Maio 2006

Luns 1 de maio de 2006

Luns primeiro de maio de 2006

Neste país é un día laborable máis, ao contrario que na terriña ou en México que é festivo.
O máis curioso é que a orixe desta festividade do día do traballador é norteamericana. Todo ocorreu hai máis de cen anos cando traballadores esixiron a xornada de oito horas en troques da de doce horas. Houbo manifestacións, mitins e unha explosión dunha bomba que provocou un xuizo entrampullado e o aforcamento de oito líderes sindicais.
Aquí este dia había marchas de protesta dos inmigrantes ilegais por todo o país. A fábrica de caixas onde traballei hai dous anos hoxe non abriu as portas. En cambio, na nosa empresa ninguén faltou e o xefe aledouse e mercou pizzas para todos.
Dende logo foi unha forma curiosa de celebrar o día do traballador.

Na foto pódense mirar traballadores hispanoamericanos facendo equilibrios sen ningunha medida de seguridade nunha casa en construción o sábado pasado.

posted by acedre @ 7:25 PM 11 comments   

Martes 2 de maio de 2006

Votación para sheriff

Hoxe escóllese sheriff en Warren County e outros condados.

O Pepe mandou o can da foto para facer campaña por min e recibín apoios doutros blogueiros que me fixeron un cartaz ou mesmo a estrela de sheriff. Pero, a pesares de tantos apoios, non son quen de competir contra o candidato de garavata patriota, nin contra o actual sheriff que agasalla ás pizzerías con almanaques da oficina do sheriff ou contra o candidato que reparte caramelos e lambonadas no desfile do Nadal ( como sae na foto de abaixo ).

Cando saiba o resultado xa vos informarei.

posted by acedre @ 6:46 PM 14 comments

Mércores 3 de maio de 2006

Orgullo de ” colos vermellos “

O resultado das elecións para sheriff están aquí: recunca o sheriff por outros catro anos e xa leva un feixe e os outros candidatos quedaron atrás. O da garavata patriota quedou o último dos cinco aspirantes pero non por ser negro que o sheriff é preto tamén.
Agora quédalle o choio por diante que non é moi compricado neste condado rural onde a xente ata pon carteis nos alboios dicindo que están orgullosos de criar porcos. Se non fose porque aquí vive un 75 % de negros este condado sería ” redneck ” de cheo. ” Redneck ” significa colo vermello e esa era a cor do colo do uniforme sudista na guerra civil norteamericana. Agora esa palabra quedou co significado de pailán e habitante do rural que se dedica a cazar, facer barbacoas, beber cervexa, presumir de tractor e disfrutar cos deportes ” redneck ” coma o ” mud bog “ onde meten os coches nun lameiro inmenso para risa do público.
Aquí levan con humor isto de ser “redneck” e incluso hai unha revista adicada a este mundo.
E deixo aquí o tema que teño que durmir.

posted by acedre @ 8:01 PM 6 comments

Xoves 4 de maio de 2006

Nube de palabras

É tarde e teño que ir para cama. Non podo acceder ás fotos porque Ana está a durmir e ten o ordenador 1 apagado. Busco algunha imaxe das que teño eu e topo esta dunha nube de palabras. É doado de facer e queda bonito. Se queres podes facer a túa nube aquí en Snapshirts.

Ata mañá, quizabes.

posted by acedre @ 8:15 PM 3 comments

Venres 5 de maio de 2006

Cinco de maio

Hoxe foi o dia cinco de maio e en México celebran a batalla de Puebla que foi cando venceron aos franceses no seu país.
Fomos cear os catro ao Hooters ( cinco contando o Acedriño ) que un non pode marchar deste país sen probar este restaurante famoso non pola calidade da comida senón polas camareiras que ata hai pouco eran escollidas polo físico ata que houbo unha queixa e agora deixan traballar a rapazas máis variadas.

posted by acedre @ 8:57 PM 7 comments

Sábado 6 de maio de 2006

Xente estragadora

Hoxe fomos Ana máis eu a Rocky Mount. Temos que vender o coche e había un profesor filipino interesado en miralo e fomos ata esa poboación para mostrarllo. El non dixo nin que si nin que non e quedou en chamarnos. Xa decidirá cando queira.

O camiño a esta poboación é longo ( 45 millas, máis ou menos 60 quilómetros ) pero pintoresco. Pásase por zonas de bosques, outras de pastos, a casa das latas, casas ailladas e poboacións pequenas. Hai unha casa que sempre me admirou pola cantidade de xoguetiños que ten aparcados fóra e un día fíxenlle unha foto. Ese dia faltaba a moto acuática pero o resto dos xoguetes estaban: un jeep, un quad, un deportivo antigo, unha lancha e un descapotable. Non sei a ti pero a min seméllame demasiados vicios e estragar cartos tontamente, non ?. E nós a regatear polo coche.

posted by acedre @ 6:57 PM 8 comments

Domingo 7 de maio de 2006

Orixe do día da nai

Hoxe galicea por aquí ( chove coma na terriña ). Nos EEUU hoxe non é o día da nai. O día da nai é o segundo domingo de maio. E dirás: que manía que teñen os estadounidenses de cambiar a data das celebracións…ou seremos nós?. Pois neste caso somos nós os que modificamos a data porque a celebración do día da nai é un invento estadounidense. Si. Nos tempos antigos había celebracións en honor a nai ( coma os gregos en honor a Rhea, a nai de tódolos deuses ) pero non chegaron a callar. O que si chegou a callar foi a proposta de Anna Jarvis, unha muller que lle prometeu a sua nai que criaría unha celebración para tódalas nais do mundo e tardou nove anos en conseguilo. E así no presente celebramos este día ( variando as datas ) en case todo o mundo con craveis, agasallos ou poesías. Curiosamente a tal Anna Jarvis non chegou a ser nai nunca pero recibiu moitísimas postais de felicitación ata o ano que morreu.

Na foto esta miña nai coidando de min e Ana o verán pasado.

posted by acedre @ 3:17 PM 7 comments

Luns 8 de maio de 2006

Agallope do galiceño

Cando chegou Hernán Cortés a terras mexicanas para conquistalas levaba uns cabalos duros, obedientes e nada esixentes en coidados. Os cabalos que levaba eran galiceños: unha mistura de garranos portugueses con ponis galegos. Aos mexicanos gustáronlles estes cabalos e a raza expandiuse polo país ata hai case cincuenta anos que entrou nos EEUU e agora hainos neste país tamén. E así sangue de cabalos galegos corre por cabalos estadounidenses.

E isto todo ven a conto de que o sábado pola mañanciña había silencio na casa e arrimei a orella á barriga de Ana. Despóis de esperar un chisco puiden sentir un agallope lonxano e rápido: o corazón do Acedriño. Ese momento foi a primeira vez que sentín ao meu fillo, pedindo paso a este mundo co sangue novo dun cabalo que non é galego nin é americano; que e galiceño. E gustoume.

posted by acedre @ 7:22 PM 19 comments

Mércores 10 de maio de 2006

Preparándose

Temos notiñas pegadas ás cousas que imos vender para cando marchemos. Outra xente é capaz de vender a chatarra da foto ( de feito o coche da dereita xa o venderon ). Nós pomos á venda sofás, lámpadas, unha mesa, sillas, un espello grande, microondas, torrador, etc, etc, aparte dos tres coches.

No choio todo ben. Un compañeiro agasallou ás companheiras con galletas porque hoxe é o día da nai en México. O Andy é unha máquina imitando animais e cousas e fai o asubío do tren que parece que pasa pola fábrica. Tamén remeda ao paxaro tolo ( o peto aquel dos debuxos ) e quere venderme unha ” guagua verde por tu no caminar al trabago “. Pero xa lle dixen que marchaba nun mes e non me insistiu. Tamén llo dixen ao encargado e é un home con curiosidade e preguntoume para que vale un rei. O encargado coleciona moedas e pediume aí atrás moedas e leveillas. Díxenlle que o rei está nas moedas e nos selos e que non fai máis. El calou e menos mal que non me dixo o que me dixera outro mexicano hai dous anos: ” ¿ Y si no hase nada por qué no lo fusilan ? “.

posted by acedre @ 8:49 PM 13 comments

Xoves 11 de maio de 2006

Xoves de reparto de comida

Os xoves toca reparto ao lado do traballo. Mentres nós traballamos lixando e reparando moldes de madeira para encher de cemento fóra hai unha restra de coches que poden chegar aos cen. A maioría teñen identificacións de que os conducen xente discapacitada. A xente fai a súa espera tranquilamente dentro do coche e van avanzando. Na porta do almacén uns vontarios van metendo alimentos no maleteiro ou na parte de atrás do coche e o beneficiario pode marchar.
Eu tiña gañas de facerlle unha foto ou un minivídeo a este ritual pero no choio non teño a cámara.
Esta situación é a outra cara deste país desenrolado e rico.
E todo isto vén polo vídeo que mirei no blogo de Imeneo onde unha nena arxentina chora porque non ten nada para comer na casa. Triste, real e impresionante.

posted by acedre @ 7:40 PM 7 comments

Venres 12 de maio de 2006

Cans viaxeiros

O Colín ultimamente non quere saír moito da casa. No mediodía fai calor e non quere saír. Pola noite sae ben e na mañá hai veces que o teño que sacar á forza. O que si lle gusta é ir mercar a pizza dos venres ao Milano’s. Por que será que aos cans lles gusta andar en coche ?. Aquí poño fotos de cans viaxeiros nesta zona de Carolina.

posted by acedre @ 8:54 PM 6 comments

Sábado 13 de maio de 2006

Traballos ” duros ” nos EEUU

Un dos traballos máis extraños que teño mirado na miña vida é o traballo de manequín. Pois si, algúns comercios teñen manequíns vivos e reais para sorpresa de pailáns coma min e abraio e mofa para rapaciños que non deixan de chimpar diante do sufrido traballador e de facerlle acenos e toquetear no cristal para que lles faga caso. Pero os manequíns son uns profesionais e fan ben o seu traballo de estatua e case nin respiran e podes facerlles unha foto coma se fosen guardas ingleses. Non sei pero para min que é unha das formas máis aburridas de facer uns cartiños que pode topar unha persoa.

Cambiando de tema. A xente di que os centros comerciais xigantes tipo Walmart, Target nos EEUU ou Alcampo, Carrefour, etc, na terriña; rematan con postos de traballo e eu estou de acordo e por exemplo podo dicir que aquí nalgúns Walmart xa nin hai caixeiros e o cliente ten que coller a súa compra nos anaqueis, levala á caixa, escaneala, pesala, metela nas bulsas e aínda por riba, pagar por todo este traballo. E non penses que podes marchar sen pagar ou facendo trampa. Ca. Non podes que tés unha camara do Gran Irmán na túa testa filmando a acción aparte dos fandelos nacional e estatal para lembrarche o respetiño que tés que gardar coa legalidade.

Na foto de abaixo están Cris e Toño pagando nunha caixa desas e na foto de arriba está un manequín real de carne e ósos.

posted by acedre @ 8:17 PM 16 comments

Domingo 14 de maio de 2006

Sarabiada e tornados

Hoxe empezou a mañá con tronos e sarabia bastante gordiña e estivo todo o día así: con momentos de calma e treboadas que metían medo. Hoxe tamén houbo avisos de tornados que cando o din no inglés de aquí sóame que falan da miña patria chica. Agora xa é noite e rematou o día este da festa da auga. Síntoo pola xente que celebraba o día da nai ( aquí é hoxe ).

Na foto podes ver o mapa desta zona de Carolina ( a man está no Warren County ) onde ás seis e media estaba moita da zona con avisos de tornados e tormentas eléctricas. Ana ten no seu ordenador o pronóstico do tempo que lle gusta escoitar falar a Greg Fishel da WRAL. Por fortuna non pasou nada, Ana quedou sen piscina ( aquí din que a piscina atrai os raios e péchana por precaución ) e non houbo máis novidade.

Ata mañá. Supoño.

posted by acedre @ 6:47 PM 5 comments

Luns 15 de maio de 2006

Honey we’re killing the kids


” Cariño, estamos matando os fillos “ é o título dun programa da cadea TLC onde unha doutora con cara de pau ensina a unha familia como alimentarse de maneira sá e coller hábitos sans como ver menos televisión e facer máis movemento. Primeiro vese a familia actuando con normalidade e logo a doutora ensina unhas imaxes de ordenador onde se ve como envellecen os fillos e o mal que poden rematar se seguen con malos hábitos alimenticios e sen practicar ningún exercicio. Cando se ven esas imaxes do neno con oito anos agora que chega aos corenta careco e gordo coma un bocoi é cando a nai deixa esvarar unha bágoa e accede pasar á acción. E bla, bla, bla.

Este é un programa máis desta canle onde hai outros interesantes coma Shalom ( un rabino observa familias con problemas conxugais e logo compón a situación ), Miami Ink ( uns que fan tatuaxes ), While you were out ( mentres un está fóra da casa cámbianlla toda ), etc, etc.

E de ilustración deixo un anuncio do iogur Aloya de Tui do ano 1957 ! ( eu pensaba que os iogures eran máis modernos ).

E xa sabes. Se queres adelgazar: menos prato e máis zapato ( xa o dixen máis dunha vez ).

posted by acedre @ 7:51 PM 16 comments

Martes 16 de maio de 2006

Nueva Galicia

Estas fotos son dun lugar que parece Galicia e de feito o primeiro nome europeo que tivo esta illa foi Nueva Galicia. A que semella Galicia co estas fotos ?. A illa Chiloé sempre me atraiu dende que mirei unha reportaxe na que mudaban as casas dun porto a outro. Si. As casas son de madeira e con vacas puxábanas ata a ribeira e logo ían aboiando e arrastadas por barcos ata o porto de destino.

Tamén buscando Nueva Galicia na interrede apareceu unha película onde os homosexuais domeñan o mundo e un heterosexual é discriminado. Cousas curiosas da rede.

Feliz día das letras esteas onde esteas.

posted by acedre @ 8:47 PM 13 comments 

Mércores 17 de maio de 2006

Idioma fácil

Hoxe Ana faloulles a uns alumnos sobre a lingua galega e os idiomas da península e os rapaces querían oír palabras. Ana dixo ” estou cansa ” e logo ” cheira mal ” ou ” fede “. Aos alumnos gustoulles e din que é máis fácil que o español. Eu dicía que si pero logo parei a pensar e non sei. Ti cal cres que será máis doado para aprender un estranxeiro: o galego ou o español ?.
Por certo, sigo aprendendo palabras mexicanas como ” chido= ben feito ” e ” chesto= difícil “.
Ata mañá, creo.

posted by acedre @ 8:35 PM 15 comments

Xoves 18 de maio de 2006

Arte galega en Warrenton

De aquí a un mes estamos Ana ( Acedriño incluido ), o Colín e máis eu de volta na terriña e levaremos moitas lembranzas e algún que outro souvenir. E que quedará de nós aquí ?. Pois de Ana quedaranlle algúns coñecementos de español nos seus alumnos. E de min, que quedará ?. Pois vai quedar esta obra de arte. O numero 236 que vai levar a estación de bombeiros de Warrenton. Ese numeriño lixeino eu a man no molde de madeira de onde saiu esta pedra. Eu lixaba e cría que xa estaba ben e o meu mestre Carlos dicía que lle faltaba un chisco e eu dicía: para que ? isto vai quedar no alto e só o vai mirar o carteiro a primeira vez que deixe unha carta no edificio e como moito, van cagar por el as pombas. O Carlos riu e díxome que lle gustaba o choio ben rematado anque sexa para que lle caguen as pombas…e convenceume e agora estou orgulloso do meu traballo e non puiden evitar facerlle unha foto. Pasará o tempo e aí seguirá o monumento galego na estación de bombeiros de Warrenton.

Hai que estar orgulloso do que se fai.

posted by acedre @ 8:25 PM 17 comments

Venres 19 de maio de 2006

Día de fresas

O día de hoxe pareceume moi bo. Primeiro no choio déronme o cheque semanal e viña co aumento de 50 centavos por hora por antiguidade. Levo dous meses no choio e iso aquí xa é antiguidade.
Aparte diso tamén aproveitamos a tarde e fomos a unha granxa onde cultivan fresas. Vas alí, déixanche un balde como o da foto e ti vas apañando as que che peten. Á hora de marchar dáslle 6 $ á señoriña e marchas para casa cunhas fresas que saben a gloria.
Xa miras: cun aumento de salario e unhas fresas de casa son feliz. Bueno, tamén a rapaza da foto ten parte de culpa da miña felicidade.
Ata mañá.

posted by acedre @ 9:09 PM 19 comments

Domingo 21 de maio de 2006

Picnic e piscina

O sábado fomos a un picnic organizado pola VIF, o programa que contratou a Ana e a Cris e tamén a Edward, o colombiano da foto. O sitio do picnic era un parque nun encoro entre Raleigh e Durham: o Jordan Lake. No picnic había xente de todo o mundo: Zambia, Kenia, Filipinas, Colombia, Romanía, Galicia, etc, etc. A comida non era moi boa nin moita pero estivo ben. Tamén había nubes de cotón gratis e algunhas atraccións para nenos como castelos inchables. Tamén había un karaoke.

E hoxe domingo fomos á piscina da urbanización dos arxentinos e a iso das cinco da tarde quedamos sós que o resto da xente ía preparar a cea e cear ( este horario estadounidense é rarísimo ).

E así foi a fin de semana.

posted by acedre @ 8:16 PM 3 comments

Luns 22 de maio de 2006

Actos de Deus

O outro día morreunos a cama: un colchón inchable da marca Coleman. Xa levamos varios e parei a ler a garantía por curiosidade. Na garantía cubría todo menos Actos de Deus coma lume, inundación, furacáns e terremotos. Segundo parece, estes son actos de Deus…non quero pensar nas accións que pode argallar o demo !. E Deus debe de ter moito choio que pide axudantes na porta das igrexas.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:36 PM 11 comments   

Aviso

Dou conta dun aviso recibido por correo electrónico para quen poida interesar. Eu, está claro, non podo asistir a esta convocatoria pero pode ser que alguén que me lea teña interés.

Desde a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra organizamos, para o martes 23 de Maio,ás 16:15, a Resaca das Letras 2006 [RdL06], unha xornada na que buscamos reivindicar a web galega. Queremos convidarte a asistir, xa que o interese está asegurado ao falaren Amador Loureiro (dorfun), Berto Yáñez (chuza, aduaneiros), María Yáñez (Vieiros, todonada), Carlos Santiago (Arredemo), Marcus Fernández (codigocero) e Luis Álvarez Pousa (Tempos Novos).Da asistencia dependerá a continuidade futura das Xorndas [RdL], financiadas pola Universidade de Vigo. Tamén adxuntamos unha nota de prensa, por se estimas oportuno poñer unha nota no blog ou espallar a convocatoria. Moitas grazas pola atención, para nós é moi importante calquera tipo de axuda que nos podades prestar. Un cordial saúdo.Bernal Rúa . Organización da [RdL06]Tlf, 647 573 579

posted by acedre @ 7:30 PM 1 comments

Martes 23 de maio de 2006

Festival de Cans

Esta fin de semana que vén vai ser a terceira edición do Festival de Cans que vou perder por estar aquí.

Este ano botan unha curta con Suso Lista, un blogueiro que non deixo de ler e que me fai rir e pensar co seu realismo máxico.

Así que xa sabedes onde podedes pasar unha fin de semana distinta con cinema, música, copas e chimpibuses.

Ata mañá, quero supor.

posted by acedre @ 6:47 PM 6 comments

Mércores 24 de maio de 2006

Saltar a vasoira

Neste país eu penso que se incita a natalidade. Aquí non é infrecuente ver nais de dezaséis anos que casan antes dos vinte e esas nais antes dos corenta son avoas e divorciadas.

Na foto está Ana con dúas alumnas hai un par de semanas. A alumna da dereita está grávida de pouco tempo e cando fixo Ana esta foto a familia da rapaza aínda non sabía nada. Ela ten dezaséis anos pero súa nai tívoa a ela con dezaséis anos tamén. Con sorte logrará casar co pai da criatura e ambos saltarán a vasoira que é un costume das vodas de negros deste país. Segundo parece, antigamente tiñan proibidas as vodas entre esclavos e a maneira que tiñan de casar era saltando por riba da vasoira tirada na entrada da casa. Este rito viña de África e era para pedir sorte, fecundidade e felicidade ( coma o noso arroz das vodas ).

Pois iso, ogallá lle vaia ben a rapaza e á súa familia e se salta a vasoira que sexa con proveito.

posted by acedre @ 7:26 PM 8 comments

Xoves 25 de maio de 2006

Toño coas personalidades

Cando estivo Toño no zoo de Washington un día houbo un rebumbio. Chegou a visita de Bill Frist. E dirás, quen raio será ese home ?. Pois ese home e un cirurxián especialista do corazón que tamén é político e probablemente sexa o próximo candidato republicano á presidencia estadounidense. Na foto está o tal home con camisa de camuflaxe nunha operación dun gorila. O Toño está xusto detrás. Nesta ligazón hai fotos e sae mellor Toño na foto 3 da galería ” Bill Frist: A Doctor at Heart “.

Ata mañá. Mando un saúdo sufrindo unha noite tórrida.

posted by acedre @ 8:02 PM 3 comments

Venres 26 de maio de 2006

Sequoya

Hoxe fixo moita calor e estiven todo o día con gañas dunha ” caguama “. Á noitiña caiu unha treboada e agora refrescou. Toca durmir e mañá iremos ata os Apalaches a despedirnos do tío Pepe.

Pertiño dalí hai unha reserva india dos cheroqui. Xa estivemos por esa zona e as rúas teñen o mesmo nome rotulado en alfabeto latino e silabario cheroqui. Na imaxe está Sequoya, o creador do silabario cheroqui. Este pobo indio ( coma outros moitos ) sufriu da invasión dos colonizadores brancos e acabaron divididos en dous grupos: un en Oklahoma e outro máis pequeno que quedou en Carolina do Norte.

E agora vou para camiña.

posted by acedre @ 8:09 PM 11 comments

Domingo 28 de maio de 2006

Nas montañas

Xa estamos de volta. O sábado aparecémoslle de sorpresa ao tío Pepe e quedamos a cear co el e o seu fillo maior, coa noiva e unha curmá do Brasil. Antes de cear fomos Ana máis eu a pasear ao lago Junaluska que ten o nome doutro xefe cheroqui da zona ( foto sepia ).

Na cea falamos de todo e o tío Pepe contou que un día estivo parado na estrada que había un helicóptero levando un bloque de cemento para unha ponte entre montañas. Resulta que hai canteiros de Soutelo de Montes facendo obras na estrada que percorre todo o parque dos Apalaches. Na foto en branco e negro falan dos canteiros italianos e españois ( máis ben galegos ) que participaron na construción da estrada esa.

Hoxe domingo fomos Ana máis eu á montaña máis alta do leste dos EEUU e o camiño está tan cheo de curvas que se fai interminable. Paramos nun edificio onde vendían artesanía da zona e hai unha muller que fai monecos da xente da zona e de mostra está o moneco de Edd Presnell que era un constructor de cítaras e un cantante de bluegrass.

E así foi esta fin de semana: despedíndonos da familia e visitando algúns lugares da zona.

Ata mañá. Quizá.

posted by acedre @ 7:21 PM 8 comments

Luns 29 de maio de 2006

Día dos caídos

Hoxe é Memorial Day neste país que vén ser algo así coma o día dos caídos en batalla. O día é un festivo raro no que descansan oficinas, bancos, colexios e hai fábricas que traballan como a miña. A música country soa máis patriótica ca nunca e parece que hai máis bandeiras e máis pegatinas a favor dos EEUU, das tropas e do presidente. A estatua ao soldado confederado do centro da vila ten unhas flores de ofrenda ao igual que tumbas de soldados nos cemiterios ( a foto é vella e non sae a ofrenda floral ).

No centro tamén hai un monumento dedicado aos que morreron na primeira e segunda guerra mundial. Fíxenlle a foto porque me pareceu curioso. Teñen a listaxe dos mortos por orde alfabética e cando remata a listaxe aparece a listaxe dos negros mortos na guerra. E iso pasa na primeira e na segunda guerra mundial. E pregunto eu: se houbese unha terceira farían o mesmo, separar brancos de negros ?.

posted by acedre @ 7:24 PM 9 comments

Martes 30 de maio de 2006

Chaláns e chupacabras

Hoxe comezou a traballar Arturo, un ” chalán ” ( aprendiz en mexicano ) para sustituirme. Vén de Veracruz e é alto e enxoito coa pel máis clara que a miña e gafiñas que semella norteamericano.
Xa hai dúas chalanas que levan un mes amañando moldes na carpintería. Unha chámase Goya ( apócope de Gregoria ) e ten 33 anos, está solteira e ten catro fillos. Goya é mexicana do estado de Guerrero. Aparte de traballar na fábrica tamén traballa algunhas tardes da semana nun restaurante e nas fins de semana vende tacos e tamales na porta dos estadios. Agora unha filla dela de 14 anos e alumna de Cris escapoulle da casa e foi para a casa do noivo. Bueno, unha telenovela.
A outra chalana é Nora, unha hondureña de 22 anos ( cantámoslle o Sapo Verde o mesmo día que o cumpreanos da mariquinha de Vedra )( Sapo Verde é o Happy Birthday en versión mexicana ). Nora está casada e ten unha filla de seis anos.
Carlos, o meu mestre, por outra banda está aparecendo cunhas marcas sospeitosas no pescozo os luns e eu dígolle que durma coa fiestra fechada que lle atacan os chupacabras de noite. Carlos vive con Enemías, un rapaz que se parece a Johnny Depp pero coa cara máis ancha. Ana di que non pero un día a ver se lle fago unha foto e comprobamos o parecido. Este Enemías ten unha moza norteamericana e non sei como fan para entenderse que ela non fala español e el non pispa o inglés ( misterios do amor, supoño ).
Andy segue igual de tolo e está divorciado e ten…cinco fillos !. Os xoves non vén traballar que leva un fillo a un sicólogo. Ese fillo ten algún problema mental e, de feito, foi o que lle prendeu lume á casa.
E así é algunha xente da fábrica e algúns dos seus chismes.

posted by acedre @ 8:22 PM 11 comments

Mércores 31 de maio de 2006

Teddy bear

Hoxe o meu mestre Carlos non apareceu no choio. Segundo parece rematou estresado co choio e tirou a toalla. Entón, en vista do apuro, estivo o patrón botando unha man. O patron chámase Ted e parece bo home e lémbrame un ” teddy bear ” ou osiño de peluche.

E falando de ” teddy bears “, hai varias teorías sobre a orixe dese nome do moneco pero a que me semella máis real e bonita é a que di que estaba o presidente Theodore Roosevelt de caza e que non cazara nada así que o único que toparon foi un osiño que llo puxeron a tiro. El non quixo matalo e perdooulle a vida e ese osiño quedou bautizado coma ” teddy bear “. Logo saiu un debuxo nun periódico ( aí o está ) e un xogueteiro espilido creou osiños de peluche co nome de ” teddy bear ” que foron un éxito.

Ata mañá, seica.

posted by acedre @ 7:54 PM 5 comments

Leave a Reply