nos concursos de misses só gaña unha pero non se lle pode negar o mérito ás outras.
Eu téñolle moito cariño aos libros e na foto de abaixo poño o último libro que me agasallou miña moza polo meu aniversario…e non teño máis remedio que querela, nonsí ?.

posted by acedre @ 7:45 PM 5 comments
Luns 24 de abril de 2006
Aletazos de bolboreta
Ana empeza a sentir os movementos do Acedriño. Ela di que son suaves coma o roce dunha bolboreta.
Ana consulta moitas páxinas na rede adiante e máis ou menos coinciden en dicir que a partir da semana 18 empezan a sentirse os estrabuxos da criatura.
Se fosemos norteamericanos ao mellor mercabamos o aparato para oír os latexos do neno e poder gravalos…pero non nos dá por aí.
A ver mañá que novidades hai.
posted by acedre @ 8:20 PM 8 comments
Martes 25 de abril de 2006
Relixión rockeira
Coma sempre, perdo as boas festas e non vou ir a esta na igrexa EN LUME; nome ben rockeiro para un santuario. Quen sabe que relixión será esta e se está incluida nos mapas topados por Nemeth sobre as relixións nos EEUU. Iso si, aparte das misas sempre se pode ir de excursión cos rapaces no bus mentes dan charlas aleccionadoras.
E agora vou desconectar que vai vir unha treboada eléctrica de mil pares.
Mañá a ver que poño.
posted by acedre @ 6:50 PM 9 comments
Mércores 26 de abril de 2006
Lenda de Popocatepetl
A semana pasada fomos cear ao restaurante mexicano “El río” en Norlina que está perto e cómese ben. Os restaurantes mexicanos acostuman a estar pintados e adornados con cores vivas. Outro costume que teñen é o de pintar murais con motivos indíxenas ou do campo mexicano. Neste de Norlina hai un mural onde se ve unha muller morta e un indio velándoa. Cris díxome que hai unha lenda ao respecto e informeime. Resulta que había unha princesa azteca chamada Iztaccihuatl que estaba namorada dun guerreiro chamado Popocatepetl pero o pai dela non estaba conforme co este amor así que mandou ao guerreiro a unha guerra. A princesa agardou por el pero chegoulle a nova de que morrera no combate e ela rematou morrendo de tristura. Cando Popocatepetl regresou topou a sua namorada morta así que a levou fóra da cidade, fixo unha fogueira e quedou velándoa ata que tamén el morreu. Os deuses compadecéronse dos amantes e cubríironnos de neve e trasformáronos en montañas. Na actualidade pódese ver unha montaña coa silueta dunha muller deitada chamada Iztaccihuatl (muller branca) velada polo volcán Popocatepetl.
Aquí podes ver esta lenda e cadros relativos a ela.
Mañá supoño que xa non choverá.
posted by acedre @ 7:15 PM 13 comments
Xoves 27 de abril de 2006
Morojo
Houbo blogueiros que se queixaron pero ninguén é perfecto e os académicos da RAE non son unha excepción e se intentan meter no dicionario unha palabra galega 100% que máis falla de profisionalidade poden ter ?.
Proba a consultar a palabra “morojo“.
posted by acedre @ 8:40 PM 9 comments
Terra de indios
Non podo negar que me gusta o mundo dos indios. Será un resto da infancia ou a influencia mediática pero teño aprezo aos indios e a todo relacionado co eles. Na foto do ano pasado estou cunha india monacan no Natural Bridge en Virxinia.
Irei contando cousas do libro que me mercou Ana que non ten desperdicio. E aquí deixo un vídeo gravado o ano pasado dun powwow dos Haliwa-Saponi, os indios deste condado. No vídeo entran os indios a bailar cos seus traxes rechamantes.
Mañá os alumnos de Ana teñen o baile da “prom” ou promoción na “armory”. Ela vai axudar ao fotógrafo e aproveitará para facer fotos.
Ata mañá.
http://www.youtube.com/watch?v=VuihYdOXo_c
posted by acedre @ 7:35 PM 1 comments
Venres 28 de abril de 2006
Prom
O prometido é débeda e aquí van dúas fotos da preparación do “prom” que non é outra cousa que un baile dos estudiantes dos últimos cursos do instituto. Eles e elas van vestidos a todo trapo (nunca mellor dito) e gastan montes e moreas en traxes, fotos, souvenirs (chaveiros con foto) e incluso aluguer de limusina.
O lugar do baile é o arsenal de Warrenton e nestes momentos están a bailar música a todo volume pinchada por dous pinchas. O baile acaba ás doce da noite e logo as mozas xa se poñen cómodas e van a outros sitios que xa saberán elas.
Como esta é unha sociedade plural pódense ver alumnos nativos Haliwa-Saponi debaixo do arco dos globos e afroamericanos na foto de abaixo vestidos para a ocasión.

posted by acedre @ 6:58 PM 8 comments
Domingo 30 de abril de 2006
Paseos pola zona
Onte iamos facer un percorrido por casas restauradas nesta zona pero cobraban 25 $ por cabeza e pareceunos esaxerado. Iso si; puidemos visitar a casa Jacob Holt que sae na foto de abaixo. Alí había unha exhibición de cobertores ou “quilts” e algunhas antiguidades aparte de libros das “Fillas da Confederación“. Á noite fomos cear á casa dos arxentinos e á volta había un feixe de cervos repartidos polo camiño e varios cruzaron diante do coche. Tamén esquivei unha “zarigueya”.
E hoxe fomos ao Durant Nature Park e fixemos varios percorridos que non facía moita calor. Ana camiñou sen problemas e o Colín tamén.
A ver mañá que novidades hai.

posted by acedre @ 6:45 PM 7 comments
<!– Blog contents copyright © 2004 Your Name Here –>



























