Xuño 2006 e despedida do blogo

Xoves 1 de xuño de 2006

Caseiros

Este señor que saúda á cámara foi o noso caseiro o primeiro ano. Un dia foi el e a xente da igrexa metodista dona da casa a recibir a Ana con agasallos para a casa coma cubertería, menaxe de cociña, mantas, pilas, unha cafeteira, etc, etc. Bueno, coma nas películas. Só faltaba a torta. Este caseiro foi mui bo conosco e estivo en Vietnam case enganado. Agora ten problemas respiratorios das trapalladas que botaron naquela guerra e traballa a tempo parcial nunha gasolineira e nun reformatorio. Ten o título de alcalde de Macon pero en verdade é pedáneo dunha aldea de 110 habitantes.

Por outra banda, hoxe recibimos a visita do actual caseiro. O apelido é Harris igual e estudiaron ambos na mesma escola pero son persoas ben distintas. O Carroll e un home bo e simple e o noso caseiro actual (xa por pouco tempo) é un terratenente con casas, terreos e negocios que ten na oficina unha frase enmarcada: Se non queres morder o po vai por diante dos outros. Nada, o perfecto porco de pé. Recibiunos cos pés por riba da mesa, a viseira encrustada e case nin nos mirou para a cara e cando asinamos o contrato tamén tivemos que anotar ao Colín como habitante da casa. Hoxe mirou a casa e quedou conforme co estado dela e ata nos desexou boa sorte no futuro pero coa boca case sen abrir e sen sentilo de veras.

Para que mires que no mundo hai de todo.

posted by acedre @ 7:59 PM 9 comments   

Domingo 4 de xuño de 2006

Lío cos billetes de avión

Esta fin de semana foi movida, movida.Venres unha señora confirmou que mercaba o noso coche e logo tivemos que ir ao aeroporto que había problemas cos billetes. Polo camiño caiu unha treboada xa case rotinaria nesta época do ano. No aeroporto ” atendeunos ” unha tal Georgia do US Airways e díxonos que tiñamos que voltar o sábado que estaba todo aberto. Sábado fomos e atendeunos unha tal Katherine Dunn e deunos os billetes pero que o can non o levaban. Díxonos que tódalas compañías tiñan embargo de verán. Preguntamos en Continental e un tal Bill Raudenbush dixo que eles levaban cans pero como carga. Volvemos a US Airways e atendeunos Vickie S. e xa nos puxo os billetes saíndo de Raleigh e voando con Continental. Logo fomos a Continental e Lisa B. díxonos que estaban os billetes confirmados e logo Ana chamou para confirmar o vó do Colín. Temos que levalo cedo o día 17 e pagar tropecentos dólares por el ( a prezo de marisco non, de angulas ). Buscamos onde tiñamos que levalo e dixéronnos que alí non era que tiñamos que levalo a facturación normal. O día 17 quen sabe que pasará. En resumo: parés que saímos o 17 pero non sabemos se está ben todo. Despóis fomos visitar os arxentinos á piscina e á noitiña ceamos unha barbacoa. E hoxe domingo xa foi máis de relax.

posted by acedre @ 7:25 PM 11 comments

Luns 5 de xuño de 2006

O monstro do verán

Cando veño camiñando do choio sempre miro este dinosaurio de edreiras que mete medo. Un monstro destes é o que lle ataca ao Colín coas calores do verán. Con que teña unha pulga ou un carracho xa a ten montada. Esta noite pasada non nos deixou durmir que lle proía o cu. A ver hoxe se nos deixa durmir.
Aparte diso hai outros monstros como a incompetencia dos traballadores dos aeroportos que din que temos que mandar o can outro día que o veterinario de Madrid non traballa nin venres, nin sábado, nin domingo. Seica non o sabían no momento de facernos os billetes. O máis seguro é que cheguemos os tres o domingo 18 a Madrid, Ana máis eu durmiremos en Madrid e o luns de mañanciña recolleremos o can no aeroporto. A ver se o conto remata así.
Agora o Colín está durmindo co Concerto de Aranjuez ( a ver se lle dura ).
Deséxanos boa noite aos tres. O Acedriño parece ir por libre e dorme cando lle peta e non necesita tranquilidade.

posted by acedre @ 7:46 PM 8 comments

Martes 6 de xuño de 2006

Piratas en Carolina

Hai uns dias viñeron actuar uns colombianos chamados ” Sonora Dinamita ” ao antro de Norlina. Unha rapaza do grupo leva un parche na foto e non sei se lle explotou un cartucho desa dinamita sonora ou a rapaza é unha pirata. Podes crelo porque houbo mulleres piratas por eses mares. E falando de piratas, o famoso Barbanegra tiña a súa base na costa de Carolina. Nesta páxina fálase del ( topeina en español ) e nesta outra ( tamén en espanñl ) saen distintas bandeiras piratas porque cada un tiña a súa.

Dende logo vou botar en falta estas terras coas súas cousas curiosas.

Mañá é outro día, nonsí ?.

posted by acedre @ 8:21 PM 5 comments

Mércores 7 de xuño de 2006

Normas para coñecer un lugar

Esta foto topeina na interrede e non é miña pero podería selo que foi feita neste estado hai tres anos.
Topei unha páxina dunha parella que percorreron 50 estados dos EEUU e fixeron moitas fotos e comeron moitas tortas e coñeceron moita xente.
Na páxina teñen escritas unhas normas que máis ou menos nós tamén tratamos de seguir.

As normas son:

1- Observa o mundo real. Sae fóra das estradas principais.
2- Come tortas. Come onde comen os lugareños. Evita os restaurantes de franquicia. Escolle mellor a comida feita a ritmo lento que non a comida rápida.
3- Mira as vistas que outros perden. Non precisas visitar moitos parques temáticos.
4- Planea desfrutar co inesperado. Cando hai algo que che pareza interesante, investígao.
5- Proba novas cousas, novos lugares, coñece nova xente, nova comida, novas experiencias, etc.
6- Detente e cheira as rosas…ou a flor que sexa. Non hai présa. Desfruta a viaxe.
7- Pensa de maneira local. Escoita emisoras locais. Le periódicos da zona e mira televisión local.
8- Tira o mellor de cada situación. Se algo che semella aburrido, volve remiralo.
9- Anda fino. Mantente seguro. Está alerta. Fai deporte diariamente. Circula co depósito cheo de gasolina.
10- Conserva a experiencia. Mantén un diario. Garda lembranzas … e tira un feixe de fotos.

Seguindo estas normas máis ou menos un pode chegar a ser un viaxeiro. Se non se seguen un non pasa de ser un turista.
E co esta ración deste país despídome ata mañá ( se blogger quere que tamén iso é outra ).

posted by acedre @ 8:15 PM 7 comments

Xoves 8 de xuño de 2006

Cirqueiros e tiraboleiros

Dende logo hai que nacer para facer determinados choios. Lembras Carlos, o meu mestre que sufría ataques de misteriosos chupacabras de fin de semana ?. Pois topou choio. Non traballa no circo pero pouco menos. Adícase a pintar depósitos de auga coma o da foto que é o de Warrenton pero duns meses atrás e con neve. Parece ser que cobra ben pero a min iso de subir a esas alturas e pintar por fóra e por dentro gañando case 1000 $ por semana como que non está feito para min.

Estes días estiven axudando a encher moldes con cemento e enchémolos cunha especie de formigoneira pendurada que semella un botafumeiro. O outro día tocoume acabala de baleirar e aí me miras pendurado e amarrado dunha man e cunha pá na outra dando voltas pola fábrica coma tiraboleiro ido a menos. Vamos, que xa non estou para esas circadas.

Polo resto máis ou menos ben. O Colín xa ten vó para o mércores que vén e quedará en Madrid na casa duns familiares ata o domingo que o recollemos. Hoxe tamén fomos á graduación da filla dos arxentinos e rapaces como son que non chegan aos doce anos e xa van disfrazados con toga e o sombreiro típicos.

Pois ata mañá que escribirei no noso portátil xa que este emprestado da escola para Ana hai que devolvelo.

Deica mañá.

posted by acedre @ 7:46 PM 8 comments

Venres 9 de xuño de 2006

Loitando contra as forzas da natureza

Estes tempos de calores incitan a pensar na praia e o frescor da costa.

A costa de Carolina é longa e aberta. As praias son areais longos e sen rochas pero o océano é bravo aquí. Hai moitas tempestades no inverno e no verán non son raros os furacáns coma o Isabel de hai tres anos.

A primeira vez que lin algo de Carolina era eu un rapaz e tiñan meus pais na casa ” El mundo de los niños “, dez tomos variados falando de todo cunha linguaxe sinxela e entendible. Falaba de North Carolina e do cemiterio do Atlántico que formaban os praceres perto das praias ( praceres son areais poco fundos ), un verdadeiro perigo para os barcos que embarrancaban. E para evitar estes praceres puxeron faros aquí e acolá e un deles é o de Hatteras que é famoso porque como estaba en perigo de destrución polo mar que comía a costa non se lles ocorreu outra cousa aos estadounidenses que desprazalo uns centos de metros nunha obra case faraónica descrita aqui.

A min os faros sempre me atraeron e teñen un toque de novela de aventuras que chega ao fundo.

Na foto non sae o faro do cabo Hatteras que non localizo a foto nos nosos arquivos. Sae un faro en Miami ao que lle fixen a foto co sol mesmo onde iría a luz.

Ata mañá que toca a graduación dos alumnos do instituto de Ana e algo hei contar.

posted by acedre @ 8:44 PM 8 comments

Sábado 10 de xuño de 2006

Graduación 2006

Hoxe tocou fin de curso coa graduación. Nós estivemos controlando nunha cancela que non entrase xente no campo de fútbol e o público quedou nas gradas. No campo de fútbol están os que se gradúan e dous convidados graduado.

A cerimonia empeza coa entrada dos graduados no campo. Logo veñen discursos do director, dun alumno que se gradúa e dun antigo alumno que prosperou na vida e que trata de incitar aos rapaces ao estudio. Hai un par de himnos e logo a entrega un por un dos títulos dos alumnos con fotos. Ao final, todos botan os seus gorros ao aire e botan serpentinas, esprais e papeliños.

Home, en Suecia fan unha graduación bonita e con máis parranda…pero éche o que hai.

Ata mañá. Supoño.

posted by acedre @ 6:50 PM 9 comments

Luns 12 de xuño de 2006

Ishi, o derradeiro indio salvaxe

Hoxe a miña compañeira Goya contoume como vivía en Guerrero, México, antes de vir para o ” norte “. Vivía sen luz e sen auga e durmía debaixo dunha árbore. A casa que tiñan só valía para gardar cousas. Non cultivaba nada a familia que era ” puritito ” deserto todo. Tiñan unhas pitas pero cazaban moito no deserto. Nunha ocasión foi a unha vila en burra e fixóselle tarde para voltar e quedou a durmir na casa dunha señora. Na casa había moita luz e non estaba acostumada a iso. Aparte a neveira facía moito ruido e ela estaba afeita aos paxariños do deserto e non a eses ruidos da civilización. Agora que está no ” norte ” non quere regresar a aquelas terras que di que son terras de indios.

E, falando de indios, lembrei a Ishi, o derradeiro indio salvaxe dos EEUU. Ishi era membro dunha tribu case aniquilada que vivía polas serras de California. Foron quedando menos e cando morreu a nai de vella el quixo morrer. Apareceu nunha granxa e chamaron ao sheriff. Ishi non sabía falar máis ca o seu idioma e viviu na caácere ata que o recolleron uns antropólogos dunha universidade. O seu nome significa ” home “ na súa lingua e non se sabe o verdadeiro nome del porque era tabú dicir o propio nome unha persoa. Levárono á universidade e viviu cinco anos máis ata que morreu de tuberculose. Nese tempo mostrou como facer arcos, como facer lume, como facer unha chouza e como sobrevivir nas serras. Coa súa morte en 1916 desapareceu unha cultura e un modo de vivir totalmente alleo á civilización occidental.

Na foto está Ishi ao pouco de descubrilo. Nesta páxina en español din máis ou menos o que contei eu. Nesta páxina en italiano saen máis fotos e algo da historia dos indios en xeral e Ishi en particular.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:30 PM 15 comments

Martes 13 de xuño de 2006

Adiós México lindo

Hoxe foi o meu último día de choio. Na foto están Poncho ( Alfonso ) que é o máis gordiño e Enemías que é o que digo eu que semella Jonhy Depp ( amplía a foto e dime se non ten un aire co el ). O Poncho é ” baterista ” nun conxunto musical que debe de ser do estilo dos grupos desta ligazón que non ten desperdicio. No choio estamos sempre con La Ley de las Carolinas. A música é bastante pachangueira pero acabo un por acostumarse e hai algunha canción que é simpática e todo coma a do sirenito.Se queres disfrutar dun mix de pasito durangués de dez minutos aquí podes escoitalo. Se non o fas enténdoo perfectamente.
http://www.youtube.com/watch?v=K9YWechtQUU
E neste día paso páxina á miña relación con xente mexicana.
E agora vou durmir que hai que madrugar para levar a Colín ao aeroporto.
Miña irmá, a raíña Kasege, vai ir buscalo a propósito a Madrid. Dende logo, teño unha irmá que ben vale un reino imaxinario ou real.
Ata mañá.

 

posted by acedre @ 8:11 PM 9 comments

 

Mércores 14 de xuño de 2006

Carolina on my mind

Xa queda pouco para deixar este país. O Colín vai nestes momentos camiño de Madrid e a nós tócanos o sábado.

A verdade é que un acaba collendo cariño aos sitios onde vive e nós non o pasamos mal; a comida un pouco mala pero do resto case non houbo queixa.

Este estado de Carolina do Norte é un chisco máis grande ca Portugal e ten montañas ao oeste, chairas e semichairas de tabaco, algodón e cada vez máis bosque no centro e costa pantanosa e chea de mosquitos ou costa de praias longas e ao mar aberto no leste.

Neste blogo tratei de comentar a nosa vida aquí e tocar temas relacionados cos EEUU e detalles curiosos ( polo menos para min ). Pasou o tempo e agora toca deixar esta terra. O que si teño claro e que cando escoite esta canción sentireina no corazón.

http://www.youtube.com/watch?v=ph-dncciBMQ

posted by acedre @ 6:59 PM 18 comments

Xoves 15 de xuño de 2006

Fin do eueoseeuu

Na foto está o Colín o día de onte cando ía marchar para a terriña. Chegou hoxe alá sen novidade pero marearon a miña irmá e o meu cuñado por problemas de papeis e tras unhas horas de líos deixaron que levasen ao can.

Nós por aquí seguimos cos preparativos da marcha: que se dar de baixa a auga, cambiar enderezo na oficina de correos, mandar algún paquete de última hora, pedir documentación no instituto, pechar a conta do banco, doar roupa, entregar a matrícula do noso coche, comprobar que se aceleras no coche de aluguer a radio sobe de volume !!!, etc, etc.

Aínda así tivemos tempo para irmos ao YMCA por última vez e despedirnos de Adán, Heather, Dennis ( que quere mandar un cheque para o Acedriño ) e Bob, o sicólogo que fala español moi, moi despacio e está ledo que se xubila en dúas semanas e pode adicarse a escribir novelas de ficción.

E mañá entregamos o módem ao Correcamiños, o noso servidor de interrede, e quedamos sen internet.

Así que hoxe é o último día que escribo desde este país neste blogo ( resístome a escribir derradeiro día ) para agradecer a todos os vosos comentarios e o interés mostrado por min e a miña xente. Tamén teño que agradecer o cariño e a calor humana que nos destes neste tempo tan lonxe da terriña e da familia e amigos.

E, xa para rematar, dicir que o novo blogo pasará a chamarse leoeosseus e xa podedes imaxinar de onde vén o nome do blogo. Cando o poña a andar xa vos enteiraredes.

Ata pronto. Sodes demasiado.

posted by acedre @ 7:25 PM 58 comments

Venres 4 de agosto de 2006

Novo blogo en marcha

Quen queira seguir as andainas de Leo e a súa familia xa pode facelo en leoeosseus.blogspot.com

Lémonos…

posted by acedre @ 11:08 AM 7 comments

 

Leave a Reply