Abril 2005

23 Xaneiro 2008

Venres 22 de abril de 2005

1

Estou de forzadas vacacións e non teño en que pasar o tempo.
Aquí porei algunhas fotos desta terra.
Chauciño.

2

Non sae a ligazón a esta terra.

Aquí estou eu en Wilmington, NC hai unhas semanas

Sábado 23 de abril de 2005

Hoxe houbo un picnic da VIF no lago Wheeler en Raleigh

Aquí estamos Toño, Cris, Ana e máis eu.
A festa estaba organizada pola VIF, para quen traballan Ana e máis Cris. Estivo ben e o día axudou que pensabamos que ía chover.
Despóis fomos ao Triangle e había un concurso de misses.
Tamén estivemos no Barnes & Noble mergullados entre os centos de libros ata que nos doían os ollos.

Algunhas das misses

 posted by acedre @ 7:50 PM 0 comments

Domingo 24 de abril de 2005

Nada novo por aquí

Hoxe foi un día tranquilo. Como o tempo estaba frío non fomos facer ningunha excursión.
Despóis de xantarmos fomos ao ximnasio a nadar un chisco. Logo pasamos polo Wal-Mart e para casiña.
A fin de semana pasada foi máis movida. Fomos a un powwow, unha xuntanza de indios onde bailan ao son dos tambores e dos cánticos coa gorxa forzada.
Había tenderetes de artesanía e postos de comida e moito corido e xente de tódalas cores de face e de pelo. Un bonito exemplo de integración !.
Por Galicia sei que foi o día do libro e a festa da Lamprea en Arbo…co ben que a fai miña sogra !.
Outro día xa chimparei da lamprea e do viño.  

Os nenos eran quen máis desfrutaba

Tamboreiros no powwow dos Haliwa-Saponi en Warren County, NC

posted by acedre @ 2:33 PM 0 comments 

Luns 25 de abril de 2005

Outro luns po saco

Hoxe facía fresco porque o aire zoaba.
Fun co meu amigo Gustavo a Raleigh. Fomos coller unha caixa con libros e materiais escolares para Cris no edificio de educación. Como hai medidas de seguridade fixéronnos un carné con foto e todo para entrarmos e…botariamos dez minutos alá en dentro !.
Era cedo e estabamos ao ladiño do Museo de Ciencias Naturais e alá fomos.
Este museo é bastante completo e de balde. Ten representacións dos habitats de Carolina ( un estado un chisco máis grande que Portugal ). Hai dende peixes a aves pasando por formigas, esquíos, » possums » ( principais víctimas do asfalto), dinosaurios e un feixe máis. Tamén había granito e o de aquí é o » Mt. Airy granite « que é branco con pintas. Tamén había ouro neste condado e centos de cousas máis…pero estivemos unha hora e pouco.
Á tarde fun a inglés e aprendemos máis » idioms «. A profesora Natasha dá un nivel un pouco alto para a maioría da xente e de feito algúns alumnos escaparon. Con Amy a cousa era máis doada e máis variada.
Cambiando de tema. Onte Ana entrou en Eurovisión e estivemos escoitando as cancións e facendo a nosa votación.
A música é variada e rara e hai austriacos que cantan anacos en español, portugueses que representan a Bélxica, estonias representando a Suiza e unha holandesa a Andorra.
E máis nada. Chauciño.

posted by acedre @ 7:47 PM 0 comments

Martes 26 de abril de 2005

Hoxe vou a Wilmington por dous días

Iso. Vou estar ata o xoves á noite que as rapazas teñen un curso alá.
Chau.

posted by acedre @ 9:11 AM 0 comments

Xoves 28 de abril de 2005

Ana e máis Cris disfrutando da praia

O Colín facendo amistade cun sapocuncho

Paseos e praias

Pois si. Estivemos en Wilmington estes dous días.
Ana e Cris facían un curso polas mañás na universidade e eu e mailo Colín dabamos voltas polos parques. Un parque é pequeno: o de Hugh Mcrae, e de curioso tiña un feixe de tartarugas tomando o sol que semellaban crocodrilos e un niño artificial para morcegos.
O outro parque era o de Greenfield Lake. É un lago en plena cidade pero totalmente bravo e ata ten crocodrilos !!!. O lago é » swamp » que é coma as gándaras nosas: augas pouco fondas e moita vexetación. O Colín máis eu demos a volta completa que eran máis de seis quilómetros e había un feixe de animais como garzas, tartarugas, parrulos, cisnes, gansos, ocas e os omnipresentes esquíos aparte de máis animais…
Pola tarde fomos á praia de Wrightsville o mércores e hoxe á praia de Fort Fisher.
Non facía moita calor polo aire que soplaba pero non estivo mal de todo.
A noite do mércores ceamos no » Rum Runners » bastante barato e con dous pianistas que tocan en vivo e unhas camareiras xeitosas, je, je, que lles chaman as vixiantas da praia…

Dende logo, Wilmington é outra cousa. Ten bastante ambiente e está bastante coidado. É unha cidade un pouco máis pequena que Pontevedra pero con moita vida e moita luz. E coas praias a menos de media hora. Ten tódolos servizos e universidade e un barco de guerra de museu.

E isto foi a viaxe en poucas palabras.
Ata outra.

posted by acedre @ 7:55 PM 0 comments

Venres 29 de abril de 2005

O osiño triste pensando no seu futuro 

Unha historia cun final feliz

Hoxe chove aquí que semella Galicia nos bós tempos. Aparte diso todo vai ben. Hoxe chamáronme de Staffmark , a empresa de traballo temporal para quen traballo en Revlon, para que volvese ao choio este luns.
As rapazas están no choio, o Colín está ben lavadiño e descansando dos paseos e Toño está hoxe aquí ata mañá.
O Toño está a facer un internado en Waynesboro, en Virxinia, a unhas tres horas de aquí. O sitio é un centro de recuperación de animais salvaxes e o Toño está na súa salsa.
Alí entran moitos animais feridos e enfermos e uns acaban mal e outros teñen un final feliz e a iso vou.
Hai unha semana chegou un osiño duns tres meses coma moito. O pobriño quedou orfo que uns cazadores acabaron coa nai. Si, aquí cázanse osos e ben ghabachos que están…
Pois alguén trouxo o bichiño que andaba perdido por eses montes e sen moitas esperanzas de sobrevivir de tan pequeno que é. No centro de recuperación coidárono moi ben , con todo o cariño e o saber desa xente…pero o osiño estaba triste e asustado.
Ata que a xente do centro se puxo en contacto con outros centros e apareceu un que tiña o caso contrario e complementario: unha nai osa que perdeu a súa cría dunha enfermidade e a osa estaba triste tamén.
Os dous centros puxéronse de acordo e o de Virxinia mandou o orfiño onda a osa para veren se se aceitaban mutuamente…E así foi: a nai e o fillo fixeron unha nova familia feliz e unida.

posted by acedre @ 9:27 AM 0 comments

Sábado 30 de abril de 2005

Pendellos e prados perto de Norlina 

posted by acedre @ 3:07 PM 2 comments

Sábado agrisallado na casa

Onte á tarde fomos Ana máis eu á piscina. Era o derradeiro venres de abril e había a festa da familia pero non había ninguén. Bueno, estaban os socorristas: Adán, Heather, Bethany e Robert. O Adán é mexicano e moi simpático. Nós chamámoslle Shin Chan porque fai trasnadas e leva o bañador que parece o polón do tal Shin Chan. A Adán non lle gusta o nome que di que lle lembra a Sancho.
Tamén foi o cumpre de Inés, a chica arxentina e fomos cear co ela e a familia.
E hoxe quedamos na casa que ía facer un día malo pero non é para tanto ao final.
Levo todo o día fozando no blogomillo e hai de todo. Ana traballa e escoita música e no de Eurovisión xa ten favoritos: Suiza, Alemaña, Servia e Montenegro e Lituania.
Eu só saín para mercar algo para facer Ana un postre e fixen a foto esta. Faltan os cabalos para darlle un toque máis bonito…outra vez será.
Mañá temos previsto ir a Richmond en Virxinia. A ver que tal día fai.

posted by acedre @ 3:05 PM 0 comments

Maio 2005

13 Xaneiro 2008

Domingo 1 de maio de 2005

Maymont Park en Richmond

Hoxe amenceu a chover pero logo quedou un bo día.
Fomos os arxentinos, Cris e máis eu a Richmond en Virxinia. Fomos ao parque de Maymont, unha antiga casa de plantación que o dono cedeu para disfrute da xente. A entrada é gratuita anque admiten doazóns. O parque ten a casa e os edificios auxiliares cunha mostra de carruaxes, un graneiro de pedra e un pombal. Logo hai un terreo grande e ondulado con árbores vellas e enormes, un xardín xapones e outro de tipo italiano con escalinata de pedra e pérgola. Tamén hai unha granxa con cabras, ovellas, vacas, galiñas, coellos e un fariñote pequeno. Hai tamén un acuario con peixes do río James e tartarugas e lontras e unha exhibición de aves nocturnas e morcegos. Todo está ben presentado e con explicacións acerca do río e o seu aproveitamento. E logo, ciscados aquí e acolá, hai recintos con animais coma cervos, bisontes, raposas, un lince americano, un oso e aguias e avutres.
Iso, que está ben montado e dá para pasar un par de horas boas e máis co día que fixo e nesta época que hai moitas flores e están as árbores tan verdes.
Do parque fomos ao centro da cidade que estaba con case todo fechado ( aquí nos fins de semana os centros das cidades están mortos ).
Xantamos nunha cervexería que fan a cervexa eles mesmos e, anque cara, é moi boa.
Despóis queriamos ir ao museu de Edgar Allan Poe pero xa ía pechar, así que baixamos á beira do río James. No río había unha exhibición con música e tenderetes pero cobraban dez dólares por persoa e non entramos.
Cruzamos o río por unha ponte peonil que está enganchada por baixo dunha ponte para tráfico rodado. E na outra ribeira seguía un paseo do que fixemos só un anaco. Nesta parte do río había rápidos e xente facendo rafting e kaiak. Estes rápidos chámanse Hollywood Rapids.
E este foi o día en Richmond: con boa compaña, un tempo agradable e unhas boas camiñadas.

Maggie, Gustavo, Ines e o Pichu en Maymont, Richmond VA 

posted by acedre @ 7:56 PM 0 comments

Luns 2 de maio de 2005: volta ao choio

Hoxe volvín a Revlon despóis de case dúas semanas de » vacacións «.
A xente recibiume sen grandes alegrías, coma se levase eu unha fin de semana na casa.
Emma, a big black lady, díxome: Pedro, you run the label in 2810, sen dicir bós días nin welcome nin nada. Esta muller é a miña encargada e é alta e gorda que mete medo. Segundo parece ten un bó corazon pero poucas veces o demostra.
Tocoume traballar con Phillip, Lisa, Rosi, Vivian, Tamy, John Paul, Katherine, Norma, Tammy, Vernita, a compañeira que non lembro o nome e Tim. Tommy era o machine operator.
Fixemos pós para a cara e botamos todo o día aí. Eu era quen puña o ritmo que estou etiquetando as caixiñas. O choio foi aburrido e a etiquetadora ía mal que saltaba unha caixa e na seguinte caixa puña dúas etiquetas.
E agora vou describir a xente antes de que a esqueza.
Abrindo as caixas estaba o Phillip que é branco de 23 anos e botou o día a imitar a Donald Trump en » The apprentice » dicindo: You’ re fired. É bó rapás. Esta carequiño e conta ata dez en español e chama loco a todo o mundo. Gústalle o baloncesto anque é baixiño, os xogos de ordenador e os ATV, as motos de catro rodas para ir polo monte ( non sei como lles chaman na terriña ).
Tamén abría caixiñas Lisa que é de Arizona e ten familia que fala cajun en Luisiana. O home dela sabe pidir cervexas en español. Eu non a coñezo moito.
Rosi é arxentina e fala con todo o mundo. Está casada cun encargado de área de orixe húngara de nome Atilla…vaia nome !. Rosi puña os algodóns para espolvorexar.
Logo estaba Vivian, unha negra alta e cunha cara de mala de película que me dixo un día que eu me parecía a Arnold Schwarzeneger e eu díxenlle que non me gustaba e ela dixo que tampouco lle gustaba a ela, ou sexa, chamoume feo coma non quere a cousa. Ela baixaba a tapa que cobre o algodón e esta tapa recibe un pegotiño de pegamento que pega o cake á caixa.
A seguinte é Tamy que é branca e gorda e puña os cakes que é como lle chaman ao producto en si. Non fala moito e traballa ben. Non sei que idade ha de ter. Aquí é difícil adiviñar a idade da xente.
Logo estaba John Paul que é un señor moi maior ( aquí a paga do retiro non dá para moito ). Estaba controlando que o producto non teña lixos nin cousas raras. El sabe que hai un rei en España e cando pode bota unha moneada que parece o dono do Pedrochosco da empresa. El é o primeiro que o pilla cando pasea pola fábrica despóis de xantar.
Metendo as caixas en estuches plásticos había tres mulleres. A primeira é Katherine que é Vietnamita e calada e moi traballadora. Despóis esta Norma que se me semella á nai dun amigo de Torneiros. É tranquila e fala con todo o mundo. Despóis vén Tammy que un cuarto de hora antes dos descansos bota unha carreiriña ao baño que me lembra os hipopótamos cando saen da auga do gorda que está. É boa persoa anque algo parada no choio ( ten que manter o tipo, non ? ).
Ao final está Vernita, unha velliña que foi guapa e que ten frío sempre e leva roupa que me lembran os anos cincuenta.
Tamé está a compañeira que é vella ( non tanto ) e non se leva moi ben con outra xente.
Tim estaba paletizando e é un negro novo por Staffmark que o toma todo con moita pachorra.
Tommy, o » opereiro » traballa todo o tempo e fai bromas e pégalle sustos ás mulleres facendo ruído de tiros…
E así é algunha xente de Revlon.
Mañá conto máis.

Duas cousiñas

Felicidades para tódalas nais e tódolos traballadores. E no caso que coincidan as dúas cousas pois iso, dobre felicitación.
Outra cousiña, a vella que traballa con Vernita é Nancy, coma a moneca.

posted by acedre @ 7:57 PM 0 comments

Martes 3 de maio de 2005

Máis xente de Revlon

Aquí estou de novo.
Fun ao choio e tocoume a mesma liña de traballo. Cambiou a xente que abría as caixiñas que hoxe foron Cecelia e Ernestine. As dúas son negras e están falando sempre. Cecelia pregunta por Toño sempre e dá moitas apertas a todo o mundo. A min acórdame os Teletubbies: Unha aperta forte !. Tamén ri en alto por calquera cousa e é unha alegría onde queira que estea.
Ernestine é leda tamén e é outra velliña cunha voz moi fina. Ía mercar unha casa pero foi un timo e o constructor marchou cos cartos da xente e ela quedou sen cartos e sen casa e agora está alugada en Manson no condado de Warren. Cecelia tamén vive no condado en Arcola onde viven moitos dos indios do condado.
Logo mandaron a xente para outra liña e eu traballei con Vicky, unha negra baixiña e moi gorda que non fala case nada. Estivemos aí ata a hora de saír: as tres e media; metendo cakes nunha caixa.

Hai un taboleiro de anuncios onde poñen fotos da familia e todo iso e agora está con fotos de veteráns de guerra que traballan en Revlon ou son familiares.
Hai xente da guerra de Vietnam e do Golfo Pérsico. De feito houbo un número da revista People que na portada tiña un empregado de Revlon, que fora elexido soldado do ano.
Aquí anda moita xente con niques que poñen » Revlon lembra » polo das torres xemeas e nos coches hai pegatas e lazos de apoio ao exército e ao país que aquí son moi patriotas.
Pegatas como » Deus bendiga os USA » e » Apoia as nosas tropas » son as máis numerosas anque tamén hai outras con outra mensaxe como: » Deus bendiga os USA e o resto do mundo » a » Apoia as nosas tropas…que volvan para casa vivos «. A xente divídese no asunto da guerra; uns están a favor e outros din que está arruinando o país e que en Iraq non fan nada. De tódolos xeitos este é un tema un pouco tabú e non se toca moito.
Falando de pegatas nos coches tamén vén a conto o asunto das matrículas variadas ( en Carolina do Norte non é obrigatoria a matrícula dianteira e fan ou compran unha personalizada ). Hai dende » Xesús ámate » ata » Eu quero o meu gato «…e así ata o infinito. Logo tamén podes pór unha matrícula legal atrás cun texto personalizado que queiras que non estea repetido e este é o exemplo da foto. Real coma o coche.
E isto é o que hai por hoxe.
Chauciño.

posted by acedre @ 7:41 PM 2 comments

Hai xente contra Bush, non creades que non

posted by acedre @ 7:41 PM 2 comments

Xoves 5 de maio de 2005

Algúns alumnos de Ana. Topas o branco ? 

posted by acedre @ 8:36 PM 2 comments

Rapaces do instituto

Ana dá clases de español no Warren County High School e iso xa é outro mundo se o comparamos coa terriña.
Aquí máis do oitenta por cento dos estudiantes son negros, afroamericáns, pretos, morochos, morenos, moyos ou como queirades chamalos. Xa na entrevista, a directora preguntoulle a Ana se tiña algún inconvinte en impartir clases a negros.
Esta xente vén dos descendentes dos esclavos ( por aquí e Virxinia andou Kunta Kinte e familia ). Normalmente veñen de familias pobres e rotas. Viven coas avoas e teñen padastros e madastras e medios irmáns. Os pais teñen os peores traballos e moitos viven das » food stamps » que dá o goberno; iso si, teñen tele en cada habitación e as rapazas gastan cartos en peiteados e roupa que mete medo. Teñen moito cariño pola familia e o máis importante para eles é o » quality time » que é o tempo que pasan coa familia. Tamén son moi relixiosos e botan nas igrexas todiiiito o domingo, e alí cantan, rezan e xúntanse con outras familias amigas e non creades que van a misa por iren…non, eles cren de verdade e é un asunto de máxima importancia. Outra cousa que lles gusta é comer e sobre todo pólo. Tolean por el e polos restaurantes de buffet libre, de comer o que queiras. Tamén comen pizza e comida mexicana e chinesa. Vamos, que son de bó dente.
Aparte de comeren e iren á igrexa teñen outras diversións coma falar polo móvil, escoitar música deles, deportes coma baloncesto e fútbol americano ( tenis e béisbol son de brancos ) e ler novelas e revistas feitas especialmente para eles. Mesmo hai cine para eles e case non coñecen os actores de Hollywood.
De forma de ser, hai de todo. Son alegres e festeiros en xeral, pouco disciplinados pero sen maldade, non son nada rancorosos e son infantís e un chisco preguiceiros. Estudiar non lles gusta e tamén é que non lle miran futuro vendo os prezos que teñen as universidades e as poucas oportunidades para sacar unha beca que hai e cada vez menos que os presupostos en educación van para abaixo que hai outros gastos por aí que todo o mundo coñece. O futuro para eles é un choio manual que non queiran os brancos ou meterse no exército ou emigraren a Nova York ou Chicago. Aquí non teñen moito futuro. Os brancos son poucos pero cortan o bacallao aquí e teñen ese circuliño para eles que é difícil de traspasar. Logo din que non hai racismo, que todos son iguais pero a min algo me cheira que se non como se explica que haxa igrexas para brancos e para negros, perruquerías, barrios e mesmo funerarias…e así máis cousas.

Este é un tema longo e complexo que xa retomarei outro día.

No choio todo ben. Non vou seguir describindo a xente que xa terei tempo. O que si direi é que o mércores Rosi, a arxentina, tivo un desliz e saiu da casa pola mañá cun zapato negro e outro azul e foi a risa da fábrica. Resulta que ela ten na casa un almario deses de entrar un dentro e non debía ter luz ou o que sexa, que ela colleu os zapatos desparellados e alá os puxo toda chea de razón e cando se decatou era tarde para dar volta. E non ten nada malo, agora hai mangas longas nun brazo e curtas doutro e de diferentes cores e pendentes desparellados e máis cousas…así que, quen sabe ?…pode chegar a ser unha nova moda.

E xa me despido e ata o domingo non vou escribir que mañá vou ao taller a cambiar as rodas que me arrebentou unha e logo xa tiramos onda Toño quen, por certo, está de cumpre hoxe. E hoxe tamén é gran día para os mexicanos que é o cinco de maio cando botaron os franceses da súa terra.

posted by acedre @ 7:31 PM 2 comments

Venres atarefado

Este venres pasado foi movido. Primeiro foi o choio poñendo etiquetas ás caixiñas en Revlon.
Abrindo estaba Emma, unha hondureña de vintetrés anos que fala con acento caribeño. Cantou moitos coritos, cancións relixiosas e non parou de falar con Rosi, a arxentina. Emma tamén cantou unha canción infantil dunha chiva que non quere saír, logo o lobo non quere sacala, o pau non quere pegar ao lobo, o lume non quere queimar o pau, o balde non quere apagar o lume, o burro non quere beber a auga, a corda non quere atar o burro … e así ata non sei cando. A min sóame isto de telo lido pero non sabía que se cantaba.
Acabou o choio á unha e media e puiden meterlle dúas rodas diante ao Nissan Altima por 136 dólares e non me pareceu nin caro nin barato.
Cheguei a casa e preparamos as maletas para irmos a Waynesboro VA, onde esta Toño.
Chegamos sen novidade tres horas máis tarde e fomos cear a un mexicano onde nos preguntaron se nolos catro eramos arxentinos.
A casa onde está Toño é bonita por fóra. Dentro está mal coidada e vella e viven alí os vontarios do centro de recuperación de vida salvaxe.
Toño está cunha americana de orixe irlandés que ten o cu do coche cheo de pegatinas que non sei como anda co ese peso. Sarah toca a guitarra e sorrí sempre.
Tamén está Margarita, unha colombiana que coñecemos no centro.
Waynesboro é unha vila xeitosa con tódolos servizos que se poden esperar e rodeada de granxas e na entrada do parque nacional de Shenandoah.

posted by acedre @ 7:57 PM 0 comments

Sábado de camiñadas por Shenandoah, VA

O sábado erguémonos cedo e tiramos para o parque de Shenandoah.
O parque fundouse polos anos trinta e forma parte dos Apalaches en Virxinia. Non é moi ancho pero si alongado e ten unha estrada que vai pola crista dos montes que está chea de sitios onde parar e admirar a paisaxe. Hai que pagar 10 dólares por coche e o pase é válido por cinco días. Aquí hai que pagar por entrar nos parques nacionais. O único que é de balde é o das Smokey Mountains en Carolina que está perto onde vive o tío de Ana.
A estrada ten un muriño feito por GALEGOS e está chea de vistas pintorescas. E aquí hai un artigo falando do tí de Ana, unha marabillosa persoa por certo, e eses canteiros.
Volvendo ao que estaba, fixemos primeiro unha rota curta camiñando ata uns penedos que se chaman Calvary Rocks e nesa zona mirei un oso.
Si, xa mirara un nas Smokey a uns pasos de nós e fuxiu botando chiribitas e este mireino nunha árbore e debeu de cheirarnos que baixou fogueteado e non me deu tempo a tirarlle unha foto boa. Mireino de casualidade que eu buscaba un peto que marchara voando nesa dirección. Tamén é casualidade xa que hai uns mil osos nas Smokey e seiscentos en Shenandoah.
Os animais máis doados de mirar e que están na beira da estrada son os cervos que aproveitaban a herbiña que medra alí. Os cervos non tiñan medo dos coches e fixemos fotos abondas deles.
Máis tarde paramos onde había unha rota con freixas ou fervenzas ou cachóns ou como sexa.
A rota era longa e encostada. Primeiro foi baixar uns dous quilómetros por un regato e logo subir por outro e esa subida foi matadora porque iamos recén comidos e facía calor. A subida non chegaba a dous quilómetros. E logo viña o tramo final duns catro quilómetros con pouquiña subida. E nada , acabamos case arrebentados e salvámonos de miragre dunha molladura que había prevista unha treboada e quedou en catro pingueiras de nada.
Logo fomos a un Visitor Center en Big Meadows que son acrarados de vexetación para uso gandeiro. Shenandoah estaba case sen árbores cando o fixeron parque nacional e moitas das árbores que ten agora, e son moitísimas, foron prantadas.
Alí perto había outra baixada para unha fervenza que fomos mirar. E esa foi a que nos rematou.
O Colín xa non foi que non estaban permitidas mascotas e o pobre coxeaba.
E logo xa fixemos o camiño de volta en coche para Waynesboro e ceamos no Cracker Barrel, un restaurante que é tenda tamén e está moi adornado con cousas de madeira e rústicas.
Xa logo fomos para o cocho.

posted by acedre @ 8:17 PM 2 comments

Cervos en Shenandoah 

Domingo por Dayton e arredores

Ola outra vez.
Vou seguir relatando a miniviaxe a Virxinia.
O domingo non nos erguemos tan cedo. Eu tiña malletas pero aturables. Fomos almorzar ao Lynn’s, un restaurante de pancakes moi familiar. Almorzamos Ana, Cris e máis eu que Toño quedou no centro de fauna. O almorzo foi bó e non moi caro e atendérennos ben. Había unha fartura de xente porque este domingo é o día da nai nos USA.
Logo collemos rota para Dayton no condado de Rockingham que eu mirara nun folleto que por alí viven menonitas, un grupo relixioso que viste de forma antiga e van en coches de cabalos e dedicanse á agricultura, unha cousa parecida aos amish. No folleto non especificaba o sitio en concreto, así que fomos máis ben ao chou. Unha media hora despóis estabamos en Dayton que é unha viliña xeitosa pero sen nada especial. Iso si, fedía a bosta como Galicia nos bós tempos e había bosta pola estrada indicando que por aí pasaban coches de cabalos. Tamén miramos sinais de precaución por carros de cabalos na entrada do Wal*Mart que é un hipermercado e é algo chocante.
Pois estivemos un chisco bó en Dayton sen cheirar nada dos Menonitas famosos e xa iamos preguntar a alguén ou marchar cando apareceron de súpeto. Primeiro foi un coche de cabalos guiado por un home xoven que pasou botando chispas por diante nosa. Detrás del viñan tres rapaces nunhas bicis grandes desas vellas e vestidos estilo antigo con sombreiro redondo e chaleque e todos felices e saudándonos. Fomos montar no coche para seguilos pero apareceu outro coche de cabalos por outra estrada e logo outro e logo dous máis noutra dirección e xa estabamos rodeados e non sabiamos por onde tirar e decidimos seguir a un para facerlle as fotos e logo adiantalo para facerlle máis fotos.
Logo das fotos seguimos por esa estrada que percorría a paisaxe de granxas coas súas vacas que son coma as suizas pero de patas máis altas e sen cornos que inda non mirei neste país unha vaca con cornos !!!!..
Despóis de percorrer a zona fomos a unha vila veciña que se chama Harrinsonburg. A oficina de turismo estaba aberta e atendéronnos unhas señoras moi amables que nos encheron de información e folletos. Dixéronnos que había un museu de » quilts » que son cobertores feitos con retais e a Cris encántanlle. Foi Cris a ese museu e logo fomos a unha feira de arte e artesanía que celebraban nun campus universitario alí pertiño.
A feira estivo moi ben e foi a entrada de balde. Había postos con mobles, cadros, adornos para xardíns que aquí agroman por tódolos lados, prantas, comida, paseos de ponny para os nenos e ata había unhas alpacas trosquiadas das que aproveitan a la para facer roupa… e máis cousas.
Tamén había música e unha exhibición de baile de » clog » que son os zocos e é un baile das montañas que parece música country pero é outro tipo chamado bluegrass. Nesta exhibición bailaron cinco señoras e foi moi divertida. No público había un velliño que lles seguía o baile e era moi gracioso. En tódalas festas hai o típico que baila todo.
O día estaba quente e pegaba o sol e decidimos marchar para carregar as cousas, devolverlle a chave a Toño e volver para Carolina que aínda quedaba viaxe bastante.
Cando nos despedimos de Toño, el mostrounos o centro e puidemos ver a Sarah dando de comer a un paxariño e a Margarita alimentando unha cría de » zarigueya » ou opossum que parecía un hámster ou un ratiño.
E despóis non pasou nada interesante. Fixemos a viaxe e miramos os

vídeos no ordenador e cantamos a música que puña Ana e parecía que estabamos nunha película típica americana.
O que si decidimos é que hai que voltar que quedan cousas para vermos coma a Natural Bridge, que é un arco de rocha; e o poboado indio que ten pegado, e logo algunha ponte cuberta das cinco que aínda existen no estado de Virxinia.
E así foi o domingo.

Menonitas de volta da igrexa 

posted by acedre @ 7:29 PM 0 comments

Luns 9 de maio de 2005

Luns caloroso e despedida do curso de inglés

Hoxe fixo ben calor e dan calor para toda a semana. Sei que en Galicia a xente vai á praia pero aquí queda un poco lonxe , como a unhas tres horas en coche.
Fun a Revlon e tocoume meter caixas de champú en palets. Xa non tiña malletas nas pernas das caminñatas pero acabei coas costas tocadas…é o malo de facerse vello !.
Á tarde fun a clase de inglés que era o derradeiro día de Natasha que se vai aforcar, ou sexa, casar. A semana pasada dixo que trouxesemos algo para comer e eu levei unha empanada de bonito que fixo Ana e que saiu exquisita e encantoulle a todo o mundo. Bueno, iso de todo o mundo é relativo porque só estaban Sergio, o colombiano que ensina inglés básico; Katia, a ecuatoriana que leva o papeleo das clases; Babu, un indio compañeiro meu e dous mexicanos de inglés básico. Faltaron Gustavo, Socorro, Fátima, Adrián e Arvind.
Katia mercou os refrescos, Sergio trouxo hojuelas ( que son coma orellas pero máis gordas e con sal ) e Natasha trouxo un Boston cake que é unha tarta de chocolate, e aparte trouxo piña.
Estivemos comendo e falando e a todos gustoulle a empanada de bonito e iso que os ingredientes non son dunha calidade moi boa.
E máis nada por hoxe. Teño que ir para cama para madrugar.

Mañá haberá máis.

posted by acedre @ 8:28 PM 0 comments

Martes 10 de maio de 2005

Aquí está o coche de Sarah, a compañeira de piso de Toño e ten tantas pegatas que non sei como lle anda aínda

posted by acedre @ 8:53 PM 0 comments

Día da nai en México

Pois si. Hoxe é o día da nai en México. Está visto que cada pais ten un costume distinto. En España e o primeiro domingo de maio, nos EEUU o segundo e en México o dez de maio cadre no día que cadre.
No choio todo foi normal. Hoxe tocoume abrir as caixiñas e houbo un momento que quedou a etiquetadora sen o rolo das etiquetas e monteino eu. A muller que estaba alí quedou aparvada e eu díxenlle que eu pode que non falase moi bó inglés pero non son parvo. Non é ?.
Na hora do xantar houbo un vídeo de seguridade sobre caídas de escadas e andamios. O de sempre: sentidiño e precaución. Déronnos patacas cocidas ( máis ben crúas) con coleslaw ( aínda non sei o que é ) e tirabeques con bacon e hush pupies que son unha especie de croquetas e de postre galletas. Xantei coa mafia hispánica: Emma, Rosi e Sandra que é mexicana e está casada cun guatemalteco e di que está ben que os mexicanos son machistas e estaría chea de fillos e só ten dous con vintenove anos. Emma ten dous tamen pero só ten vintetrés anos. Por estes países seguen casando cedo e tendo varios fillos.
Rosi díxome que a miña princesa esta grávida e eu non caía. Logo aclaroume que era Letizia a do Felipe e eu díxenlle que iso pasa por xogar coas cousas de mexar e fíxolle gracia. Ela nunca oíra esa expresión.
Estiven na liña de David que lle chamo Mortadelo porque se asemella e parece que ten medo que o boten que sempre está a traballar ata nunha ocasión que tivemos un minuto de silencio pola morte dun compañeiro; e é que aquí traballan ata ben vellos e xa houbo máis dun que morreu coas botas postas.
Logo do choio fun a casa, despóis á biblioteca e ao banco onde traballa María, unha portorriqueña que me deu inglés un mes aquí en Warrenton. Fala simpático porque as erres finais de silaba días coma eles e di cogel, cualto e cousas así. Fíxome acordar a canción rap » Mi aguela «.
Na piscina todo ben. Había moita xente e tivemos que esperar un pouco a que houbese lugar.
Heather ( a chaparrita ) e Bethany ( a sirenita ) estaban ensinando a nenos a nadar nunha esquina. Na outra estaban as de aquarobics e nas » calles » estaban dous que entrean para un triatlón no lago Kerr e na outra unha parelliña. Logo fomos ao Wal*Mart e para casa.
Hoxe fixo calor e parece que seguen subindo as temperaturas.
E así foi este día.

posted by acedre @ 7:26 PM 0 comments

Mércores 11 de maio de 2005

Árbores cubertas de » Spanish moss »

posted by acedre @ 8:39 PM 1 comments

Monstros e lendas

Hoxe o choio foi rodado. Fixo unha calor abafante pero calmeina na piscina á tarde.
Un día cadroume ver un programa no Discovery Channel e falaban dos bigfoots e dun monstro que vive nun lago coma o do lago Ness. Este vive nun estado do norte e hai unha vila na que a maioría da xente di telo visto. O monstro chámase Champ porque o lago é o Champlain. O caso é que aproveitan que hai varias fotos nada claras para montar a parafernalia toda e vender souvenires coma chisqueiros, gorras, chaveiros, camisetas e todos eses productos e vivir diso e do turismo que atrae que a vila non queda lonxe de Nova York.
E digo eu, a ver cando aproveitamos nós e facemos negocio cos cozarellos, biosbardos, piopardos, Santa Companha, lobishomes e as vilas afundidas nas lagoas que hai por Galicia. E iso faime lembrar unha que me dixo un de Panxon.
Hai un lugar que se chama dunas de Gaifar e queda xusto nas dunas da praia de Panxón e resulta que ese lugar antigamente era un porto de mar próspero e cheo de vida pero antes chamábase Caifás e deu en pasar por ali Xesucristo e dixo aos moradores que lle cambiasen o nome que era sacrílego e que se non o cambiaban, cubrí todo de area ata facer desaparecer a vila. Os vecinhos non fixeron caso dicindo que o nome do porto era asi e non ian cambialo. Acto seguido, Xesus marchou e mandou unha tormenta que levantou a area de toda a praia e xuntouse enriba do porto e desapareceu o porto e os seus habitantes. Co paso do tempo, a xente foi volvendo alí pero como xa sabian da condea decidiron cambiarlle o nome por outro parecido e dalí saiu o nome de Gaifar que ainda segue hoxe vixente.

Hai unha lenda nos EEUU sobre a orixe dunha pranta trepadora que hai no sur dos EEUU e sobre todo en Luisiana e Florida, anque chega ata a costa de Carolina.
A pranta chámana » Spanish moss » que sería musgo español e ten unha orixe curiosa.
Resulta que en Florida había españois ( chegaron antes que os ingleses ) e había un que tiña unhas barbas desas que meten medo do longas e descoidadas que as tiña. E resulta que o tal home un dia viu unha indiecita que lle gustou e foi detrás dela con fins libidinosos. A inda botou a correr o máis que puido pero o español ese xa lle ía no rabo dela . Entón ela agabeou por unha das árbores que había alí e de póla en póla foi fuxindo. O español subiu coma puido e foi detrás dela pero ía enganchando pelos das barbas nas pontas das pólas ata que ao remate quedou pendurado das barbas e non era quen de soltarse. El chamou pola india para que lle botase unha man pero ela xa estaba ben lonxe que non quería saber nada do mangallón ese. E ao final o home morreu pendurado polas barbas na árbore. E eses pelos quedaron transformados daí en diante na pranta trepadora.
…E esa é a orixe da pranta » Spanish moss » que sae na foto.
Mañá hai máis.

posted by acedre @ 7:52 PM 0 comments

Xoves 12 de maio de 2005

Treboada americana

Hoxe o choio foi ben. Primeiro traballaron dúas liñas pero ás once marchou xente para casa coma Sheila, unha negra moi simpática que no Nadal deu tarxetas a todo o mundo e un detalliño con golosinas. Esta muller é festeira e moi traballadora. Cando fun a Miami tróuxenlle un chaveiro de recordo con area da praia e gustoulle.
Outra que marchou é Virginia, outra negra simpática que se adica a bailar cando ten a mínima oportunidade. Dende logo esta xente non ten complexos e é leda.
Tamén marchou Kathy, unha branca de Florida moi simpática que ten 44 anos e é baixiña e repoluda. Ten a casa coma un zoo pois ten loros, iguanas e unha serpe xigante.
Ronnie tamén marchou. Eu chámolle Patachula porque coxea dun accidente. É bo home. Gústame cando se escaquea que ponse a mirar as máquinas como traballan ou pega unha volta para tirar algo e volve por outra trapallada e así fai tempo. É pequeno, feo e fraco. Ten un cinto de coiro que parece Indiana Jones pero é pacifista que ten unha pegata co símbolo dos pacifistas anque coa bandeira americana.
Os que quedamos traballamos ata a hora de marcharmos.
Fun buscar a Ana coma sempre e facía moita calor. Cando voltabamos para casa fixemos esta foto das vacas refrescándose que as temos visto muitas veces e parécenos unha imaxe ben graciosa. Despois saquei ao Colin a dar unha volta e viu Cris conosco e fixen máis fotos para futuros comentarios.

Aquí é moi típico ter prados con vacas e lagoiñas para beber e refrescarse o gando.
Estamos nunha zona rural e o que se cultiva máis que nada é algodón, tabaco e soia. Hai tamén boniatos e unha especie de melóns que se chaman cantaloupes.
As hortas coma as galegas non existen. Hai pouca leituga e e dura e brava para aturar as xeadas e as calores. Os tomates, cebolas, pementos e xudías mellor esquecelos. Tampouco hai froita. As viñas que hai son de adorno e son unha videira cun par de espalleres coma muito.
Logo non hai valados nin muros e nunca se sabe onde empeza unha propiedade e acaba outra. Só hai valados cando hai gando que acostuma ser vacas sen cornos e as da foto son peludas ademáis e teñen as cores perpendiculares e semellan bandeiras.
Tamén hai algúns cabalos e cabras e logo algun fariñote. Pitas mirei mui poucas e porcos xa non teño mirado e dos coellos nin rastro que nin tan sequera hai a vender carne de coello nos supermercados.
E xa volvendo a falar do día; coa calor no serán fechouse o día e púxose a lustrar e a tronar como so sabe facelo aquí: ao grande, pero agora quedou todo en chuvia.
E iso é todo por hoxe.
Mañá volvemos a Virxinia e a ver se teño tempo de pór algo.

posted by acedre @ 7:36 PM 2 comments

Vacas refrescándose

posted by acedre @ 7:35 PM 0 comments

Sábado 14 no Natural Bridge

O venres 13 foi normaliño. Saín do choio media hora antes e cadroume ben para facer as maletas para irmos a Virxinia. Ana xa estaba na casa que a trouxo Inés, a arxentina.
Fixemos as maletas, chamamos a casa e tiramos para Waynesboro. O Colín esperaba por nós no coche que lle gusta ir de viaxe. Xa ten un territorio inmenso se consideramos os sitios onde mexou !.
A viaxe non tivo dúbida. Topamos unha gasolineira a 2.01 dólares por galón que son case catro litros ( 3.74 l ). Moito subiu o combustible !. O ano pasado estaba nalgúns sitios a 1.33 así que hai ben diferencia. Isto da guerra en Irak repercute moito nos prezos todos.
Como dicía, chegamos ben e fomos con Toño cear a » El puerto «, o restaurante mexicano da semana pasada e xa nos coñecían os camareiros. Despóis fomos para casa a durmir.
O sábado almorzamos no Lynn’s, onde fan bos pancakes. Dalí tiramos ao Natural Bridge que está a unhas sesenta millas de Waynesboro. O camiño é ben chulo; cheo de granxas e todo ondulado.
Onde está o Natural Bridge teñen un complexo turístico montado ao grande con tenda, museu do xoguete, museu de cera, casa do terror e, alí á beira, un zoo e unhas covas. No edificio da entrada tamén tiña piscina cuberta para nadar e era gratis…mágoa de bañadores.

O sitio é un camiño duns tres quilómetros á beira dun río e pasa polo natural bridge que é grande ( máis grande que as cascadas do Niágara, din eles ) e ten unha reprodución dun poboado Monacan. Estes indios, segundo as lendas, fuxían dos Algonquíns e toparon cun muro de rocha impenetrable e pregaron os espíritus por axuda e eles abriron o Natural Bridge. Pasaron para o outro lado as mulleres e os nenos e os homes loitaron contra os inimigos e vencéronos. Comprobaron que o sitio tiña auga limpa e boa caza e alí fixeron o seu refuxio. E o sitio é unha valguiña que é un paraíso como o de Sangri-la… e cando teña algo aforrado voullo mercar a Ana, he, he.
O río tiña moitas bechas e cágados e cabracegas e a auga é limpa e fresca e Colín pasou a metade do tempo nela.
O percorrido pasa tamén por unha coviña de onde aproveitaban ( xa os brancos ) os excrementos dos morcegos para faceren pólvora.
Ao final hai unha freixa pequena.
Xantamos nunhas mesas uns bocatas perto dunha árbore que morreu en 1980 despóis de vivir 1600 anos.
Dalí tiramos para Covington.

posted by acedre @ 6:47 PM 2 comments

Cris, Ana e o Colín no Natural Bridge, VA. 

posted by acedre @ 6:46 PM 0 comments

Terra de montañeses

Covington queda a unhas 10 millas de Virxinia do oeste e está no medio do George Washington National Forest que é unha masa arbórea inmensa nas montañas que deixan ridículo a calquera bosque galego e hai que recoñecelo.
Paramos nunha gasolineira e os homes miráronnos con cara rara porque non levamos viseira, supoño; que por aquí son os típicos da bandeira confederada, o pelo rapado, a perilla, a furgoneta descuberta e a roupa de camuflaxe para cazar.
Fomos á ponte da fonte que está nun escenario de película e eu xa tiña gañas de ver unha ponte cuberta.
Esta fixérona polo 1850 e estivo en uso ata os anos 1930 e dende aquela usábaa un vecinñ coma palleiro ata que unha asociación mercouna e restaurouna. Agora está ben e chea de pintadas de amor por dentro.
Toño preguntábase por que facer unha ponte cuberta e topou a resposta de súpito cando caiu un batallón de auga e tivemos que acollernos alí con outra xente que estaban cos nenos disfrutando do río.
Os nenos disfrutaban coa auga e mollábanse coma pitos e os pais todos tranquilos que aquí deixan os nenos á brava de máis, ao contrario que na terriña que os protexen un chisco de máis.
Unha nena díxolle a Ana toda preocupada: Non esquezas o teu can, cando mirou que Colín quedaba un par de pasos atrás…os nenos teñen cada unha…
Aínda era cedo e podiamos ir a outro sitio así que fomos ao Douthat State Park.

posted by acedre @ 7:33 PM 0 comments

Humpback Bridge, VA ou a ponte xorobetas, a ponte cuberta máis antiga das cinco que quedan en Virxinia.

posted by acedre @ 7:32 PM 0 comments

Douthat e Lexington

Fomos ao parque estatal de Douthat.
Neste parque tivemos que pagar tres dólares por aparcar e era bastante grande.
Démoslle volta ao encoro que ten unha praia con area branca traída de sabe Deus onde. Alí hai barcas de pedais, barcas de remos, kaiaks e bicis de auga para alugar pero non alugamos nada. Iso si, eu quería unha foto montado nunha desas bicis e aí estou.
Na praia había unha voda e os convidados tiñan que facer cola para coller a comida que estaba debaixo dunha carpa. É raro unha voda de » sírvase vostede mesmo «, non ?.
Había unha chea de rotas para camiñar e decidimos darlle volta ao encoro. A rota estivo moi ben e pasamos por cabanas de madeira para alugar, un camping e polo medio de bosque. O malo da rota foron os bechos que os había a milleiros. Onde está o muro do encoro había zona de pesca só para rapaces menores de doce anos e no resto pescaban adultos.
Cando rematamos a volta fomos a outra rota que tiña unha ponte colgante e o Colín pasou por ela porque nos mirou a nolos catro doutro lado. O Colín é bastante cagón para esas cousas pero desta volta portouse coma un machote.
Saímos do parque e Lexington quedaba de camiño para Waynesboro así que paramos alí a cear.
Lexington ten uns sete mil habitantes pero ten moita vida porque ten un campus e unha academia militar. Ceamos nun restaurante típico americano rodeados de soldaditos e as mozas e debían de marchar destinados para algún sitio que había ambiente de despedida.
En definitiva, pasámolo ben en Lexington e ceamos ben e barato.
Cando chegamos a Waynesboro e estabamos mirando as fotos do día eu quedei durmido do canso que estaba de conducir e andar todo o día. 

Eu nunha bicicleta de auga…estes americanos inventan de todo ! 

posted by acedre @ 8:00 PM 0 comments

Domingo 15 de maio de 2005

Sherando lake e Charlottesville

Hoxe domingo tocou a volta para Warrenton.
Toño tiña que ir ao centro de recuperación e nós fomos almorzar ao Lynn’s por variar. Logo fomos ao Sherando lake que está a unhas vinte millas de Waynesboro. Había que pagar dez dólares por entrar pero o chico deixounos entrar gratis unha media hora, así que fomos ata o lago que era xeitoso e máis ou menos coma o de onte. Fixemos fotos na beira do lago e na casa de madeira cunhas chemineas que era a oficina do parque.
Despóis, de volta, despedímonos de Toño que estaba todo guapo cunha rede para o pelo que ía operar un falcón.
Chegamos a Charlottesville e fomos dar unha volta. O centro da cidade é peatonal e ten moita vida e iso que é domingo. Hai restaurantes, tendas, salas de arte, un teatro, uns multicines, unha exposición de maquetas dos arquitectos da universidade de Virxinia e librerías de libros usados e novos e Ana mercou un que fala da sociedade americana. Tamén hai unha pista de xeo cuberta.
Está visto e comprobado que os estudiantes ou os militares son os que dan vida ás cidades.
Chegou a hora de xantarmos e tomamos pizza que estaba moi boa e café que nolo reenchían de balde.
A rúa estaba chea de xente de tódolas cores e misturados con toda a normalidade do mundo. Moitos paseaban cans e tamén había dous nenos tocando: unha nena co violín tocaba musica celta e un neno ( parecía o irmán ) tocaba o acordeón máis adiante.
No centro de información déronnos un mapa cunha rota a pé rodeando a cidade e fixemos un anaco.
Non topabamos a entrada e Joseph axudounos. O tal home parecía un artista ( nesta cidade miramos xente de tódolos tipos ) ou un hippy. Tiña a casa con flores e cadros na entrada e un can xigantesco e bonachón.
A rota era pola beira do río Rivanna que ten auga choca. Isto non servía de obstáculo para os cans que se bañaban a cada pouco. Esta rota ten moita xente que pasea o can.
Cando levabamos unha milla andada botou a chover e tivemos que pegar media volta. Pasamos por un atallo que parecía Galicia porque había silvas, xestas, salgueiros e ata videiras botadas a monte.
Xa logo tiramos para casa e só paramos a botar gasolina. Choveu todo o camiño ata Carolina.
Na casa tocou o baño de Colín e Ana e Cris botaron no buzón da biblioteca uns libros para devolver. A ver se Ana non vai ao trullo que tiña que devolver » O código Da Vinci » o venres pasado.
E así foi esta fin de semana. Mañá toca rotina e calor que volve ser luns.

Rematando a pizza en Charlottesville 

posted by acedre @ 8:24 PM 0 comments

Luns 16 de maio de 2005: cotián

A foto vai adicada para Mary e Mon que esperan un neno para setembro.
Unha veciña tivo unha nena e fixo o acostumado aquí: pór na entrada un globo rosa por ser nena, un carteliño co nome e a data do nacemento e hai casos que poñen o peso tamén. Logo atan un lazo rosa por alí cerca e xa está todo anunciado.
Non sei por que o fan … se será para informar sen que veñan pola casa a dar a tabarra ou para o contrario; que pasen pola casa para felicitar á nai e á familia e que traian algún presente de paso…
A foto non quedou moi ben. O globo xa case non tiña aire e o cartel non quedou moi claro pero a mensaxe intúese: -Nome: Davis, nada o seis de maio.
O día anterior ao da foto paseaba eu a Colín pola noite e botouse a ladrar coma un descosido. E a quen ladraba ?. Pois ao raio do globo que o Colín nunca mirara un globo nese xardín abaneándose co aire.
E xa remato, espero que Mary tome nota e que poña un anuncio así, pero en azul, cando lle veña o neno.
Bicos e saúde de parte dos galegos de Warrenton, NC.

posted by acedre @ 7:42 PM 1 comments

Foto adicada a Mary e Mon

Luns cotián 2

O choio en Revlon foi ben. Está o traballo un pouco frouxo e os traballadores eventuais por Staffmark cóntanse cos dedos dun par de mans.
Hoxe tocoume con Susan, a indonesia, na cabeceira da liña colocando chapiñas para encher de producto.
A Susan non para de falar e sabe indonesio, chino mandarín e cantonés, inglés nivel medio e tamén bastantes palabras e expresións do español que aprende dos mexicanos ( xa lles gustaría a Ana e Cris ter alumnos así de bós ). Hoxe interrogoume sobre todo e preguntaba cousas como se dicían en español e Susan é coma unha mistura de esponxa e de loro que asimila todo e repíteo case cravado. Petardea un pouco cos eles e erres pero bueno…Tamén facía acenos raros coa cara e de vez en cando dálle un meneo á cachola para desbloquear o pescozo. É un fervellico que anda sempre a correr e é pequecha e delgada e ten roupa de nena ( a única que lle vale ). Ten un coche vermello tipo deportivo cheo de peluches na bandeixa traseira. Está orgullosa de ser norteamericana ( e iso que aínda non o é ) e está casada cun norteamericano que xa debe de ter un trono no ceo por aturar a semellante máquina de falar.
De operador de liña estaba Wesley que é branco, alto e delgado con barba e fala sureño total que non pispo nin a primeira. Ten un chisqueiro coa bandeira confederada que fala e é un bo traballador. Tardou moito en falar comigo pero xa me vai tratando.
Cando saín esperei por Rosi, a arxentina , que me deu productos para Ana. Resulta que de cando en vez, a empresa reparte catálogos para que os traballadores escollan cinco productos de balde. Rosi preguntoume que quería Ana, Ana mirou o catálogo e marcou o que quixo e Rosi deumo hoxe.
Rosi hoxe non tiña un bó día que estaba sen forzas. Ten problemas con alerxias e un cancro de pel que a queima viva. Colleu o cancro en Arizona cando traballaba alá que tomaba o sol ás bravas, sen protección nin nada e agora está así. É unha verdadeira mágoa co boa que é con todo o mundo…
Con tódolos contos, cheguei tarde a buscar a Ana pero aledouse cando mirou as trapalladiñas de Revlon.
Máis tarde fomos ao ximnasio: eu nadei e Ana foi facer Pilates. No vestiario un tal Gwen díxome que me ía dar o seu teléfono e convidarme a dar unha volta en veleiro polo lago Kerr. Supoño que quedará en nada.
Logo merquei cousas no Wal*Mart, busquei a Ana e para casa.
E así foi este luns con ceos con nubes e claros e unha temperatura agradable.
Mañá haberá algo máis.

posted by acedre @ 8:00 PM 2 comments

Martes 17 de maio de 2005

Futuro Himno galego

Fedellando por esa arañeira electrónica topei esta poesía que repito aquí pola cara:

Hazuelos jariosos

Qué dicen las crujientes
en la llanura parduzca
cuando tórrido rebufa
nuestro disciplente sol ?.
Qué dicen los rastreros matojos
de ocre espina enhiesta
en su ahogada protesta
por el aire achicharrador ?.

De aquel verdor ceñido
y de los aborrecidos castros
no quedarán ni pizcatos:
conquistado hemos el solar.
No dejes caer en olvido
de la envidia la ruda saña;
aherroja toda España,
Hogar del gran Hernán.

Los buenos, sumisos y obedientes
su voz pronto censuran,
y con arrobo se apresuran
adoptando nuestro hablar;
mas sólo los paletos,
y cerriles y mentecatos,
permanecen obstinados
en sus modos conservar.

Los tiempos han llegado
de sedientas limpiezas;
libremos de lo que apesta
este mapa entero ya;
pues, donde quiere gigante,
nuestro clamor anuncia
del vecino la renuncia
ante el Reino de Hernán.

Co este poema quero lembrar que debemos manter a nosa lingua e non fagamos como coas cousas queridas que esperamos a perdelas para querelas.
Aproveito tamén para lembrar aos irmáns da nosa lingua en Extremadura, os nosos curmáns do país verde, os últimos dos Pirineos e os ultimísimos dos Pirineos.
Ogallá manteñamos entre todos ese tesouro que é a pluralidade linguística.

posted by acedre @ 7:21 PM 0 comments

Mércores 18 de maio de 2005

Loiras nas miñas mans

Hoxe pasaron moitas loiras polas miñas mans e miraban cun sorriso sensual pero eran frías coma o estoxo do cartón no que viñan.
Tranquis todos que non é unha fantasía sexual senón o traballo que me tocou hoxe. Non había choio nas cremas da cara e mandáronme para os tintes de pelo.
O día pasou rápido e sen novidade. Unha das que traballaban comigo era a » Corderita «, unha rapaza de dezanove anos, loiriña e con cara dóce e unha expresión de ollos coma de año esganado e de non romper un prato. Cando traballa asoma a lingua de forma nada profisional e tópase coma perdida. Chámase Erin e ten apelido alemán e ten un vozarrón forte que non lle pega nada. É das poucas brancas que se rebaixan a falar comigo. A maioría teñen aires de princesas e resulta que logo viven en tráilers. Así sonche as cousas.
O choio de hoxe era meter estoxos en caixas e pasalas por unha fita que pechaba a caixa con celo. É un choio manual e foi unha das cousas que me abraiou cando entrei en Revlon: a cantidade de traballos manuais que hai podendo facelo máquinas e robots. Home, para min e máis xente é mellor que sexa así que temos traballo; pero é unha cousa que me desconcerta deste país. Teñen cousas modernas por un lado e polo outro parece que viven na fronteira co territorio indio. Un exemplo é o da policía que ás veces vai dacabalo e outras que levan eses aparellos da foto que bauticei coma funcicleta como podería chamalo rodadeira ou outro nome e que semellan a cousa máis futurista de calquera película. E agora que está o personal todo coa guerra das galaxias a foto vén que nin pintada.
E mañá pode ser que haxa máis.

Poli con funcicleta en Chicago. A que semella un Dark Vader? 

posted by acedre @ 7:29 PM 0 comments

Xoves 19 de maio de 2005

Paréceme unha incongruencia: falar de Xesúus e logo levar un rifle no coche. Supoño que se Xesús non morría, xa se encarregaba este do asunto…ou será un aviso de que non se pode opinar o contrario ? 

Andan a cambiar os mobles no ceo

Iso é o que se di cando trona e estivo a tronar ata hai un pouquiño.
Á mañá saquei o Colín a pasear no colo que iso da chuvia non vai moito co el. Pouseino na funeraria que temos ao lado que ten un cuberto para os coches. O Colín mexou nunha roda e xa tirou desfrechado para a casa. Iso si, non se cagou nos mortos de ninguén.
No choio segue a escaseza de traballo e mandáronme para tres sitios distintos. Primeiro facía caixas para embalar, logo tocoume unha liña onde pasaban botelliñas de tinte e tiña que comprobar que levaban tapón e etiqueta. E menos mal que me cambiaron porque xa me pegaba o sono. O último choio xa foi movido que tiven que embalar caixas de tintes. Había unha señora que me facía as caixas e boteille unha man que non daba avío. Preguntoume de onde era e, miragre, sabía onde caía España. Mirouno nunha canle de viaxes e mirou os touros e os Sanfermíns e preguntoume se eu facía iso. Eu díxenlle que non, que era perigoso e é un abuso parvo dos pobres animais. Estou de acordo co amigo Pepe.
Nun descanso falei co dobre de Apollo Creed, o que boxeaba con Rocky Balboa. O señor este é de Nova York e fala ben que se lle entende e díxome que ao primeiro facíaselle difícil entender á xente de aquí. Sería para nós como un que fala castelán do norte e outro que fala andaluz.
Tamén hoxe houbo unha emerxencia médica. Cando pasa isto soa a sirena dunha maneira especial e para toda a fábrica. Logo anuncian polo altavoz onde teñen que ir os paramédicos e alá van eles cun carriño de golf adaptado como ambulancia. A fábrica para toda para deixar o camiño libre de obstáculos para os paramédicos. Xa dixen unha vez que aquí hai xente moi maior traballando e tamén obesos de quitar o hipo e non me extraña que cando fagan un esforzo mínimo lles dea un » yuyu «. Normalmente só é un susto e o de hoxe foi outro susto máis.
Ao rematar o choio fun buscar a Ana e inda tiña alumnos que repiten exercicios que fixeron mal. Non lles chega co exame que é tipo test e doadiño que aínda teñen que repetilo. Un dia hei de pór un exemplo coas respostas que dan os alumnos que son moi graciosas.
Como hai treboada seguro que fechaban a piscina que din que a auga atrae os raios e xa non fun ao ximnasio. Ana si que foi para desestresarse e Cris aquí anda na cociña facendo postres para mañá que vai facer unha festa cos alumnos. Este sábado está convidada a unha voda mexicana e xa nos contará como é iso.
E o que é do día xa está contado. Como vedes non hai moito que contar. Teño un amigo que di que viaxo moito pero hai quen me gaña dabondo e quen me gaña por muitísimo.

Ata mañá.

posted by acedre @ 3:16 PM 0 comments

Venres 20 de maio de 2005

Radio no coche

Eu boto unhas dúas horas no coche ao día. A media hora da casa a Revlon, en Oxford e a volta para casa e pasando a recoller a Ana; e despóis unha hora de ida e volta dende a casa ao ximnasio e ao Wal*Mart que está alí pegado en Henderson. Nese tempo escoito a radio. Na radio do coche teño programadas seis emisoras de radio. Nesta zona hai moitas con música country e eu programei unha que non poño moito. Tamén hai emisoras con música hip-hop moi moderna e ruidosa para o meu gusto e relixiosas que non as teño programadas. Unha que si teño preprogramada é unha de clásicos do rock con música heavy e non tan heavy. Outra é de clásicos deses que os cantantes xa están mortos e é música dos 40, 50 e algunha dos 60. Cando quero tranquilidade e entender o cen por cen do que cantan, pois poño esta emisora. Outra que entendo é « La Ley de las Carolinas « que ten música mexicana con letras que fan rir e os anuncios no spanglish da zona.
Pero as miñas emisoras favoritas son Wral.fm e The River. A primeira ten as novas do día e música dos 80, 90 e de hoxe e ten de malo que repiten bastante a música e hai unha chea de anuncios e aproveito ese momento para cambiar para The River que ten menos anuncios e novas e unha música non mala de todo pero un pouco peor.

Vén esta introducción a que hoxe escoitei unha nova na radio de que queren permitir levar armas ao posto de traballo no estado de Carolina … por se aparece algún tolo, seica. Xa hai unha lei parecida no estado de Florida que deixa levar armas pola rúa para autodefensa.
A min parécenme estas leis unha barbaridade e a volta ao salvaxe oeste do que aínda non perderon de todo.
E, co conto da lei esa, acordeime do cartel da foto que aparece nas entradas de oficinas, bancos e outros sitios publicos.
Eu, cando mirei o cartel por primeira vez, pensaba co meu pouco inglés que » concealed » significaba arma cargada; pero eu miraba policías que ían ao ximnasio con todo o armamento e víase cargada a ferramenta de matar e ninguén lles chistaba. Quedei coa mosca detrás da orella e fun ao diccionario a desburricarme e souben que » concealed » significa oculta e que o cartel viña a dicir: Proibido levar armas ocultas. Ou sexa, os cacos non incumplen ningunha norma cando entran nun sitio coa arma ben á vista …
Nada, que non deixan de asombrarme estes norteamericanos e as súas leis

Que alguén me explique isto

posted by acedre @ 8:58 PM 0 comments

Sábado 21 de maio de 2005

Dogwood: árbore simbólica de Carolina do Norte

Avanza a primavera

Hoxe deixou de chover, anque anda o tempo algo fresco. Nada, que a primavera vai para adiante e xa case non hai flores. Pensabamos tirar para a praia pero o tempo non viña moi católico e decidimos quedar esta fin de semana pola casa.
Os bechos empezan a multiplicarse e o outro día miramos o primeiro vagalume ou lucecú. O ano pasado habíaos a centos onde viviamos que era un lugar con máis árbores e menos casas.
Cris está a prepararse para a voda mexicana que ten hoxe e Ana está facendo manualidades con fotos. Máis tarde iremos a Rocky Mount a dar unha volta e nesta tardiña virán os amigos arxentinos e cearemos pizza que hai tempo que non estamos co eles.

E agora vou comentar a foto.
Esta árbore chámase » dogwood » que vén sendo algo así coma madeira de can e vén o nome de que antigamente fervían as cascas da árbore e co esa auga curaban a sarna dos cans.
Esta árbore é a árbore simbólica do estado de Carolina, así como o » cardinal « é o paxaro oficial do estado. Aquí hai costume de pór animais, prantas e máis cousas como simbólicos do estado.
Pois esta árbore ten unha lenda que ten que ver con Cristo, por non variar. A lenda di que antigamente era grande coma un carballo, forte e dereita e co ela fixeron a cruz de Cristo. Deus castigou logo a árbore infame e fíxoa que quedase pequena, de madeira retorta e branda e as frores son brancas con forma de cruz e teñen unhas manchiñas castañas do óxido dos cravos de Cristo, unhas pintas vermellas que representan o sangue e ten no centro da flor unha coroa de espiñas coma a de Xesús.

Mañá contarei máis.

posted by acedre @ 7:18 AM 2 comments

Voda á mexicana

O sábado foi movido. Pola mañá fomos Ana máis eu de compras a Rocky Mount mentres Cris foi a unha voda mexicana.
A voda é distinta ás nosas e non sei se é a típica, típica. Moitas cousas deben de cambiar porque aquí non estaban tódolos familiares dos noivos e invitaban máis que nada á comunidade coa que se relacionan. A cerimonia parece ser que foi longa e non había moita xente e poucos homes ( debe de haber unha » capela » ao lado ). Na voda había damas de honor e moitos padriños: padriños de soga, padriños de coxín e os padriños da voda en si. Os padriños da soga póñenlle unha lazada aos noivos no pescozo coma se fosen cabalos e quedan xunguidos os dous. Logo xa lla tiran. Os padriños de coxín traen uns coxíns brancos e grandes nos que se axionllan on noivos durante a cerimonia e parece ser que ten que ver coa fertilidade. E xa os padriños verdadeiros traen a biblia e os aneis.
A igrexa era grande e moderna e o cura chapurreaba español.
Despóis foi o convite que foi nun local alugado. A comida era tortillas mexicanas, feixóns e arroz e porco asado. De beber había refrescos e cervexa. Servían as mesas as damas de honor e diante da torta nupcial puñan os presentes os invitados.
Os noivos bailaron o vals máis de media hora eles sós e logo bailaba toda a xente. Había dous conxuntos a tocar música mexicana e tamén puxeron música disco suave.
Un detalle curioso foi cando se puxeron os noivos enriba dunhas sillas e o noivo colle entón a cola do traxe dela e levántao. As invitadas entón bailan ao redor deles todas enganchadas da man e logo pasan por baixo da cola. Cando xa pasan as mulleres, tócalle o turno aos homes que xa son máis bestas e case tiran aos noivos.
Outra cousa curiosa é que algús homes levan sombreiro tipo cowboy e que lle penduran billetes do lombo ao noivo.

Cando chegou Cris da voda xa estaba Toño que veu para pasar a fin de semana. Tamén estaban os arxentinos e ceamos pizzas. Logo da cea estivemos a falar de mil cousas e ata falamos dos debuxos animados da tele e non hai moita diferencia entre Arxentina e España que tivemos Heidi, Marco, Mazinger Z, Érase unha vez a vida, etc, etc.
E así foi o sábado.

» Troca » da voda e a igrexa. Esquecía dicir que había un policía no banquete…por se ascaso

posted by acedre @ 8:16 PM 0 comments

Domingo 22 de maio de 2005

Toño, Cris e Ana con Petunia detrás

posted by acedre @ 8:40 PM 2 comments

Maratón de shopping

Hoxe fomos de shopping a Raleigh todo o día. Primeiro fomos ao Southpoint que é o centro comercial máis grande de Raleigh e ten coma unha rúa chea de tendas e restaurantes aparte do centro comercial cuberto.
Na parte de fóra había unha asociación de defensa de cans abandoados recollendo axudas e tiñan a Petunia de mostra, unha cadela xigante feita con frores que é a que sae na foto. No Southpoint paseamos e xantamos e mercamos algúns detalles para a xente da terriña.
Do Southpoint marchamos para o Triangle e estivemos no Dicks que é unha tenda de deportes e material de tempo libre. Tamén estivemos no Barnes&Noble onde venden libros e noutras tendas de roupa e calzado ata quedarmos fartos de tanto andar e buscar presentes.
Alí ao lado estaba o Old Navy e o Target e alí fomos e de camiño a casa aínda paramos no Wal*Mart para buscar máis agasallos.
Ou sexa, un maratón de compras que nos deixou derrengados.

posted by acedre @ 8:19 PM 0 comments

Luns 23 de maio de 2005

Festa de Aninovo coa xente » ben » de Henderson

Xente branca do YMCA

No choio segue a cousa escasa e mandáronnos a outra ponta da fábrica, onde fan os lápices de ollos e alí botei a xornada. Levei unhas fotos para mostrar a Ana e Cris que había mulleres que querían velas. Preguntaron se eran irmás ( debe de pasarlles coma a nós que os negros parécennos iguais ) e dixeron que eran guapas e altas. Tamén lles gustou o Colín. Ese can ten un éxito bestial coas mulleres.
Ana pasou un mal día. Os alumnos están na recta final e se xa non fan nada no curso, agora xa é esaxerado. Mañá vailles levar un vídeo para que non lle rompan a cabeza. Tamén os alumnos están cos exames e o venres é o día da graduación, cando van coas togas e os topetes na cabeza.
Á tarde fomos ao ximnasio: Ana fixo Pilates e eu nadei. Antes fixen tempo que había xente a nadar e falei con Gwen ( outro distinto do que me convidou a navegar ) e este convidoume a pescar que ten unha casa no lago Kerr. Gústalle relacionarse con xente doutras culturas e cando estaba no instituto estaba cun paraguaio chamado Jorge pero prefería que o chamasen George porque facían burla do seu nome que dito jorge soa a cacheira, cabeza de porco.
Non sei en que quedará a invitación.
Iso lémbrame a Denis, un señor que nada moi ben e xa hai tempo que non miro. Convidounos o ano pasado a nós e aos arxentinos á súa casa a comer no día de aninovo que comen unhas verduras que parecen grelos e que chaman » turnips « e din que é tradición e dá boa sorte no ano. Supoño que nos convidaría para dar un toque exótico á festa porque alí estaba a alta sociedade de Henderson: médicos, avogados, facendados, funcionarios e demáis » títulos nobiliarios «. Fomos alá pero non pegabamos nin con cola. Levamos turrón e a xente comeuno ben.
O Denis é constructor e ten unha casaza na zona » ben » de Henderson. Este home paréceme bó tipo pero hai veces que me parece do Kukluxklan tan loiro e os ollos azuis fríos.
Non sei, debe de ser que me parece que estou nunha película e toda a xente asócioa con personaxes de películas.

Mañá escribirei máis.

posted by acedre @ 8:04 PM 0 comments

Martes 24 de maio de 2005

Martes » cultural «

Hoxe xa traballei na miña área. Tocoume pór chapiñas con Susan, a indonesia, e paseino ben. Ela fala que fala no seu inglés macarrónico e sabe moito español. Eu tamén aprendo algo dela como a dicir tolo en indonesio » guila » e en chinés » sanchimpí «. Ademáis fan un ademán raro para dicir tolo: pegan o dedo á fronte. Non fan coma nós que damos media volta para atrás e media para adiante co dedo clavado na tempa. Tamén en Centroamérica fan un aceno distinto: teñen o dedo separado e danlle voltas grandes. Iso lembroume o das onomatopeias, os sons que fan animais e cousas e que cambian segundo o idioma e non é o mesmo un can ladrando en inglés que en polaco e topei esta páxina con exemplos. Tamén seguín mostrando as fotos da mafia galega de Warrenton e Sandra e Emma dixeron que as españolas eran ben lindas e altas. Os americanos tamén quedaron abraiados que pensan que os españois son baixos e morenos coma os mexicanos en xeral e hai de todo. Creo que fixen así un bó acto cultural.
Pasou a mañá rapidamente e fun buscar a Ana e no camiño caiu unha treboada de medo.
A Ana o día foille mellor ca onte: puxo o vídeo a un grupo e aos outros fíxoos traballar. Estes rapaces queren man dura e Ana sabe como tratalos dandolles unha de cal e outra de area.
Como seguía a chover e había lóstregos fixemos tempo antes de irmos ao YMCA e aproveitei para botar unha soneca que me soubo moi ben.
Logo deixou de chover e apareceron un feixe de cadelas de frade e digo eu que haberá que ter cuidado cos oídos a partir de hoxe. O que non hai son esquíos que dixo Toño que migran nesta época.
Fomos ao ximnasio e nadamos e logo voltamos para casa. Ceamos e andei polos blogos e topei cousas coma lendas galegas, xogos de xeografía e o festival de Cans no Porriño, a miña terra chica.
E así foi o dia. Supoño que mañá haberá máis.

En canto á foto dicir que dende o primeiro dia deixoume pensativo. Se proíben vender tabaco aos menores de 18 anos por que piden o carne aos que aparentan menores de 27 ?. Non sei a que vén esta norma que me parece retorta e incongruente.

Fumador: Non venderemos tabaco a menores de 18. Comprobarase documentación con foto expedida polo goberno de todas aquelas persoas que aparenten menores de 27

Aclaración

Sigo sendo un peido co isto do ordenador.
A ligazón para a páxina de onomatopeias é esta.
E a ligazón para o xogo xeográfico está aquí.
Perdón.

A ver se sae aquí a ligazón para o xogo xeográfico.

posted by acedre @ 9:28 PM 0 comments

Mércores 25 de maio de 2005

Cheirando a fin de curso

Ola.
Hoxe Cris acabou de darlle clases aos nenos. Agora quédanlle uns días que ten que ir a clase pero sen alumnos e Cris está leda. Por outra banda, Ana aínda está cos exames e van aprobando os alumnos que aprenderon moito. Ao primeiro do curso eu axudaba ás veces a Ana a corrixir exercicios e metían a pata que eu morría coa risa, pero agora xa non fan gracia…aprenderon demasiado con Ana.

Eu no choio ben. Hoxe houbo unha reunión para falar dos novos productos que vai sacar Revlon e Almay e vai haber choio abondo a partires de xullo. O xefe dixo que os eventuais ían ter traballo e preguntou cantos había e só quedo eu na miña área. Son o último das Filipinas, o último mohicano, o derradeiro que os compañeiros foron caíndo na miña área. Pero xa somentes quedan un par de semanas para que volva a casa e entón xa non haberá blog nin Revlon…mágoa. Agora que saía na páxina de vieiros e en Google e hai algúns amigos blogueiros que me enlazaron… Pero aínda estou aquí e quedan cousas que ver e que contar e esta fin de semana, que ten o luns festivo por ser Memorial Day; Ana, Colín e máis eu imos a Elkton, unha cidade entre Philadelphia e Baltimore e haberá cousas para contar.
E isto é todo de momento. En Vieiros estou aquí.

posted by acedre @ 9:06 PM 0 comments

Xoves 26 de maio de 2005

Xente da piscina

Ola de novo.
Hoxe fun ao choio e foi todo ben: estiven na miña área coa xente de sempre. Ensineille as fotos nosas a Ronie, o » Patachula » e a Katie a » Amante dos bechos «. Esta Katie é branca de 44 anos e baixota e gordechiña e fala moito e ri tamén. Na casa ten loros, iguanas, unha becha xigante que está nunha foto cun fillo pequeno todo ledo co demo da serpe enroscada non pés e máis bechos que lle queren máis a ela que ao home e que teñen a habitación principal coma territorio dos animaliños. E moi boa rapaza, si señor. E dixo que Ana é guapa ou sexa que leva máis puntos.
Á tarde fomos para o ximnasio que hoxe apetecía nadar que facía unha calor de derreter a un.
Estaba nadando a señora » Nadadora » que é unha muller que se pon a nadar estilo crawl unha hora amodo pero seguido sen parar.
Tamén estaba » Madelman «, un señor rarísimo que nada estilo ra pero para atrás e logo ponse na beira da piscina a falar só e ponse de pé no medio e anda no sitio e segue a falar só. A min paréceme que estivo en Vietnam e quedou trastocado.
Outro que estivo anque no vestiario é Bob, un sicólogo que traballa no hospital pegado ao YMCA.
Está aprendendo español e fala despacio, despacio e pensando moito as palabras. Comigo aprendeu chatarra, irritar e presumir. E el di: Grasias, grasias.
Faltaba hoxe Burt que quedou trastocado ( este si seguro ) dun accidente. Botou un tempo en coma e logo tivo que aprender todo coma un neno pequeno desde vestirse a falar e isto non o aprendeu moi ben que non hai quen o entenda. Cando fala de comida que lle gusta babea coma o seu tocaio dos Simpsons. Ademáis estes días ten a teima de que imos mudarnos a Wake Forest e tódolos dias mo pregunta e eu dígolle que non e ao día seguinte xa volve coa mesma leria.
Estivo Adán ensinando a nadar aos chamaquitos e logo quedou de socorrista. Este Adán ten cada unha…así lle chamamos Shin Chan. Unha vez díxome que escribira unha poesía en galego e eu díxenlle que ma trouxese e un día tróuxome un papel escrito a boli e empezo a ler e si, era en galego; pero era » A forza desta vida «, unha canción da Operación Triunfo. Noutra volta díxome que un compañeiro del socorrista tamén, que era mexicano pero que eu non lle podía falar espanhol que só falaba inglés e nahualt e eu crinllo e el botouse a rir.
Tamén estivo ensinando Bethany de bo nome » La Sirenita » que nada moi ben e rápido; e de mal nome » Olivia « porque é algo delgaducha e ten unha cara así coma a de Olivia.
Eu herdei de meu pai isto de alcumar a xente e supoño que todo o mundo o fará. Supoño que a min me chaman na piscina » Hairy Fish » ou o » Peixe peludo » e a Ana seguro que a bautizaron coma a » Peixiña Duracell «….Bueno, eses serían os nomes que poría eu.
E máis nada. Mañá toca a graduación no instituto e eu irei de vontario para atender unha porta de entrada do campo de rugby onde fan a cerimonia. O ano pasado estiven de acomodador e acompañaba aos pais dende a porta ata as sillas diante do palco. Se non vou de vontario non podo entrar que está moi restrinxida a entrada e só hai profesores e familiares dos alumnos. Espero que non faga moita calor e que todo saia ben.

E mañá falarei disto todo.

posted by acedre @ 8:27 PM 2 comments

Venres 27 de maio de 2005

Palco, alumnos e público na graduación

Momento no que recollen a señora do esvaecemento

posted by acedre @ 9:19 PM 2 comments

Graduation Day

Hoxe fixo moi bo tempo. Un pouco quente de máis pero nada esaxerado.
No traballo mandáronnos a todos a outras zonas que non había choio que facer na nosa área. Estiven primeiro carregando unha máquina de tapóns, logo embalando e logo metendo algodóns nunha caixa onde se enchoupan de crema e pasan a unha fita onde os embalan. Logo mandáronme a outra liña e xa non estiven máis con Emma a hondureña que non para de falar co seu acento caribeño…e a ela gústalle o meu. Por aí gústanlles que se pronuncie a zeta.
Emma faloume dunha telenovela que está a mirar: » La mujer en el espejo « e é unha muller que é guapa de día e fea de noite e é filla dun home rico pero ela non o sabe e ten unha madastra que a trata mal. Ou sexa: unha mistura de contos, lendas e mitos.

Cando saín Ana xa estaba na casa que a trouxo o noso veciño. Preparámonos e fomos á graduación. Ana quedou axudando ao fotógrafo e tiña que apuntar un número ao lado de cada alumno e pór se era home ou muller e branco ou preto.
O día foi bó e houbo moita xente. Máis de douscentos alumnos conseguiron o título.
A cerimonia empeza cos da mesa principal e os alumnos desfilando dende fóra do campo de rugby ata o palco e as sillas de diante. Nas beiras hai outras sillas para familiares con invitación dos titulados e o resto da xente está por fóra nas bancadas.
O meu choio era estar nunha cancela entregando programas. Cando pechamos as cancelas xa puiden facer fotos e vídeos menos cando aguantaba a corda para separar os familiares e os alumnos que se non xúntanse e hai un cristo.
A banda toca a música típica da graduación » Pomp and Circumstance » e logo toca o himno. Despóis veñen as presentacións e saúdos para os profesores e os pais. Houbo tamén unha lembranza para un alumno que morreu nun accidente e o pai del recolleu o título e presentes dos alumnos e compañeiros do fillo e foi emocionante. Logo deu un discurso unha antiga alumna que prosperou na vida e deulle azos aos alumnos e díxolles que traballando duro e respetando aos demáis poden chegar lonxe. Logo o coro cantou o himno do instituto » Like an eagle » que a aguia é a mascota do instituto. Por certo, o coro de vinteséis alumnos non tiña nin o primeiro branco.
E logo xa foi a entrega dos diplomas por parte do director e rematou co lanzamento de globos, confetti e sombreiros polo aire e oubeos dos graduados.
A cerimonia foi coma a do ano pasado e houbo unha señora maior que se esvaeceu pola calor e a cantidade de xente. Pero quedou nun susto.
E así foi a cerimonia, coma nas películas.
E non teño máis que contar. Mañá saímos de viaxe e ata luns non volvo escribir.

posted by acedre @ 8:23 PM 0 comments

Sábado 28: en Wilmington de Delaware e Newark de Delaware

O sábado foi o día de viaxe. Tronou polo camiño pero cando chegamos ao hotel en Elkton xa escampaba.
Wilmington estaba perto e fomos alá. Erramos de estrada e pasamos por barrios pouco seguros e ao final chegamos ao paseo do río. Wilmington tiña asteleiros no pasado pero foron ao tacho. Deixaron unhas grúas e algúns almacéns que restauraron e fixeron tendas e restaurantes. E por aí estivemos dando un paseo.
Para cear fomos a Newark que era onde estivo Toño facendo unhas prácticas. Newark é pequeno pero ten a rúa principal con moita movida porque hai universitarios. Alí ceamos no » Alí Babá « que ten comida árabe. Ceamos falafel que o botabamos en falta dende Londres. Logo pasamos polo Mc Donald para mercarlle a Colín unha » double cheese burger «…e para cama.

Ana no paseo de Wilmington, DE

posted by acedre @ 7:18 PM 0 comments

Domingo 29: Filadelfia, a cidade do amor fraterno.

Saímos do hotel en Elkton e collemos a 95 norte para Philadelphia. Este día xa non había tráfico que o anterior houbo retencións bastantes. E o día foi caloroso con nubes e sol.
Antes de entrar na cidade había un posto de información turística e tivemos a sorte de que había un grupo de » boyscouts » alí con café, donuts e madalenas que daban pola vontade e con tres dólares xa almorzamos Ana máis eu e estaba todo ben bó que parecía caseiro.
Despóis entramos en Philadelphia e buscamos onde aparcar perto de Market Street onde está o centro de información turística e é unha rúa con ambiente. Tivemos sorte que aparcamos en Pine Street, unha rúa paralela, e nun sitio con sombra e gratis. Por esa zona visitamos unha casa onde foi o primeiro congreso de Estados Unidos e había unha señora cega vestida da epoca colonial que tocaba un instrumento rarísimo de cristal coma se fose un piano. Por fóra había nenos tamén vestidos da época colonial xogando a xogos antigos con paus. Tamén estaba unha señora preta que tecía algodón nunha roca e explicaba como era antes a roupa.
As rúas estaban cheas de turistas e había carrozas de cabalos, autobuses con forma de barco que daban a xente asubíos con sons de parrulo e tranvías turísticos.
Fomos camiñando dende a Market Street ata o museo de Arte Contemporánea e pasamos polo bairro chinés, o concello, o símbolo LOVE, as varias fontes e a rúa abeirada das bandeiras de tódolos países do mundo onde estaban os museus de historia natural e de Rodin e remata no museo de Arte Contemporánea que tiña a Dalí nas escaleiras que estivo unha exposición ata o 15 de maio. Non entramos no museo que xa non había entradas. Logo voltamos e mercamos unhas sandalias que se me romperon as miñas. Collemos o coche e fomos a Fairmont Park e paseamos co Colín por alí. Estivemos pola beira do río e había varios clubes de remo e moita xente. Tamén había un grupo bailando con patíns e eran uns artistas do ben que o facían.
Era tarde e voltamos a aparcar onde antes e tivemos sorte que topamos un sitio perto do anterior. Fomos por esas rúas ata o porto onde había barcos museu e un submarino. Nas rúas había unha feira de artesanía e topamos unha rúa con moito movemento: South Street. Esta rúa tiña moitos restaurantes e tendas variadas que parecía o Soho en Londres. Había un restaurante español con pulpo e todo e, claro, escollemos cear nun bar norteamericano, he,he. O pulpo hai que comelo na terriña, non ?. No bar Ana ceou unha ensalada  » Cheers to you » e eu un » Philly cheese steak » que é o típico de Philadelphia. Dalí marchamos para o hotel.
Philadelphia é unha cidade grande e ten moitas cousas para facer e moitas cousas bonitas que mostrar e a escolla das fotos é difícil.

 

Ana diante do Museu de Arte Contemporánea

Parelliña debaixo do símbolo de Filadelfia

posted by acedre @ 8:06 PM 0 comments

Luns 30 de maio de 2005

Ana e máilo Colín na pagoda » inclinada » de Baltimore

posted by acedre @ 8:42 PM 2 comments

Baltimore

Hoxe tocou a volta a Warrenton.
Saímos de Elkton cedo e unha hora máis tarde estabamos en Baltimore. Antes paramos nunha oficina de información turística pero non tivemos a sorte de que houbese » boyscouts « dando cafés.
Baltimore é ben distinta de Philadelphia. Ao mellor equivócome pero pareceume unha cidade morta, fea, en obras, desmantelada e con moitos vagabundos pola rúa. Philadelphia tiña vagabundos pero non tantos, e as zonas pobres eran menos.
Estivemos no Inner Harbor que é o porto onde hai restaurantes, pedaletas, o acuario e barcos museu e un submarino ( como me soa todo isto ). Conseguimos aparcar unha hora por un dólar debaixo dun rañaceos e co coche á sombra que no centro de información turística cobraban 10 dólares os moi ladróns por ter o coche alí ao sol.
Esa hora dedicámola a percorrer o porto e subimos a un faro que teñen alí que é gratis a visita.
Polo paseo había moita xente e na auga unhas pedaletas con forma de dragón moi curiosas.
Facía calor e tomamos unhas cañas frescas con vistas ao veleiro » Constellation » que botou un canonazo en memoria dos mortos norteamericanos en guerra que hoxe é o » Memorial Day « polos caídos.
Dalí collemos o coche e fomos ao parque Patterson que é triste, case sen árbores, pouca xente e de mala pinta e ten un casino abandoado e unha pagoda que parece de Pisa pola inclinación e, inda por riba, estaba pechada.
Fixemos as fotos pertinentes e fuximos desa cidade que ten unha Little Italy pero moi apagada. Tamén ten o forte Henry para visitar pero xa non o miramos.
Logo tiramos millas para casa e aquí estamos dispostos para seguir coa rotina: eu a Revlon e Ana a clase pero xa sen alumnos.
Toño xa está aquí dende o sábado e está con Cris organizando as vacacións na costa oeste dos EEUU. Alguén que os convenzan para que fagan un blog contando iso todo.
E nada. Na casa, Ana rapou a Colín que sufre co estas calores; logo bañeino e xa parece un canciño novo outra vez.
Agora tomarei un café e para cama.
Mañá contarei algo.

posted by acedre @ 8:13 PM 0 comments

Martes 31 de maio de 2005

Martes coma luns

Hoxe estiven coa sensación de que era luns.
O día foi bó con nubes e claros e non moita calor.
No choio estiven traballando coa etiquetadora con xente que xa presentei. Tamén había algúns que non presentei aínda coma Eric: branco, vintecatro anos, case dous metros e un pipote por bandullo. Así foi que o bautizou Toño coma o » Zampabolos «. Non é mal rapás anque un pouco lacazán si que é. Ten unha perilla estilo « Redneck » que é como se chama á xente do sur profundo de EEUU. O nome vén do uniforme que levaban os soldados confederados que tiñan o colar vermello. E, falando disto, vénme á memoria o alcume do estado de Carolina do Norte que é » Tar Heel State » e provén da guerra civil americana que había un xeneral que dixo que aos carolinians había que pegarlles os pés ao chan con alquitrán para que non fuxisen do campo de batalla, que eran uns covardes. Pero cando chegou a hora da batalla, os carolinians portáronse moi ben e demostraron a valentía e, cando rematou a batalla, o xeneral non puido reprimir un hurra polos » Tar heels » e daí saiu o alcume do estado.
E seguindo co tal Eric » Zampabolos «, dicir que ten unha camioneta rancheira cunha pegata que pon: Americano por nacemento, sureño pola gracia de Deus.
Unha definición en broma dos homes sureños di que se dividen en dous tipos: os que conducen unha rancheira Chevrolet e os que conducen unha Ford…
Tamén estaba traballando Pearline que de pérola non ten nada. É negra coma boca de lobo e con aspecto machorro pero moi boa persoa. Non me entende a min cando falo inglés nin eu a ela e necesitamos a nosa amiga común Cecelia para entendérmonos.
E o choio foi a trancas e barrancas e durou todo o día. Nun momento do final díxome Sheyla que a min non me gustaban as mulleres negras, que só me gustaban as asiáticas coma Susan ou as latinas coma Emma e que eu estou casado cunha branca e todo iso demostraba que non quería saber nada das negras. Dixo todo isto chiscándolle un ollo a unha amiga demostrando que estaba de broma e coma para darse de máis branca ensinoume a marca de moreno nun brazo e díxome que a parte cuberta do seu brazo é da súa cor natural e pouco máis escura era ela ca min.
Eu esta distinción por cor non a teño moi clara. Hai brancos que son negros coma chamizos e negros que serían a envexa de Michael Jackson…Na terriña andamos xuntos xente loira con xente de pelo castaño ou xente de pelo negro, e xente de tódalas cores de ollos posibles e non pasa nada…Penso que si todos foramos cegos a cousa iría máis rodada. Ou inventariamos razas polos tons de voz ?. Non sei. Coma di un amigo meu: o caso é ter saúde e os pés quentes…o resto non é nada.
Mañá sigo.

posted by acedre @ 8:16 PM 6 comments

Xuño 2005

Mércores 1 de xuño de 2005

Doazóns e visitas a casas

Ooooola de novo. Empezo co parte meteorolóxico dicindo que chuvisca e arrefriou un chisco.
En Revlon estiven con Susan pondo as chapiñas para crema na 2805, a liña de Wexley.
O choio foi monótono e Susan non estivo moi faladora. Ela practicou español e eu aprendín algo máis de chinés e indonesio pero a maioría das cousas fóronse co vento. Mañá terei que levar un papel e un boli para apuntar esas cousas.
Máis tarde empezaron a colectar cartos para dous compañeiros que están enfermos. Un é Chad que e alto e enxuto e de pelo colorado e ten leucemia. Non sei o grave que estará pero necesita cartos. A outra enferma é Cinthia, unha negra cuns ollos grandísimos e saltóns. Non sei que problema ten coa diabete pero está no hospital. Aquí parece que a sanidade cubre o noventa por cento dos gastos médicos pero o dez por cento restante é unha cifra bastante elevada que afunde os aforros que non son moitos que a xente vive ao día neste país.
Neste país hai miles de maneiras de recoller cartos para o que non paga o Estado e a xente está acostumada a doar. Hai carreiras nas que pagas por participar a unha asociación, logo venden camisetas, pulseiras, viseiras e todo o que se poida imaxinar. O bó desas doazóns é que desgravan en Facenda.

Á tarde fun buscar a Ana e resulta que ten unha compañeira filipina que se muda e deixa a casa que ten alugada en Warrenton. E alá fomos os catro a mirar a casa que queremos mudarnos para a volta do verán.
A casa é xeitosa e grandeira con tres habitacións no segundo andar e un salón inmenso na planta baixa, un comedor e unha cociña amoblada e un cuarto para a lavadora e secadora. Ten dous baños: un arriba e outro abaixo. Fora ten un garaxe novo do trinque con capacidade para dous coches.
En fin, todo ben; pero o malo é a calefacción que na planta baixa é a gas e na alta eléctrica. O gas esta carísimo e sairía moi caro manter a casa tépeda. E este foi o motivo de rexeitala. De tódalas maneiras, dixémoslles aos arxentinos que a casa esa estaba libre e van vela mañá.
Logo Cris e Toño falaron dunha casa que toparan no periódico da zona e fomos Ana máis eu a mirala. Ana quedou namorada da casa e só a miramos por fóra que o home que a aluga non podía atendernos hoxe. A casa é máis moderna que a da filipina pero máis pequena. Pero o mellor é o sitio onde se topa: xusto á beira do lago Kerr. Un sitio apartado e tranquilo cunha casa co seu xardín e só outras tres casas perto.
Fixemos unhas fotos para ensinarlles a casa a Cris e Toño e quedaron convencidos. Mañá Cris e Toño van vela co home e a ver en que queda a cousa. Despóis de vela van falar con Ana e xa logo liscan para Elizabeth City para despedirse de Gabi que volve para Costa Rica, o país da » Pura vida » que parece un paraíso e teño gañas de visitar. Só hai que pensar que teñen abolido o exército !. Xa pode ser ben un paraíso !. Dalí, Cris e Toño van a Atlantic City que ten Toño un curso e dalí a Washington para coller o avión para a costa oeste.

E iso é todo de momento. Non puxen as fotos da casa que aínda está a cousa no aire e non vaia ser cousa do demo que se atrapalle todo e quede a cousa en nada.

posted by acedre @ 7:11 PM 0 comments

Non é un termómetro. É a cantidade de dólares doados contra o cancro en Warrenton. Detrás está a biblioteca

Xoves 2 de xuño de 2005

 

Minutemen

Hoxe chuviscou todo o día.
En Revlon foi todo ben e fixemos máis de 18000 unidades na liña 2805 e vannos dar un vale para o comedor.
Pola mañá, na radio, sorprendéronme dúas novas. Unha de que prenderon lume a tres cruces diante dunha casa de negros estilo kukluxklan. Non sei onde foi pero paréceme totalmente fóra de lugar.
A outra nova é que van pór en funcionamento tres avionetas de axuda aos inmigrantes mexicanos que cruzan o deserto en Arizona. Dende estas avionetas van lanzar auga e instruccións de axuda para os inmigrantes. Todo este dispositivo está subvencionado por doazóns.
Esta organización » Paisanos al rescate « naceu en contraposta dunha que é a do Proxecto Minuteman que son rancheiros americanos que patrullan Arizona na caza de ilegais. Esta asociación ten o beneplácito do Governeitor Swarzenegger e xa houbo casos de agresións aos inmigrantes con escopetas de pelotas de goma e paus. Esta asociación di que non fan dano aos ilegais, que só axudan aos patrulleiros da fronteira; pero van coas armas no cinto estilo Farwest. Nada, que son uns malnacidos e férveme o sangue a xente así.
Cambiando de tema: Cris e Toño foron mirar a casa e resulta que é outra distinta da que miramos onte e alá foron as nosas ilusións. Logo marcharon eles e xa non os volvemos mirar ata que cheguen á terriña.
Ana máis eu fomos con Gustavo e o Pichu a mirar a casa da filipina por se lles interesa a eles e despóis fomos á piscina. Logo ao Wal*Mart e para casa. Ana fixo unhas tortillas que mañá hai un picnic dos profesores. E iso é todo o de hoxe.

posted by acedre @ 8:40 PM 0 comments

Venres 3 de xuño de 2005

Elexía a Pearline

Hoxe o día estivo chuviñento e tristón como escenificando a traxedia.
Estaba eu traballando todo normal na liña 2805 cando Charles, o operator en prácticas, parou a cinta. Susan, a indonesia, saltou a ver porque parabamos. Oimos berros e sentimos movementos da xente da liña e fomos cara alá. As mulleres estaban alteradas, chorando, acenando e ningunha a traballar. Preguntamos e dixéronnos que Pearline acababa de morrer. Eu non o tiña claro. Morréralle unha irmá unhas semanas atrás pero ela… Estivera onte traballando na liña na etiquetadora e estaba sá coma unha mazá e andaba a xogar con Wexley e Tim e ameazándoos co puño con eses acenos machorros que ten ela…
Pois si, chamou á mañá dicindo que non viña traballar que lle doía a cabeza. Supoño que lle daría un derrame ou algo así.
O caso é que quedamos desfeitos e derrotados. A señora da gadaña volveu aparecer por onde menos se pensaba e nese momento lembrei aos meus mortos coñecidos e non puiden evitar un arrepío e a rabia esa de non poder facer nada ante esas desaparicións tan sorpresivas e inxustas na maioría dos casos. Supoño que a todo o mundo lle pasa iso. Non sei.
Logo apareceu por alí Denis Clayborne, o responsable da área, e díxonos que fosemos toda a área á sala de xuntas. Alí falaron el e dous máis. Eloxiaron a Pearline que ten ben merecido os eloxios porque era puntual, traballadora e gustáballe a xogueta. A xente toda ou choraba ou tiña os ollos a punto de estoupar porque a reunión foi moi emotiva cos sentimentos a flor de pel. Preguntaron se alguén quería falar de Pearline pero todos tiñan un nó na gorxa e só falou un para eloxiala e lembrar o leda que era. Despóis houbo uns minutos de oración e todos pecharon os ollos e besbillaron as súas preces. E ao rematar dixeron que se alguén quería marchar para casa que o fixese sen problema ningún. Todos calaron e só Rosi, a arxentina, foi para casa que a pobre estaba desfeita.
E o resto da xente seguimos adiante, primeiro todos calados e logo empezando a lembrar os bos momentos con Pearline que inevitablemente todos tivemos.
A min quédame a súa imaxe rindo ou perseguindo a Wexley co puño ameazador e a lembranza de que me chamaba Pidro co seu acento tan pechado.
Non cheguei a coñecela moito pero si dabondo para que a súa morte se me clavase como unha espiña máis nesta vida de rosas e espiñas que a todos nos toca vivir.

posted by acedre @ 7:14 PM 0 comments

Sábado 4 de xuño de 2005

Sábado interneteiro

O día está gris e quente.
Estivemos toda a mañá na casa, esperando a chamada da filipina para axudala na mudanza pero non chamou.
Eu adiqueime a errar pola Interrede e topei de todo. Dende xogos coma o Sudoku ata camisolas con mensaxes aquí e acolá pasando por lendas urbanas en inglés. Tamén actualicei as ligazóns con outros blogs…e así pasou a metade do día.
A foto vén a conto para dicir o bó que é manexar linguas e a mescolanza que vai haber no futuro ( falo de 100 ou 200 anos para adiante ).
Tiña pensado facer fotos de » yard sales «, a típica venda da borralla que acumula a xente na casa e que a pon a vender na porta da casa. Co conto da mudanza quedei sen facer as fotos e xa quedarán para un futuro esperemos que non lonxano.
Agora iremos a un Target e contra a noitiña convidaremos aos arxentinos a pizza.
Mañá veremos o que hai.

Living a vida loca: englagueñol, o idioma do futuro

 

posted by acedre @ 11:00 AM 0 comments

Domingo 5 de xuño de 2005

Domingo de bichorno

Pois si, hoxe fixo unha calor abafante ata que choveu un chisco á tarde.
A mañá adiqueina a navegar e topei unha páxina de mariscos, outra de receitas dunha rapaza e outra con receitas máis enxebres.
Lembrei que nesta época empezan os curros na terriña e iso levoume a un caso curioso aquí en North Carolina. Resulta que hai uns séculos un barco español naufragou nesta costa brava. O barco levaba cabalos e quedaron ceibos nunha illa ata o día de hoxe. Resistiron fame e temporais ( algún morreu co furacán Isabel o ano pasado ) e aí están. Non son moitos e hai unha asociación que vela por eles.
Pola tarde fomos á piscina e Adán contoume que afogou un competidor do triatlón do lago Kerr. Díxome que se chamaba Wayne e pola descripción parece ser o tal que me convidou a navegar no seu veleiro. Eu espero que non sexa el porque senón vou pensar que son un gafe.
E iso é todo por hoxe. Mañá haberá máis.

Adan, alias Shin Chan, e Ana na piscina

 

posted by acedre @ 4:00 PM 0 comments

Luns 6 de xuño de 2005

Celebracións raras americanas

Hoxe si que fixo calor.
No choio todo ben anque hoxe traballei que me tocou encher caixas de champús. Ana practicamente rematou de arrombar todo na aula e encher formularios. Cris e Toño chamaron de Washington que ían coller o avión para San Francisco e preguntaron se topamos outra casa pero ou non contestan nos teléfonos ou non nos gusta a casa e quedaremos aquí de momento.

Agora é noite e andan os lucecús a centos. Onte tiven un na miña palma. Poderanse meter nun bote para alumar as noites negras ?. Téñoo visto nalgún conto e nalgunha película pero non sei se será factible.

E fozando por aí topei celebracións curiosas americanas como o día da sogra, o día do xefe, o día da secretaria e outros especiais coma o día da marmota que coincide coa nosa Candeloria no dous de febreiro e o día da Kwanza, unha celebración afroamericana no Nadal.

Mañá conto algo máis dende o outro ordenador que Ana ten que entregar este na Oficina Central. Mecachis na mar!.

posted by acedre @ 8:01 PM 1 comments

Martes 7 de xuño de 2005

Vagón Museu de Norlina 

Cambio de ordenador

Hai treboada e aviso de inundacións en condados sureños.
Ao saír do choio fun ao YMCA. Cando levaba un chisco a nadar Adan » Shin Chan » mandounos fóra á xente da piscina que había treboada e féchana porque din que atrae os raios. Quedei con Ana no veterinario e fixen tempo nunha gasolineira. É curioso, proiben fumar nunha chea de sitios e logo nas gasolineiras están todos co pito na boca. Tamén entran na tenda e sempre hai reunións. Segundo parece, as gasolineiras foron dos primeiros lugares onde podían entrar os negros pola porta dianteira e así quedou coma lugar conquistado por eles.
Bueno, ao que ía, levamos ao Colín para a revisión para o viaxe a casa e Ana foi para o ximnasio e eu vin para casa…e aquí estou.
Vou ver se subo unha foto que fixemos o sábado buscando casas por aí adiante.
A foto é diante do Museu do Ferrocarril en Norlina, aquí no condado. A estación morreu hai ben anos por culpa ou gracias á mellora do transporte por estrada.
Logo escribo máis.

posted by acedre @ 3:25 PM 0 comments

Pifias variadas ( agora que vén a Selectividade )

Agora é noite e cantan os grilos, as ras e as carricantas.
O día estivo quente e ameazaba treboada pero quedou en nada. Menos mal, porque a de onte foi esaxerada.
Hai tempo comentei que ía falar de pifias dos alumnos de Ana pero non pode ser porque Ana xa non ten os exercicios eses. Lembro algúns graciosos que eran de relacións familiares e, por exemplo, preguntaba que era a irmá da túa nai para ti e respondían: o meu avó; e así moitas máis. Outra vez mandou dibuxar un mapa do mundo e non sabían. Debuxaban os EEUU de mala maneira, México debaixo e sabíase que era porque puñan o nome, logo unha illa enorme que era Puerto Rico e o resto das illas que son máis grandes desaparecían por arte de maxia. A pregunta de cal era a capital dos EEUU dicían Raleigh ou Nova York ou San Francisco ( menos mal que non punhan Warrenton )…O que xa era un misterio era o resto do mundo que debuxaban un borranchón e alá metían o resto do mundo…E non é de extrañar porque non estudian xeografia.
Nas matemáticas non andan moi espabilados que para dividir 500 entre 10 teñen que usar a calculadora.
E así podería encher libros de exemplos.
Todo égracias a Bush e a súa política » Not child left behind  «( Ningún neno deixado atrás ), que consiste en baixar o nivel de tal maneira que con escribir ben o teu nome e pouco máis xa aprobas.
Aquí deixo ligazóns a pifias que topei de Euskalherría, Andalucia e Brasil para disfrute xeral.

A foto que puxen é do Colín. Encántalle menealo ata rebentalo e despóis ponse a rillar os restos. Démosllo despóis de metelo na gaiola que o estamos acostumando para a volta a casa e hoxe ceou dentro da gaiola para que a asocie con algo bo.
E isto é todo por hoxe.

 

posted by acedre @ 7:21 PM 2 comments

O Colín xogando cun globo-luva

 

posted by acedre @ 7:20 PM 1 comments

Xoves 9 de xuño de 2005

Preparación de maletas

Hoxe tamén fixo calor e logo choveu un chisco. Menos mal que non houbo treboada e puidemos nadar na piscina. Por certo, estiven cun Wayne ( noutro posteo chamáballe Gwen polo parecido de pronuncia ) e díxome que o que morreu no lago Kerr no triatlón era o outro Wayne que eu sospeitaba. É unha mágoa. Era un home moi aberto e sempre ledo e moi querido no hospital de Henderson onde traballaba. Tamén estaba en forma pero deulle un ataque ao corazón e alí quedou. Non tivo solución a pesares da rapidez de auxilio.

No choio ben. Primeiro estiven con Susan e cando rematamos alí, mandáronnos a outras liñas e tocoume pegarlle etiquetas a man nuns frasquiños e alí rematei a xeira de traballo. Ana tivo un curso no que aprendeu cousas para clase e quedou toda contente.

Pola tarde fomos á piscina e agora estamos na casa preparando algo das maletas como meter libros mercados de segunda man no Salvation Army e no campus de Henderson que os vendían a vinte morriñosos centavos. Mágoa de que pesan un quintal que se non, enchía máis as maletas. Tamén metemos roupa que xa non imos usar e algúns detalles para a nosa xente.

O viaxe é longo: catro avións e saímos ás cinco da tarde aquí de Raleigh o domingo 12 e chegamos ( se non hai novidade e que o demo sexa xordo ) o LUNS 13 ÁS NOVE DA NOITIÑA A VIGO no vó Iberia de Madrid IB 580. Así que xa sabedes: traede as pancartas e os foguetes para recibirnos, ha, ha.

Mañá vou levar a cámara a Revlon e, anque non podo facer fotos dentro, a ver se as fago fóra.
E iso é todo por hoxe.
Ata mañá.

Vista de dúas das catro maletas de volta para casiña. 

 

posted by acedre @ 7:08 PM 0 comments

Venres 10 de xuño de 2005

Último día en Revlon

Hoxe foi o último día en Revlon. Foi a mala sorte que me tocou traballar noutra área que non é a miña. Despedinme da xente como puiden, aproveitando os descansos e a hora do xantar que non coincidían. Dei apertas e choquei mans. Desexáronme boa viaxe e boa estadía e preguntáronme cando voltaba. Pedíronme regalos en broma e así foi a mañá. Fixen moi poucas fotos que non deixan entrar cámaras e así que tiven que facelas na porta a correr.
Fixo sol e houbo chuvascos esparexidos, todo bo para o tabaco que xa levanta un palmo; o feo que xa ten un corenta centímetros e servirá para manter o gando no inverno. O millo vai medrando tamén, así como a soia e os legumes das poucas hortas que hai aquí e acolá.
Ana tivo un curso de Power Point que aproveitou e prestoulle.
Pola tarde fomos ao YMCA; eu a nadar e Ana ás maquinas. Volvemos, ceamos e estivemos mirando a pelicula Ray de Ray Charles que collemos na biblioteca e sae gratis.
E así foi este venres.
Mañá é outro día.

Emma e Sandra, dúas compañeiras de Revlon.

 

posted by acedre @ 9:36 PM 0 comments

Domingo 12 de xuño de 2005

Despedida ata a próxima

Hoxe é o último día. É domingo con néboa borrallenta e escribo antes de recoller o portátil.
Só dicir que esta experiencia foi bonita e fixen amistades na rede. Gracias aos que escribiron comentarios e aos que me enlazaron nos seus blogs. Tamén gracias aos que perderon tempo lendo estas notas que espero que lles aproveitara para algo.
Volvemos para Galicia e vai ser difícil escribir no blog, así que non prometo nada. A mediados de agosto vimos de volta a Warrenton NC e procurarei coller o ritmo do blog.
Só me queda despedirme dos blogueiros e saudar a familia e amigos que vou visitar.
E aproveito para mandar unha ligazón a unha nota do 18 de maio contra o racismo baseada nun caso real e que é ben simpática.
Tamén mando unha ligazón a caricaturas de Castelao.

E iso é todo. Ata un futuro que espero non lonxano. Saúde e sorte.

posted by acedre @ 5:09 AM 3 comments

Último día en Warrenton ( que non derradeiro )

 

posted by acedre @ 5:08 AM 1 comments

Viaxe ata a terriña

Ola, aquí estou nun cíber do Porriño.O Porriño está cambiado. Aquí e alá medran edificios sen orde nin concerto.

Vou contar un pouco da viaxe.

De Raleigh a New York foi ben. Contar que os baños están automatizados cen por cen e sae auga da billa sen tocala, xabón de mans e o papel de secar as mans. Só hai que pór debaixo e a maquiniña cuspe o papel necesario.

As medidas de seguridade non deixan pasar nin chisqueiros nin mistos no avión e hai que facer as colas de sempre, descalzándose e pondo todo nas bandeixas. Pasas polo arco e recolles todo noutro lado.

En New York había un novato facturando e o Colín foi de gratis. Foron cartiños que aforramos que non contabamos co eles. O Colín estaba dopado no aeroporto e era a admiración dos traballadores do mostrador.

O avión saiu un pouco tarde pero non importaba moito.

Chegamos a London ben. O de Heathrow é un aeroporto todo enmoquetado e non podes saír dalí que tés portas de cristal vixiadas . Sentinme coma nunha cárcere.

O avión a Madrid foi ben. En Madrid faltounos unha maleta. Durmimos por aí tirados. E o noso avión a Vigo saiu tarde. Tivemos un bo final de viaxe que fomos en primeira e probei xamón despóis de tanto tempo, logo durmín con sono atrasado.

Chegamos a Vigo pero faltaba o Colín. Ana pasouno mal esperando polo raio do can mentres eu saín e saudei á miña familia e á de Ana que estaban todos ben e pouco cambiados. Bueno, meu pai afeitou o bigote.

E o Colín apareceu no seguinte avión e tivemos sorte.

Pois así foi a viaxe. A ver se outro día conto cousas que nos pasen e subo fotos.

Chau.

posted by acedre @ 4:01 AM 0 comments 

Luns de resaca de eleccións. Non hai moita novidade.
O PP baixou e o BNG tamén. O BNG baixaría polo efecto Beiras e a enleada que trouxo con el.
O PSOE arrapañou os votos dos descontentos do PP e dos do BNG xa que o PSOE é o caixón de xastre dos indecisos, dos que non están situados, aparte dos afiliados conscientes… que non quero que ninguén me confunda.
E iso é o que teño que contar das eleccións das que non me sorprenderon os resultados.

posted by acedre @ 2:49 AM 0 comments

 

Semaniña de adaptación

Luns 13 foi a chegada e pouco se pode engadir. A cea foi na casa dos meus pais cos meus sogros, miña irmá e o meu cuñado.
Martes 14 durmimos coma campións ata a unha da tarde. Foi o sono atrasado e a existencia das persianas: unha cousa que non coñecen os americanos ( anglosaxóns en xeral ) e permite unha escuridade total no cuarto de durmir.
Despóis xantamos cos meus sogros e fomos visitar á miña cuñada, David e María. O David está coma sempre, bueno, anda fanadiño e progresa co seu acento vigués que foi unha cousa que notamos moito: os acentos. En canto a María…¿ que dicir ?. Pois que está feita un fervellico que non ten paraxe e leva a voz cantante na casa. Está alta e delgada e moi guapa.
Démoslles uns presentiños dos EEUU e moito riron co show do Colín e o globo.
Marchamos antes de cear e ceamos na Casa da Arenca en Torneiros do Porriño. Ceamos a fartar e non foi caro. Pedimos un revolto con cogomelos e gambas e unhas patacas bravas que non son tan » picosas » coma as mexicanas. O peor foi o pan que ben que o cobraron e estaba reseso. O Colín andou detrás dunha cadela todo histérico que levaba tempo sen cheirar unha. Isto vaille ben que así adelgaza un pouco.
E así foi o martes.

posted by acedre @ 2:56 AM 0 comments

Semaniña de adaptación 2

O mércores 15 foi día de meneos daquí palá.
Á mañá fomos á Caixa de Aforros a que nos desen poucos euros polos dólares. Tamén buscamos un adaptador para un enchufe americano e fomos a un cíber. Mercamos golosinas para Colín e fomos ó Lidl. Agora non cobran polas bulsas plásticas e teñen o aparcamento privado e non me extraña tal como está o Porriño patas arriba coas obras e estradas pechadas.
A tarde e o serán adicámolos a limpar e ordear a casa. Pensabamos que non funcionaba o quentador de auga de butano e resulta que tiña a chave de paso fechada. Hai que ver que pequeno parece todo, máis ben baixo: os mobles de cociña, os do baño, etc.
Outra diferencia grande é a luz que hai aquí que todo é máis claro e brillante. E o sabor das cousas é especial e iso que aínda non comemos moitas cousas da casa. A froita aquí é máis barata e máis saborosa e o leite e as latas de conserva que alá case non existen e así moitas cousas.
Á noite ceamos cos meus pais e miña irmá e Nando e ceamos peixe, claro. Levo unha semana enteira comendo productos mariños a fartar.

posted by acedre @ 3:11 AM 0 comments

Xoves en Patos

Xoves dedicámolo á praia.
Aquí as praias son pequenas e con rochas e algas. O aparcamento acostuma ser gratuito e o acceso é caótico polos camiños que hai e as casas e chilotes que hai aquí e alá.
Dá gusto aparcar a trinta metros da area gratis. Tamén é unha gozada tomar algo cunhas vistas maravillosas da ría e das Cíes.
E así disfrutamos da praia.

posted by acedre @ 3:28 AM 0 comments

Venres 17 de xuño de 2005

Visitamos a Puri, Manolo e Eviña en Vigo despóis de ir á praia de Patos onde nos proibiron levar ó Colín.
Tamén fomos ó ximnasio Corpore a visitar ós coñecidos.

posted by acedre @ 4:19 AM 0 comments

Sábado 18 de xuño: rape da Lisi.

Miña irmá deixounos o seu C2 e fomos á Rochiña en Pías. Fomos rapar á Lisi que tiña unha lá coma unha ovella e deu muito choio. Despóis refrescámonos na pisciniña que teñen meus pais alí montada.
Apareceu a Garda Civil que lle entrou un caquiño de pouca monta a meus pais. O caquiño este lévalles latas de conserva, botallas de viño ou Coca-Cola ou o que tope pero que non estea encertado… por se os viruses, supoño.
A Garda Civil fixo as anotacións correspondentes e marcharon.
Teño fotos de todo pero non podo subilas aquí. Mágoa.

posted by acedre @ 4:30 AM 0 comments

Domingo 19 de xuño de 2005: en Tulla, Bueu.

O domingo fixo bo tempo. Non fomos a misa que había que votar, ha, ha.
O que máis me gusta das eleccións é mirar xente que hai tempo que non miro e comentar as voltas que dá a vida.
Logo marchamos a Tulla. Aparcamos na praia de Mourisca e fomos polo monte á praia de Tulla que é onde acostumamos ir os domingos porque as outras praias están acuguladas de xente.
Fixo moita calor pero a auga cortaba e pouco nos bañamos. Eu acabei de ler » Ícaro » de Vázquez Figueroa que vai da vida do piloto que descubriu o Salto de Ángel en Venezuela: a caída de auga máis alta do mundo. E, por certo, Venezuela vén de Venecia pequena que o descubridor español que visitou o lago Maracaibo por primeira vez mirou poboados de palafitos e recordoulle a Venecia.
Fomos cear á Cepa en Bueu que xa non ten tan bos prezos nin tanta cantidade.
Na tele andaban cos recontos de votos que non foron sorpresa para min.

posted by acedre @ 4:36 AM 0 comments

Luns 20 de xuño de 2005

Luns en Arbo

Do domingo esquecín comentar que xantamos bocatas do Umia en Marín. Eu luras e Ana pulpo. Estes bocatas son unha marabilla de sabor e de prezo. Recomendo a calquera que colla bocadillos no Bar Umia xusto na fronte da porta da Escola Militar de Marín.
A mañá do luns adiqueina a Internet na biblio. Ana foi á pelu coa nai.
Á tarde fomos a Arbo a visitar os avós de Ana. Ceamos sardiñas á sombra do canastro que quere tirar a miña sogra. O canastro é de tixolos e cemento e quere facer un de pedra portuguesa na horta así que non me dá mágoa a perda deste canastro de materiais modernos. Fixemos fotos por alí da horta para mostrar nos EEUU.
A avoa Celia explicoume como fai coas pitas que llas trae o piteiro e custan 4,75 eiros ( como di ela ). Despóis engórdaas na hortiña para que dean ovos e carne.

posted by acedre @ 4:46 AM 4 comments

Martes 21. Aproveitamos que facía calor e collemos os bártulos para ir de acampada.
Chamamos por teléfono e decidimos ir ó camping Espiño en San Vicente do Mar.
Chegamos sen problemas a esa parte de Galicia que eu aínda non coñecía e gustounos.
Despóis de montar a tenda fomos á praia xusto en frente do camping que é a praia Seixeliños; praia típica en forma de cuncha con algas e rochas e unha auga que corta. Había unha cadela e Colín xa se enamorou e tivemos que atalo todo o día.

Mércores 22. Fomos ata o porto de Pedras Negras e topamos un paseo de madeira dende a praia da Barrosa pasando por unha zona militar ( onde acaba o paseo e aparece un camiño de pescadores entre as rochas) e vai dar á praia de Aguieira.
Estivemos cunha parella inglesa que flipaban cun esquío enriba dunha rocha na beira do mar.
Voltamos á praia da Buraca da Londra e facía unha calor infernal. Xantamos pouco e caro nun chiringo da praia Farruco e fomos ó Grove que na praia morría un mesmo debaixo da sombrilla.
Xa empezaba o serán cando volvemos á praia Seixeliños ata que marchou o sol.

Xoves 23. Á mañá seguimos facendo a rota onde a deixamos o día anterior. Xa o día estaba bo para andar que estaba anubado. Fomos dende a praia Castiñeira, que é nudista, ata as casas de Coupríns. Logo fomos xantar ó Grove e xa foi máis barato e de máis calidade no bar Barrantes.
Tomamos café no bar Corgo onde hai apegado un restaurante cunha grella en forma de hórreo que lle fixen unha foto pero que non podo subir aquí na biblio.
Á tarde fomos á praia Buraca da Londra pero estivo ben fresca a tarde que non nos bañamos e aproveitei para ler bastante da » Balada del abuelo Palancas « de Félix Grande que escribe prosa moi poética e rebuscada.
Á noite buscamos fogueiras de San Xoán pero só topamos unha fogueira de veciños perto da praia Barrosa. A Ana entroulle a cobiza e fixemos no camping unha fogueiriña con dúas piñas ben achantada que está proibido facer fogueiras no camping.
Seica en Mos e outros sitios foi unha noite vandálica con queima de contedores de vasura e outros estragos ( en Mondariz tiraron pedras dunha ponte antiga ).
Cando eu era máis novo iamos roubar carros e cancelas de casas que antes era na noite de San Pedro pero que pasou á de San Xoán pola proximidade de datas.
Os costumes cambian segundo parece.

Venres 24. Tocou recollida que xa non facía tempo de praia. Despedímonos do camping tipo familiar con percebeiros e percebeiras que veñen almorzar antes de buscar os catro quilos permitidos pola Xunta.
Fomos ata a praia de Carreiro que ten unha escola de mergullo e uns restos arqueolóxicos dun cemiterio romano bastante tardío.
Seguimos por esas praias solitarias ata a lagoa A Bodeira que é pouco máis que unha charca. Collín caramuxos para cear e metinos nunha botella plástica de auga. Fixen fotos dun esquío que tiña a catro pasos de min que non fuxía. Logo si e púxose a tremer entre unhas rochas mentres me miraba de esguello e deixeino por mágoa.
Fomos xantar á illa de Arousa e fomos pola vía de alta velocidade e agora xa é outra cousa iso comparado con antes e as caravanas de coches que se facían.
Paramos na oficina de información turística e recomendaron o porto de Xufre para tapear. Xantamos pulpo e empanada deliciosos no bar Risón a uns prezos bos e calidade excelente e trato amable e rápido. Non sei os outros bares da zona pero supoño que serán unha cousa parecida.
Eu chámolle illa dos Dioses á illa de Arousa pola cantidade de xente apelidada Dios e polas rapazas que son ben xeitosas. Os homes xa son un chisco brutáns levando motores de barca ó lombo. Esta illa é mítica para min porque estivo illada ata ben pouco e sempre foron moi independentes e mesmo nunha república ( I ou II non sei ), o concello declarouse independente para protestar polo desleixo do goberno co eles e duraron independentes uns días ata que desembarcou unha dotación militar e fusilou os concellais e o alcalde .
Logo fomos ata o faro andando para facer a dixestión e Colín asustouse cunhas avestruces que hai alí nunha finca á beira do faro e logo á praia de Area da Secada que se conserva case virxe con só un chiringo e un paseo de madeira que vai ata o centro de estudios acuícolas que hai nunhas rochas.
Retirámonos cando facía fresco na praia e volvemos para o Porriño.

posted by acedre @ 3:23 AM 0 comments

Sábado 25

Á mañá fomos a Vigo de compras. Ana foi a C&A para mercarlle algo á nai e eu fun a La Casa del Libro para mercarlle algo ó meu pai. Ana mercoume o libro de Anxos Sumai e estame gustando.
Xantamos no Gambrinus na praza Elíptica ( mágoa de que fechase o Open Kebab o ano pasado ) e logo fomos pasear polas praias onda o Museo do Mar.
Ás oito fomos a Ponteareas a visitar o meu irmán, Rocío e o Ficiño que está feito un fervellico.

posted by acedre @ 4:09 AM 0 comments

Domingo 26. Celebración de cumpreanos.

A avoa Celia cumpriu 80 anos estes días e a súa filla ( a miña sogra ) 40 anos, segundo dixo Davidiño.
Houbo comida a fartar: lamprea, pulpo, pescada, carne e unha torta de sobremesa.
Máis tarde fomos ós muiños da Rocha andando. Levan cinco anos restaurados e xa andan medios abandoados coas portas abertas e as moegas tiradas e todo ciscado. E por fóra estan as varandas a caír e cheo de broza que semella unha selva. A ver se o coidan máis que van ter que volver re-restaurar todo como siga así. Fixen fotos pola zona pero xa sabedes que non podo subilas. A ver se imos un día a Ponteareas e collemos Internet de balde que a hai inalámbrica nesa vila.

posted by acedre @ 4:14 AM 0 comments

Semana de San Pedro

Do luns 27 dicir que fun a Matutano a visitar os antigos compañeiros de traballo e están máis ou menos igual: estresados e nunca contentos coas vendas. Ana aproveitou para ir ó Alcampo e mercar pinturas e máis cousas. Á noitiña fomos ó ximnasio e estivemos con Chelo e a xente do ximnasio: Toni, Manuel, Enrique, Carlos e Marita.

Martes 28: choveu todo o día. Fomos cambiar a pintura e logo fomos ó Verbum, en Vigo; que había unha exposición de edicións do Quixote con traduccións en ruso, chinés, latín e outras máis » normaliñas «. Tamén había posters de películas e emitían películas sen descanso. Outra cousa que había eran cadros e esculturas e o que me gustou foi o cadro de Urbano Lugrís. Non había xente e iso que é de balde. Esas cousas sempre me abraian, aquí a xente non ten preocupación pola cultura nin gratis. Que se lle vai facer…
Logo volvemos a casa e estivemos pintando o saído da cociña e entroume unha farangulla de Nanas nun ollo que só se me ocorre a min lixar o teito con Nanas. Ana sacouma e quedei co ollo resentido uns días.

Mércores de San Pedro: fomos xantar cos meus pais , meus irmáns e o meu cuñado Nando.
Houbo langostinos cocidos e á prancha, unha ensalada de peixe sapo que estaba boa e pescada rebozada e bistés empanados. Houbo torta de sobremesa e champán e todo. Marchamos pronto que fomos a Vigo. Fomos coa miña cuñada Marga a levar a David a un cumpreanos que agora fannos en ludotecas …¡ manda carallo !. Logo fomos cheirar escaparates e tendas chinesas de roupa. Máis tarde levou Marga a María á ludoteca esa e nós marchamos. Fomos a La Casa del Libro a trocar o do meu pai e logo para casiña.
Á noite chamou a miña prima Bea de Menorca e ó mediodía chamara a miña tía Mª José de Fuerteventura.

Xoves 30.
A mañá fomos cambiar o pantalón pirata que me agasallara miña irmá por un bañador. Fomos polo veterinario que o Colín segue mal dos bechiños .

Xullo 2005

12 Xaneiro 2008

Venres 1. Hoxe chegarán Cris e Toño.
Chau, non teño máis tempo.

Sábado 2 de xullo: o noso gozo nun pozo

Esta fin de semana intentamos ir á illa de San Simón que había barco gratis pero o sábado chegamos ás once da mañá e había moita xente. Pasamos por Marín, mercamos bocatas no Umia ( sígoo recomendando ) e fomos á praia de Tulla que este ano ten máis xente que antes pero polo menos podemos ter a Colín na praia conosco.
Á noite do sábado estivemos con Sonia, Sergio, Puri e Manolo e ceamos en Vigo na dos Pepes. Estivo ben a cea e estivemos falando de moitas cousas. Logo fomos tomar algo pola zona e miramos a xuventude que viña de volta ou das festas de Coia ou da actuación en Castrelos que tocaban Hombres G e El Canto del Loco.

Domingo 3 de xullo: camiñata polo Cabo Udra

Esquecín comentar que o sábado estivemos cos pais de Cris e Cris e Toño chegaron, tarde e sen maletas, pero chegaron.

O domingo intentamos ir á illa de San Simón outra vez e pensabamos que a hora de xantar sería boa hora que habería menos xente, pero estabamos errados. Chegamos pouco antes da unha e facía vento e o día estaba anubado pero xa había xente para o barco das catro da tarde así que pegamos media volta. Xa quedará para outra ocasión.
Na cola estaba Beli, unha amiga de Ana que non recoñecín cando me dixo que me tirara unha foto porque levaba gafas de sol. Logo xa lle tirei a foto con Ana e a illa favorita de Ana de fondo.
Fomos á praia Tulla e xantamos os bocatas do Umia ( non nos damos aburrido deles ). Bañámonos e todo que a auga estaba boa anque o mar andaba revolto polo aire. Máis tarde decidimos seguir unha rota sendeirista que pasa pola praia Mourisca e alá fomos Ana, o Colín e máis eu. A rota pasa pola praia do Lago e na praia Area de Bon pegamos media volta. Ao primeiro, a rota vai polo monte con vistas marabillosas das illas Ons e a ría de Aldán pero logo métese por estradiñas inzadas de chilotes e con tráfico e xa perde a naturalidade.
Logo marchamos para casa e paramos en Marín a tomar un café para que Colín descansase un pouco das curvas que acaban co el.

Ana e Beli coa illa de San Simón de fondo

Luns 4 de xullo de descuberta

Hoxe fomos Ana máis eu ao Alcampo e topámonos coa miña irmá e Nando na cola do restaurante Flunch. Logo apareceu Pecas, un amigo deles e, non sei como, díxonos que se estabamos perto da biblioteca do Porriño poderiamos conectarnos co noso portátil… e aquí estou !. Por fin podo subir fotos e ter un chisco máis de liberdade.
E máis nada por hoxe, imos cear con Nando e Nena hoxe e maña toca embotellar en Arbo.

Cea en Tui

Á noite fomos cear Ana máis eu con Nando e miña irmá. Leváronnos a un sitio precioso saíndo de Tui dirección A Guarda. A casa é de pedra construida con bo gusto. Por fóra semella unha igrexa ou algo semellante. Non levabamos a cámara e foi mágoa porque ben merecía un par de fotos. Dentro do comedor había mesas de madeira cuns asentos que o meu cuñado deixou que puxasemos e case non podiamos co eles que eran de madeira maciza. Polas paredes, aparte doutras cousas, había pendurados xugos de carros portugueses que a dona do sitio é portuguesa.
A cea estivo ben e os prezos chéganlle ben…pero bueno. A señora tivo o erro de empezar a recoller a prata de peixes cando eu aínda non rematara coas navallas. Pediu perdón pero quedou toda cortada.

Martes 5 de xullo: embotellar

Non tódolos días son festa e tocounos axudar a embotellar.
Fomos para Arbo de mañá e botamos un par de horas pola mañá e tres horas pola tarde para embotellar unhas 1700 botellas. A maioría é viño Condado para venderen meus sogros no bar e o resto era treixadura.
Pasámolo ben que miña sogra fala moito e o día foi redondo: non escachamos nin a primeira botella !.
Houbo empanada de almorzo regada co ese viño recén » munxido » e iso non ten prezo.

Ana, miña sogra Marga e o avó Ricardo en plena faena.

 

Mércores 6 de xullo: xuntanza con Cris e Toño

Pois si. Viñeron xantar Cris e Toño á nosa casa. O Colín flipou e menos mal que case non ten rabo que se chega a telo caille dos meneos ao mirar de volta a Cris e Toño.
Na sobremesa estivemos falando da súa estadía polo canón do Colorado, Yosemite, Zion, San Francisco, etc, etc. Eles si que tiñan material para encher catro blogues a un tempo !!.
Despóis decidimos facer unha rota pequena pola zona: faltaría máis ! e fomos facer o percorrido Eifonso entre Bembrive e o parque forestal de Beade en Vigo.
A rota era doada ( iso dicía o folleto ), pero róncalle o c……!. Foron catro quilómetros de pura ascensión; primeiro seguindo o río Eifonso con sitios ben xeitosos e logo de chegar á capela de San Cibrán o camiño encóstase e non é nada doado nin recomendable para levar unha familia ou iniciarse no sendeirismo como di o folleto.
Na zona máis pina pasamos polos restos dunhas casas que era o poboado de Ben Vivere ( dai vén o nome de Bembrive ) que fan un conxunto arqueolóxico bonito cos carballos que o tupen.
Chegamos ao parque de Beade, tomamos algo e baixamos e a baixada xa foi doada.
Logo voltamos para o Porriño e Cris e Toño foron para Marín.

Fervenzas da Ferrolana no percorrido Eifonso 

 

Xoves 7 de xullo de 2005

Cangas e Peinador

Decidimos cambiar de praia e tiramos para o concello de Cangas. En Cangas fixemos unha parada discrecional e enteirámonos dos atentados en Londres. Quen sabe se os extremistas farían atentados nas outras cidades aspirantes para os xogos olímpicos !. Que nada, que as cousas seguen retorcidas e ninguén está seguro en ningures…
Ao que ía, fomos polo concello de Cangas e pasamos Hío co seu cruceiro arrincado dun penedo dunha soa peza…Eses si que eran canteiros e non eu coa rebarbadora e demáis apoios modernos !!.
Metémonos por eses camiños do demo e fomos dar á praia de Area Brava. Deixamos o coche nunha finca onde nos cobraron dous euros por deixalo alí pero polo menos estaba á sombra.
Había aire que foi a máis e acabou botándonos dalí a media tarde pero aínda tivemos tempo a bañarnos que a auga está ben boa cando está picada. Máis tarde apareceron uns rapaces que estaban a facer unha cabana de canas e eu axudei a arrincar unha media morta e corteime nun dedo. Fun onda os socorristas e atendéronme nun caseto que teñen para iso con biblioteca e internet. Era o primeiro día e non estaba en funcionamento nada e eu encertei as tiritas e todo. Alí ao lado había unha furgoneta de aluguer para acampar con enderezo web e todo.
E coma o vento ía a máis marchamos a Hío onde había unha caseta de turismo. Entramos e preguntamos por rotas e tamén pedimos folletos e pósters para levarmos aos EEUU. Faláronnos dunha rota por Aldán que temos que facer un día pero non ese día que non tiñamos calzado apropiado. Así que decidimos buscar un camiño para a praia Lagoelas dende Menduiña.
Aparcamos na capela de San Amaro que é un bo edificio nunha carballeira co seu encanto. Logo empezamos a andar por aqueles eucaliptais buscando o camiño pero o único que logramos foi suar e que Ana rompese a sandalia número equis das nosas aventuras.
Fomos para a praia de Menduiña a refrescarnos e o Colín levou un susto dun can que se lle botou enriba. Eu deille un couce ben atinado ao can ese e a cousa rematou sen máis problemas.
Puidemos refrescarnos onde unhas rochas e dalí a pouco apareceron un feixe de rapaces dende os dez anos aos quince ou así e dous deles botáronse dende un penedo que impuña pola altura. Marchamos dalí que a Ana non lle gusta ver esas cousas.
E á noite chegaron os meus primos de Canarias e fomos recibilos a Peinador. Elena, Javi e Uxía chegaron ben anque un pouco asustados.

Sábado 9 de xullo en praia Patos 

Ana ten familia no Brasil e estaban en Arbo. Chamáronnos para irmos á praia todos xuntos e fomos co eles a Patos, pero á zona do mogollón. Cleia ou Clea ficou alucinada coa tranquilidade da praia que alá no Brasil teñen medo nas praias pola xente. Claro, esta familia non é de pobres precisamente. E a Clea aprendeu que as toallas chámanse toallas en español tamén que ela dicía toajas.
Á noite ceamos na Casa do Penedo en Mosende. Aquí a cociñeira é suiza e ten un San Bernardo e todo coma Heidi. Non fai comida de fartar pero o sitio é tranquilo e bonito e a dona vai preguntando polas mesas que tal está todo.

Domingo 10 en Tulla ( por variar )

Si. Fomos a Tulla e apareceron Cris e Toño con Manuel e Isa, unha parella de veterinarios que teñen unha casa no Irixo, Ourense.
O día pasou con boas charlas e Ana bañándose cada pouco, para admiración dos ourensáns que a auga non estaba precisamente quente.
Á noite fomos onda os pais de Cris que a nai fixera unha tarta de mazá desas de premio.
E así foi o domingo.

Chegada á casa dos pais de Cris

 

 

Luns de San Benito

Ana máis eu fomos xantar a Arbo que era San Benito ( igual que no Porriño ).
En Arbo estaban os brasileiros: Clea, Eduardo, Mariluci, Mónica, Filipe e Alicia. Tamén estaba a tía Carme de Bande e, por suposto, Celia e Ricardo.
Xantamos coma se tivesemos fame e logo houbo sesta a presión pola calor abafante.
Á noite fomos con Nando e Nena, San e Pecas e os primos canarios ás atracións da festa no Porriño. A pequena meteuse nas gaiolas con bolas de cores e alí saltou e chimpou ata romper a saia. Javi foi no simulador e despóis saltou enganchado a unhas cordas elásticas nunha cama tamén elástica. Elena non subiu a ningunha atración que lle fan mal.

 

San Benito en Arbo 

 

Martes 12 de xullo: zoo de Vigo e viaxe á Mariña luguesa

Á mañá fomos cos primos canarios á Madroa. Facía moita calor e os animais buscaban a sombra. O zoo ten zonas en obras e parece que non están moi a gusto os animais.
Logo fomos xantar ao Compton ( barato e a fartar, e servicio e calidade das primeiriñas. Xúrovolo de corazón e non teño nada que ver co dono ).
Logo enchemos o Panda e tiramos para Barreiros, na costa luguesa. Tivemos que parar en San Lázaro, saíndo de Santiago que o Colín abafaba no coche da calor dese día. Logo xa refrescou e baixando a Mondoñedo xa é outra cousa. Miramos o cartel do camping a Gaivota e alá fomos. Gustounos e quedamos sen preguntar prezo nin nada.

Burro a raias e admiradores 

 

Mércores 13 de xullo: o gran paseo

Decidimos ir andando dende o camping A Gaivota ata a praia das Catedrais.
A costa é preciosa e ten un paseo de madeira abeirándoa na maioría do treito. Hai zonas que vas pola estradiña. E así fomos dende a praia de Benquerencia ata a praia dos Castros, despóis da das Illas, do Esteiro e a das Catedrais.
Fixo calor abondo e acabamos case rebentados. Ao final foron oito quilómetros de ida e outros tantos de volta sen sombra e mollando ao Colín de cando en vez e furtivamente porque non deixaban cans en toda a zona.
Cando chegamos á praia das Catedrais aínda a marea estaba alta así que fixemos tempo andando ata a dos Castros, paramos a xantar nun chiringo na praia de Esteiro e logo volvemos á praia das Catedrais. Primeiro baixou Ana e non topou nada. Logo eu e outro tanto do mesmo. Pregunteille a un artista que pintaba cristaliños coas figuras rochosas e xa me explicou onde era. Fun alá coa cámara e a pouco máis e afógoa. Fixen fotos a correr e volvín para que Ana as mirase pero xa non lle deu tempo que a auga cubría. O vendedor dos cristais variaba os prezos coa marea: se a marea era baixa subía o prezo e se a marea era alta baixaba o prezo.

Á tarde, despóis de tanto andar fomos en coche polo arredor e miramos os hórreos de Viladaíde que aquí chaman cabozos.

Arcos das Catedrais 

 

Xoves 14

Amenceu anubado e decidimos seguir a rota que nos quedaba dende Rinlo a Ribadeo.
Fomos a Rinlo e visitamos o resto dunha cetárea que semellaba unha piscina para xente. Rinlo é pequeno e está metido nunha cala rochosa. Antes tiña moita xente adicada á pesca pero no portiño non apreciamos actividade ningunha.
De Rinlo sae un paseo que non ten faroliñas xa que o vandalismo acabou co elas. Hai veces que non merecemos nada, non si ?. Outra cousa que observamos é a cantidade de burros fariñotes que hai e a cantidade de rapaces que falan francés.
Recollemos o Panda e levounos á illa Pancha na boca da ría de Ribadeo. Dende alí había un paseo ata Ribadeo pero decidimos facelo en coche parando nos lugares máis característicos coma o forte de San Adrián que estaba pechado coma o faro; e o Cargadeiro cunha pasarela con vistas á ponte dos Santos. Deixamos o coche alí aparcado e fomos pola ponte dos Santos ata Asturias e había alí un posto de información turística onde recollemos folletos e un póster. Volvemos para a ribeira galega e aparcamos o coche en Ribadeo. O Colín estaba canso e quedou no coche mentres nós fomos xantar. Non topamos moito sitio onde xantar e acabamos en La Lira onde xantamos máis ou menos e caro e máis tarde topamos o Centro Social detrás do Concello que tiñan menú do día e boas vistas. É o malo de non coñecer !!.
Estivemos na Alameda facendo tempo mentres non abría a oficina de información turística e miramos a Torre dos Moreno que é máis grande do que eu pensaba e que está bastante descoidada. Tamén fixemos fotos coa figura do Marqués de Sargadelos baixando as escaleiras do concello.
Na oficina atendeunos unha rapaza moi amable comparada coa señora vella que atendeu a outros turistas antes ca nós. Tiñan alí aparcadas as doce bicicletas de aluguer para turistas que empezaba ese servizo ese mesmo día. E coa información que nos proveeron fomos por esas rúas de Ribadeo adiante, facendo fotos de casas de indianos antes de que constrúan enriba delas que a construción anda a cen alá. Chegamos á estación do FEVE e pegamos media volta. Merquei unha pegata de Galicia para o coche americano.
Logo saímos co coche cara Asturias e estivemos de paso por Figueiras e Castropol e rematamos en Tapia de Casariego onde seguen coa teima de proibir pasear cans polos paseos e tivemos que marchar dalí porque tamén había moita xente co gallo das festas do Carme. Estivemos a buscar empanadillas para o Colín e ao final tivemos que mercarlle unha empanadilla de pizza !!!!! en Ribadeo.
Volvemos para o camping e demos un paseo pola praia mentres caía o sol.

Solpor na praia de Benquerencia

 

Venres 15 de xullo: de volta a casa

Barca de pedra na finca Galea


Pola mañá non prometía o día polo tempo que facía así que recollemos, pagamos e tiramos para Alfoz para visitar a finca Galea. A finca Galea é un museu aberto adicado á auga e o seu aproveitamento. Por dous euros pódese visitar o xardín e estanque recuperado a unha canteira. O percorrido está salpicado de estatuas, árbores e mecanismos hidráulicos saídos da imaxinación do dono.
Tamén ten casa rural e un pequeno museu da casa galega con lareira, muiños e un folón ou muiño de batán que fai un estrondo de medo. E o que máis me gustou foi a barca de pedra que fixo o dono escarbando un bloque de granito.
Despóis dalí fomos á torre de Castro de Ouro que ten boas vistas sobre o val do río Ouro.
Chegou a hora de xantar e fomos a Mondoñedo onde xantamos no centro social á sombra que saíra o sol con moita forza. Dalí fomos en coche ata o salto do Coro que ten o último tramo empinado.
Como había tempo, decidimos ir á praia das Catedrais que Ana aínda non mirara as formacións rochosas e en media hora puxémonos alí. Aparcamos debaixo duns piñeiros para deixar a Colín e fomos apurando alí. Ana quedou encantada e penso que é o sitio ideal para pedir a man a unha rapaza e, se non quere, déixase alí, ha, ha.
Despóis xa tiramos para casa cunha paradiña na do Rei das Tartas e a súa mostra de fotos xa históricas con personalidades máis que nada televisivas.
E así rematou a acampada en Barreiros con boas praias, boas paisaxes, un cámping pequeno e acolledor e con todo en galego e un tempo que facilitou todo.

Sábado 16 de xullo en Cangas

Aquí estamos Cris, María ( con David engadido ), Toño, Colín, eu, Ana e Mon. Estamos no paseo de Cangas e detrás entraban os barcos celebrando o Carme.
Ese sábado estivemos xuntos despóis de case un ano e relatamos as novidades nos esteits e en Madrid. E rematamos ceando no Gatañal que ten boas vistas da ría e unhas pizzas moi boas.

Domingo 17 de xullo: tranquilo

Pasamos a noite no piso de Cris en Marín. Almorzamos e fomos mercar un bocata ao Umia e despóis tiramos para a praia de Tulla. O tempo foi empeorando e foi marcharmos e empezar a chuviscar. Logo paramos nos postos de venda de Marín e aínda paramos na feira do libro de Pontevedra onde Ana mercou » El zorro » de Isabel Allende, que tiña gañas del e despóis para casa e xa non estaba a garda civil nos pasos elevados da autopista coma o sábado pola visita do príncipe a Marín.

Luns 18 de xullo de 2005

Talasoterapia !

Vida de señoritos

O luns 18 transcorría normal cando chamou Marga, a irmá de Ana; que nos convidaba ao Talaso Atlántico en Oia. Resulta que mercaron uns bonos que sae o baño de auga mariña a presión por uns nove euros e podes ir os días de semana…así que alá fomos. Só é necesario gorro e bañador que alí dan chancas, albornoz e toalla. Vas ao vestiario, deixas as cousas nunha taquilla que funciona cun euro que devolven e xa podes entrar na piscina cos seus diferentes chorros, duchas e tamén hai unha corrente que te leva se fas o morto.
Ou sexa, pasámolo ben e iso que só foi unha hora.
Logo tomamos algo mentres merendaban María e David na cafetería que é bastante careira e marchamos para casa.
Despóis de cear tomamos un café Ana máis eu con Nando e Nena no Meigas.

Martes e mércores.

Martes 19.

Tocou lavar botellas en Arbo para o viño.

Mércores 20.

Fomos á praia de Patos á parte menos “ popular ” onde a auga está chea de algas e a area é máis gorda. Outro defecto que ten esa zona son as moscas que veñen atraídas polas algas mortas.
Fomos cear a Pias e levamos unha tortilla e unha torta de galletas. Lonxe, no monte, había un incendio e semellaba un volcán polo fume que botaba. Os meus primos canarios miraron por vez primeira morcegos ao natural. Outros animaliños que non teñen visto en Fuerteventura son os grilos e ata as abellas son novidade para eles.

Xoves 21: camiñada polos muiños do Rosal

O xoves 21 decidimos ir andar polos muiños do Rosal a media tarde.
Son uns catro quilómetros, a metade subindo e a outra metade de baixada. Deixamos o Panda no muiño de información e, despóis de coller folletos, empezamos a andar.
A subida foi cansa pola calor e o desnivel pero é unha rota ben bonita e ándase polos grupos de muiños do Folón que din que son 36 pero eu non os contei. Ao primeiro, ándase por un bosque de eucaliptos, logo chégase a un muiño privado ben coidado e cun xardín bonito nunha zona umbría. Súbese un pouco atravesando un regato e máis arriba xa están os grupos de muiños famosos nunha valgada case sen árbores. Por unha chan arborada unha vez que se alcanza o cume, vaise llaneando un chisco e logo toca baixar abeirando os muiños do Picón ata chegar á Casa da Pintora, unha casa de tapas cun xardín ben coidado que está aberto ao público. A mágoa foi de que non estivese aberto o restaurante para refrescarnos un pouco.
Logo volvemos para o coche e tiramos a Vigo para visitar a Marga, Toni, David e María.

Ana e os muiños do Folón

Venres 22 de xullo: cea de balde.

O venres foi tranquilo. Pola mañá Ana foi á perruquería e eu levei ao meu sogro Moncho a Tui, ao taller, que tiña que cambiarlle o aceite ao Peugeot 306 para levalo nós a Madrid o sábado.
Á tarde deixamos ao Colín cos meus pais e collemos un colchón extra para Cris e Toño.
Logo pola noite fomos cear con Toni, Marga, David e María. Fomos á praza Elíptica e miramos un sitio novo aberto que se chama ” Firs: comidas del mundo ” e decidimos cear alí. E resulta que ese día inauguraban e todo era gratis, só había dúas opcións de comida pero de balde. Así que ceamos alí anque David quería hamburguesa e o pai mercoulla no Mac Donalds do lado e Ana tivo que coller un bocata no Pans & Company que todo o do Firs levaba carne.
Despóis da cea fomos recoller a Cris e Toño e tiramos para casiña.

Sábado 23 de xullo: viaxe a Madrid.

Erguémonos a iso das oito e ás nove e media xa estabamos en rota. Enchemos o depósito na Caniza, tomamos un café na Gudiña e xantamos uns bocatas en Tordesillas, nun bar que ten pósters de Cangas e o Morrazo.
En Galicia estaba algo anubado e no resto xa fixo calor ata chegar ao inferno de Madrid. Supoño que moitos de vós xa fixestes este camiño en coche pero a min non deixa de gustarme pola variedade que hai. O camiño ten poboacións bonitas e de exemplo está Puebla de Sanabria e hai outras máis pero normalmente non se pode parar en todas.
Outra cousa que me fascina son as diferentes contrucións coma as adegas por terras zamoranas que parecen casas de Teletubbies ou de indios dalgunhas zonas dos EEUU. Tamén teñen o seu aquel os castelos coma o de Arévalo, os pombeiros e ruinas curiosas espalladas aquí e alá.
E logo están as paisaxes que cambian a medida que se avance: primeiro os montes queimados ou non das provincias de Pontevedra e Ourense cos virandelos nos altos aproveitando o vento para facer electricidade e darlle uns cartiños ás comunidades de montes. Logo veñen os bosques baixos de pino manso e xestas por Zamora . E daí pasamos ás terras chaá con campos de trigo recollido, millo regado por esas regadeiras inmensas con rodas, “virasoles” seguindo o percurso do sol e videiras a rentes do chan por Valladolid. E rematamos cos penedos ciscados pola provincia de Segovia subindo a serra que a separa de Madrid.
En cuestión de animais estan as cigoñas nos campanarios das vilas castelás ou nas torretas da luz en Benavente ( Buena tierra, mala gente- di o refrán ) e os miñatos e aguias surcando o ceo na busca de comida…
E conducindo e admirando o camiño chegamos a Carabanchel. María e Mon mostráronnos o seu piso e fomos ao centro comercial Parquesur e Maria e Mon mercáronlle a Ana “ La sombra del viento ” e a Cris o último de Harry Potter.
Logo fomos cear a unha trattoria en Aluches e para cama a sufrir coa calor.

Vista nocturna dende a casa de María e Mon 

 

Domingo 24 de xullo: andanzas por Madrid adiante.

O domingo collemos o metro en Oporto e fomos ao Rastro. Había unha chea de cousas e un torrente de persoas. Xantamos en Tirso de Molina ben e nada caro. Logo fomos camiñando ata o parque del Retiro e pasamos pola praza de Santa Ana, polo edificio do Congreso, os hoteis Palace e Ritz, a fonte de Neptuno e o museo do Prado. No Retiro estivemos á sombra e Ana púxose a facer Pilates comigo e Mon. Logo pasamos polo estanque e Ana escapou dun mimo que só quería posar con ela para unha foto. Pasamos polo palacio de cristal e tomamos algo nunha terraza ao lado dun sitio onde había libros para levar para casa diso de bookcrossing. María estaba cansa coa calor e o embarazo así que collemos o metro de volta e tomamos algo perto de onde vivían antes. Dalí fomos para casa cansos de tanto camiñar.

Na praza do Cascorro

 

Día de Santiago en Madrid.

O día de Santiago tomámolo con máis calma. Fomos á piscina da urbanización antes de xantar. Xantamos pulpo, tortilla, croquetas e ensalada. Logo montamos un tendal deses que se recollen no teito e volvemos para a piscina ata as nove que é a hora de peche.
Fomos cear a unha terraza de Carabanchel e para casa que había que madrugar no día seguinte.

Vista diaria dende o piso

Martes 26 de xullo: volta á terra

Tocou volta no día de Santa Ana.
María e Mon voltaron para a rotina do traballo e nos tiramos para casa de volta.
O día xa estaba máis anubado e foi refrescando a medida que chegabamos a Galicia.
Tomamos un café en Benavente, xantamos no Padornelo e tomamos outro café na Gudiña e saiunos ben que deixaron algo sen cobrar nos sitios. E xa non fixemos máis paradas ata O Porriño. Descargamos, saudamos á nai de Ana e levamos a Cris e Toño a Marín. Na casa dos pais de Cris démoslle unha lavadela ao Peugeot e Ana máis eu marchamos. Paramos un chisco no Carrefour e logo fomos cara Vigo. Fomos ao Firs que Ana tiña cobiza de falafel pero non tiñan e tivo que se conformar cunha pita de vexetais. Tomamos o café no Jamaica e para casa. Buscamos ao Colín que estivo triste e apenas comeu mentres estivemos en Madrid.

Mércores e xoves sen novidades

Non houbo moitas novidades. O tempo refrescou e chegou a chover. O xoves fomos con Marga e os nenos ata Montero Ríos que Marga ía a unha revisión. Tomamos algo nunha terraza e as pombas atacan os restos das mesas. Xantamos na casa de Marga e á tarde chovía así que cada quen foi á súa casa.

Venres 29 de xullo: cea cos amigos.

Á noite ceamos con Puri, Manolo, Sonia e Sergio no Compton. Logo tomamos unhas copas polo Porriño adiante. No Parque do Cristo estaba a tocar un grupo folk e tomamos cafés e cervexas no Art&Drinks e no The Classic ( isto xa parece un país anglosaxón ).

Cea no Compton 

Sábado 30 de xullo: máis ceas

Fomos xantar a Pías cos meus pais, Nena, Nando e a familia de Canarias. Puidemos probar os alcoholímetros que están a instalar miña irmá e o meu cuñado por pubs e discos e pasámolo ben soplando.

Nando e meu pai cun alcoholímetro

Á noite fomos cear Ana máis eu con Paco, Eva, Xesús e Uxía na Gulpilleira. Logo estivemos de cháchara e mirando vídeos deles e fotos nosas ata as tantas.

Paco, Uxía, Eva e Xesús co seu polegar tipo americano 

 

Domingo 31 de xullo: de espera polos aventureiros

O domingo fomos xantar a Arbo. Fomos Ana máis eu, os meus sogros, Toni, Marga, os nenos, os pais de Toni e os avó de Ana, por suposto.
O xantar foi a fartar que miña sogra debe de ter medo que pasemos fame e houbo langostinos, pulpo, croquetas, lamprea seca, pólo, carne e pasteis e dúas tortas…unha fartura.
Logo chegou Alejandro ( un cuñado de Toni ) e fomos despedilos aos dous que se montaron nunha piragua en Barcela, Arbo ( onde saen os de rafting de Arrepións ). Alá os deixamos e quedamos dúas horas máis tarde en Caldelas de Tui. Fomos ata alí a esperalos e non aparecían. Cando xa eran dúas horas e media chamaron que estaban chegando a Salvaterra que foramos alá a buscalos. Pasaron moitas peripecias: romperon un remo, cairon dúas veces na auga e acabaron desfeitos polo esforzo. Cando ían por Setados preguntáronlle a un que onde estaban e o outro díxolles: » Setados» e o Toni e o Alejandro non sabían e dixeron: » Non, sentados xa estamos pero queremos saber onde estamos «.

Esperando polos aventureiros en Caldelas de Miño 

Agosto 2005

10 Xaneiro 2008

Luns 1 de agosto.

Xa queda pouco para voltar para os EEUU. Dúas semaniñas que van pasar voando.
Pois o luns fomos embotellar tinto pola mañá. Logo aínda xantamos do día anterior ( a revoda ).
Durmín a sesta e á tarde fun co meu sogro a vazar os restos dos bocois nun barril pequeno. Logo Moncho mechou os bocois, limpamos a ferramenta e para casa.
Isto de andar co viño non se mira polos esteits e penso eu que chega a ser algo ilegal…Alá eles o que o perden, non ?.

posted by acedre @ 10:14 AM 0 comments

 

Martes 2 de agosto de 2005

Supercicho en Torneiros 

Chafarís en Torneiros.

Onte foi o cumpreanos de miña nai e mercámoslle unha estancia na finca A Galea que llo daremos con miña irmá mañá, supoño. Levámoslle hoxe unha pranta que lle regalou miña sogra e a avoa de Ana e unha caixa de viño para meu pai.
Cando baixabamos para a nosa casa había un chafarís de máis de vinte metros na estrada xusto enfrente de Zeltia. Saltou unha alcantarilla e era impresionante a auga que saía dalí. Os rapaces pasaban por baixo do chorro de xogueta para enchouparse e os automovilistas rían e subían as ventanillas. Os que o pasaban mal eran os motoristas, todos despelotados de verán e a cichada a deixalos coma pitos.
E por hoxe máis nada. No serán quedamos con Marta, outra compañeira de Ana que está nos USA pero en Chicago e xa leva o seu tempo alá.
Pois iso, ata outra.

posted by acedre @ 10:23 AM 0 comments

Mércores 3

O martes estivemos con Marta de Chicago no McDonalds de Samil ( sen comer hamburguesas, ¿ eh ? ) e dalí fomos á praza Elíptica. Ana quería un falafel no Firs pero segue sen habelo e vai marchar sen probalos. Despóis deixamos a Marta en Chapela e fomos para casa.
O mércores fomos con Nesi, Rocío e Fiz á praia Ladeira, en Baiona. A praia é bonita anque a auga está algo turbia pero quente e tranquila. O Fiz estaba todo contente coa auga e a area ( eu sempre dixen que a praia é ideal para os nenos e os cans que son quen máis disfrutan ). Despois púxenme a coller cunchiñas con Fiz e logo enterramos a Ana. Tamén andaron a perseguirse Ana máis Fiz pola praia adiante.
Marchamos para casa, pegámonos unha ducha e fomos cear a casa de meus pais. Despóis tomamos café con Nena e Nando no Meigas de Torneiros.

posted by acedre @ 3:43 AM 0 comments

Xoves en praia América.

Pola mañá fun ó médico que teño un tirizó nun ollo dende o domingo. A médica receitoume unha pomada e fun mercala á farmacia. Cando volvía para o coche topei a Nando que lle levaba unha grúa o C2. Resulta que quedou sen marcha atrás, que non lle entraba. Menos mal que o coche está en garantía. Logo subimos buscar arroz con ovos escalfrados que fixo miña sogra con sabor a croques e foi o que xantamos.
Pola tarde quedamos coa tía Carme de Bande e Carme María na praia América. Elas estaban ben pero a praia masificouse un montón e a auga estaba aínda máis suxa que a de Ladeira. Nadamos un pouco, andamos ata Panxón e despóis xogamos á escoba ata a hora de marchar.
No paseo había clase de Taichi que a impartía Lucio, un compañeiro meu do curso de masaxe.
E así foi o xoves: quente de máis.

posted by acedre @ 3:52 AM 0 comments

Venres 5 de agosto de 2005

Venres indeciso.

Levantouse o día borrallento pero de fume. Sabe Deus se arde Portugal ou Ourense pero o sol non dá traspasado o fume.
Este venres é indeciso porque aínda non sabemos que faremos. De momento fomos a Movistar que Ana ten un móvil novo e hai que aclarar cousas coma se vale para os EEUU e outras lideiras.
Ana chamou a Cris e Toño contestou que están preparando as maletas que marchan o luns, igual que Marta pero en distintos avións e distintos destinos.
E agora estamos na biblioteca. Ana está buscando información de vós dende Philadelphia a Raleigh e sobre o móvil e eu mentres aquí ando.
Pois máis nada. Ata outra.

posted by acedre @ 4:01 AM 0 comments

 

Fin de semana polo Morrazo

O venres 5 acabamos indo á praia de Patos, a zona máis » suxa » porque levamos ao Colín.

O sábado 6 fomos á praia de Tulla e antes paramos na casa de Cris para despedila e darlle o cheque da casa en Warrenton. O día foi quente e marchamos antes para evitar os atascos da volta. Fomos a Vigo que había feira do libro antigo e de ocasión e non topamos nada. Son menos de dez casetas e con prezos nada ventaxosos. A caseta da librería Maxtor era a que mellor prezos tiña porque van fechar seica. Quedamos con pena de ter mercado os libros » El Zorro » e » Melodía de días usados » porque alí si que saían ben de prezo.
Tomamos algo nunha cervexería dalí en Montero Ríos e foi un timo e estaba quente. Logo fomos ao Firs e despóis para casiña.

O domingo 7 xa houbo boira todo o día e había pouca xente na praia. Había xente durmindo que viña da festa do Albariño de Cambados e a cadela que lle gusta nadar e tratar de pescar. Despóis marchamos e pasamos por Bueu onde había carteis dunha festa que se fai no cabo Udra esta fin de semana que vén e que ten páxina web e todo. Tamén en Bueu estaba o circo Raluy que non sei como será pero que ten uns carromatos e unhas vallas moi artísticas e mágoa de non ter a cámara comigo porque son de foto. A ver se na páxina do circo Raluy saen e quizáis aínda os pillo en Vigo esta semana.
Acabamos ceando no Firs e convidáronnos ás bebidas ( debemos de ser clientes de honra ).

posted by acedre @ 6:54 AM 0 comments

Martes 9 de agosto de 2005

Visita a Rubiós

A mañá do luns adicámola a recados por aquí e acolá: veterinario, óptico e biblioteca.
Á tarde fomos ao dentista a facer unha limpeza que non me gusta nadiña pero é o que hai.
Despóis do dentista fomos Ana máis eu coa sua nai, Marga, David e María a Rubiós a visitar os primos de Ana, a avoa paterna e a tía Isabelita. A avoa Lola estaba coma sempre e os primos grandes. O Angelito é un namorado dos cans e ten un pequeno que o acirraba contra o David que chiaba coma porco no San Martiño. O Jose está feito un mocetón cos seus dezaséis anos e segue traste que o día anterior envorcou co chimpín sen máis trascendencia que unha rabuñadura nun brazo e un cabreo da nai. A Vanessa tamén está moi medrada e agora traballa nunha perruquería de Ponteareas toda a semana.
Isabelita puxo cousas para picar e eu piquei pan con tetilla e chourizo con viño tinto que xa me queda pouco para disfrutar. A María lambeu as galletas de chocolate, o Ángel comía fuet por presadas e as mulleres falaron de dietas e fillos. Na volta David chamoulle charlatana á avoa Marga e María quería ir a » los uniros » con nós para buscar un globo que lle escapou o ano pasado. Resulta que nunha ocasión escapoulle un globo e díxolle a nai que o globo agora estaba nos Estados Unidos e que llo iamos levar nós para Galicia cando voltasemos e agora está a nena coa leria do globo e » los uniros » ( Estados Unidos ).
En fin, cousas de nenos.

posted by acedre @ 7:35 AM 0 comments

Intento de ir a Portugal

O mércores intentamos ir a Portugal pero como facía mal tempo había unha cola de coches xa antes de chegar á ponte internacional. Saímos na saída da Guarda e fomos ao Haley onde merquei o libro de Manuel Rivas » Unha espía no reino de Galicia «. Ana quería unhas sandalias ás que lle tiña botado o ollo pero xa esvaeceran na tempestade das rebaixas.
Despóis andei a facer fotos por onde vivimos e retratei a Villa Xeiteiro. Esta é unha casa de granito mestura de estilos ( máis ben cúmulo de engadidos ) feita por unha familia de canteiros que eu imaxino unha gran familia unida baixo o poder dun petrucio e que xantan todos xuntos nun gran salón ao máis puro estilo pacego ou medieval. Non sei. Supoño que imaxino máis do que en realidade hai.
Á tarde andamos por Vigo con Marga, David e Maria e eu merquei La Voz que viña un libriño dos Carnavales de Galicia moi completo.
Á noite houbo cea na casa de meus pais e logo tomamos un café con Nando e Nena no Meigas.

posted by acedre @ 2:00 AM 0 comments

Mansión Xeiteiro 

Visita a Beli e familia

O xoves 11 adicámolo á caza e captura dunhas sandalias para a nai de Ana polo Porriño adiante. A caza foi infructuosa pero puidemos disfrutar do xantar cos meus sogros. Logo tomamos café e eu cubrín o sudoku do Faro de Vigo ( un costume que collín ultimamente ). Logo fomos a casa e lin o último número de Malladoura, unha revista local que vai saíndo de cando en vez.
Deixamos ao Colín no bar dos meus sogros e fomos a praia América a visitar a Beli, unha antiga alumna de Ana. Estivemos falando de todo un pouco e estivemos mirando as fotos da súa viaxe a Grecia o outubro pasado. Beli e Jesús andaron por Atenas e logo foron ás illas de Milo, Santorini, Delfos, etc. As fotos da viaxe tiñan unha cor luminosa moi brillante e as vilas brancas gregas empoleiradas nos cantís eran marabillosas. Bueno, que nos gustaron e sempre quixen ir por Grecia e agora teño máis gañas…Ah, o famoso » Jronha que jronha » é unha expresión de benvida ou bo desexo a pesares de que semella outra cousa.
E despóis da charla, o café e a tarta de cenoria de Beli marchamos para casa.
Miramos o último episodio de OT e fomos para cama.
Estes días tocan as despedidas da xente e das cousas.

posted by acedre @ 2:16 AM 2 comments

Solpor coas illas Estelas e Monteferro dende praia América

Venres 12 de agosto de 2005

Outra despedida do blog

Pois si. Hoxe é o último día que escribo dende a terriña.
Tócanos a volta para Carolina do Norte este martes que vén e tratarei de retomar o blog o antes posible.
Aquí puiden ir facendo o blog na biblioteca do Porriño e non tiña moito tempo para surfear pola internet adiante nin ler outros blogs que me interesan pola limitación do tempo e o meu tecolear lento. Así que se non visitei moi a miúdo outros blogs o motivo era ese aparte de andar facendo visitas e movéndonos por aí.
E nada. Agora toca queimar os últimos cartuchos e despedirnos dalgunha xente ( que non vai ser toda ).
Un saúdo a todos.
Ata pronto.

posted by acedre @ 2:37 AM 3 comments

Despedidas

O venres tocou a despedida de Marga, Toni, David e María e estivemos en Vigo co eles.

Á noite estivemos con Paco e Eva e fomos tomar unhas cervexas polo Porriño adiante.

posted by acedre @ 11:09 AM 0 comments

Cumpleanos de Uxía

O sábado 13 foi o cumpleanos de Uxía, a miña prima de Canarias máis nova. Como nós iamos voltar para os Esteits e o 15 era o cumpreanos do meu irmán, miña nai aproveitou para facer un xantar de despedida na Rochiña.
Despóis fomos Ana, Colín e máis eu con Nesi, Rocío e Fiz a Mondariz a dar un paseo.

posted by acedre @ 11:26 AM 0 comments

Domingo 14: despedida da praia

Ana, Colín mais eu fomos á praia Tulla de Bueu e foi un día perfecto de praia: chegamos, démonos un baño, xantamos, tomamos café no chiringuito e estivemos debaixo da sombrilla lendo a prensa, libros e facendo sudokus. De cando en vez había que meterse na auga pola calor e a auga estaba mellor ca nunca. Só dicir que marchamos cando o sol xa se pousaba.
Dixemos adeus a todo: ao mar, á area, a unha cadela que esta namorada da auga e non deixa de nadar e ao solpor na auga que nos EEUU o sol déitase na terra.
Cando marchabamos había xente que ía á Noite do Trasno en cabo Udra.

posted by acedre @ 11:16 AM 0 comments

Máis despedidas

O luns 15 tocou a despedida dos avós de Ana en Arbo. Polo camiño ardía polos catro costados Galicia. O fume estaba no aire e o lume chegaba á beira da estrada nas Neves.
En Arbo estaba Rícar, o primo de Ana de Madrid e metémoslle a cobiza por facer Sudokus e alí estabamos escribindo os tres na cociña para admiración de Celia, a avoa de Ana.
Xa á noite, estivemos coa miña irmá e Nando no Meigas de Torneiros. Miña nai falou por teléfono con Ana que xa non quería despedirse en persoa.

posted by acedre @ 11:32 AM 0 comments

Martes 16 nos avións

Miña irmá, meus sogros e meu pai viñeron despedirnos a Peinador. Miña sogra estaba pensativa e xa empezaba a choromicar cando nos despedimos deles. Dende o avión tiramos esta foto da enseada de Cesantes que queriamos fotografar a ponte de Rande cuberta pola boira.
A viaxe a Madrid foi ben. O malo foi no aeroporto de Madrid que non nos daban traído as maletas e Ana tivo que ir a outra terminal para facturar mentres eu esperaba polas maletas. Por sorte apareceron dalí a un pouco de quedar eu só.
Na facturación de US Airways había moita cola coma sempre e estaban facendo as típicas preguntas chorras de se levamos obxectos punzantes ou se alguén nos deu algún paquete sospeitoso, etc. O caso é que saímos ben e chegamos a Filadelfia nunha patada.
En Filadelfia chovía bastante. En Inmigración tivemos que facer cola coma sempre pero non houbo maior problema. Collemos a Colín e logo tivemos que pasar por agricultura e tampouco houbo problema. Logo buscamos os coches de aluguer e había autobuses pequenos das distintas compañías e montamos no de Thrifty que pensamos que polo nome non había de ser cara ( significa económico ). Sabiamos que Hertz era cara e Alamo estaba ben pero non daba pasado o autobús ese e montamos no de Thrifty. E ao final saiunos o coche bastante caro porque non o devolviamos onde o collemos pero xa non había máis remedio e non estabamos para buscar máis compañías.
Collemos o coche ( un Dodge Neon vermello moi xeitoso que lle gustaba a Ana ) e tiramos pola I-95 sentido sur. O primeiro que nos abraiu foi o prezo da gasolina. En xuño andaba polos dous dólares o galón e agora está a 2.65 DOLARES POR GALON. Ou sexa, unha animalada.
Pensabamos que ese era o prezo en Filadelfia e que en Carolina ía cambiar a cousa pero nanai.
E a viaxe en coche fíxose como se puido. Paramos a tomar café un par de veces e a botar gasolina e antes de Richmond púxose Ana ao volante que eu non podía máis. Na seguinte parada conducín eu ata Warrenton onde apenas chuviscaba despóis dunha viaxe de noite con moita chuvia que aquí anoitece antes que en Galicia.
Cris e Toño estaban despertos aínda e estivemos un rato de cháchara contando as novidades e logo fomos para cama.

 

posted by acedre @ 11:41 AM 7 comments

Mércores 17 agosto

Cris foi para o colexio ás sete da mañá e nós erguémonos detrás dela. O día estaba morriñoso pero non chegaba a chover. Aquí a calor é pegañenta e hai moitísimos ruidos de animais.
Máis tarde collemos o coche de aluguer e o noso e fomos ao aeroporto de Raleigh a devolvelo.
Despóis fomos ao Crabtree Mall que tiñamos fame e empezamos coa dieta americana de fast-food.
Despóis fixemos o aprovisionamento no Walmart e fomos para casa.
Chamamos aos arxentinos e viñeron visitarnos. Inés marchou que tiña un curso en Raleigh e o resto estivemos de leria e vendo fotos do verán ata aburrirnos.

posted by acedre @ 12:07 PM 0 comments

Venres 19 de agosto de 2005

Adaptación ao horario

Estes días son de adaptación: adaptación ao horario, ao clima, á comida, etc. e imos indo. Ana xa empezou onte na escola ( sen rapaces aínda ) e eu aínda non empecei en Revlon. Chamei a Staffmark onte e hoxe e dixéronme que » está la cosa lenta «. A ver se para a semana…

Onte levamos o Nissan Altima a cambiarlle o aceite e o pobre ten a pintura queimada do sol. Fomos polo ximnasio e dixeron que podiamos empezar cando quixeramos.

E hoxe venres fixen fotos a un colibrí que anda por aquí cerca pero é moi pequeno e non se aprecia moito na foto. O colibrí mide cinco centímetros e é o único paxaro capaz de voar marcha atrás. A min paréceme un moscardón máis ca un paxaro.

Despóis chegaron os de Time Warner Cable e instalaron internet e TV e xa estamos comunicados outra vez e aparte Ana foi pedir o portátil á Oficina Central e déronlle o mesmo que o do curso anterior así que hai ordenadores bastantes na casa.

E aquí estou: tecoleando mentres non veñen as mozas do choio.

Agora xa podo dicir: mañá haberá máis…..

posted by acedre @ 12:23 PM 3 comments

Axuda a un VIF

Pola tarde do venres apareceu Ana cun profesor novo da VIF ( sae no fondo da foto ) . É un rapaz colombiano e tiña unha profesora que o axudaba a situarse aquí porque é novo. Resulta que o home da profesora estaba celoso e deixou ao rapaz na escola de Ana coas maletas no coche e totalmente perdido. Ana fíxose cargo del e levámolo á casa duns coñecidos colombianos de Henderson que alugaban un cuarto. Aparte o chaval perdeu tódolos cartos que traía no aeroporto de New York ( iso di el ).
E nada, deixámolo con Deris e Edward e nós fomos cear a un restaurante mexicano barato de Henderson.

posted by acedre @ 7:18 PM 0 comments

Sábado 20 de agosto de 2005

Bochorno e paseo a Raleigh


Hoxe fomos os catro a Raleigh. Cris e Toño tiñan que preguntar por un contenedor que queren levar no avión e Ana máis eu cambiamos a data do vo de volta que decidimos non ir por Nadal á terriña. Os prezos soben e soben e non paga a pena facer unha viaxe dunha semana e logo pagar un feixe de cartos por un avión.
Despóis fomos ao Crabtree Mall e había unha orquestra de rapaces tocando que pedían instrumentos usados para poder aprender no instituto ( saen na foto ). Os recortes en educación chegan a este punto de que os membros da banda pidan instrumentos para poderen aprender.
Estivemos polo » mall « máis que nada cheirando que calquera sae ao aire libre coa calor que fai.
Tamén estivemos perdidos no mundo das letras que é o Barnes&Noble e Ana mercoume un Sudoku. Tamén eu mercáralle uns pós no Victoria’s Secret ( a segunda foto ).
Logo marchamos para casa facendo unha parada técnica no Walmart.

posted by acedre @ 7:29 PM 0 comments

Domingo 21 de agosto de 2005

Domingo de inferno

Hoxe fixo unha calor de forno. Pola mañá saquei un faro dianteiro que non funcionaba e enchoupeime de suor entre a calor e o revirado que é de sacar.
Despóis de xantar fomos á piscina do YMCA en Henderson que apetecía un montón. Na recepción estaba o indio cabreado das fins de semana que sorrí ás mulleres e a min bótame unhas olladas que se me cai a cabeleira a plomo.
Estaba Adán, o socorrista mexicano e contoume que foi a Miami unha semana cos amigos e que se bañaron de noite; unha proeza neste país onde esta case todo proibido. A min preguntoume se fun a misa e se me lembrei del.
A auga da piscina estaba quente pero estivo ben. Cris viu conosco e nadou toda feliz. Logo fomos polo Walmart e a casa que na rúa non se pode estar ( nin paxaros nin mosquitos asoman os fuciños ). Cando baixou o sol puiden colocar a bombilla do faro e o coche xa non anda chosco.
E agora estou coa internete a voltas, lendo blogs, consultando a Galicia máxica e fuchicando en Google Earth.

posted by acedre @ 7:40 PM 3 comments

Luns 22 de agosto de 2005

Vigo nos EEUU

Hoxe xa non fixo tanta calor e o día transcorreu tranquilo. Chamei a Staffmark e segue sen haber choio. Non sei se rematarei apañando tabaco que xa lle queda pouco.
Fun á piscina e Ana foi a pilates. Mentres non saía fun ao Walmart e merquei unhas cousas e fíxenlle a foto darriba a un paquete de arroz con azafrán estilo español. O nome é VIGO e ten unha andaluza no paquete en troques dunha gaiteira xeitosa. Pensei que era unha empresa galega pero vai ser que non. Logo recollín a Ana e marchamos para casa mentres se facía noite neste ceo inmenso das chairas carolinianas e iso que eran apenas as oito.
Como quedei coa cobiza de cear algo galego cocín un chourizo de Lugo cunhas patacas americanas que me soubo a gloria.

Ata mañá.

posted by acedre @ 10:12 PM 5 comments

Martes 23 de agosto de 2005

Na caza de productos ibéricos

A min a gastronomía norteamericana non é que me vaia moito. Por que será ?.
As cousas non teñen sabor e se teñen é polos prebes que lle botan que ata Paul Newman creou salsas ( máis ben púxolle o nome ).
E busco e busco e topo poucas cousas: olivas Goya, algunhas anchoas salgadas de máis e uns froitos secos que son da marca Barcelona e si foi fundada por un catalán.
Está visto que un negocio sería un restaurante galego onde servisen unhas boas empanadas.
E para non facer agoar a xente prometo non ser tan gastronómico nos vindeiros capítulos.

Mañá será outro día.

 

posted by acedre @ 7:16 PM 3 comments

Mércores  24 de agosto de  2005

O día transcorreu con normalidade. Chamei para pedir choio pero a cousa está parada en Revlon.
Adiqueime entre outras cousas a ler novas hispanas de Carolina, admirar fotos e debuxos de temas tan vellos coma actuais.

Sei que Galicia segue a arder pero aquí a paisaxe está verde ( tampouco hai tanto piñeiro e os eucaliptos non se ven nin en pintura ) e o tabaco ( na foto ) está case listo para recoller polos mexicanos, claro. Logo virán o algodón e a soia.

Por outra banda, Ana estivo na inauguración do curso e todo o persoal levaba niques brancos longos co anagrama do instituto e iso que estan proibidas as camisetas longas polo código de vestimenta do instituto…pero son así de incongruentes. Este curso tamén proíben cubrir a cabeza en todo o recinto cando o ano pasado só estaba proibido nas aulas. Ou sexa, o poli do instituto vai ter traballo abondo.
E mañá xa empezan os rapaces e os profesores teñen que saudalos con sorrisos cando baixen dos autobuses…
En fin, non teño máis novidades por hoxe.

Mañá seica é outro día.

 

posted by acedre @ 7:53 PM 0 comments

Xoves 25 de agosto de 2005

Museos de Raleigh

Hoxe fomos Toño, Gustavo e máis eu a Raleigh. Paramos a ver unha casa igual que a que lle están facendo a Gustavo e é un casón. É grande e de dúas plantas con garaxe para dous coches, catro dormitorios, un baño con » walking closet » ( almario onde entra unha persoa camiñando ) no cuarto grande e dous servicios máis, etc, etc. Aparte ten un anaco de terreo por detrás para barbacoa moi xeitoso. Ou sexa, vai ser un palacio. Gustoume moito.
Logo fomos ao museo de historia de Raleigh e hai de todo: dende artefactos de indios, ata cousas confiscadas a inimigos iraquís coma un reloxio, unha matrícula de coche e uns billetes ( aquí fan un museo con calquera cousa ). Nunha zona falaban de obras de enxeñería coma pontes e encoros e había un simulador de como moveron todo un faro uns catrocentos metros fóra da beiramar que corría perigo de levalo o mar. Tamén había unha sala adicada a deportistas e outra con obxectos da guerra civil americana coma billetes sudistas, medallas, armas, etc. Noutra sala había un » drug store » e diversos aparellos de hospitais cunha reproducción dun hospital de campaña da guerra civil. Polo teito estaban pendurados unha reprodución do avión dos irmáns Wright que despegaron dende as costas de Carolina no primeiro vo humano controlado ( que sae na foto ) e outro aparello voador que era un xirocóptero ( unha especie de helicoptero monopraza ). Outra cousa curiosa que había era a bandeira do pirata Barbanegra que » traballaba » por estas costas… En fin, unha chea de cousas para admirar.
Logo fomos ao museo de historia natural que había unha exhibición das mellores fotos da natureza dun concurso convocado polo museo de historia natural de Londres e había verdadeiras obras de arte. Na foto gañadora aparecen dous tabeiróns atacando un banco de sardiñas que está moi ben, claro.
Pois así foi o dia, fomos de paseo a airearnos un pouco.

Ata mañá.

posted by acedre @ 3:47 PM 0 comments

Venres 26 de agosto de 2005

» Big fish » en Warrenton

Queriamos saír esta fin de semana pero estamos pendientes do tempo. O furacán Katrina anda lonxe pero parece que manda chuvias para esta zona. Mañá decidiremos.

A mediodía levei o coche ao taller para que lle fixesen a ITV do estado que aquí é ben sinxela e non martirizan o coche. Logo, cando fun buscar a Ana, fixen a foto dos zapatóns pendurados dun cable. Xa os teño visto nun par de sitios e non sei o significado que poida ter. Fanme lembrar a película « Big Fish « cando penduraban o calzado os que entraban na vila da que nunca saían e non sei se estes de Warrenton significan o mesmo…Pode ser que creo vivir nun escenario desa película americana. Non sei.

Pola tarde Ana chateou coa prima que vive en Montana e xa se fixo tarde para irmos ao YMCA así que aproveitamos para que me rapase a cachola que eu xa tiña uns pelos coma a miña mascota » Cacheiro «. E cando chegou a hora da cea pedimos unha pizza vexetal para os catro na pizzería da vila que está atendida por árabes. E isto é todo.

Mañá veremos se escribo.

posted by acedre @ 6:53 PM 0 comments

Sábado 27 de agosto de 2005

Paseo por Smithfield

O tempo non estaba nada definido así que decidimos ir a Smithfield. Paramos a xantar no Schlotzsky ou como queira que se escriba ( anda, acertei á primeira ) en Rocky Mount. Neste sitio poñen sanduiches de calidade. Xa o din eles: Schlotzsky’s, nome simpático, comida seria.
Despóis fomos a Smithfield, onde está enterrada Ava Gardner e demos un paseo por un parque á beira do río e facía moita calor pegañenta. En Smithfield tamén hai un feixe de tendas a prezos baratos de boas marcas e aí estivemos toda a tarde. Ana e Cris mercaron un vestido vaqueiro para levaren a clase. Despóis tomamos un algo nun mexicano: El Sombrero ; e alí preguntounos o camareiro se eramos uruguaios polo sotaque que temos. Non sei se se parecen ou non pero a el parecíanselle os sotaques. Despóis tocou a volta e paramos en Rocky Mount onde Cris mercou uns zapatos e despóis tiramos para casa. E aquí estamos.

Mañá pode ser que escriba algo.

posted by acedre @ 8:55 PM 4 comments

Domingo 28 de agosto de 2005

Nova Orleans en perigo !


O furacán Katrina está a coller forza e está a nivel 5, o máximo. A policía obriga a evacuar Nova Orleans que está no camiño do furacán e hai caravanas de coches nas saídas da cidade e tódolos carrís están habilitados para saír da cidade.

Non sei como acabará a cousa pero dame mágoa porque é unha cidade que visitamos no Nadal do 2003 e que lle collemos un pouco de cariño.
Esta cidade é unha mistura de culturas e xentes que a fai moi distinta da típica cidade americana. En Nova Orleans hai arquitectura tipo francesa e española ( estamos os catro diante da catedral de S. Luis ). Aquí hai cemiterios con nichos e con anxos nas cúpulas, cousa incrible nos EEUU que soterran os seus defuntos baixo terra mesmo nas cidades e non fan nichos. Aquí tamén hai Mardi Gras, o noso entroido; tamén outra celebración fóra das mentes americanas comúns que só teñen o Halloween que non deixa de ser unha cousa para nenos. Logo hai as historias de vudú traídas por esclavos que evolucionaron en historias de vampiros. Tamén Nova Orleans é a cidade de Ignatius Reilly da novela » A conxura dos necios » que recomendo ler e que eu vin representada en Salceda de Caselas polo grupo Sarabela ( Ana máis eu estamos con Ignatius na foto )…

En fin, unha cidade fóra do común: con vida nocturna, cun bairro gai onde impera a bandeira do arco da vella e estan proibidas facer fotos pola rua. Unha cidade con bares que teñen máquinas de tabaco e tragaperras ( cousa impensable en North Carolina ). Unha cidade onde se pode comer marisco e admirar obxectos da película Forrest Gump e unha cidade onde hai músicos de jazz pola rúa…

E logo está todo o delta do Mississippi cos seus » bayous » ou canles entre zonas de gándara e onde viven os últimos cajuns, xente que fala francés e que acabou aquí fuxindo de Acadia, en Canadá, porque non querían estar baixo o mandato inglés…

O que dicía, sería unha verdadeira mágoa que o furacán levara todo isto por diante.

Mañá veremos como acaba o asunto.

posted by acedre @ 2:37 PM 4 comments

Luns 29 de agosto de 2005

Katrina e a serpe


Hoxe entrou o furacán Katrina pola costa pero por sorte non pillou de cheo Nova Orleans. Aínda así a desfeita é grande. Hai outras cidades alagadas coma Mobile e Biloxi e o furacán segue camiño norte pero xa debilitado. Por sorte aquí non vai chegar; o furacán Isabel de hai dous anos xa foi bastante. E así foi como estaba pola mañá na casa, pendiente da tele que falaban do furacán e houbo un momento no que a nosa veciña hondureña botou un berro. Saímos Toño e máis eu e resulta que a veciña berrou porque había unha becha no céspede. Toño máis eu fixémoslle fotos e logo Toño espantouna lonxe da nosa casa. Por fortuna é unha becha inofensiva.Durante o resto do día ( quitando o tempo que fomos ao YMCA ) naveguei bastante por internet e topei unha paxina con anuncios antigos españoles e outra tamén de anuncios americana coa cervexa que bebemos: Miller » the champagne of the beers «. Toma ya !…Espero que desfrutedes dos anuncios.E máis nada.

Saúdos.

posted by acedre @ 8:43 PM 0 comments

Martes 30 de agosto de 2005

A calma e a tempestade

Mentres aquí estamos en calma e o xardineiro sega o noso céspede nun » Toro » e apenas sopla unha airexiña; en Nova Orleans e o camiño que seguiu o furacán, pintan bastos.

Nova Orleans está alagada nun 90%. Hai xente nos teitos das casas, Deus sabe cantos mortos. Non hai auga, electricidade, gas nin teléfono. Polas rúas vese xente saqueando: saqueos onde vai a xente con carriño de compra e todo…pero á hora de pagar que pague Santa Rita. Eu comprendo estes saqueos anque non os aprobe. A xente que quedou alí seguro que perdeu a casa, o coche e o máis seguro que o emprego. As mercadorías seguro que son declaradas perdas polo furacán e están aseguradas…que ten de malo que aforren uns cartos desa maneira ?. O peor é que andan a tiros entre eles ou cos donos ( non hai que esquecer que o nivel de criminalidade de Nova Orleans é bastante alto ).
A policía decrarou toque de queda pero non pode patrullar por moitas zonas e o caos é evidente.

O que si me fastidia é o que din na CNN. Á mañá dicían que o furacán era » o noso tsunami » e agora á tardiña xa rizan o rizo dicindo que é un novo Hiroshima…Come on !!!. Férveme o sangue cando din iso cando non hai comparanza nin de lonxe; nin nos motivos da catástrofe, nin a magnitude. Estes norteamericanos queren ser o número un en todo ata en victimismo.

Outros que me enchen son os economistas calculando os pozos petrolíferos que pecharon ou facendo números dos cartos que perde o goberno en impostos polos casinos que destruiu o furacán. Por non falar das aseguradoras que afrontan a maior catátrofe natural na historia dos EEUU e xa lles tremelican as pernas pensando no desembulso de cartos.

Non sei que opinará a estatua de Ignatius J. Reilly que a estas horas debe de ter auga polas canelas pero para min, o peor é a xente que morre ou sofre ou que perde as súas posesións e traballo e tamén os moitos animais domésticos ou non que acabaron mal. Iso si, os golfiños do acuario que practicamente desapareceu do mapa están como reis nunha piscina dun hotel…

E non sigo que seguro que estades máis informados.

Mañá é outro día, non é ?.

Mércores 31 de agosto de 2005

Día mundial do Weblog

Hoxe é o día mundial do weblog e recomendan facer cinco ligazóns a blogs novos e de culturas distintas.
Busquei e busquei e vou por estas cinco ( debo de estar tolo ).

http://www.legendarysurfers.com/naw/blog/

Neste blogo falan de aniversarios na historia dos indios americanos.

http://www.inuitnativeart.blogspot.com/

Neste falan de arte feito por esquimais. Iso é nada !.

http://rufusnet.com.ar/

Rufus é un can arxentino que ten unha weblog.

http://www.espermadigital.com.ar/index.asp

Humor intelixente ?.

http://maggiezfarmaz.blogspot.com/

Unha granxa en Arizona.

E mando un máis dunha parella que vai andando dende Londres á Cidade do Cabo e que están agora por Marrocos.

http://constanttrek.com/

Ata mañá.

posted by acedre @ 5:10 PM 3 comments

Setembro 2005

7 Xaneiro 2008

Xoves 1 de setembro de 2005

Quilombo nos EEUU

Pois si, vaise acabar a admiración de esquíos, bechas, colibrís e demáis fauna. Parece ser que o martes empezo a traballar outra vez. O luns é festivo e imos facer unha viaxiña ata Boston. O malo é o prezo da gasolina. Hai pouco máis de dúas semanas o galón custaba 2.60 dólares e hoxe estaba a 3.19 ! e subindo. O furacán afectou en moitas cousas e unha é o prezo do combustible. Hoxe houbo gasolineiras que quedaron sen producto e o resto subiu a prezos esaxerados que en Georgia andaba a 7.00 dólares que xa é de película. Na tele falan de crise e non se sabe como vai rematar o conto. En fin, un quilombo, un lío.

E iso é todo. Deixo aquí unha ligazón a un cómic artístico que me gustou.

Mañá pode ser que haxa algo.

posted by acedre @ 5:35 PM 0 comments

Venres 2 de setembro de 2005

Chegan as axudas a Nova Orleans


Mentres segue o caos e o Bush anda facendo unha visita pola zona, o alcalde de Nova Orleans cágase en todo canto hai. O alcalde Ray Nagin está furioso que non ve axuda efectiva:..» non vexo a maldita axuda que veña «… A xente segue a pasalo mal e as condicións empeoran. Nos refuxios houbo violacións e pelexas, hai mortos dentro e fóra e fóra da área está toda a rúa cagada e chea de cueiros e merda. 50000 persoas permanecen nos tellados, máis de 10000 xa están en Houston e outras 30000 esperan ser levadas a zona segura. Hai edificios ocupados por bandas armadas e a cidade está chea de cadáveres e restos.
Mentres Bush está preocupado pola lei e orde porque este país tan grande ten que estar ben amarrado. Esa é a prioridade para el.
E agora mesmo están a chegar os comboios militares con axudas despois de cinco días sen axudas.
E xa non falo máis. Hoxe botaremos camiño para Boston a osixenarnos e non escribirei ata o luns.
Deixo a foto dun pub irlandés de Nova Orleans coas bandeiras das nacións celtas. Quen sabe como estará agora !.

posted by acedre @ 9:56 AM 4 comments

Sábado 3 de setembro de 2005

Poñamos que non falo de Katrina e si de Salem


Saímos o venres rumbo norte. A viaxe era de doce horas así que paramos a durmir na entrada de Philadelphia (ver posteos de maio) e o sábado tiramos para o norte. O noso hotel estaba ao norte de Boston e chegamos ao mediodía. Como só tiñamos a tarde, decidimos visitar Salem: cidade pequena coñecida polas bruxas e a casa dos sete pinchos » The house of the seven gables » , a casa que dá o título ao libro de Hawthorne.
Salem é moi bonito e está cheo de sitios relacionados coas bruxas e a xuventude segue a moda gótica. A cidade ten cemiterios antigos, rotas guiadas por casas famosas antigas e de bruxas. Eu non sei como foi a historia pero no ano 1692 houbo unha persecución contra supostas bruxas e aforcaron a varias persoas. Isto xa deu para vivir hoxendía do turismo e aquí e acolá hai comercios, obras de teatro e demáis atraccións; todo relacionado co tema das bruxas e fantasmas.
E este pode ser un futuro para Nova Orleans: comercios con souvenirs do Katrina e percorridos por zonas onde ocorreron traxedias que aínda non coñecemos. E non faltará moito que vendan gorras co lema » Eu sobrevivín o furacán Katrina » como fixeron co último amago de terremoto en San Francisco. Aquí o espíritu mercantil case non respecta nada.
Na foto da esquerda están Ana e máis Cris coa estatua da bruxa Samantha da serie de televisión.
Na foto da dereita está Cris nunha librería de segunda man e non hai truco: os libros están así tal como os retratei.

posted by acedre @ 7:46 PM 0 comments 

Domingo 4 de setembro de 2005: poñamos que non falo de Katrina e si de Boston

O domingo dedicamos todo o día a visitar Boston e Harvard.
O hotel onde estabamos tiña pinta cutre pero tiña uns almorzos potentes con zume, cereais, torradas e café en barra libre. Así que almorzamos ben e tiramos para Boston. Chegamos sen problemas ao centro polas pontes e os tuneis de Boston que está furado aquí e alá e aínda o están furando máis.
Puidemos aparcar á sombra dun rañaceos perto de Boston Common, o parque máis grande da cidade. Facía un día agradable para pasear comparado coas calores de Carolina que non te podes menear e así levamos ao Colín conosco. A xente estaba de domingo no parque e outros ían nunhas barcas grandes a pedais polo lago e tamén había un globo para subir, sabe Deus a que prezo.
No Boston Common hai unha oficina de turismo e dalí partía o percorrido da liberdade » Freedom Trail «, percorrido que pasa polos lugares clave da independencia dos norteamericanos dos ingleses. O percorrido é doado de seguir: é unha raia vermella no chan; e pasa por igrexas, cemiterios e edificios emblemáticos da cidade.
Boston é unha cidade vella para os norteamericanos que aquí viñeron vivir os pelengríns do Mayflower despóis de vivir en Salem. Esta cidade ten moita cantidade de xente de orixe irlandesa que chegaron fuxindo da fame ( an gorta mor ) a mediados do século XIX.
E paseando, paseando , puidemos ver unha cidade con vida, aberta e bonita.
E logo de pasar unha pequena Italia, cruzamos por unha ponte á outra beira do río Charles e chegamos onde está o barco » Constitution « e o seu museo. Cris e Toño subiron e nós quedamos co Colín no parque do lado. Logo seguimos o percorrido ata Bunker Hill que é un obelisco erguido onde houbo unha batalla famosa contra os ingleses. Mentres eu quedaba con Colín eles subiron os tropecentos escalóns ata arriba onde había boas vistas. Ía sendo a hora de xantar e acurtamos a volta pasando polas rúas de casas pequenas e con encanto: casas de ladrillo con moitas fiestras e flores e árbores na rúa. Chegamos a Faneuil Hall, onde hai comida de todo o mundo ( está o segundo Cheer’s ) e moitas tendas. Eran as tres e estaba acugulado de xente e tivemos que comer de mala maneira. Logo fomos ao coche e deixamos ao Colín que estaba canso e tiramos para o bairro chinés que é pequeno e sen gran encanto. Decidimos ir a Harvard que estaba na outra beira do río pero esta vez fomos en coche.
Eu supuña que ía estar tranquilo Harvard pero había moito ambiente estudiantil e había estudiantes veteráns que facían xogos cos novos para coñecerse…E estivemos paseando ata que se fixo noite e logo ceamos alí nun restaurante americano típico. Despóis volvemos ao hotel que foi difícil topalo que tivemos ese problema tódolos días.
Na foto está Boston visto dende o Bunker Hill.

posted by acedre @ 8:11 PM 2 comments

Martes 6 de setembro de 2005

Volta a Warrenton

O luns era festivo e adicámolo a volver de Boston. Despedímonos do hotel con encanto, de Boston e os seus tuneis e a súa vida. Polo camiño, adiantamos camións militares con auga para Nova Orleans. Logo paramos a xantar nun McDonalds. Máis tarde esquivamos un » trooper » que cazou ao coche de diante nosa que nos adiantara fungado.
Pasamos por Nova York polo Bronx a toda velocidade. Logo pasamos por fóra de New Jersey, Philadelphia, Baltimore, Washington e Richmond e despóis de tantas cidades e tantas horas de coche, dous depósitos de gasolina, varios sudokus e varias buscas de emisoras; por fin entramos na zona rural onde estamos.

E hoxe martes tocoume madrugar para ir a Revlon onde me abrazaron as morenas e me saudou o resto. Semella que deixei o outro día de traballar e que só botei un fin de semana fóra.
E logo do choio buscar a Ana ao instituto, tomarmos un café, ir á piscina, ir ao Walmart ( onde estaban recollendo cousas para levar a Nova Orleans ), volver a casa, cear, ver na tele como segue o desastre de Nova Orleans, que deixaron escarallarse douscentos autobuses escolares que poderían salvar a moita xente e ver tamén que o exército non actuou antes porque faltaba a orde directa do moneco que teñen no poder aquí que tivo que chamar a papá e ao anterior presidente que el non sabía que facer…cheguei a pudrirme mirando as babecadas que fixeron e o que deixaron de facer.
Cando me tranquilicei , dediqueime a comprobar o correo, a escribir no portátil e agora xa son horas de durmir.
Mañá haberá máis.

posted by acedre @ 8:53 PM 0 comments

Mércores 7 de setembro de 2005

Opinións personais

Segue a rotina o seu paso. Fun ao choio e sigo enteirándome das novidades da xente do choio: a John Paul, o vello que topaba o Pedrochosco, botárono que se pasou cos días de permiso e agora a ver onde topa choio que xa é vello de máis. Hai xente enferma coma Terry, unha branca moi gorda que botaba carreiriñas de hipopótamo para o baño. Outra que está mal é Kathy, unha floridiana que ten o zoo montado na casa con iguanas, loros e bechas que a queren a ela e andan a trabazos detrás do seu home. Tamén está enferma Vivian, a negra que dixo que eu me parecía a Swarzenegger e que non lle gustaba, ou sexa, chamoume feo dun xeito curioso.
Botaron do choio a Tim , o negro delgado e remolón, que deu positivo no control antidroga e tameé botaron polo mesmo motivo a Charles que ten un apelido italiano. Porque aquí hai controis antidroga sorpresa e se dás positivo…
Por outra banda, a Cecelia segue a monear no choio: queda co estuche na man e fecha os ollos. Eu fágolle burla e ela ri e tamén ri a sua compañeira Ernestine. Eu díxenlles que se o xefe na terriña topa a alguén durmindo no choio pois bótao á rúa e elas dixeron: Really ? coma se fose do máis normal monear no choio ou mesmo nas reunións que facemos ás veces e onde falan os xefes de diferentes temas laborais.

Por outro lado, quería saber da opinión da xente de a pé acerca do furacán e pregunteilles a Sandra e a Emma, a hondureña. As dúas coincidiron en resaltar o das violacións nos refuxios. Supoño que para as mulleres é do peor que lles pode pasar.
E tamén falei do furacán con Brian, un encargado de 24 anos que parece da miña quinta e que ten dous fillos ( cousa normal neste país onde incitan a procreación para extensión do Imperio ). Díxome que na tele dicían que ían tardar dez anos en reconstruir a cidade e eu comenteille o dos douscentos autobuses escolares que deixaron alagar en Nova Orleans e que servirían para evacuar a milleiros de persoas. O Brian dixo coa voz baixa que o Bush actuou moi mal. Díxomo coa voz calada que nunca se sabe quen escoita…Ao mellor falar mal do presidente neste país é unha blasfemia…e pola foto xa sabedes que está proibido.

Mañá comentarei máis cousas.

posted by acedre @ 7:15 PM 6 comments

Xoves 8 de setembro de 2005

Que podo contar?

Por aquí a situación segue con normalidade: as rapazas seguen dando clases e os alumnos non dan problemas. O Toño vai a un curso de inglés en Raleigh e o Colín engorda que a vida norteamericana préstalle un cacho. Por outra banda, eu sigo en Revlon pasando o tempo e facendo as américas, ha, ha.
O asunto do furacán segue o seu ritmo cos desprazados, as axudas de tódolos colectivos: televisións, radios, igrexas, empresas privadas ( en Revlon hai unha caixa enorme onde a xente pon auga, comida, roupa e artículos de hixiene ). O goberno vai dar 2000 $ a cada adulto evacuado nunha tarxeta de débito e a reconstrución e reparación da zona afectada parece que vai adiante.
Eu non quero ver a televisión pero poño a radio de camiño ao choio e contan detalles espeluznantes como o dos vellos dun asilo que quedaron desamparados con consecuencias fatais para moitos deles ou o caso dunha familia que rescataron e levaban unha televisión e un can e os rescatadores non tiñan espacio e déronlle a escoller entre levar a tele ou o can e escolleron a tele !. Tamén esta o caso contrario dunha señora que achantou o seu canciño no bulso de man e así puido salvalo.
E como non vai ser triste todo vou contar como se crearon os números en inglés. Pois resulta que saiu un de Lugo da súa casa e facía frío, así que dixo: Cuantufrioufai !. Non sei se fará gracia pero conteillo ao socorrista mexicano Adán e aínda riu. Que Deus lle conserve ese humor.
Ata mañá.

posted by acedre @ 8:28 PM 1 comments

Venres 9 de setembro de 2005

O dólar

Hoxe foi un día normaliño: xa sabes, traballo e para casa. Non fomos ao ximnasio que Ana tiña que corrixir traballos dos alumnos para ter a fin de semana libre.
Non sabemos se ir á praia mañá porque anda o furacán Ophelia por aí e, anque non dea de cheo, pode mandar chuvias que fastidian o plan.
E cambiando de tema, cando viñemos de Boston déronnos un billete de dólar escrito cun enderezo de internet para saber por onde foi. Entrei nunha ligazón desa páxina e estiven lendo cousas curiosas coma a orixe do símbolo $ e que se tés un anaco do billete maior do 50% podes cambialo nun banco por un noviño. Tamén aprendín que non se pode estropear de ningunha maneira ningún billete que hai multas de ata cen dólares para o culpable e prisión ata seis meses. Ou sexa, coidado con queimalos ou rachalos que podes ir ao cárcere por iso.
Esta páxina para seguir o percorrido do billete está moi ben. Na terriña hai unha web que quixo seguir o percorrido de varios euros pero que non deu moito resultado.

E non hai máis que contar. Mañá a ver que hai.

posted by acedre @ 7:10 PM 1 comments

Sábado 10 de setembro de 2005

Fastidio de Ophelia

Hoxe tiñamos pensado ir á praia a Wilmington pero chove alá gracias ao furacán Ophelia. Cris e Toño foron acampar a Shenandoah en Virxinia e nós quedamos.
Estiven fozando pola interrede adiante e topei o blog dun asturiano que vive en Florida e gracias aos comentarios cheguei a saber dun peruano emigrado en Nixeria que ten unhas fotos que me fan lembrar as imaxes de Nova Orleans. Tamén topei un norteamericano que creou un blog a partir do furacán Katrina e un xaponés que quedou flipado dun texano que lle preguntou a cantas horas conducindo dende Texas estaba Xapón. O xaponés flipou e creou un mapa mundial coas nocións xeográficas que ten a xente de aquí. E se esta lección xeográfica non che chega tamén hai esta. E podo xurar que o creo que os alumnos de Ana son un exemplo da escaseza de xeografía que coñecen. Con dicir que unha vez dixéronlle que en Londres falábase francés !… e son alumnos maiores que non son rapaces de dez anos.
E iso é todo. Agora imos cear cos arxentinos e mañá será outro día.

posted by acedre @ 4:41 PM 8 comments

Domingo 11 de setembro de 2005

Aniversarios

Hoxe é o famoso once de setembro que todos coñecen pola caída das torres xemeas de Nova York que foi unha desgraza aquí e en máis países que se viron e ven afectados polas consecuencias. Tamén é o aniversario da morte de Salvador Allende no Palacio de la Moneda en Chile, información que recollín de Brétemas e que pon unha ligazón coas últimas palabras do presidente chileno para os seus compatriotas e que me deron arrepíos só de imaxinar a situación.
Por outra banda, non sabiamos que facer hoxe. Á praia non podiamos ir que facía mal tempo, a facer unha camiñada por aquí tampouco que facía calor abonda así que tiramos cara Richmond, a capital de Virxinia, que está a menos de dúas horas en coche. Fomos alá e xantamos no restaurante Richbrau onde fan cervexa e que nunca a probei tan saborosa. Logo fomos ao museu de Edgar Allan Poe ( un dos muitos que hai ) e fíxonos unha rebaixa na entrada a señora porque lle cai simpática a xente española. Deunos unhas fotocopias en español describindo o museu e pediunos que se tiña erros que os corrixiramos e estaba bastante ben, algunha frase mal colocada, algúns cambios de xénero e algunha falta de vocabulario. Nada grave.
O museu está na casa máis antiga de Richmond e ten unha maqueta da cidade no tempo que viviu Poe nela. Tamén hai manuscritos del, copias de obras súas, retratos, roupa, un bastón, un baúl, a cama que usaba sendo un neno, un vídeo co poema » O corvo » e demáis recordos.
Dalí fomos dar un paseo pero non deixaban cans polo Canal Walk así que fomos á igrexa onde está enterrada a nai de Poe pero estaba fechada. Quixemos ver o capitolio pero estaba en obras e en vista da mala sorte tiramos para casa cunha paradiña estratéxica nun Target e a coller gasolina que xa baixou dos 3 dólares o galón.
E así foi este día.
Mañá toca volver ao choio e á rotina.
Seguirei contando.

posted by acedre @ 7:14 PM 2 comments

Luns 12 de setembro de 2005

Cun ollo no Ophelia

O furacán Ophelia cada vez está máis perto de North Carolina. O bó que ten é que non vai ter a forza do Katrina e aquí, en Warrenton, non vai afectar. Tal vez traia chuvia pero nada grave. O peor vai ser na beira do mar e nos Outer Banks, unha liña de illas areosas na costa caroliana. Estas illas estaban practicamente virxes ata os anos 70 que empezaron a construir sen moito siso casas e casas. Ata o de entón había unhas viliñas mariñeiras e uns cabalos bravos supervivintes dun naufraxio dun barco español de hai séculos.
A vila máis sureña é Ocracoke e só se chega a ela en ferri despois de botar unhas dúas horas en coche por unha estrada estreita abeirada desas casas de verán de xente de cartos de Nova York.
Ocracoke é unha vila encantadora e turística e ten un porto cheo de iates e pelicanos que non teñen medo da xente e un faro que sae na foto de arriba cando estivemos en abril do 2004.

Ou sexa, ou moito cambian as cousas e hai problemas pola costa ou todo queda nuns días de mal tempo.

Por outra banda, no choio estiven con Sandra colocando chapiñas para encher de producto. Sandra é mexicana e ten medo á auga. Cando cruzou o Río Grande de ilegal, foi nunha barca inchable cos ollos pechados todo o tempo. Ela procede do estado de Veracruz, da vila Papantla que ten moitos turistas que a visitan polos homes paxaros: catro homes que dan voltas a máis de vinte metros de alto pendurados de cordas cumprindo un rito precolombino en honor ao sol. Estes voadores tamén actuaron en Barcelona.

E isto é todo por hoxe. Ata mañá.

posted by acedre @ 7:40 PM 2 comments

Martes 13 de setembro de 2005

Martes trece: día de mala sorte ?

Pois o día non foi malo. No choio o único malo foi que non me entendeu Cecelia cando lle falei dos meus avós » grand parents » que entendeu que fun a París: » I went to Paris «. Cousas que teñen o falar con tapóns nos oídos e a miña pronuncia. Terei que aprender inglés falado nestas páxinas:
http://manythings.org/pp
http://www.antimoon.com/how/pronunc-soundsipa.htm
http://www.englishclub.com/pronunciation/index.htm

Pola tarde había treboada e pechan a piscina cando senten os tronos. Aquí din que a piscina atrae os raios. Mentres non abrían andei a follear revistas na entrada que a cantidade sería a envexa de calquera dentista da terriña. Revistas hainas ben variadas: dende caza, saúde, política, deportes ata algunha cultural como a que publica o Smithsonian que ten tantos museos en Washington.
E esa foi a miña mala sorte do día. A Ana non lle pasou nada extraordinario nin a Cris. A Toño si que lle rebentou unha xanela do coche sen saber polo que.
Deica mañá.

posted by acedre @ 7:26 PM 1 comments

Mércores 14 de setembro de 2005

Ophelia anda pola costa

Si. O furacán Ophelia de forza 2 está pola costa de North Carolina facendo das súas. Moita xente marchou despóis de reforzar portas e fiestras, os colexios pecharon e todos esperan que marche sen facer moita desfeita. Nós estamos afastados da área afectada e hoxe caíron un par de treixadas e estivo o ceo negro todo o día. Este mal tempo non foi obstáculo para que se celebrase a Warrenton Fair que vai estar aquí ata o sábado. Hoxe os rapaces do instituto saíron antes que tiñan entradas de agasallo. O malo é que despóis teñen que pagar por montar nas atraccións e para mercar as lambonadas típicas destas feiras. Nós non fomos que non somos moito de atraccións, ademáis ían estar tódolos alumnos de Ana e non quere estar saudando todo o tempo. Ademáis non hai música nin pulpo nin moita cousa de proveito.

E arriba está unha foto algo movida do terreo da feira.

Mañá escribo máis.

posted by acedre @ 7:58 PM 0 comments

Xoves 15 de setembro de 2005

Bye, bye, Ophelia.


Desta o Ophelia marchou sen desfacer moito. Houbo inundacións e algúns desperfectos pero nada comparando co Katrina. Esperemos que o resto da época de furacáns, ata novembro, remate sen máis problemas.

Moito se ten falado de se houbo racismo ou non no caso de Nova Orleans. Eu penso que pode haber un punto de verdade pero creo que máis ben a discriminación foi por algo máis extendido polo mundo e archidemostrado como é a diferencia de clases. A xente que quedou era a máis pobre cunha maioría aplastante de negros ou Afroamericanos como lles gusta que os chamen e a maioría dos que fuxiron foron brancos con maior poder adquisitivo.
Este é un tema do que se podería falar ata o infinito e vou deixalo aquí.

Unha cousa que me impactou foi que aquí existe unha literatura para negros que consiste fundamentalmente en novelas rosas do tipo que sae na foto e libros relixiosos. Logo tamén hai revistas para lectores negros como Essence e outra máis aparte de revistas musicais.

Non sei eu pero se a súa lectura queda restrinxida a isto, non creo que saian do pozo de pobreza e incultura onde están metidos.

Deica mañá.

posted by acedre @ 6:54 PM 0 comments

Venres 16 de setembro de 2005

Día da independencia de México

Unha das minorías deste país é a dos latinos: complexo grupo onde se inclúen as persoas de cultura hispana con independencia da súa raza. Neste grupo parece que están os brasileiros tamén. Non hai unha idea moi clara ao respecto e cando tés que cubrir un formulario e aparece o apartado de etnia a escoller entre branco, europeo ou latino non sabes que pór.
E dentro desa etnia dos latinos están os mexicanos que seguen entrando polo deserto ou cruzando o río a miles diariamente ( as cifras oscilan entre 1000 ou 4000 ) atraídos polo soño americano.
E hoxe é o día da independencia de México. Tal día coma hoxe no ano 1810 dixeron basta e empezaron unha guerra que durou once anos contra España. E podes velo aquí con máis calma.
Logo seguiu a historia o seu ritmo e o xeneral Santa Ana perdeu un bo pedazo de terra mexicana a mans dos norteamericanos. O xeneral perdeu esta guerra pero conquistou as bocas de moitos inimigos vendéndolles o chicle como podes comprobar nesta ligazón.

Un saúdo e Viva México lindo !.

posted by acedre @ 8:20 PM 3 comments

Sábado 17 de setembro de 2005

Chapel Hill

Fomos a Chapel Hill, unha cidade universitaria pequena. Ten tanto encanto que hai unha anécdota sobre ela. Din que un home quería chamar por teléfono ao Ceo e en Raleigh dixéronlle que non había liña, logo foi a Durham e tampouco e chegou a Chapel Hill e preguntou e dixéronlle que si e preguntou canto custaba e dixéronlle que nada, que era chamada local.

Estivemos paseando polas tendas pequenas e unha librería de libros usados e tomamos algo contra a calor nunha tenda-restaurante mediterránea con productos como as follas de vide en frasco que din que son boas para comer.

Coincidiu que había un partido de fútbol americano da Universidade de North Carolina contra Wisconsin e as cores azuis relucían por tódalas partes. As cores vermellas do Wisconsin eran poucas pero aquí as afeccións non son moi » hooligans » e paseaban os afeccionados con toda a tranquilidade do mundo. E na foto vese a chegada dos tropecentos xogadores da UNC precedidas polo carneiro-mascota e as nenas dos pompóns abeirados dos afeccionados e a banda de música.

Como facía unha calor infernal fuximos ao Southpoint, un centro comercial que tiña o aire acondicionado a tope; así que saímos da calor ao frío. Estivemos pasando o tempo e vendo os disfraces para o Halloween e ata había disfraces para os cans. Tamén diante do Barnes & Noble estaba un malabarista moi bo que ten páxina web e todo e no vídeo do » juggle boy » poden admirarse as súas artes.

E xa dalí tiramos para casa que o Colín botou todo o día sen saír. Warrenton estaba mollado que acabara de cair unha treboada.

posted by acedre @ 6:14 AM 4 comments

Domingo 18 de setembro de 2005

Vendimas e Samaíns

Hoxe volveu facer calor. Tiñamos pensado ir a Richmond que había unha festa da cervexa pero coa calor que pasamos onte xa nos chegou e só fomos á piscina pola tarde.

O Toño adicouse a tallar a cabaza da foto en prepararación do Halloween ou o Samaín galego, costume celta moi antigo. Daquela os celtas puñan as caveiras dos inimigos nos muros dos castros para que non viñesen as ánimas dos mortos a vingarse. Co tempo pasouse de caveiras a cabazas e perdeuse o significado antigo e hoxe é Halloween, unha festa infantil nos EEUU na que van disfrazados os nenos e piden polas casas.

Eu nunca escarbei unha cabaza pero meu pai seica o facía.

Por outra banda, na terriña están os meus sogros coa vendima e mañá empezan a vendimar uvas albariñas para a adega.

Parece ser que hai moita uva e boa, así que pode dicirse que foi un bo ano.

E máis nada. Deica mañá.

posted by acedre @ 6:46 PM 2 comments

Luns 19 de setembro de 2005

Agora tócalle a Rita

Estase formando outro furacán. De momento é só unha tormenta tropical mentres non colla máis velocidade o vento. Seguirei informando a medida que haxa novidades.

En canto á rotina non deixa de ser iso: rotina. No choio Susan, a indonesia, deume un dóce que se chama » Galleta da lúa » porque hai unha festa chinesa ( Susan é de pais chineses ) na que a lúa casa co sol e a xente fai esas galletas para dar a amigos e familia. A galleta é rica. É unha masa cun recheo que semella cabaza pero ten o sabor chino da soia.

E pouco máis queda por contar.

Mañá haberá máis.

posted by acedre @ 6:50 PM 1 comments

Mércores 21 de setembro de 2005

O viño en Carolina

Onte houbo treboada que asustou ás rapazas e todo e non houbo interrede. Logo saíron os sapos e pola mañá había mofetas atropeladas que deixan un tufo incrible.

En Arbo, meus sogros remataron coa vendima e isto leva ao viño en North Carolina. Aquí a xente ten unha videira nun espaller de adorno como moito. No resto do estado hai algunhas espalladas aquí e alá. Unha adega famosa que hai é a de Biltmore House, un palacio que ata pouco tiña o récord Guinness como casa particular máis grande do mundo.

Nesta zona está a viña esta onde vas ti vendimar. Non fan viño, só vendimas para ter uvas. Nós aínda non fomos e non sei se haberá que o cartel leva ben tempo aí posto.

En canto ao furacán Rita, dicir que está no Golfo de México e xa ten forza cinco. Está previsto que chegue entre o venres e o sábado ás costas de Texas ou Luisiana. Só espero que a desfeita sexa mínima.

E isto é todo por hoxe. Aburiño.

posted by acedre @ 7:57 PM 0 comments

Xoves 22 de setembro de 2005

Na espera de Rita

Mentres Rita segue o seu paso e a xente da costa de Texas e Luisiana fai colas de 100 millas ! para fuxir do furacán; a vida por aquí transcorre con normalidade.

Ana segue ensinando español e os pobres alumnos van ós poucos como pode verse neste exemplo da foto que máis parece papiamento que outra cousa. Cando estea rematando o curso ( que é semestral ) porei unha mostra do avance dos alumnos que ao final aprenden e todo.

Cris tamén segue na escola ensinando español a nenos mexicanos e a nenos americanos e Toño vai polas mañás ao centro de recuperación de carnívoros fóra de Raleigh. E eu, xa di o refrán: o que vale, vale; e o que non…a Revlon.

Ata mañá.

posted by acedre @ 8:06 PM 0 comments

Venres 23 de setembro de 2005

Rita xa provoca problemas

O furacán Rita agora ten categoría tres. Trae moita auga e as rafas de vento que escapan do centro provocarán tornados como fan sempre os furacáns. A chuvia acumulada rompeu os diques que protexen Nova Orleans e volve entrar auga na cidade. E o furacán chegará a madrugada do sábado á costa de Texas e Luisiana.
Hoxe non traballei que había pouco choio en Revlon. Cando iamos á piscina, eu quería facer unhas fotos e a cámara deunos un susto que quedou sen pilas e non recollía o obxectivo e pensamos que se estropeara pero só foi falta de pilas.
A min gústame a fotografía e as fotos antigas máis. No YMCA entre as revistas para follexar hai unha con fotos antigas de xente, sitios e que son enviadas por xente particular que as teñen de recordo. Mágoa que non dean feito o mesmo co Arquivo Pacheco en Vigo ou as fotos que están en Nova York de Ruth Matilda Anderson nunha viaxe que fixo nos anos vinte a Galicia.
Mañá haberá máis.

posted by acedre @ 7:57 PM 2 comments

Sábado 24 de setembro de 2005

Apañando o tabaco 

Rita entrou esta madrugada polo lugar previsto. Fixo das súas e arrincou sinais de tráfico, árbores e deixou sen electricidade a moita xente. O furacán foi malo pero despóis do de Katrina quedou en menos… e gracias.
E por esta terra non hai moito que contar. Ana fixo un cursiño no instituto ( pagáronlle e todo ) e logo fomos ao Triangle en Raleigh. Cris e Toño foron a Rocky Mount.
Nós collemos a estrada 401 dirección sur que ben pode ser unha mostra do rural sureño. Bosques de carballos americanos e arces, plantacións de piñeiros, labradíos de soia, tabaco, millo e boniatos, casas arruadas e granxas abandonadas, trailers, casas vellas de madeira e outras máis novas. A xente estaba facendo barbacoas ou cortando o céspede ou fozando nos coches. Tamén había xente collendo o tabaco que non é tan doado como parece pois teñen que arrincarlle as follas unha a unha e despois pasa a recolledora que as apaña do chan. O señor branco conduce a recolledora e os mexicanos apañan a man. E menos mal que o día estaba cuberto e as temperaturas aturábanse ben e ata puidemos levar ao Colín de paseo.
E iso foi todo por hoxe.

posted by acedre @ 4:08 PM 6 comments

Domingo 25 de setembro de 2005

Visita a Occoneechee

Hoxe estivo o día anubado e puidemos camiñar. Decidimos tirar para Virxinia, a unha media hora da casa; a un parque chamado Occoneechee que está no encoro Kerr.

O nome tan raro vén do nome dos indios que vivían aí e que remataron fuxindo a outras partes e mesturándose con outros indios ou outros brancos e así hai descendentes deles que viven no condado Warren.

O parque ten percorridos e paneis explicativos sobre os indios que vivían alí e a plantación de tabaco que houbo máis tarde. Hai un museo pequeno con restos dos indios e explicación da súa vida. E no parque hai a réplica dun chouzo dos indios e restos da casa da plantación e un cemiterio pequeno onde enterraban os esclavos sen pór nin tan sequera o nome na lápida.

Pasamos un bo día camiñando, admirando o bosque e vendo os ricos nas súas barcas pescando no Kerr. Despóis tomamos un café nunha gasolineira con terraza con vistas ao encoro e logo tiramos para casa.

E iso é todo por hoxe. Ata mañá que as festas do Cristo no Porriño vos sexan leves.

posted by acedre @ 2:54 PM 6 comments

Mércores 28 de setembro de 2005

Toponimia galega nos EEUU


Estes días non tivemos internet e así non escribín no blogue. Antes de perder internet o domingo puiden fuchicar e fozar e dando voltas topei estas xoias toponómicas nos EEUU. Topei máis que colocarei en posts sucesivos.
Estas de Vigo non teñen ningunha relación co noso Vigo. O nome vén dun apelido italiano e aí perde o interés. De tódolos xeitosquedan ben lucidas as imaxes estas.
Topei máis Vigos nos EEUU pero son pequenos e non teñen explicación de onde vén o nome.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:38 PM 4 comments

Xoves 29 de setembro de 2005

Andrew Mack: fillo adoptivo da Coruña

Seguindo coa toponimia galega nos EEUU topei cun caso interesantísimo que dá para unha novela.

Resulta que topei unha Corunna en Michigan, EEUU; e consultei a páxina e descubrín que o nome desta vila púxoo un tal Andrew Mack que fundou esa vila e colleu o nome porque trouxo unhas ovellas da Coruña. A min este punto paréceme un pouco tonto e prefiro pensar que tivo un amor imposible na Coruña ou que lle encantou a cidade. A ninguén se lle ocorre bautizar unha poboación co nome da localidade de orixe dunhas ovellas por moi boas que sexan !.
E o asunto non remata aí senón que o tal Andrew Mack marchou de Corunna e deu por morrer en…
Corunna, Ontario, Canada.
Neste caso a cidade foi fundada co ese nome por un inglés que loitou na batalla de Elviña.
E aínda hai máis: esta cidade canadiana ía ser capital do Canadá pero que non chegou a selo pola proximidade cos EEUU e o perigo que corría con iso.

Que cousas ten a historia: polo rabo dunha cereixa non chega Corunna a ser capital do Canadá !.

E por todo isto pido no meu nome que Andrew Mack sexa decrarado fillo adoptivo da Coruña; un home que por algunha razón misteriosa fundou unha vila co ese nome e que por destinos ineludibles foi morrer nunha cidade do mesmo nome ben merece ese recoñecemento.

E ti que opinas ?.

posted by acedre @ 6:25 PM 5 comments

Venres 30 de setembro de 2005

Vou de paseo a Raleigh

Pois si. As rapazas están nun curso organizado polo FLANC en Raleigh, a capital de North Carolina e que está a menos dunha hora de casa. Xa estiveron onte xoves, hoxe venres e queda mañá sábado pola mañá. Eu tiven que traballar e elas quedaron nun motel 6 e Toño tamén foi co elas. Agora vou prepararme para marchar e á noite daremos unha volta por Raleigh agora que vai rematando o verán e xa non fai tanta calor. E mañá iremos Toño máis eu a un » flea market » ( mercadillo ) que me dixeron que alí venden pulpo. E será verdade ?.
Saúdos a todos. Se non escribo mañá escribo pasado.

posted by acedre @ 2:02 PM 5 comments

Outubro 2005

21 Decembro 2007

Sábado 1 de outubro de 2005

Mercado de pulgas e festa celta


Onte venres fomos cear ao  Ruby Tuesday con Beatriz, unha profesora mexicana que traballa no condado de Tyrrel. Este condado está nunha zona deprimida da costa. Está nunha zona chea de gándaras e con moita pobreza que di que vive xente sen electricidade alí.

E hoxe fomos Toño máis eu pola mañá a un mercadillo perto de Burlington, a vinte millas de Durham e corenta de Raleigh.
O mercado semellaba un rastro e o cartel da entrada xa prometía: » Prohibido armas de fuego » ( en español e inglés ).
No mercado había postos do máis variado: dende roupa que vendían pretos a froita vendida por mexicanos pasando polos postos de venda de trapalladas da casa dos brancos. Había postos de CDs, vídeos, instrumentos musicais, pezas para coches, unha nora de ponis a 5 $ a volta, periquitos, iguanas, xoierías, xoguetes, camisetas con mensaxe e viseiras que os mexicanos chaman cachuchas coma nós lle chamamos á cabeza do porco… e ata había remedios en botella contra a envexa e males de corpo !.
Nós fomos buscar pulpo e habíao en varios postos. Véndeno conxelado a 3,5 $ a libra( menos de medio quilo ) pero non o mercamos que se ía desconxelar de camiño e mañá xantamos cos arxentinos. Así que queda para outra ocasión.

Logo fomos buscar as rapazas e no centro de Raleigh había un festival celta organizado por xente con ancestros irlandeses, escoceses e galeses. Estivemos admirando bailes irlandeses, xente tocando a gaita, unha demostración de loita de espada contra lanza con xente que organiza cursos de loita medieval e puidemos beber cervexa Guinness no parque por vez primeira que un pub montou un posto …e coa policía á beira que estaba un policía no alto dunha tina chea de auga e por tres dólares probabas puntería a ver se lle dabas ao mecanismo que facía caír o policía.
Ou sexa, estilo película total.

Logo fomos de miranda ao Crabtree e para casa.

Ata mañá, seica.

posted by acedre @ 8:51 PM 0 comments

Domingo 2 de outubro de 2005

Celebración do cumpre de Gustavo

Hoxe celebrou Gustavo o seu cumpreanos. Convidounos á súa casa e fixo tortellini con prebe de champiñóns e saiulle ben saboroso ( os arxentinos saben facer pasta ). Estivemos de cháchara falando de todo un pouco e a filla estivo coas Barbies e saltando á comba mentres cantaba: » Ice cream with cherry on the top, tell me who is your sweet heart: A, B, C…» para que vexas que hai xogos tradicionais que non se perden mesmo nesta sociedade tan » electrónica «.

Logo estiven coa interrede adiante e busquei ligazóns a Ponte Vedra, na Florida. Non falan moito da historia e agora é un centro turístico con praia, campos de golf e hoteis. Só topei esta páxina que di que vén o nome da cidade galega pero non topei máis.

E a foto é dun rueiro aquí en Warrenton con outro nome galego como o de Dena, parroquia de Salnés e que lle tiña prometido esta foto a unha amiga blogueira.

E iso é todo por hoxe. Mañá haberá máis.

posted by acedre @ 7:19 PM 4 comments

Martes 4 de outubro de 2005

Spirit week

Onte xa refrescou e xa poño xersei para ir ao choio. Á noite apenas estiven co ordenador e logo non sei que me pasaba e sentía que perdía o equilibrio…será un virus do ordenador.
Hoxe xa non me pasou e aquí ando.

Esta semana é a » spirit week » no instituto onde traballa Ana. Durante o ano hai unhas normas de vestimenta para os alumnos e os profesores e esta semana adícana a rompelas.
- Onte luns foi o » caracter day » e ía xente disfrazada de personaxes coma Superman ou o rato Mickey.
- Hoxe martes foi o » viceversa day » onde a xente cambia de roupa para o sexo oposto e, segundo Ana, había chicos que estaban guapísimos de moza. En troques, as mozas caracterizadas de home non teñen tanta gracia.
- Mañá mércores toca » flash back e celebrities day » que é cando a xente vai con roupa e peiteados doutras modas pasadas ou disfrazados de famosos. Ana vaise vestir de hippie para seguir un pouco a festa.
- Xoves toca » tacky day » que van de trapalleiros ou con cousas do revés ou así.
- E venres é o » spirit day » e a xente vai coas cores do instituto: camiseta granate; e tamén hai un » prep rallie » que é un ensaio xeral da banda e as animadoras do equipo de fútbol americano.

E pola miña banda nada novo. A ver se mañá non teño esas perdas de equilibrio. Será que vou vello ?

 ;)

 

posted by acedre @ 7:22 PM 3 comments

Mércores 5 de outubro de 2005

O outono vén aí

Aquí tes a Ana vestida de hippie. O Colín sae na foto pero nin está disfrazado nin foi ao instituto.

Os grilos cantan pero con pouca forza ( se a temperatura é menos de 14 grados centígrados non cantan ), hai poucos paxariños e os gansos migran para o sur en formación de uve e chiando. As árbores empezan a tinxir as follas e pola seca que hai as cores van ser intensas este ano.

No choio vai todo ben. Estiven alimentando unha moega con botes de suavizante. Despóis fun buscar a Ana e fomos ao ximnasio. Ana foi a Pilates e eu a nadar. Estaba o chino que remata a súa sesión batendo a auga coas mans abertas e dobrando as pernas. Eu pensaba que era para espantar os malos espíritus pero é unha forma de relaxar o corpo ( iso di el ). Logo na ducha topeime con Bob, un branco sicólogo que está aprendendo español e falamos un chisco. El fala moi despacio pero bueno. Logo tiramos para casa, ceamos e Ana meteuse nun curso online sobre a Historia dos nativos americanos. O Toño xa rematou no centro de recuperación de carnívoros e agora está a estudiar inglés e Cris segue coma sempre.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:56 PM 1 comments

Xoves 6 de outubro de 2005

Mes da herdanza hispánica

Dende o 15 de setembro ao 15 de outubro é o mes da herdanza hispánica nos EEUU.
Celébrase neste periodo de tempo porque coincide coas datas de independencia de Costa Rica, El Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua, México e Chile e supoño que tamén pola data do descubrimento de América por Colón.
No museu Exploris de Raleigh hai actuacións musicais tódolos sábados para conmemorar este mes.
Nesta zona hai dous periódicos en español gratuitos: Que pasa e La Conexión.
Todo son celebracións e fanfarrias pero sendo só o 6% da poboacion de Carolina latina, perto do 50% dos mortos en accidentes laborais do estado son latinos.
E, a propósito, morreu hoxe un rapaz de 24 anos nunha obra no Porriño.
A ver se todo cambia e prospera a comunidade hispánica. Exemplo de prosperidade é o asunto de que o autógrafo máis desexado dos EEUU sexa o dunha muller latina: Rosario Marín, tesoureira dos EEUU, que asina os billetes de dólar.
Deica mañá.

posted by acedre @ 8:21 PM 2 comments

Venres 7 de outubro de 2005

» Homecoming « e as maras

Vaia título raro, eh ?. Explícome. Hoxe venres era a elección da raíña do » homecoming « pero o dioivo que cae do ceo anulou a cerimonia. Ana e varios alumnos saen na foto disfrazados no instituto. Eu non me disfracei que non vou ao instituto para mágoa do anónimo do comentario do outro día.

No choio enteireime de algo do submundo mexicano que acrara a segunda parte do título de hoxe. Resulta que en Revlon hai unha empresa de limpeza que carreta o lixo e xunta o cartón e, como non pode ser doutra maneira, a maioría dos traballadores son mexicanos sen papeis. Hai un deles ( que pilota o carro de lixo co nome poético de » El soñador » ) que anda detrás de Emma, a hondureña. Ela pediume consello que non quere saber nada del porque o rapaz é » marero » e está nunha » mara » que é unha especie de mafia ou pandilla perigosa como podes comprobar nestas dúas ligazóns. Eu díxenlle que non lle fixese caso e a ver se ten sorte porque o rapaz pode ser perigoso e a ver en que queda a cousa.

Ao saír do choio mandei a solicitude de prórroga de permiso de traballo. Aparte do papeleo e as fotocopias mandamos dúas fotos que custaron 8 $ . Tamén tivemos que mandar outros 175 $ nun cheque ao que hai que engadir o gasto de 5,60 $ pola carta certificada. Todo suma 188,60 $ só para conseguir un permiso de traballo…Vaia » gran » pais este da liberdade e demáis gaitas que só cren eles ou queren crer !. Aquí non é gratis nin o aire das rodas nas gasolineiras…Aburiño.

posted by acedre @ 9:12 PM 4 comments

Sábado 8 de outubro de 2005

Cabazo en Ove, Ribadeo, LU

posted by acedre @ 8:43 PM 4 comments

Cornshed de Macon, Warren County NC 

posted by acedre @ 8:41 PM 0 comments

Canastros aquí e acolá

Con canastros quero dicir hórreos. É o nome máis extendido polo Porriño adiante e máis zonas. Tamén está a forma calustra pero é nunha zona máis pequena que pode ser o Val da Louriña. As calustras acostuman ser os hórreos de madeira.
Aquí nos EEUU non hai moitos, bueno, case non hai. Os poucos que hai consérvanse ou restáuranse pero xa non se empregan ( penso ). E poño a foto dunha reconstrucción perto de onde vivo que semella unha casa dos Alpes e é fácil imaxinar a Heidi asomada na fiestra.
A outra foto é dun cabazo lugués que está en venda en EBay por 1000 euros !. Hoxe é o último día da subhasta e podes mercalo para a túa horta se queres.
E estas son as cousas que pensei para o comentario de hoxe que aquí houbo chuvia e treboada e non houbo moita interrede.
Saúdos e mañá haberá máis.

posted by acedre @ 8:06 PM 5 comments

Domingo 9 de outubro de 2005

Chuvia e máis chuvia


Hoxe choveu todo o día. Cris máis Toño quixeron cambiar a cámara que lles dá problemas pero non lla cambiaban. Tiñan que amañarlla e ían botar seis semanas para facelo. Así que volveron co ela para casa. Un chivatazo: o Toño está a deixar barbas. Ana máis eu quedamos na casa. Visitounos Gustavo e falamos de mil cousas. Logo eu escribín unha carta ( case non sei escribir a man ) e fuchiquei na interrede. Resulta que eu escribo no meu galego e hai traducción para o inglés que soa moi ben. Tamén consultei as novas sobre a fronteira en Melilla que me fan lembrar as batallas fronteirizas desta terra e as pegatas para os coches. Tamén souben dos desastres naturais en Guatemala e Pakistán. E para darlle un toque alegre ao comentario poño unha foto de agropopart Made in USA.

Mañá será un novo día.

posted by acedre @ 7:27 PM 2 comments

 

Luns 10 de outubro de 2005

Este mundo anda revolto

O mollaparvos segue dominando o panorama por aquí.
No choio foi un día doado que estiven ao final da liña metendo caixas de champú no pallet. Estiven con Phillip Fleming, un branquiño de vintetrés anos que está medio careco. Quere aprender español pero cada pouco tempo dicía: » No more Spanish «. Eu calaba e dalí a pouco preguntaba por palabras e expresións. El soña con coñecer unha muller caribeña ( calquera non soña co iso ) pero non ten cartos para viaxar. Eu dígolle que fai fogueiras cos billetes porque tiña que ter cartos… E así pasou o día.

Eu ía botar unha carta pero a oficina de correos estaba fechada por » Columbus Day «. Aquí non se celebra o 12 de outubro senón o segundo luns do mes adicado aos italianos.
Neste país os festivos son rarísimos e hai institucións que traballan e outras que descansan e non sabes nunca quen desfrutará do festivo.

E o resto do mundo mundial segue cos seus problemas de fames, guerras, emigracións, desastres naturais e problemas de violencia e política así que poño esta foto para darlle un chisco de humor ao comentario de hoxe.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:53 PM 0 comments

Martes 11 de outubro de 2005

Xantar sureño

Hoxe en Revlon houbo xantar da miña área.
Cada certo tempo dan un xantar e aproveitan para comentar como vai a área e cales son os obxectivos.
O menú non é nada variado. Consiste en pólo fritido con garnición sureña. A garnicion é de » hush puppies « que son os que saen na foto e son unha especie de croquetas de fariña milla con ovos, leite, cebola e fariña triga e non están mal. O nome parece ser que era o que lle daban aos cans para que estivesen calados. Tamén había » potato salad « e xudías guisadas con bacon.
A comida sureña non se caracteriza pola súa exquisitez e non vai ter fama nunca. Comento isto aquí para dicir que non só comen hamburguesas e cachorros quentes e hai comidas típicas anque dunha calidade non moi alá.

Despóis da piscina non tiñamos gañas de facer cea e Ana máis eu ceamos comida chinesa que é máis rica que a sureña e vainos mellor.

E, cambiando de tema, xa estou no blogomillo. Así que non sei que esperas para engadir a túa bitácora e agrandar a blogosfera galega.

Saúdos e ata mañá.

posted by acedre @ 7:54 PM 3 comments

Mércores 12 de outubro de 2005

Día de la raza

Nos EEUU hoxe non é festivo e pouco se fala da celebración de hoxe. Na radio » La ley de las Carolinas » recordou que hoxe foi o día que Colón descubriu América e » empezou o intercambio cultural «. Por suposto que o dixeron con sarcasmo. Sexa o que for a historia está aí e este día apareceu un novo continente para os europeos. Os primeiros en saber da volta das carabelas foron os habitantes da vila de Baiona e por iso hai en Nigrán unha praia chamada América ( o nome galego propio é Arealoura ).
E mentres aquí o día foi normaliño de todo; na Coruña estaba Sir Paco facendo das súas e digo eu que a culpa non é del senón de quen lle fai caso e parece que non son poucos.
Tamén o rei estivo en Madrid no desfile das forzas armadas e en Zaragoza son as festas da Pilarica.
Espero que todos pasarades un bo día festivo.
Deica mañá.

posted by acedre @ 7:45 PM 3 comments

 

Xoves 13 de outubro de 2005

Hoxe tocou traballar

Pois si. Hoxe estivemos unha chea de xente na liña dos champús e, como estaba avariada a embaladora, tivemos que facelo a man. A xente estaba cansa e suspiraba e dicía: » Oh, Lord! « e comentaban o cansos que estaban e as gañas que tiñan de iren a casa. Dende logo a xente aquí non está acostumada ao traballo duro e así veñen máis e máis mexicanos como explica este artigo topado na interrede.
Por outra parte, mañá empeza a Feira do estado en Raleigh. Ana máis eu fomos hai dous anos e non estivo mal. O malo é que hai que pagar entrada e logo aínda se paga nos postos de comida e as atracións diversas e non é moi barato que digamos. Era sábado e estaba cheo de xente e apenas se podía camiñar.
Nunha feira desas hai mostras de gando, de artesanía, música, atracións como as das festas e logo atracións particulares deste país como carreiras de porcos, exhibición do cabalo máis pequeno do mundo ou a serpe máis grande que non deixan de ser trucos típicos de espellos ou unha » car demolition » onde os coches chocan uns contra os outros ata que deixan de andar.
Un mundo aparte é a comida. Hai centos postos de todo: dende crocodrilo ( sabe coma o pólo pero máis correoso ) ata salchichas e xelados que aquí están enamorados dos xelados. O que non hai é alcol nin empanada nin pulpo e dá mágoa ver os vellos comendo unha hamburguesa e baixándoa cunha coca cola.
Tamén miramos unha danza de indios e un Buffalo Bill que era moi simpático e facía diabluras co látego.
En fin, está ben visitar unha feira destas como experiencia para coñecer un pouco deste país. E aquí está o exemplo da State Fair de Indianapolis.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:55 PM 5 comments

 

Venres 14 de outubro de 2005

Marcela e a cea no » chisqueiro «

Hoxe en Revlon acabamos cos champús antes da hora do xantar e, menos mal, porque nada máis empezar e eran as sete e cinco e xa estaban as mulleres » Oh, lord «, » I’m tired «, » I’m ready to go home » e demáis expresións de cansazo.
Logo de rematar fomos a outra liña e estaba case á miña beira Emma, a hondureña, que lle andan detrás tódolos homes e non sabe que facer. Eu conteille a historia de Marcela e Crisóstomo do Quixote que a tal Marcela non tiña a culpa de que a perseguisen que ela non daba pé para semellantes ilusións e que non era culpa dela. Eu non sei que pasa. A tal Emma non é para tanto pero todos a queren » tronar » ( como din en Centroamérica ).
Pola tarde fun buscar a Ana e quedamos atrapados no centro de Warrenton que había o desfile dos candidatos a rei e raíña do » homecoming « que son coma os embaixadores do equipo de fútbol americano do instituto e alá ían os candidatos sentados na capota dos coches con cartaces dicindo » Vota por min «. Resaltar que unha das candidatas chámase Jalishia anque non o creas ( isto dos nomes da xente aquí dá para un comentario futuro ).
O desfile estaba precedido polas animadoras e o coche do director e estaba pechado pola banda de música coa súa música tan peculiar que me lembra ao Planeta dos Simios e aquelas músicas raras dos 70. Este ano a banda está formada cen por cen por negros que o ano pasado tiñan un branco despistado no medio deles.
Logo fomos a Raleigh a cear e fomos ao » chisqueiro » que non é outro que o Cheesecake Factory da foto e estivo ben. Ceamos fóra e xa fai fresco para andar de manga curta. Logo demos unha volta polas tendas e xa estaban a pechar que eran as nove e media e logo tiramos para casa. E entre pitos e flautas xa é a unha da mañá.
Así que me despido ata mañá ou pasado.

posted by acedre @ 9:42 PM 0 comments

Sábado 15 de outubro de 2005

Yard sales nos sábados

Aquí é moi típico montar » yard sales » nos sábados que consisten en pór á venda as trapalladas que sobran na casa. Na foto sae unha montada en Warrenton.

O día hoxe estivo soleado e quente pero parece ser que o luns xa baixan as temperaturas.

A mañá adiqueina a fuchicar na interrede aparte de limpar e lavar ao Colín despóis de que Ana o rapase. A tarde fomos á piscina e logo fomos ao Target de Wake Forest a uns trinta quilómetros de Henderson…e agora estou aquí, despóis de cear unha pizza do Milanos, o noso proveedor das noites do venres ou do sábado.

Na internet topei un vídeo onde un reporteiro da CNN pregunta a xente da rúa cal debe de ser o próximo país para invadir nesta querra contra o terror e logo mostraba un mapa e a xente tiña que cravar unha bandeiriña onde cría que estaba o país en custión que tanto podía ser Francia, como Italia, como Corea do Norte, Irán, Brasil… e así a recua de países » inimigos » dos EEUU. E os resultados son divertidos abondo.

Esta xoia de vídeo topeina no blogo do Regueifeiro e vén a reforzar o meu comentario pasado sobre a falla de coñecementos xeográficos na xente deste país.

E máis nada. Ata mañá.

posted by acedre @ 7:50 PM 0 comments

Domingo 16 de outubro de 2005

Arte, cinema para coche e unha fada

Hoxe non saímos. Fai bo tempo. Corre unha airexa un algo fresca pero o sol pega. Van vir os arxentinos tomar un café e estamos na casa. Ana está facendo un traballo de ordenador para a clase. Cris corrixe traballos. O Toño está coa internet a voltas e eu tamén.Topei arte galega de Urbano Lugrís e cando aforre mercarei algunha obra del. Tamén busquei os típicos cinemas das pelis onde vas co coche e a noiva a mirar unha película. En Henderson ( a vinte minutos ) hai un pero fechou. Hai outro en Durham a unha hora da casa e temos que ir un día. Estivo fechado e abriu de novo en agosto e polas mañás dos sábados aproveita para montar un mercadillo no recinto. Iso chámase buscar negocio. E tamén explorando topei un mercadillo medieval que fan en Charlotte ( xa queda lonxe ) e non puiden evitar subir a foto da fada que é de película. E iso é todo por hoxe. Que a folga de transporte na terriña non vos afecte moito.

posted by acedre @ 5:02 PM 2 comments

Luns 17 de outubro de 2005

Furacán Wilma á vista !

Pois si. Eu estaba na bibicleta do ximnasio, lendo unha revista e mirando unha das teles cando deron as novas. Falaron dunha manifestación de neonazis en Toledo, Ohio e logo falaron dunha tormenta tropical que se está a formar perto de Honduras e que para o sábado ou domingo chegará aos EEUU. Os meteorólogos cren que vai entrar por Florida e cren que vai ser forte. Espero que todo quede en menos grave do previsto. Despóis deste furacán empezan co alfabeto grego porque o alfabeto latino xa está copado neste ano de récord de furacáns. Hai que remontarse ao ano 1933 para topar tantos furacáns nun ano !.
Deica mañá.

posted by acedre @ 8:06 PM 2 comments

Martes 18 de outubro de 2005

Proba sorpresa

Fun traballar coma sempre e cando estaba no descanso das dúas díxome Bob Campbell, o meu xefe de Staffmark, que tiña que facer un test sorpresa de droga. Viunos buscar unha furgoneta a min e a catro máis e fomos a Henderson a mexar no botiño. Cando voltei a Revlon andaba Dennis Clayborne na miña busca. Preguntoulle a Sandra se sabía de min e preguntou a máis xente. Cando foi á oficina de Staffmark xa lle dixeron que eu marchara ao test de droga e xa quedou tranquilo. Bob mandáralle un emilio pero o outro non tivo tempo de ler o correo e non sabía nada de min.

Á tarde Ana saiu tarde e non fomos ao ximnasio. Mellor porque eu tiña malletas de correr pola pista e de andar na bici onte. O xoves abren a piscina e por fin farei algo en mollado que o exercicio en seco acaba comigo.
E pasamos a tarde na casa. Ana estivo buscando hotel para os días de Acción de Gracias. E Cris e Toño buscaron vo para ir no Nadal a casa.

O tempo está quente como dicía ao primeiro e o algodón esta a punto para ser apañado. Antes facíase a man como fago na foto, pero agora hai máquinas monstrosas que arrapañan con todo e logo quedan os camiños estrados de algodóns.
E como está o tempo tan caloroso os grilos e as carriolas cantan e as barbantesas ( que aquí son enormes ) van atrás deles. Os gansos que migran de Canadá cara ao sur pasan por estes ceos chiando e algo perdidos pola calor que fai que descansen nos estanques das granxas dubidando de se xa chegaron ao seu destino.

E xa non hai máis. Mañá é outro día.

posted by acedre @ 7:00 PM 2 comments

Mércores 19 de outubro de 2005

Wilma e a tele

O furacán Wilma está lonxe e agora é de categoría 5. A categoría é indecisa e chegou a ser o furacán máis potente do océano Atlántico. Está previsto que chegue aos caios de Florida alá polo sábado pero con menos forza. Ogallá que así sexa.
No choio todo foi ben. Emma ( the big black lady ) que é unha señora grande que ten unha cara que se a topas de noite foxes, díxome para traballar o sábado e o domingo e díxenlle que si ( seguro que dei positivo no test de droga, ha, ha ).
Susan, a indonesia, vai a un cursiño de español en Revlon que é gratuito. A Susan sinalaba e dicía: « narís, okos, cabesa «. Logo quedou pensando e díxome: » Cabeso for men «. Eu rin e díxenlle: « Cabesa a de arriba, a de abaixo ( sinalei para onde pensas ) é cabeso «. Ela riu e chamoume loco, crazy e guila ( tolo en indonesio ).
Pois mentres ela aprende español, eu lembrei os programas infantís nos que aprendía inglés como os Teletubbies ( non é para rir así que deixa de rir ).
E falando da tele, hoxe puxeron un documental sobre a inmigración moi interesante. Tamén o programa foi na PBS da UNC ( public broadcasting station da universidade de Carolina do Norte ) para min unha das poucas cadeas televisivas boas e, se sabes inglés e che gustan os documentais, nesta lista hai para dar e tomar.
Un saúdo e ata mañá.

posted by acedre @ 7:43 PM 0 comments

Xoves 20 de outubro de 2005

Horta de outono

Por aquí segue facendo calor e temos o xardín feito unha selva que non veñen segalo. E xusto debaixo dos comedeiros dos paxaros naceunos unha hortiña coas sementes que espallan os paxariños ben estradas coas súas cachichas.

Agora mesmo temos un xirasol, unha pranta de calacús, millo e non sei que máis sairá daí.

Para a semana que vén xa pronostican máis frío e xa morrerá o xirasol. Nesta páxina ( en inglés ) falan dos xirasoles e máis prantas.

E o outono avanza e aquí pódese saber como van as cores da follaxe no estado de Carolina movendo a folla que fai de frecha ( preme no fall color view ).

Na zona oeste é onde se topan os mellores bosques e hai montañas. Nós estamos no centro que é zona de semichairas co seu aquel pero sen chegar á beleza das montañas Apalaches.

E isto é todo por hoxe. Mañá pode ser que haxa algo máis.

posted by acedre @ 8:13 PM 4 comments

Venres 21 de outubro de 2005

Arco do trono

Hoxe amenceu con mollaparvos. No choio falei con Juan, un mexicano que limpa os baños. Falamos do tempo e dixo que lle chaman » chipichipi » a ese tipo de chuviña. Fíxome lembrar aos meus primos de Canarias que lle chaman » chispear » a ese tipo de precipitación ou o típico nome de » txirimiri » que sobrepasa as fronteiras linguísticas bascas.
E tirando do fío pregunteille se tiñan algunha historia relacionada cos arcos da vella ou o arco do trono que é como lle din en Arbo. E contoume unha. Juan díxome que cando aparece o arco din na súa terra que os arcos de cores estanse a casar e que non vai chover en sete días e díxome que do outro lado do arco chove forte e deste non. En Honduras din » está pariendo la venada » cando chove, fai sol e hai arco da vella. Un coñecido meu da Caniza di que están as meigas a peitearse e semelloume unha imaxe bonita e poética como poucas.
Os arcos da vella teñen nomes bonitos e están rodeados de lendas curiosas en tódalas culturas do mundo. Dende os indios americanos, os incas ata os brasileiros con raigame africana pasando polos irlandeses e os galegos que din que onde nace un arco da vella hai un caldeiro cheo de ouro.
E sen máis, despídome ata mañá.

posted by acedre @ 7:48 PM 3 comments

 

Sábado 22 de outubro de 2005

Sábado de choio

Hoxe tocou traballar. Foi dende as seis ás doce cun descanso de vinte minutos que non dan para nada. Polo camiño do choio vin unha zarigueia?, un possum; que é típica carne de asfalto. E no choio foi todo case sen novidade. Bueno, minto; a unha rapaza deulle un yuyu e esvaiuse no posto de traballo. Démoslle aire e viñeron buscala nunha silla de rodas que estabamos a traballar perto da enfermería. Parece ser que a rapaza esta grávida e que lle deu un esvaecemento típico dese estado.
Na casa estaba Ana a esperarme cunha tortilla de patacas e logo fixemos a dixestión para irmos a piscina. Na recepción estaba Frank Russell, cherokee e orgulloso de selo, que fala coas mulleres e cos homes nin pío e con cara de malas pulgas. Nadando estaba Dennys que levaba dende abril sen aparecer porque estivo a cuidar do pai que ten Alzheimer.
Volvemos para casa e andei pola interrede adiante e topei o fin do xogo de Super Mario Bros gracias aos servidores da Cova do Dragón Negro que teñen ligazóns interesantes.
E agora vou durmir que mañá traballo e non de cura precisamente que estes fins de semana ata Nadal véxoos ocupados que hai que producir para os agasallos natalíceos.
Pois nada. Ata mañá.

posted by acedre @ 7:14 PM 1 comments

 

Domingo 23 de outubro de 2005

A casa nova dos arxentinos

Hoxe tamén traballei e rematei algo canso. Despedinme da xente ata o luns como se houbese un fin de semana por diante e riron.

Pola tarde fomos ver a casa que lle están a facer aos arxentinos en Rolesville, xa perto de Raleigh. Como podes ver na foto a casa está case rematada e vanlla dar en decembro. A casa é ben xeitosa e está nunha urbanización típica americana e teñen piscina comunal e cancha de tenis.

Logo demos un paseo polo parque novo da vila e o Colín puido estirar as patas. E na casa fixemos fotos para entrar no sorteo da Tarxeta Verde. Hai poucas posibilidades ( menos de 0.5% ) pero hai que intentalo, non é ?.

E iso é todo. Mañá será posible que haxa algo.

posted by acedre @ 4:44 PM 2 comments

 

Luns 24 de outubro de 2005

O anticipo do Wilma

Hoxe chove e fai frío. O aire sopla con forza ás veces. Estamos co adianto do Wilma que anda pola Florida facendo das súas. En México fixo bastante destrozo, cousa que xa saberás de sobra. A Carolina do Norte non vai chegar. Mandará frentes chuviosos coma este e pouco máis.
Do resto todo con normalidade total: choio, piscina, Wal*Mart e casiña. Consultando as ligazóns entéirome que hoxe é o día mundial das bibliotecas vía Náufrago e que mañá vai ser o dia de Internet vía Galiciaencantada. Tamén teño coñecemento vía Colazo dun Big Brother que fai propaganda do mundo blogueiro galego e descubro unha Coruña máis localizada en…Australia !.
Pola miña banda vouche mostrar a foto da flor do tabaco, para que mires que non todo o relacionado co tabaco é malo.
Deica mañá.

posted by acedre @ 7:34 PM 0 comments

Martes 25 de outubro de 2005

Racismo subtil


Hoxe morreu Rosa Lee Parks. Eu non sabía nada dela pero resulta que foi unha das pioneiras dos dereitos dos negros nos EEUU.
A situación legal cambiou moito en cincuenta anos e agora toda a xente é igual por lei. Pero resulta que na práctica hai unha lei non escrita onde funciona o archiconhecido » xuntos pero non revoltos » e nesta vila hai funerarias, perruquerías e igrexas distintas se un é branco ou negro. Por suposto non está proibido ir por exemplo a unha perruquería de negros pero dá un nonseiqué que bota para atrás.
A situación real non cambiou muito nestes anos e non leva trazas de cambiar moi rapidamente. Por exemplo, no instituto ou mesmo na Revlon; brancos e negros traballan e estudian xuntos pero cando teñen un tempo libre xa se xuntan os brancos cos brancos e os negros cos negros. Hai casos de mestura pero son os menos e case anecdóticos.
Os nenos brancos do instituto o que máis odian é un » whigger » que non é outra cousa que un rapaz branco que se xunta e leva a mesma indumentaria que os negros. E se unha rapaza branca ten relacións cun negro xa a deixan de lado como apestada e non topará noivo formal na zona.
Co tempo irá cambiando a cousa pero de momento está desta maneira.
E máis nada por hoxe. Mañá seica é outro día.

posted by acedre @ 7:55 PM 6 comments

 

Xoves 27 de outubro de 2005

Os mecánicos de Revlon

Onte non escribín que tivemos problemas coa interrede e case non tivemos e eu non tiven moito tempo para escribir e ademáis non tiña ideas. Bueno, minto, soñei que voaba e había unha cheeeea de tempo que non soñaba que voaba. Non lembro moito do soño que o despertador estragouno pero sei que era nunha paisaxe fermosa e penso que era nun camiño en Acedre…ou parecía.

Hoxe traballei cos champús e mirei un mecánico que había tempo que non o miraba pola Revlon e decateime de que nunca che falei dos mecánicos, unha elite na empresa.
Eles acostuman ser brancos ( que raro, non? ) e teñen uniforme de pantalón azul mariño e camisa celeste con viseira vermella que pon escrito » Engineer » que é mecánico en inglés anque soe rimbombante. Hai varios e acostuman a pasear coas mans nos petos que lles ha de cheirar a facotexo. Moitos teñen barba ou bigote e teñen que levar unha redeciña por baixo do nariz. E agora vou describir varios dos que deambulan pola fábrica.
-  » O Pinabrancas «. Este ten un coche con matrícula » Hooked4you» que vén a dicir » Colgado por ti «. Toño máis eu bautizamos así porque só fala con rapazas brancas e o resto non existe. Moitas veces leva un pantalón militar de camuflaxe. El pasea mascando chicle e presumindo de músculos anque xa ten un pipotiño xeitoso. Ten o pelo (o que lle queda) rapado ao cero e debaixo da matrícula chuzou outra coa bandeira sureña.
- » O Quilométrico «. Bautizado asi polo longo e enxuto que é e polos quilómetros que fai no día. Vai pola fábrica coma un zombi e apenas fala. Nas mans sempre leva luvas e están limpiñas. Hai veces que leva un pano na man ou unha aceiteira. Para que, non mo preguntes.
- » O Papa Noel «. Chámolle así porque ten unha barba inmensa e branca e fai moita gracia coa redeciña posta. A éste gústanlle as Harley Davidson e os cabalos, afeccións típicas de brancos. A ver, dime cando miraches un moteiro negro, eh ?.
- » O Castor Bolechudo «. Este ten dentes grandes que daban para rillar un carballo e é grande e máis lacazán que a chaqueta dun guardia. Está casado cunha mexicana de raza branca e ollos azuis e o fillo máis pequeno so fala español fastidialle bastante porque é o típico sureño ( » redneck » ).
E para rematar está «O Hitleriño » . Chámolle así porque ten un bigote e un físico parecidos. Este dá gusto velo traballar. Cando hai algo escangallado ali aparece el e amáñao mentres os outros están reunidos comentando a xogada e facendo vulto. Traballa tanto que nos descansos está todo nervioso, fumando e escribindo notas. Cando non está nunha liña está no seu carriño de ferrramentas fedellando.
E iso é todo por hoxe. A ver o día de mañá que nos depara.

posted by acedre @ 7:07 PM 0 comments

Venres 28 de outubro de 2005

Canción para inmigrantes

Co este sinal avisan as autoridades aos conductores de que hai inmigrantes cruzando a estrada na fronteira dos EEUU con México.
Esta mañá oín unha canción na radio de Los Tigres del Norte que se titula Jose Perez Leon e trata dun mexicano que quixo entrar de » mollado » nos EEUU e morre cando quedan sen aire el e mailos compañeiros no camión que os levaban. Impresionoume moito e non podo evitar falar diso.

E para que non sexa triste o meu comentario de hoxe poño aquí unha noticia que tamén comentaron na radio dun preso que demanda a Deus por non levalo polo bo caminho. O que non ten escusa é que non quere.

E agora a durmir que son horas e teño que madrugar.

posted by acedre @ 8:25 PM 3 comments

Sábado 29 de outubro de 2005

Venda de libros

Hoxe a biblioteca de Henderson vendía libros a prezos tirados: cincuenta centavos por libro de tapas brandas e un dólar por libro de tapas duras. Mañá é a venda final que consiste en encher unha bulsa a trés dolares. Hai dous anos houbo esa venda e pasámolo moi ben enchendo unha bulsa o Toño máis eu. Este ano non creo que o fagamos porque os libros pesan e temos moitas cousas para levar de volta a casa. Dáme mágoa polos letrasferidos que non poden aproveitar esta oferta especial.

Polo resto non hai moito que contar. Hoxe traballei ata as tres e media, logo fun á venda de libros e máis tarde en Warrenton fixen fotos dos » dogwoods « que están cunhas follas vermellas de cor explosiva. Tamén fixen fotos de casas e unha moi adornada de Halloween.

Con respecto aos demáis, Toño foi a un curso a Durham e Ana e máis Cris foron co el e aproveitaron para iren de compras. Ana mercou unha saída hippie de cor lila e logo mercou castañas e un pan artesán que de sabor non quedá atras co da terra. Iso si; no prezo hai diferencia, claro.

E así foi este día outonal con mañá de xeada e tardes soleadas pero fría. E hoxe toca cambiar de hora e vou poder durmir unha hora máis que boa falla me fai que mañá hai que volver ao choio…e menos mal que o tenho, non?.

Mañá xa verei o que comento.

posted by acedre @ 4:08 PM 0 comments

 

Domingo 30 de outubro de 2005

Ceas chinesas

Onte sábado convidamos a cear aos arxentinos pola despedida de Toño que volve á terriña neste mércores para comer o turrón. Pedimos cea chinesa no restaurante chinés de Warrenton e de sobremesa ceamos castañas asadas. Mágoa que non houbese viño novo !.
Hoxe domingo fun traballar e Ana aproveitou para mercar un xersei tirado de prezo no Goody’s.
Cris e máis Toño foron á venda de libros pero non mercaron nada.
Despóis do choio tocou rapa das bestas na miña cachola e logo fomos cear ao Bamboo Garden en Henderson que nos convidou unha mestra filipina. Á cea tamén foi o seu home que se chama Tom Pinlac e botou vinte anos embarcado. Foi tamén Deivis, o colombiano ao que axudou Ana despóis de que a filipina o botase da súa casa que o home estaba ciumento. A cea estivo ben que era buffet libre e dá para probar o que hai. Eu ceei gambas cocidas e fritas con fideos e verduras e tamén probei ancas de ra que nunca probara na miña vida. A min soubéronme a pólo frito e fíxome lembrar cando probei crocodrilo que tamén sabe a pólo pero duro coma a sola dun zapato.
E mañá é luns de Halloween e van andar pola vila adiante os rapaces disfrazados e chamando nas portas coa frase típica » trick or treat » que vén dicir algo así como » trasnada ou golosina «.
E iso é todo neste domingo.

Luns 31 de outubro de 2005

 

Halloween

 

Nos EEUU o Halloween é unha festa para nenos máis que nada. A iso das seis da tarde saen en grupos pequenos normalmente acompañados dalgún adulto que hai moito medo a pervertidos que poñen cousas daninas nas lambonadas que os nenos conseguen nas casas.
Hoxe viñeron a casa cinco negriños e o Colín ladrou e eles liscaron co rabo entre as patas pero logo volveron e Cris deulles chocolatinas ( Ana máis eu non estabamos ). Aparte dese grupo apareceu Maggie, a nena arxentina, acompañada do seu irmán Pichu e levaron un feixe de lambonadas.
Os maiores non se disfrazan. Bueno, agora empeza a haber clubes e discos onde a xente se disfraza pero non é moi habitual. En Chapel Hill seica hai movida abonda pero é que é unha cidade universitaria. A policía proibiu o alcol nas rúas e á unha e media de noite todos para casiña.


Mañá non é festivo, nin tan sequera para os nenos e onde si é festivo é en México onde celebran o día dos mortos. Esa celebración consiste en montar altares nas casas con comidas e dóces e pan de mortos ( que sae na foto da dereita ) . Os dóces teñen forma de ósos e caveiras ( foto da esquerda ) e se morreu un neno na casa pónselle o nome na caveira. Xa sei que soa un pouco macabro pero o costume é así.
Pois non hai máis nada por hoxe. Ata mañá.

posted by acedre @ 7:23 PM 3 comments

 

Novembro 2005

20 Decembro 2007

Mércores 2 de novembro de 2005

Toño vai nun avión, non nun Toxo

A estas horas anda o Toñito polos aires pasando o gran charco. El vai nun avión grande e non nun Toxo, unha avioneta feita na casa e descuberta para min por Colazo. Esperamos que a viaxe cos seus trasbordos remate ben.
Por aquí os que quedamos seguimos coa rotina. Bueno, hoxe chegoume o permiso de traballo ata fins de xuño que é cando nos remata a visa.
No choio todo ben. Moita xente nova eventual e Susan, a indonesia, ten a nai enferma e o domingo vai ata alá para levar a nai a Singapur que hai mellores médicos.
Na radio contaron chistes e saía a palabra » bragas » e un mexicano preguntou que era iso e a locutora dixo que era un » sostén «. Dende logo hai que aprender moito deses falares sudamericanos que dan lugar a situacions simpáticas. Para quen teña dúbidas dicir que as bragas chámanas » calzones » en México.
Outra cousa que dixeron foi que Luis Miguel ( que cantou en Raleigh estes dias ) tiña moita cacofonía que para quen o dixo significa cantar en voz alta e repitindo. En fin…
E non hai máis por hoxe. Ata mañá.

posted by acedre @ 7:25 PM 2 comments

Xoves 3 de novembro de 2005

O Toño chegou. As maletas non

O Toño chegou á terriña pero non chegaron as maletas. Sempre ten mala sorte co elas e esperamos que aparezan mañá ou un día destes.

Por aquí non hai moita novidade. Ana está no instituto preparando as notas dos alumnos e eu fun con Cris e o Colín facer unhas fotos pola veciñanza que están as árbores de outono coas súas cores. E na foto sae o » dogwood «, a árbore emblemática de Carolina do Norte que é un adorno perfecto todo o ano e case tódolos xardíns teñen unha polo menos.

No camiño do choio puxeron na radio unha canción: » Lo busqué » de Ana Bárbara e lembroume a » Ella baila sola » .

E iso é o que hai por hoxe. Ata mañá.

posted by acedre @ 3:09 PM 4 comments

Sábado 5 de novembro de 2005

Postais de outono

Estes días está o outono en plenitude. Como non teño palabras para expresar as cores, aí deixo as súas imaxes.
Gózaas.


posted by acedre @ 2:51 PM 5 comments

Domingo 6 de novembro de 2005

Centro de Warrenton en outono 

Gracias, amigos

Hoxe quedei contente. As fotos que puxen onte gustoulles a uns bós amigos. Moito se discute sobre o valor dos blogues, para que serven, se son literatura ou son desbarradas…que sei eu !.
Na miña opinión, os blogues son uns diarios con ligazóns, un relatorio dunha vida co seu punto de vista tendo un pé no chan e a cachola no ceo virtual que así fomos feitos. Eu empeceino para non esquecer esta época da miña vida que o tempo acabará rematando. Eu quería un sistema eficaz para dar a coñecer o meu paso por estas terras, un sistema rápido, limpo, eficaz, económico e creo que ameno. Topei de casualidade o blogomillo e pasei unha tempada cheirando aquí e alá ata que me animei a comenzar co este meu blog, unha pinga máis nesa masa licuosa virtual da interrede. Fun escribindo a medida que podía e engadindo amigos… eu que pensaba que só escribiría para a familia e coñecidos !. E aquí sigo, actualizando ata que poida e feliz de que haxa xente que perde o seu tempo coas miñas cousas. Así que dou as gracias e de agasallo poño unha foto do centro da vila de Warrenton feita hai unhas catro horas por min e sen truco.

posted by acedre @ 6:05 PM 4 comments

Luns 7 de novembro de 2005

Parecidos na fábrica

O Toño está ben pola terriña. Apareceulle o arcón pero a figura do can que levaba estaba feita anacos. Quen sabe o que buscaría a policía na figura !. A maleta da roupa apareceu máis tarde pero enteira.
Onte domingo marchou Susan, a indonesia, a buscar a nai enferma para levala a Singapur e non sabe cando vai voltar. O sábado pediume que rezase por ela e eu deille uns cartiños que non aceptaba ao primeiro pero que aceptou á fin e lle fixo soltar unhas bágoas.
E falando de xente de Revlon vou falar de dúas rapazas co voso permiso. Non teño a calidade literaria do meu amigo Veloso coa sua galería de personaxes de Silvaoscura pero eu tiro para diante.
Ao que ía, en Revlon traballa Cassie, unha chica branca, delgada que nos chamabamos a » Anoréxica » pero que ela é así. Lémbrame a Candy, Candy un chisco. Ao primeiro eu pensaba que era unha típica princesa das » trailas « como chamo eu ás branquiñas que non se dignan nin dicir ola e que semella que andan nun mundo principesco e que logo resulta que viven en casas remolque. Vamos, que era unha especie de » pija « pero sen ter onde caír morta.
Esa era a idea que tiña eu e estaba errado, coma case sempre. Resulta que a tal rapaza tivo o seu terceiro fillo con vintetrés anos que ten. Estivo casada cun norteamericano en Arizona e agora está casada cun indio da India. E aínda por riba pariulle a hámster e ten nove crías e anda ofrecendo as crías pero ninguén quere ter eses ratos na casa. Ou sexa que pasou de ser unha » pija » a ser unha muller forte e traballadora a pesares do seu aspecto feble cunha vida complexa con nenos, hámsters e un divorcio nas costas.

A outra que me semella a unha personaxe é Wanda, unha rapaza preta que ten un xeito de andar e uns acenos de pilla que me lembran a Pippi, en negro e sen pencas nin chichos, pero Pippi. Wanda vive co noivo e ten dous fillos, creo. Ela sempre me saúda cun » Que pasa ? » e traballa ben sen ter a forza para erguer cabalos no aire pero moi ben.
E estes foron os retratos de dúas rapazas máis de Revlon.
Ata mañá.

 

posted by acedre @ 7:30 PM 0 comments

Martes 8 de novembro de 2005

» Malla-na-muller «

Non sei se comentei que no instituto e nos colexios en xeral hai normativas sobre vestimentas e dúas cousas que non se permiten, entre outras, son as » wifebeater » e os » doo-rags «.
Os » wifebeaters » son » mallanamuller «, unhas camisetas sen manga como a que leva posta Robert De Niro na foto. O nome parece ser que vén das esceas en cine e televisión onde acostuman a saír varóns co esa camiseta posta que baten na muller. Houbo protestas por pórlle ese nome curioso a esa peza de roupa pero o idioma non entende diso e a palabra normalizouse no idioma e a case ninguén lle extraña. Na Wikipedia explican a verba esta.
Non sei, pero non deixa de ser un caso idiomático curioso que non coñezo que teña un parecido no galego ou no castelán. Do portugués non sei pero se sabes dalgún nome curioso de roupa pódesmo comentar.

A outra prenda que non se permite nas aulas é o » doo-rag » que é coma un pano pirata que ten a suúa arte para montalo e que os alumnos montan e desmontan segundo saen ou entran nas aulas. Estes » doo-rag » teñen moito éxito entre os negros e mesmo hai rapaces latinos que o levan. Nos brancos é anecdótico o seu uso.

Outro día volverei co tema das normas de vestimenta que teñen a súa gracia.
Ata mañá.

posted by acedre @ 8:33 PM 0 comments

Mércores 9 de novembro de 2005

Cousos

Nesta zona onde vivimos hai espallados aquí e acolá cousos que aquí chaman » ponds «. Son estanques para regar as plantacións e tamén serven para beber os animais e bañarse cando apreta a calor. Unha amiga preguntoume nunha ocasión se me podía bañar neles pero están cheos de prantas e animais coma bechas e sapocunchos e dá un pouco de canguelo meterse aí.

No ximnasio mirei un anuncio de kurdos agradecendo aos EEUU por liberalos de Sadam. Teñen razón en agradecerllo pero sooume un pouco empalagoso. Nesta páxina está o vídeo onde di » Thank you » .

Tamén lin revistas e nunha sae a lista de nomes máis empregados entre os nados nos EEUU no ano 2004. Eu estou no posto 225, gáñame Toño no posto 93 e Ana no 140 pero Cristina queda atrás no posto 437. En que posto estás ti ?.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:54 PM 4 comments

Xoves 10 de novembro de 2005

Adeus Pitusa

Un día destes aí atrás morreu a Pitusa, a cadela dos avós de Ana. O ano pasado morrera o Farruco, o seu fillo. Eran bos cans, garimosos, fieis e cazaban coellos cando ía o avó Ricardo de caza. Non sei se eran de raza, raza pero semellábanme podengos galegos e polas características ben podían selo.
Que no seu paraíso teñan comida a fartar e un raio do sol onde deitarse a durmir a sesta. Dixen.

posted by acedre @ 9:11 PM 2 comments

Venres 11 de novembro de 2005

Veterans Day VS San Martiño

Hoxe foi  » Veterans Day « aquí. Este é un día festivo extraño. Os funcionarios, bancos e correos non traballan pero o resto da xente traballa. Ou sexa, eu traballei e as rapazas non.

Neste día fanse honras aos veteráns das guerras que tivo os EEUU e na foto tirada o primeiro de outubro saen uns veteráns da guerra do Vietnam en Raleigh. O que non sei é como os deixan circular co esa tanqueta por aí adiante pero, bueno, este país éche así.

Na terriña hoxe é o San Martiño, patrono das matanzas, o viño novo, as castañas e os trompos, buxainas e pións. Da mata do porco hai unha páxina portuguesa exemplo marabilloso do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués e atopada por Modesto onde explica ben o asunto da matanza. E dos trompos topei varias páxinas interesantes onde falan de xogos e tamén saen os nomes do trompo en diferentes idiomas do mundo tan afastados como poden ser o sueco ou o vietnamita. É que o trompo é internacional, cunha longa historia que se perde no pasado e que chega a estes tempos en pleno enfrontamento coas novas formas de vida.

Eu xoguei aos trompos nos meus tempos. Nunca tiven unha buxaina que eran caras e facíaas un carpinteiro veciño. Eu o que si tiña eran os meus trompos mercados no quiosco que lles puña unha punta grande e unha tachola na piricota para que non o rachasen por ela e logo tiña as apouchas que eran os trompos vellos e nicados que apouchaban cada vez que o meu trompo non bailaba ou quedaba dentro do círculo despóis de bailar. Lembro pasar unha punta da baraza polo buraco dunha moeda de 25 céntimos de peseta. E xogabamos despóis das clases ou no recreo. Bueno, son lembranzas de hai xa un tempo… De cando meus pais me daban unha moeda de 2,50 pesetas cada domingo.

E co isto despídome ata mañá.

posted by acedre @ 7:31 PM 6 comments

Sábado 12 de novembro de 2005

Traballo, xantar mexicano e Triangle

Hoxe traballei de seis a doce. As compañeiras puxéronse a cantar panxoliñas e eu díxenlles que non era tempo aínda pero elas seguían coas tonadas. Non queda nada ata que rematen as festas do Nadal !. E cando vai un ao Walmart e mira o cartelón cos días que restan ata o Nadal, xa entra un estrés histérico.
Despóis fomos ao centro comercial do Triangle pero antes paramos a xantar nun restaurante mexicano que estaba de camiño en Rolesville. O camareiro que nos atendeu chamábase Selestino ( así escrito ) e preguntounos de onde eramos. Logo preguntounos a cantas horas estaba o noso país e dixémoslle doce horas en avión e el preguntounos se non había outro medio de transporte ao que lle repostamos que había barcos pero eran máis lentos, que había que cruzar o mar todo. El respondeu » Órale ! » que é o xeito mexicano de expresar asombro e afirmación. Quen sabe onde situará o noso país…
No centro comercial demos unha volta e eu quedei nun butacón do Barnes&Noble a mirar libros de fotografía e as rapazas andaron por alí cheirando. Nun libro de fotografías de todo o mundo dende o aire había unha do afundimento do Prestige pero coa data errada que puña 19 en vez do 13 de novembro. Tamén merqueille algo a Ana e ela a min.
Logo volvemos para a casa e aquí estou.
O máis seguro é que mañá poña algo relacionado co Prestige.

posted by acedre @ 9:14 PM 0 comments

Domingo 13 de novembro de 2005

Nunca máis

Hoxe cúmprese o terceiro aniversario daquel día triste cando o petroleiro Prestige rachou e empezou o seu verquido velenoso. Foi unha mala experiencia coa súa perda de riqueza animal e perda de empregos. Foi un desastre que espero non se repita polo ben de todos.

Aquí fixo bo día e non fun traballar despóis de vintesete días seguidos traballando. Ana, Cris e máis eu fomos á » pulga » de Burlington, na saída 157 sur da 85. Alí demos unha volta por ese mercado con tanto ambiente mexicano e a súa variedade de productos. Había dende roupa, ata froita, pasando por música, remedios contra a envexa, ordenadores, periquitos e » rims » de coches ( as nosas llantas ) e mil cousas máis. No mercado mercamos pulpo conxelado, unhas minibananas e probamos » nopal » que é un cacto que lembra no sabor ao cogombro ou pepino.

Dalí fomos a Durham, ao Whole Foods e xantamos alí. Cris comeu sushi, Ana patacas ao alioli e gorgonzola e eu un » wrap » de pirú ou pavo. Mercamos castañas, viño Albariño e pan. Nesa tenda había unha variedade de productos inmensa e cara. Entre os productos que había podo nomear: chocolate para recoller fondos para os conservacionistas, canastros africanos, viño co meu apelido, imáns de frases con mensaxe, protección para os beizos recomendadas polos socorristas e feitas en North Carolina e música de moitas culturas dispares. Ou sexa, de todo un pouco.

E por fin fomos a casa, fixemos o pulpo que non foi dos mellores que temos comido pero tampouco dos peores e chimpamos a botella de Albariño mentres falamos de tipos de letra feita a man e máis cousas.

E así hoxe foi un día completo, un día Comansi.

E mañá toca a volta para o choio.

posted by acedre @ 7:22 PM 6 comments

 

Martes 15 de novembro de 2005

Obesidade nos EEUU

Hoxe na radio dixeron que MacDonalds ía pór a información nutricional nos envoltorios dos seus productos. Eles din que é por informar á clientela pero todo o mundo sabe que é para evitar denuncias de xente que engorda e ten enfermidades por comer estes productos.

Esta nova fíxome pensar na gordura que padece a xente aquí en xeral. Pola rúa, no choio e mesmo nos colexios vense verdadeiros mostros dignos dun circo. Hai xente delgada pero non en demasiada cantidade.

Eu penso que están tan repoludos polos seus hábitos alimenticios. Almorzan pouco ou nada e logo teñen lareca toda a mañá e gulipan calquera trapallada de » snack » que son verdadeiras bombas calóricas e que non sacian a fame. Por exemplo, unha simple galleta Oreo ten case tantas calorías como un iogur ou unha mazá pequena e, claro, quen é capaz de comer unha galleta soa ?. Tragan varias e alá van 400 calorías para un corpo que segue esfameado. Logo chega o xantar, o » lunch «, e mándanlle unha fritangada chea de maionesa ou ketchup ou mostaza e unha bandeixiña de patacas fritidas Deus sabe con que tipo de aceite. E baixan isto cos refrescos que canto máis zucre mellor así o carregan de xeo que sen el non hai quen trague semellante xaropada. Despóis do traballo ou da escola chegan a casa e empezan co maratón televisivo e as idas e vindas á neveira. E así ata a hora da cea que a fan grande ou chaman a unha pizzería.

E non é só os alimentos os que engordan. A falla de exercicio ten unha responsabilidade enorme neste proceso de engorde. Aquí, estou falando dunha zona rural que nas cidades xa son máis espigados, levan o coche a tódalas partes e teñen todo pensado para esta comodidade. Na foto vese unha oficina bancaria por onde vai un co coche e xa o atenden na oficina esa sen saír do coche. Se ese carril está ocupado, o seguinte cliente vai ao carril máis á dereita e fala co caixeiro a través do tubo da imaxe que é por onde vai a libreta de contas e vén de volta cos cartos. E logo aínda queda o caixeiro automático á altura do conductor. E toda esta montaxe é nesta vila que non chega aos mil habitantes e que non ten problemas de estacionamento. E non se che ocorra ir a pé porque directamente non te atenden.

E aparte destes bancos » drive-thru » están os teléfonos públicos nas gasolineiras á altura do automovilista para que non saia do coche e logo os diversos establecementos de comida rápida onde a xente pide na ventanilla a galloufada que lle apetece e van a un parque a engulila e fano sen saír do coche anque faga o día máis bonito do mundo !. E o mesmo acontece con buzóns de correos, buzóns dos videoclubes e bibliotecas e papeleiras. Todo ao alcanzo da man dende o coche.

En resumo, aquí están gordos polo moito que comen e o pouco que se moven.

Xa o dicía un coñecido meu. Queres adelgazar ?: pois menos prato e máis zapato.

posted by acedre @ 7:53 PM 6 comments

Mércores 16 de novembro de 2005

Limpeza de estradas

Cóntanse moitas cousas malas deste país pero tamén ten as súas cousas boas. Un exemplo é a limpeza das estradas. Non sei moi ben quen se encarga de facela. Nas estradas grandes hai veces que vexo pelotóns de limpadores e maquinaria segando os arcéns das estradas. Outras veces vexo brigadas de presos limpando. Xa podes imaxinar a típica escea de moitas películas: o policía co rifle, coa súa cara de can e o típico sombreiro e os presos limpando con desgana…pois a imaxe é así calcadiña. Non fun capaz de tirar unha foto que non cadrou de levar a cámara comigo. Cando teña esa foto que me escapa prometo póla no blogo.

Logo hai estradas máis pequenas que teñen carteis coma o da foto. Resulta que dividen a estrada en tramos e hai xente particular, empresas da zona ou colectivos relixiosos ou doutra índole que » adoptan » un tramo e adícanse a limpalo cada certo tempo.

Os resultados están para ver: estrada limpa. A verdade é que a xente non bota moitas cousas dende os coches. Aquí as multas por botar lixo son elevadas e nunca sabes onde hai un coche policía de incógnito. Aparte a xente está concienciada de que botar restos de alimentos atrae aos animais que rondan pola estrada co perigo de accidente que supón. Os conductores prefiren deixar os restos dentro do coche co resultado de que algúns están cheos de refugallos ata a antea. Xusto ao contrario do que pasa na terriña onde botamos pola xanela o que faga falla ( xa mirei botar cueiros suxos ) e temos o noso coche por dentro limpo coma unha patena.

E máis nada por hoxe mentres chove e caen raios ao lonxe e boa falta fai a chuvia coa seca que hai no estado.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:07 PM 2 comments

Xoves 17 de novembro de 2005

Acción de gracias adiantada


Hoxe en Revlon tódolos empregados fomos convidados a xantar o pirú estufado de » Acción de gracias » . Os xefes puxeron un gorro de cociñeiro e servían a comida mentres nos pasabamos co prato. Para comer había pirú, porco dóce, xudías, puré de patacas, » stuffing » , boniatos, prebe de arandos, torta de pecanas e té dóce con xeo. Eu comín pirú e porco con xudías e puré de patacas. O » stuffing « repíteme. Consiste nunha mistura de pan relado con ovos, apio, pementa, mantequilla e xarxa e normalmente é o recheo do pirú. Os boniatos son moi dóces, o seu sabor faime lembrar a chirouvea, un nabo que se dá por Acedre, en Lugo. O prebe de arandos non o vin a tempo pero a pinta non era boa: semellaba unha xelatina vermella.
A torta de noces pecanas comina pero era docísima coma xarope. Bebín o té que era a única bebida que había.
O día de » Acción de gracias » é para a semana que vén pero aquí teñen un costume extraño de adiantar as celebracións e así hoxe celebramos a cea de » Acción de gracias « na hora do xantar. Tamén este sábado celebran o desfile de Nadal polas rúas de Raleigh. Eu non vou que traballo. A ver se van as rapazas e fan unha reportaxe.
E isto foi todo por hoxe. Mañá pode ser que haxa algo.

posted by acedre @ 8:16 PM 7 comments

Venres 18 de novembro de 2005

Todos valen

Revlon semella un formigueiro estas últimas semanas. Hai que producir para as vendas do Nadal e contratan a moita xente. Parece que hai escaseza de traballadores dispoñibles e vale calquera. Na zona onde estou hai dous empregados novos que os pobres non teñen moitas luces. Un chámase Cristopher e ten vintesete anos. É alto e forte. Fala e ri só e non fai caso do que lle din. Súa moito e leva as gafas de seguridade mesmo no aparcamento e hai veces que leva os guantes postos tamén. O outro é Jimmy, un señor duns cincuenta anos cun sorriso sempiterno que parece o Joker. Tampouco se enteira moito e cando vai ao baño e quere voltar á liña de traballo, pérdese e dá voltas buscando onde traballaba.
Tamén hai unha señora negra que traballa noutra área e que entra nos baños dos homes a coller auga no lavabo. Hoxe sentouse comigo fóra mentres comía o meu emparedado de terneira con queixo Monterrey. Eu estaba coa mosca detras da ourella. Non falou e cando falou preguntoume se podía ela traer a comida do comedor para fóra e díxenlle que si. Nese momento demostroume o pouco que razona. Cando rematei esperei que marchase para dentro ela primeiro non fora o conto de que entrase no baño dos homes cando estivera eu dentro.
En fin, o que vale, vale; e o que non, a Revlon.
E sen que veña a conto quero pór unha ligazón a unha páxina dun movemento de protesta dos negros deste país que ten uns debuxos moi bós. Descubrina buscando dados para o día de Acción de Gracias. O malo é que todo está en inglés.
Para debuxante galego temos a Xaquín Marín neste debuxo con referencia á febre aviar.
E isto é todo por hoxe. Mañá madrugo máis que entro ás seis no choio.

posted by acedre @ 7:26 PM 2 comments

 

Sábado 19 de novembro de 2005

O leñador xigante

Aquí estou eu cunha figura de Paul Bunyan. Este home ten unha lenda. Na orixe el era un leñador canadiano que loitou contra os ingleses na guerra da independencia canadiana. Paul Bunyan formaba parte dun grupo de leñadores e era un homón cunha forza enorme que podía con todo, erguía troncos de 250 quilos e carrexaba quilómetros e quilómetros unha carga de máis de cen quilos. Co tempo foi esaxerándose a súa fama gracias ás reunións dos leñadores da fin da xornada ao redor dunha fogueira onde se contaban lendas, contos e chismes. A lenda foi complicándose e engadíronse máis anécdotas coma a do seu boi » Babe » , un boi azul polo frío de Minnesota e xigante coma o mesmo Paul e que un día fuxiulle ao dono e en dúas semanas creou os 10000 lagos de Minnesota coas súas tripadas xigantescas.

Espero que che gustase esta lenda dos tempos que non había televisión nin Superman.

posted by acedre @ 6:43 PM 2 comments

 

Domingo 20 de novembro de 2005

Target, Michael’s e World Market


Onte sábado aparte de choiar e levar e traer a Cecelia Kearsey e de facer as fotos co xigante Paul, fomos de tendas e a cheirar aquí e acolá. Primeiro fomos ao Target, un sitio un pouco máis caro que o Walmart pero moito máis limpo e de máis calidade. Logo fomos ao Michael’s onde hai todo para facer manualidades e Ana mercou un xogo de » scrapbook » con álbum e trapalladiñas para facer boas páxinas tipo

collage nos días que neve e non teña clase. Dalí fomos ao World Market onde hai mobles, adornos e bebidas do mundo. Ali topei un albariño chamado » Nora « das Neves pero máis caro que o da semana pasada e non o mercamos. Na zona de cervexas hai marcas curiosas como » Hatuey «, adicada a un cacique cubano; » St. Pauli Girl « que ten chica na etiqueta e que cambia co ano e » Dead Guy Ale « da casa » Rogue » que vén a dicir » cervexa home morto » da casa Pillabán. Había outras coma » Saranac « de sabores varios, » Pete’s Wicked «, » Gaelic Ale «, » Groslch « e moitas máis.
Hoxe domingo durmín coma un señor ata as nove e media e chimpei pola interrede adiante mentres Ana estreaba o seu álbum e adornaba a casa de Nadal. Nadamos un pouco e recollémonos na casa que xa non apetece estar fóra.

E iso foi todo.
Ata mañá.

posted by acedre @ 6:45 PM 2 comments

Luns 21 de novembro de 2005

Salud, dinero y amor

Hoxe choveu todo o día e lembroume a Galicia. Este tempo dáme fame e faime pensar. Non tiña moitas ideas para o blog ata que foron abrollando e cun título que resume ben o día.

Na radio » La ley de las Carolinas » falou o » Funfún « dunha profesora mexicana que se retira…con 102 anos !. Isto pode ser un exemplo de saúde. En canto á nosa saúde dicir que vai ben, o malo é o Colín que ten problemas coa pel e arrasta o cu por toda a casa. Mañá levámolo ao veterinario e a ver que di.

En canto aos cartos de momento non son problema. Temos para nós e se queremos podemos mercar lotería de Nadal. O que si fixemos foi entrar na lotería das cartas verdes para poder vivir e traballar nos EEUU. Non hai moitas posibilidades ( calculo un 0.5% ) pero na lotería non sei se haberá máis. Deixo a ligazón por se queres probar sorte que non creo que me reste posibilidades e así é como regalar participacións que é o máis bonito da lotería de Nadal. Iso si, esta é a única páxina gratuita e oficial do sorteo das » Green cards «. Non caias en timos.

En canto a amor…que dicir ?. Moito se fala del e non hai consenso. Para min amor é a imaxe da foto: compartir unhas risas con Ana, unha rapaza marabillosa que non cambio por nada do mundo e que seguirei onde queira que vaia.

Nunha ocasión lin un azuleixo portugués que tiña escrito: » Que Deus te de o duplo do que desejas para os demais «. Así que che desexo saúde, cartos e amor.

Ata mañá.

posted by acedre @ 6:59 PM 7 comments

 

Martes 22 de novembro de 2005

Colín no veterinario

O día apareceu chuviñento e logo pasou a ser frío e ventoso e con poucas nubes.
No choio todo foi ben e quixen ensinarlle algo de galego a Sandra pero dixo que prefería o español.
Logo levamos ao Colín ao veterinario e este meteulle un dedo polo ano. Finalmente deulle unhas cápsulas e dous paquetes de comida de proba. Agora o Colín mírase mellor e xa non anda arrastando o cu pola moqueta da casa que parecía unha alma en pena. Parece ser que é unha clase de hemorroides bastante común e que cura fácil. Menos mal porque pensaba que podía ser unha alerxia ou algo peor.
E isto é todo por hoxe.
Ata mañá.

posted by acedre @ 8:21 PM 0 comments

Mércores 23 de novembro de 2005

Vacacións de Acción de Gracias

Mañá é o día de Acción de Gracias que nos EEUU é un festivo importantísimo no que se reúne a familia para comer o pirú e demáis productos típicos. Hai agasallos entre os familiares e o día seguinte ao » Thanksgiving Day » empezan as compras para o Nadal. O día posterior ao día de Acción de Gracias é o día das ofertas nos comercios todos. É o día con máis venda do ano porque moita xente aproveita para cambiar os agasallos recibidos o día anterior.

E mañá saímos de viaxe a Carolina do Sur. Son seis horas de coche ata un hotel nunha illa na costa. Non fai tempo de praia pero aireámonos un pouco. Parece ser que hai internet aberto no hotel e a ver se podo actualizar alá.

Na foto está unha casa que pode ser unha casa-almanaque. Cando é época dunha celebración, a xente desta casa pon adornos relativos á celebración e así agora está co pirú no céspede da casa. De noite está iluminado pero non sae ben a foto de noite.

E o tempo corre e despóis de mañá xa estará a casa-almanaque cos adornos do Nadal.

Pois nada, ata mañá…se non hai problemas. E se mañá non hai unha nova entrada neste blogo xa sabes que non logramos entrar na interrede.

posted by acedre @ 8:30 PM 5 comments

 

Xoves 24 de novembro de 2005

Hilton Head Island

Pasamos do frío ao caloriño, do aire frío do norte á airexa tépeda do sur, do inicio do inverno ao outono e todo cambiando de Carolina do Norte a Carolina do Sur en menos de cincocentos quilómetros.
Hilton Head Island está pertiño de Savannah, cidade famosa polos seus piratas e a » Waving girl «, unha muller que quedou esperando polo seu namorado. Este marchara nun barco e prometeulle a volta xunto ela e ela botou moitos anos saudando aos barcos que entraban no porto desexando que fose o barco do seu namorado e rematou tola.
Ao chegarmos ao hotel demos un longo paseo pola praia. Pola praia había moitas familias desfrutando da praia coas súas cometas, » frisbees » , cans e pelotas. Nas casas dos ricos na beira do mar había un feixe de luces e adiviñábase xente ceando en familia a través das fiestras sen persianas típicas deste país. O sol marchou e fomos buscar onde cear. Todo estaba fechado polo día de hoxe e ceamos nun restaurante típico americano aberto as 24 horas do día e Ana non tivo moita sorte coa cea que lla trouxeron moi cargada de prebe. A miña cea non estivo mal ( quesadilla con terneira ) porque eu tiña fame.
E isto foi o que deu o día de hoxe.
Mañá haberá máis.

 

posted by acedre @ 6:03 PM 5 comments

 

Venres 25 de novembro de 2005

Savannah

Pola mañá estivemos na praia e percorrendo as tendas da zona, típico centro comercial aberto cos seus paseos e xardíns que dan para boas fotos.
Despóis fomos a Savannah e estivemos pateando a cidade que non é moi grande. É unha cidade con casas grandes e históricas que cando foi da Guerra de Secesión os nordistas non quixeron destruila como fixeron con Atlanta ou Richmond.
Ten moitos parques de forma cadrada entre rúas e hai palmeiras e » spanish moss » que son unhas prantas que se penduran das pólas das árbores e teñen a súa lenda. Había moitos turistas que facían o seu tour por libre, en autobuses, carros de cabalos ou mesmo nas funcicletas que mirei por primeira vez en Chicago e que van ser un furor no futuro. Xa verás.
Tamén estivemos polo paseo do río coa súa rúa empedrada e a multitude de restaurantes e tendas de recordos, unha zona que me fai lembrar Oporto. Aquí e alá había artistas da rúa que cantaban ou tocaban instrumentos e estivemos admirando un que tanto facía malabares como xogos de escapismo e, aparte, tiña unha leria que a xente escachaba coa risa. Logo tomamos unha caña nun bar bastante apagado e tiramos para o hotel que xa refrescaba.
E non hai máis nada por hoxe.
Mañá a ver que hai.

posted by acedre @ 6:16 PM 7 comments

 

Sábado 26 de novembro de 2005

Charleston

Hoxe decidimos visitar Charleston, a unhas dúas horas do hotel. Tiñamos pensado ir a San Agustín, na Florida, pero eran tres horas e media de viaxe así que queda para outra ocasión.
O traxecto dende Hilton Head a Charleston pasa polo Low Country que é unha zona de terras baixas que apenas asoman por riba do mar e dos ríos. Hai un feixe de gándaras, marismas, esteiros e illotes que forman unha fronteira difuminada entre auga e terra. As varias pontes que pasamos son o único que levanta vinte metros por riba do nivel de mar e son boas atalaias para admirar esa paisaxe tan peculiar onde se mesturan piñeiros con palmeiras e moitas prantas máis.
Entramos en Charleston e fomos á Oficina de Turismo onde collemos folletos e iniciamos o pateo da cidade. O que é o centro histórico percórrese ben que non é moi grande. Esta cidade é antiga ( segundo a medición dos brancos norteamericanos ) e pasou por un terremoto, varios furacáns e a guerra civil americana e rexurdiu das súas cinsas.
Perto da oficina de turismo está o parque Marion onde había un mercado dos granxeiros de Charleston que tiña productos agrícolas á venda, obxetos de arte ( encantáronme estes cadros ) e postos de comida ( pizza que non falte ) e por se é pouco, ata tocaba unha rapaza unha guitarra. Dende o parque xa se dislumbraba un formigueiro de xente ao que non estamos acostumados neste país e fixemos coma Vicente que vai onda a xente. A » King Street » era o motivo desa fervura de xentes. Esta rúa é unha rúa comercial longa con palmeiras e chea de tendas e restaurantes. Tiramos pola rúa esa e logo chegamos á rúa do mercado que tamén fervía coa xente e os postos de roupa, xoias, artesanía e de comida. O novidoso foi os cestos que facían as negras dunha herba das gándaras da zona e que son dun estilo que apenas variou das súas raigames africanas. Iso en canto ás señoras negras. Os rapaces negros estaban en tódalas esquinas da cidade coas súas bicis vendendo flores moi xeitosas feitas de xunco.
Seguimos o paseo ata un parque que tiña canóns e o parque está abeirado de casas señorais como a da foto que son palacios ou casas de boneca feitas realidade.
Entrounos a fame e xantamos nun mexicano da » King St. » que sabemos que os restaurantes mexicanos son garantía de boas calidade e cantidade.
Ao saírmos, pechouse o ceo coas nubes e fomos pasear o Colín a un parque e dalí tiramos para o hotel.
En definitiva, Charleston paga a pena. É unha cidade bonita, ben cuidada e con cousas para facer e mirar e que recomendo a calquera.
E iso foi o de hoxe. Mañá toca a volta a Warrenton.

posted by acedre @ 6:59 PM 7 comments

Domingo 27 de novembro de 2005

Cartaces no camiño de volta

Saímos ás nove da mañá do hotel e tiramos cara norte. Estaba anubado ao primeiro e logo botou a chover. Houbo retencións de tráfico pola chuvia que entorpecía a visión e tamén polos accidentes que cada pouco había dous ou tres coches que se deran un » bico «.

Eu conducía, Ana tivo tempo para rematar » To kill a mockingbird » e o Colín durmía atrás ou no colo de Ana ou no chan nos pés de Ana.

A estrada I-95 é bastante aburrida: rectas e rectas de estrada con dobre carril, a unha velocidade fixa duns 130 quilómetros por hora co » cruise control » posto e a mesma paisaxe. Árbores sen follas canto máis ao norte, granxas ( unhas abandonadas e outras pouco menos ) e cartaces polo camiño. Quixemos facer unha foto dun cartaz que aparecía cada pouco dende 100 millas antes anunciando un parque de atracións dun tal Pedro con restaurantes, hotel e venda de foguetes artificiais que están proibidos en Carolina do Norte ( iso si, os rapaces poden ir cazar cervos e o que se lle bote diante ). Tamén había cartaces anunciando bares de topless para camioneiros con ducha de agasallo ( non me preguntes de que vai iso ) e no medio dunha granxa apareceu un labirinto no millo que ten boa pinta para divertirse un día.

E chegamos sen novidade.

Ata mañá.

posted by acedre @ 3:40 PM 4 comments

Luns 28 de novembro de 2005

Outras versións de Santa Claus e Xesús

Xa teño comentado a » sutil » diferencia entre brancos e negros que se dá neste país. Xa comentei o caso de que haxa igrexas distintas, perruquerías, tendas de noivas, casas funerarias, revistas, películas, series televisivas, etc, etc, para brancos e para pretos.
Hoxe falei con Ruby, unha negra alta que fala comigo bastante. Preguntoume sobre a miña viaxe a South Carolina e díxenlle que estivera ben, que Savannah e Charleston son bonitas e tal e tal. Ela díxome que ten unha curmá en Charleston e díxenlle que era unha cidade agradable e ben cuidada e bastante xeitosa como para vivir nela. Cando cheguei a este punto, Ruby disentiu. Díxome que Charleston era unha cidade de brancos e que os pretos alí non estaban moi ben vistos. Baixou a voz e díxome que hai brancos racistas, tanto cos negros coma cos mexicanos e preguntoume se no meu país pasaba iso. Eu díxenlle que ata o de agora non había problema: a inmensa maioría da poboación é de raza branca. Pero que agora empezaban a ser numerosos os negros de África e os musulmáns e que empezaban os problemas. Aclareille que iso do racismo é un problema xeral. Que se dá en todo o mundo e sempre hai etnias rebaixadas por outras e que a raigame do problema está nos cartos e na educación. Ela asentiu e rematou a leria que tiñamos que volver ao choio.

E falando de todo isto lembrei que hai negros que din que Xesús era negro e que Deus tamén e …ata tamén Santa Claus é negro !.
Eu non son quen para dicir se están certos ou errados pero penso que se de verdade queren ser diferentes pois que cren os seus propios mitos á súa imaxe e semellanza. Un Xesuscristo negro e un Santa Claus da mesma cor como que non pegan, vamos, digo eu. Seméllanme un mal apaño para quedaren satisfeitos. Non sei. A verdade é que é un asunto complicado.
E para que vexas que non o invento aquí quedan estas fotos. Mágoa que este país sexa unha república e non teñan os reis magos que Baltasar sería o rei ideal para solucionar este problema de a quen pedir os agasallos do Nadal.

Mañá xa verei o que escribo.

posted by acedre @ 6:48 PM 3 comments

Martes 29 de novembro de 2005

O tempo virtual come o tempo real

Pois si. O tempo real hoxe estivo ben liado: traballo, ir para casa, volver para a piscina onde Wayne ofreceume un choio ben xeitoso: montar » decks « que son as terrazas e pasarelas de madeira que teñen moitas das casas aquí. Todo quedou en nada porque eu tiña que aprender as medidas americanas e ía ser por moito tempo e o meu tempo nos EEUU vaise acabando. Paramos no Walmart e despóis, camiño da casa, caíron un par de treixadas ou bataghóns como din por Arbo e conducín a vinte por hora coas luces de emerxencia acesas que non se vía un pemento. Na casa facer a cea, xogar co Colín ( que sandou dos seus males ) e comezar co tempo virtual: visitar amigos vellos e novos e pór novas ligazóns a Arxentina, a Venezuela, ao Subsáhara, aos EEUU, a Lugo, a Alemanha e a uns debuxantes que teñen uns bocetos e retallos que teñen mágoa de perdelos para sempre.

E así foi o día: enleado e complexo.

 

posted by acedre @ 8:42 PM 5 comments

Mércores 30 de novembro de 2005

Ricardo e Celia

Hoxe tiña para escoller entre varios temas pero o meu amigo Veloso escribiu unha entrada marabillosa sobre os seus avós que me fixo pensar.

Din que cando mercas unha casa hai que ter cuidado que mercas uns veciños tamén. O mesmo podería dicirse á hora de casar un: que non só casas coa túa parella senón que casas con toda a súa familia. Eu casei con Ana que é un tesouro que non deixarei de gabar nunca. Pero tamén casei coa súa familia e na voda tocoume a lotería: a familia de Ana é unha marabilla que me aceptou con cariño e cos brazos abertos. Podería falar de calquera membro desta familia e contar virtudes e boas cousas pero quero concretar o meu relato nos avós de Ana: Ricardo e Celia.

Na foto están recén casados, rozando os vinte anos e xa choveu dende aquela. Agora son unha parelliña maior que sempre me recibiu coma se fose o seu neto dándome todo o seu cariño e ledicia sen pediren nada a cambio. Son unha parella que cando o Ricardo solta unha ocorrencia das súas está detrás Celia para rirlla. Son un exemplo de amor e respeto mutuo dunha xente que pasou boas e non tan boas épocas e que seguen xuntos e felices para o meu abraio e ledicia.

Sei que se un día chegan a deixarnos ( Groucho Marx dicía que el era inmortal mentres non se demostrase o contrario ) van ter que ampliar o Paraíso para que collan estas dúas almas boas e xenerosas coma poucas.

posted by acedre @ 8:12 PM 6 comments

 

Decembro 2005

Xoves 1 de decembro de 2005

1000

Este é o número de executados coa pena de morte nos EEUU dende que se reinstaurou no ano 1976. Cando leas isto, Kenneth Lee Boyd xa estará morto. Non sei se é unha morte merecida pero neste país existe ese castigo nalgúns estados. Din que así hai menos crime pero en China condenan a morte aos que rouban coches e os roubos seguen.
Tema controvertido, non ?.
E como non quero que este posteo sexa tan lúgubre aquí deixo unha ligazón a un texto simpático onde sustituen palabras por nomes toponímicos galegos. Gracias, Paparruchas.
Un saúdo e ata mañá.

posted by acedre @ 8:29 PM 5 comments

Venres 2 de decembro de 2005

O frío ataca de novo

Hoxe foi un dia normal, frío e con rafas de vento frío. Ana levoulles aos alumnos tortilla e gustoulles, claro. Tamén levou Nutella, unha especie de Nocilla, para untar con pan e gustoulles aos moi lambóns. Pola tarde sesión de piscina e logo a cea típica dos venres: pizza vexetal do Milano’s. Logo estiven a visitar blogos e agora vou buscar no Mapquest o camiño para o hotel en Greensboro porque mañá imos alá á festa de Nadal organizada pola VIF.
Xa cho contarei o domingo.

posted by acedre @ 8:04 PM 8 comments

 

Sábado 3 de decembro de 2005: Festa do Nadal da VIF

O sábado foi a festa en Greensboro. Estaban convidados profesores da VIF e acompañantes. Como a VIF acolle xente de todo o mundo había filipinos, sudamericanos, surafricanos, ingleses, indios…e galegos, entre outros. A cea estivo ben. Foi a típica cea tipo buffet na que colles o pratiño e vas apañando cousas aquí e alá. Había vexetais, crackers, pan de pita recheo de vexetais picantes, brochetas de carne, pólo fritido, patacas asadas, etc, etc. Tamén había unha variedade de queixo na que nos abraiou os queixos cor salchichón e verdes que eu na miña vida vira. De sobremesa había torta de cenoria, biscoitos e os típicos dóces cheos de » icing «, un azucre esaxerado que neste país rompe pero que non nos gusta a nós.

Houbo baile e a música latina foi a raíña e os colombianos os bailaríns número un.

En fin, pasámolo ben e xuntámonos con quen máis pegabamos. Acertaches, estivemos cos colombianos.

posted by acedre @ 6:50 PM 2 comments

  

Domingo 4 de decembro de 2005

Desfile de Nadal en Warrenton


Pola mañá estivemos en Greensboro pero o centro estaba morto e decidimos marchar para casa.
Antes paramos no Whole Foods de Durham para mercar pan, viño de Rueda, sushi e algunha exquisitez máis. Tamén había queixo de Castela e membrillo pero non os mercamos.
Cando chegamos a Warrenton tivemos a sorte de que empezaba o desfile de Nadal pola rúa principal.
Aínda levei unha boa sorpresa pola cantidade de desfilantes. Primeiro ía a raíña da vila que é a » homecoming queen «, unha moza que se escolle por elección dos alumnos no instituto do condado. Logo viña unha restra de veículos coas autoridades do condado, os bombeiros, a policía, algunhas empresas ( ata ía unha compañía de seguros ), un Papa Noel en Vespa, nenos de primaria, coches antigos, «girls scouts», animadoras do instituto e a súa banda, rapaces en moto e xente dacabalo.

Tódolos compoñentes lanzando caramelos á » multitude » desta vila de mil habitantes. Non quero imaxinar como será nunha gran cidade.

Bueno, que só faltaban os reis magos e algún Belén pero que aquí iso como que non se leva.
E aquí están algunhas fotos para ilustrar este acontecemento nesta viliña de Carolina do Norte.
Espero che gusten as fotos.
Ata mañá.

posted by acedre @ 8:26 PM 6 comments

Martes 6 de decembro de 2005

Primeira neviscada

Onte luns foi un día miserable cunha chuvia constante e fría. Pola tarde quedamos na casa que non nos apetecía ir ao YMCA. O malo foi que co este tempo a interrede ía lentísima ou directamente non ía e non puiden postear nin cheirar blogos nin nada. Tenteino varias veces e ao final púxenme a facer sudokus que non teñen problema electrónico ningún. Tamén aproveitamos Ana máis eu para escribir postais de Nadal para a familia e amigos.

Hoxe martes cando me erguín para traballar topei o coche así como está no foto: cuberto de auganeve. Os tellados e os coches estaban branquiños todos pero as estradas e demáis superficies estaban sen neve. Foi resultado da última chuvia da noite que virou para nevisca e que durou ata que saíron os primeiros raios de sol.

O resto do día foi normal e agora vou engadir ligazóns: oollodavaca, que ten un posteo curioso sobre nomes de vacas galegas; cartafol de silencios, que me ligou a min; a cabaseira ( polo mesmo motivo ), o mestre culinario Colineta e o persebeiro onde falan auténticos persebeiros do Roncudo.

Mañá a ver se posteo.

posted by acedre @ 6:06 PM 8 comments

Mércores 7 de decembro de 2005

Nomes familiares mexicanos

Estes días fálase de nomes de vacas e de nomes de persoas. Hai un tempo topei este artigo onde se fala dos nomes familiares de persoas. Hai unha variedade grande onde aparecen algúns simpáticos como o de Pepino, Chucho ( eu coñezo un ), Memo, Poncho e Cuca. Falta Polo que é o nome hipocorístico dun que traballa no lixo en Revlon e que se chama Leopoldo.
Outro día falarei dos nomes americanos que os negros teñen nomes curiosos e costumes interesantes como pórlle nomes case iguais a irmáns e máis se son xemeos. Así Ana ten alumnos que son Jamar e Hamar e outros polo estilo que a min seméllame falta de orixinalidade e posibilidade de confusión e senón lembra os famosos Zipi e Zape e dime cal é o moreno e cal é o loiro.
Outra cousa: puxen unha ligazón á Pícara de Allegue que escribe ben e de maneira positiva e chea de vida.
Ata mañá.

posted by acedre @ 8:28 PM 7 comments

 

Thursday, December 08, 2005

John Lenon e poliamor

Hoxe cúmprense vintecinco anos do asasinato de John Lenon. Na foto está Cris no lugar exacto dese asasinato. Fixemos a foto en setembro do ano pasado cando topamos o sitio por casualidade paseando polo arquifamoso Central Park.

As emisoras de radio estaban hoxe todas co esa noticia e puxeron bastante música dos Beatles.

Na radio en español falaron do poliamor, un tipo de relación amorosa que está rachando cos piñeiros na cidade onde mataron a John Lenon.

Andei a consultar o meu informador google e comprobei que tamén hai asociacións poliamorosas en Brasil e outros países e ata hai unións civís de máis de dúas persoas.

Eu non entendo moito disto do poliamor ( supoño que serei curto de miras ou vou vello ) pero creo que calquera persoa terá unha preferencia por outra persoa en concreto que será o número un por pouco ou moito tempo e o resto das persoas do poliamor serán máis ou menos queridos e amados pero non deixarán de ser secundarios. Vamos, iso opino eu. Polo menos é o que creo que me acontecería a min de estar metido nesta movida.

E isto é o que poño hoxe. Outro día falarei de agasallos e de costumes de Nadal.

posted by acedre @ 7:21 PM 11 comments

 

Sábado 10 de decembro de 2005

Mudanza

Onte á tarde estivemos axudando aos amigos arxentinos na mudanza da casa. Hai que ver canta cousa se xunta !. E así botamos a tarde e o serán. Despóis de cear estiven co ordeador pero Pedrochosco podía máis ca min e fun para cama sen postear. Espero que me perdoes.

Hoxe fomos pola nova casa e fixen esta foto no novo sofá da nova casa que ten unha luz que resucita un morto. A casa é preciosa e a luz é de premio. Despóis deixamos aos arxentinos co choio que tiñan e fomos ao Triangle que desbordaba coa xente facendo as compras do Nadal. Está todo adornado e soan panxoliñas todo o tempo. No centro estaba Papa Noel escoitando o que pedían os nenos. E aproveitan este costume os organizadores tirando unha foto que supoño que cobrarán ben aos pais do pequeno. Logo fomos a un Whole Foods e a un Dollar Tree onde as cousas valen todas a un dólar, todiñas. Bueno a un dólar e sete centavos que as cousas teñen un prezo no anaquel e logo engaden as tasas que son un sete por cento. E despóis para casa que fai moito frío. Ana está facendo » scrapbooking » co que mercou no Dollar Tree, Cris está mirando a tele e o Colín durmindo despóis da cea.

Ata mañá.

posted by acedre @ 7:24 PM 8 comments

Domingo 11 de decembro de 2005

Nadal mexicano

O outro día consultei á miña compañeira Sandra sobre o Nadal en México e practicamente coincide co noso. Teñen Reis Magos , música de Nadal , Nacementos e comen uvas da sorte. Cambia en que teñen o costume das «posadas» que vai a xente en procesión coas figuras de Xesús, María e Xosé pedindo pousada pola vila. Hai casas que os acollen por unha noite e hai festa e comida para os da procesión. Así por varios días antes do 24 de decembro no que xa dormen as figuras na igrexa. A cea de Noiteboa non ten marisco pero si pavo. Non hai torrón, nin manteigados nin as larpeiradas tan típicas que temos nós. No fin de ano queiman un moneco que representa o ano vello e no seu lugar poñen un novo moneco que será queimado no final do seguinte ano. Logo hai xente que pasea maletas arredor da casa para que o ano novo sexa de moitas viaxes.

Isto dos costumes é curioso e aquí podes ver distintas formas de despedir o ano vello polo mundo adiante.

Agora vou cear que cheira a pulpo. Ata mañá, se non hai novidade.

posted by acedre @ 5:21 PM 7 comments

Luns 12 de decembro de 2005

Vírgen de Guadalupe

Hoxe é festivo en México. Millóns e millóns de persoas alaban á Virxe de Guadalupe no seu día. Sandra faloume da aparición da virxe ao indio Juan Diego en 1531 e de como montaron o santuario. Foi un 12 de decembro e neste día cántanlle as » Mañanitas « e a » Guadalupana » e millóns de persoas van ao seu santuario.
Estes mexicanos non deixan de abraiarme coas súas tradicións.
Tamén falamos dos chupacabras entre outros temas.
Menos mal que está Sandra para falar co ela que se non durmo co choio tan aburrido de colocar chapiñas na cinta.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:58 PM 8 comments

Martes 13 de decembro de 2005

Santa Lucía

Hoxe é Santa Lucía: mingua a noite e medra o día.
Santa Lucía é avogosa da vista. Hai oficios e profesións que a teñen de patroa. Costureiras, oftalmólogos, taxistas e canteiros. E dirás, canteiros por que?. Pois porque traballando a pedra acostuman saltar pedriñas que son ben malas para os ollos. Así hoxe non traballan os canteiros e hai uns anos cando andaba eu a facer casas de granito tampouco traballei este día.
É curioso isto dos santos e santas que son bos para determinados asuntos. Segundo parece son os restos dun politeísmo anterior ao cristianismo e malamente adaptado ao cristianismo cunha capa de pintura fina e que, se rascas un pouco, aparecen as antigas crenzas tan arraigadas no pobo.
E co este comentario sobre unha santa espero non volver tocar o tema da relixión por un tempo que este blogo xa ía semellando un libro de relixión.
Desexo unhas xidoas romanchas e un feliz aniversario a meu pai.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:42 PM 7 comments

Mércores 14 de decembro de 2005

Agasallos especiais

Estamos cada vez máis perto do Nadal e remata o tempo para mercar agasallos. E o peor é que quedamos sen ideas. A min pásame e supoño que a ti tamén. Sei que teño que mercar algo orixinal, que guste e quero facelo de corazón. A intención conta pero ao remate o importante é un agasallo que deixe marca. Aquí nos EEUU venden moitas cousas e ás veces son realmente orixinais. Vouche pór tres exemplos para estes días que quedamos sen ideas.
- O primeiro é ideal para nenos: un peluche que o fas ti mesmo. Nesta tenda de » Build a bear workshop » ( obradoiro para montar un osiño de peluche ) entras cun neno e el vai elixindo o corpo do moneco, a cabeza, a roupa e todo para que sexa totalmente persoal. Aquí non só venden o moneco senón que venden os complementos coma roupa, bulsos, zapatos, gorras, etc. E nesta imaxe podes ver disfraces para o oso de peluche que tamén ten dereito a disfrazarse de Home Araña se lle peta.
- Outra idea son os animais. Iso dos cans, gatos, paxariños e sapocunchos está pasado de moda e agora racha cos piñeiros unha serpe de Nicaragua ou un dragón barbudo ( nin sei que é ) . Nesta tenda de » Guppies to puppies «  ( dende peixiños ata cans ) podes topar semellante agasallo.
Un consello: sempre é preferible un animal de peluche que estes de verdade medran e requiren cuidados e cariño e non son xoguetes.
- E de terceiro temos a un grupo de chamados cristiáns ( xa toco a relixión, sorry, pero neste país é case inevitable ) que son capaces de facer obras de arte ben xeitosas e labrar pezas de madeira representando tanques e avións de guerra que por algo están en guerra contra os mouros.
Espero que estes apuntamentos sexan de axuda na escolla de presentes. Se sei de máis fágocho saber.
Deica mañá, se o frío o permite.

posted by acedre @ 5:46 PM 8 comments

Xoves 15 de decembro de 2005

Situándose no vacamundi

Hoxe choveu xeo de mañá e as mozas tiveron algúns problemas conducindo que a chuvia conxelábase no parabrisas. Cando cheguei a Revlon e apaguei o coche a antea non recollía que estaba conxelada. Deixeina así e co trascorrer do día e a suba das temperaturas, a antea volveu ao seu sitio. E o día foi chuviñento e miserable pero estamos no inverno e o tempo é así.

Cambiando de tema dicir que no blogomillo están na busca de blogos galegos ou en galego e en Lantania xa teñen un mapa cun bo feixe de blogos localizados. Tamén dicir que Calidonia fixo a súa busca e ten unha listaxe de blogos ben interesante. E gracias a Lantania topei unha veciña que ten un blogo e poreime en contacto co ela. Vai levar unha sorpresa ben grande. Podo dicirche que ten unha cadeliña e querían cruzala os pais da rapaza co Colín pero todo quedou en nada. Ou sexa, que iamos ser familia e todo. E falando de Colín topei un agasallo para el: un teléfono móbil para que non se perda e eu poida falar co el. Non vou mercalo que aínda non saiu ao mercado. Outro posible agasallo ( descuberto gracias a El Niño de la Guía ) podería ser un disfraz para can pero xa pasou o Halloween e o Colín arrinca todo o que se lle poña enriba. Ao final vai levar un osiño de vaca e chégalle ben.

E iso é todo por hoxe. Unha proposta para o ano que vai comezar: a ver se enchemos o vacamundi de blogos galegos.

posted by acedre @ 7:07 PM 8 comments

Sábado 17 de decembro de 2005

Ambiente de Nadal

Onte en Revlon houbo xantar de Nadal. Xantei muito e bo porque había nabizas con xamón que é típico aquí en Carolina. Tamén había pavo e un pan de millo da zona. De sobremesa » brownies » e galletas caseiras. Ou sexa que non estivo mal. Logo a xente estivo repartindo agasallos entre eles que fan o Santa Misterioso onde cada un escribe nun papeliño o agasallo que quere e despóis xuntan todos e cada un vai sacando un papeliño e ten que mercar o presente ese que lle tocou en sorte.

E hoxe fomos a Rocky Mount e había moita casa adornada de Nadal ( e aínda non tirei fotos !) pola estrada 43. Logo nos sitios ateigados había xente con roupa alusiva ao Nadal e mesmo un home que tiña un gorro que dicía que cría en Santa Claus e asemellábase un chisco. En Pet Smart, a tenda de animais, estaba a xente facendo fotos co Papa Noel de turno e a súa mascota.

Ou sexa, todo rezumando Nadal e de colofón os vontarios do Salvation Army na porta ( a foto non é miña pero para o caso vale ).

Un saúdo e ata mañá.

posted by acedre @ 2:59 PM 5 comments

Domingo 18 de decembro de 2005

Despedida de Cris

Onte viñeron Gustavo e Inés cos seus fillos Pichu e Maggie para despedir a Cris. Fixemos unha cea e houbo algúns agasallos adiantados de Nadal.

E hoxe domingo deixamos a Cris no aeroporto sen problemas. Había ameaza de neve pero ao final choveu frío e sen problemas. Logo fomos polo Whole Foods onde podemos topar cousas pouco vistas neste país e daí tiramos para casa. Alugamos a película de » Charlie e a fábrica de chocolate « e estivo ben. É un conto con moralexa e ten imaxes de moita imaxinación e moita cor. Non sei se gustará moito aos nenos que ten momentos que non van entender, pero para un público adulto pode valer. Ao primeiro pareceume Revlon cando se vía verquer o chocolate nos moldes pero cando envolvían as pastillas de chocolate xa non era Revlon porque estaba robotizado todo na película. E os Oompa-Loompa lembrábanme aos mexicanos: pequenos, traballadores, ledos e pillabáns. Nada, que a película fíxonos pasar un rato agradable.

E iso é todo. Esperemos que Cris chegue sen problemas e que desfrute da familia e da boa mesa nesta época do ano.

Ata mañá.

posted by acedre @ 5:53 PM 8 comments

Luns 19 de decembro de 2005

Árbores de Nadal

Un elemento típico Nadal é a árbore de Nadal.

Nos EEUU véndense perto de 30 millóns de árbores de Nadal cada ano. Póñense á venda un 38 millóns e os que non se venden rematan feitos serrín. Nesta ligazón hai moitos dados acerca das árbores de Nadal e a súa historia ( en ingles ).

As árbores sobrantes non se replantan porque son cortadas polo tronco e non se arrincan coa raíz enteira como se acostuma facer na terriña. Nós temos algunhas árbores replantadas en Arbo e en Pías e saíron adiante. Dáme mágoa que se tiren con estas árbores pero o negocio é o negocio. Carolina do Norte é o segundo estado en produción destas árbores e as granxas de árbores cambian a paisaxe das montañas.

Unha nota curiosa: a árbore máis grande non é a de Nova York que sae na foto senón que está en Rio de Janeiro que de festas e celebracións saben un pouco.

E isto é o que hai por hoxe.

posted by acedre @ 8:10 PM 12 comments

 

Mércores 21 de decembro de 2005

Boas festas

Ao final fixen unha foto de mala calidade que era noite e a cámara apoiada no coche toda escorada. Na esquerda está o rato Mickey vestido de Papa Noel, logo hai renos e á dereita Xosé, María e Xesús.

Aquí é típico adornar o céspede frontal da casa co estes luminosos que tamén inclúen o moneco de neve inchable e iluminado. Nas portas e nos aleiros das casas póñense luces penduradas e no interior da casa está a árbore. Nas fiestras algunha xente pon candeas ou coroas de múerdago » mistletoe » ( visgo en galego ) .

Desde aquí quero desexar unhas boas festas e feliz entrada de ano porque detrás de cada ordenador hai unha persoa polo menos.

posted by acedre @ 8:00 PM 12 comments

 

Xoves 22 de decembro de 2005

Kwanzaa e o Olentzero

Hoxe foi o meu último día de choio en Revlon e o último de Ana no instituto. Ana fixo unha paparotada cos seus alumnos con cousas de comer que traían das casas. Ana levou unha tarta de mazá e unhas » cookies «. E pasáronno ben que estes días de comer moito e traballar pouco agradécense. Na foto está Ana con varios alumnos. Ana é branca e hai outra alumna na dereita da foto branca tamén. A que parece branca e está na esquerda é albina. Eu non sabía que había diso entre os negros pero parece ser que si hai. Os irmáns dela din que ela é a ovella branca da familia e non estou bromeando.
Esta época é a do Nadal e tamén teñen os negros unha festa que se chama Kwanzaa e que foi creada nos EEUU non hai moito tempo atrás. Por aquí non a celebran pero semella que se celebra noutros lugares.
Os vascos teñen o seu carboneiro que mira no lume os nenos que se portaron ben durante o ano e lévalles agasallos. Este carboneiro chámase Olentzero e neste Nadal estréase unha película sobre el.
Os galegos poderiamos ter unha personaxe destas, propia e enxebre…pero creo que a monarquía dos Reis Magos aínda vai durar e o rival que teñen e que vén con forza é o Pai Nadal, Papa Noel ou Santa Claus. Crear agora outra personaxe sería un traballo inútil. Bueno, iso penso eu.
E xa remato dicindo que Ana, o Colín e máis eu marchamos mañá cara a península da Florida, na busca dunha pouca calor e para coñecer esa zona. Así que non van haber posteos estes días ata fin de ano.
Deséxovos a todos boas festas e un bo comezo de ano.
A coidarse e a disfrutar.

posted by acedre @ 6:53 PM 18 comments

Venres 23 decembro: viaxe a Jacksonville FL

O camiño foi longo e sen moito por resaltar. Topamos de casualidade un cartaz indicando a igrexa máis pequena dos EEUU e fixemos fotos dela. O Colín está na porta e xa imaxinas o tamaño da igrexa con sitio para doce persoas. A igrexa está no estado de Georgia.

posted by acedre @ 9:46 AM 0 comments

Sábado 24 decembro: San Agustín e San Petersburg

Fomos visitar San Agustín, a cidade fundada por europeos máis vella dos EEUU. As rúas semellaban da terriña e a bandeira española ondeaba en moitas casas.

A orixe da cidade ten que ver coa busca da fonte da eterna xuventude que agora convertiron os americanos na fonte dos moitos dólares que cobran por beber desa auga. Logo chegaron as misións para cristianizar indios e houbo moitas misións pola costa da Florida e máis para o norte.

A cidade ten o castelo de San Marcos, unha entrada amurallada que me lembrou Valença, un museo de cousas incribles de Ripley, o Flagler College que era un hotel xigante, o castelo de Zorayda que é unha triste imitación da Alhambra de Granada, a escola de madeira máis vella dos EEUU, rúas con nomes de cidades españolas e moitas cousas máis.

Deunos mágoa non quedarmos máis tempo nesa cidade tan boa para pasear e desfrutar: unha cidade irmanada con Avilés.

Dalí seguimos cara S. Petersburg pasando por bosques de piñeiros con palmeiras por debaixo no canto de fentos ou toxos. Tamén había laranxeiras e prados con vacas.

En S. Petersburg quixemos cear no peirao da cidade onde estaban negros pescando con redes que botaban dende o peirao. Estaba todo pechado ( Noiteboa ) e rematamos ceando nun italiano nun centro comercial perto do peirao e saiu ben de prezo e calidade.

posted by acedre @ 9:52 AM 0 comments

Domingo 25 decembro: St. Pete, Tampa e St. Pete de volta

Comezou o día chuviñento e fomos en coche ata a ponta da praia de St. Pete. Volvemos ao centro da cidade e só había vagabundos pola rúa. Decidimos tirar cara Tampa e fomos por unha ponte que tiña espigóns paralelos para pescar.

En Tampa estaba todo pechado e tomamos un café na terminal dos cruceiros que non había máis. Logo pateamos o paseo da baía ata que o Colín non podía máis. No paseo había xente facendo footing e había verdadeiros palacios coma o da foto.
Volvemos para o hotel e deixamos o can alí e fomos á praia. Despóis dun chisco fuximos que apareceu a chuvia outra vez. Recollemos ao Colín e fomos a un parque no lago Seminole ( nome dos indios da zona ) onde tirei a foto do cartel proibindo darlle de comer aos cocodrilos. Despóis fíxose noite e collemos para cear algo nun restaurante chinés ( case os únicos que abren nunha data así ).
En fin, un dia tristeiro nun hotel feo que non recomendo a ninguén.

 

posted by acedre @ 10:33 AM 0 comments

Luns 26 decembro: viaxe a Naples

Amenceu con bo tempo anque ventoso. Saímos de St. Pete pola ponte de Sunshine Skyway que custa un dólar ( a ver cando aprenden en Rande ). Chegamos a Naples e fomos ao Delnor Wiggins State Recreation Area. O Colín non podía pisar a praia pero démoslle un bo paseo polo parque. Na praia sopraba o vento e marchamos pronto.
Naples é unha vila moi elegante con tendas de alto nivel e moitas galerías de arte. Percorremos a Quinta Avenida, Tin City ( un sitio cuberto con moitas tendas de souvenirs e roupa de prezos accesibles ) e a Terceira Rúa con moitos restaurantes e máis tendas de alto nivel.

 

Ceamos no Meson Olé, un timo de restaurante caro con comida artificial que van de boa comida mexicana e española. Este restaurante ten unha cadea en Nova York que pode enganar aos norteamericanos pero non a nós.
E na Terceira Rúa topamos a Papa Noel descansando nunha árbore despóis de todo o traballo que pasou no Nadal.

posted by acedre @ 10:57 AM 0 comments

 

Martes 27 decembro: Naples e bisbarra

Amenceu moi bo día e adicamos a mañá a percorrer a praia de Naples onde as casas invaden a praia que tampouco ten moi boa area que é máis ben cunchas. Nun terreo avisaban que quen entrase sería tiroteado que aquí non andan con chiquitas.
Xantamos en Tin City que había un grego vendendo comida grega de moi boa calidade e mellor prezo e o dono é moi amable e simpático.
Logo fomos a Marco Island ao parque estatal de Tigertail que ten unha semilagoa e unha boa praia. Para saír dalí perdémonos entre as urbanizacións de casas con céspede no fronte e o embarcadoiro do iate na parte de atrás. Tódalas rúas eran iguais e cos buzóns de figuras de golfiños ou cabalos de mar.

Ceamos na Terceira Rúa nun restaurante español pequeno. Leva poucos meses aberto e os donos son cataláns. Servíronnos moi ben e ata nos deron xamóns e queixo de Castela gratis. Tiñan pulpo na carta pero non o servían xa. Bueno, esa sería como a nosa cea de Noiteboa atrasada.

posted by acedre @ 11:15 AM 0 comments

Mércores 28 decembro: visita a Miami

Fomos a Miami pola 41 pasando polos Everglades.
A rota é longa e vaise pola zona de gándaras chea de fauna salvaxe. Polo camiño había paxaros secando as asas ao sol e outros espreitando dende os cables da luz que van paralelos á estrada; as únicas cousas feitas pola man do home. Esta imaxe repítese por quilómetros e quilómetros nunha recta onde aconsellan prender as luces do coche polos espellismos que se forman na estrada. Semella que hai auga de fronte e de súpeto aparecen os coches.
Paramos no Big Cypress National Preserve e puidemos mirar os primeiros cocodrilos salvaxes da nosa vida. Máis tarde puidemos ver algúns dende a estrada pero xa non eran novidade.
No camiño había aldeas de indios coa súa casa tráiler e logo pendellos de pólas de árbores. Tivemos que botar gasolina a 2,70 $ o galón na reserva dos indios Miccosukee que se adican a guiar turistas nos airboats polas zonas pantanosas, a criar cocodrilos…e a vender cara a gasolina na única gasolineira en sesenta quilómetros á redonda.
Entramos en Miami pola Rúa Oito, a rúa máis cubana da cidade cos seus cartaces en spanglish e o seu corido.

 

Fomos ao parque estatal do Key Biscaine en Miami e desfrutamos da auga por fin. O parque está algo resentido polo furacán Wilma e mesmo o acuario de Miami estaba pechado para arranxalo.
Volvemos a Naples pola 75 e fíxose longo o camiño polo tráfico.

posted by acedre @ 11:31 AM 1 comments

Xoves 29 decembro: viaxe a Daytona Beach

Despóis de almorzar no Manhattan Bagel pateamos a praia de Naples no sentido oposto ao outro día e Ana comprobou que a auga estaba máis fría, turbia e revolta ca en Miami. Na praia había un » beachcomber » ou bichicoma que é un home cun detector de metais peiteando a praia na busca de xoias perdidas .
Recollemos e tiramos para o norte. Xantamos en Punta Gorda ( non fagas un chiste fácil ) » subs » que é como chaman aos bocatas nos EEUU pola forma de submarino que teñen. Dalí fomos polas viliñas que hai na 17, zona de laranxeiras e casas pobres con tellados a medio reparar ou simplemente abandonadas. Esta zona é lugar de traballo de moitos mexicanos e había aquí e acolá tendas hispanas, servicios de taxis e anuncios en español. Había un que dicía: » No sacuda a su bebé » . Exemplo de maltrato no ámbito familiar que está bastante extendido en fogares hispanos.
A paisaxe estaba dominada por laranxeiras pequenas que apenas chegan aos dous metros e zona de pasto de vacas con cornos. Parecía unha sabana coas árbores solitarias no medio dos praderíos.
E así chegamos á interestatal 4 que tiña moito tráfico polas obras e pola cantidade de xente que vai e vén de Orlando e Disneyland.
Despóis pasamos á 95 e dalí a Daytona Beach.

posted by acedre @ 1:13 PM 1 comments

 

Venres 30 decembro: Daytona Beach e Ponte Vedra


Daytona Beach é famosa polas carreiras de coches e así ten unha praia onde poden circular coches ( con permiso da marea ) pero non permiten cans que emporcan a area. Aquí, de feito, fíxose na praia a primeira carreira de coches rexistrada na historia alá polo ano 1903 … seica.
O hotel que collemos estaba na fronte do mar e con boas vistas como se ve na foto do mencer (aquí mence pola beira do mar). O defecto que tiña é que non se podía acceder ao noso balcón que estaba pechado por reformas…mecaghi…
Fomos co Colín á punta sur da illa onde había un anaco de praia onde admitían cans e así o pobre do animal puido probar auga de mar legalmente no estado de Florida.
Despóis marchamos e paramos a xantar en San Agustín e dalí fomos pola costa de Ponte Vedra. Esta zona non ten moito de especial. É a típica zona de ricos coas casas enriba das dunas e campos de golf aquí e acolá. O curioso é o nome e parece ser que vén da nosa Pontevedra anque quedou un pouco tolleito así separado Ponte Vedra.

Despóis tiramos millas e millas para parar a durmir en Yemasee, vila fantasma entre dúas vías de tren escollida por estar a media distancia entre Daytona e Warrenton.

posted by acedre @ 2:43 PM 8 comments

Sábado 31 de decembro: fin de ano 2005 

O día 31 fixemos a viaxe final dende Yemasee SC ata Warrenton. Chegamos, desembarcamos, fixemos coladas e fomos á casa dos arxentinos a pasar a Noitevella. Ceamos e tomamos uvas mentres baixaba a bóla en Times Square en Nova York.

Xaneiro 2006

16 Decembro 2007

Domingo 1 de xaneiro 2006

Brindamos de pé nas cadeiras que din os arxentinos que dá boa sorte e que se cumpre un desexo se o pides. Logo estivemos dándolle ao beo ata as tres e para cama que estabamos destruidos.

Pola mañá fomos para Warrenton e púxenme ao día co blogo. Ana preparou as cousas de clase e chamou á familia de Cris para saber cando viña no avión. Fun buscar a Cris ao aeroporto e chegamos a casa ás once e fomos para cama (cadaquén para a súa, claro).

Luns 2 de xaneiro de 2006

E hoxe día 2 de xaneiro Ana traballa, Cris non ( foi mercar roupa que non lle apareceu a maleta da viaxe ) e eu tampouco traballo e aquí ando no ordenador póndome ao día.

Un saúdo aos que me seguen e xa podo dicir MAÑÁ HABERÁ MÁIS.

posted by acedre @ 9:09 AM 7 comments

Martes 3 de xaneiro de 2006

» Espeleando » espeleólogos

Non quero dicir espeleólogos senón mineiros. Traballan en situacións extremas e logo pasa o que pasa. Xa saberás a nova da mina en West Virginia con trece mineiros atrapados. Casos así fanme lembrar a canción de Victor Manuel » En la planta 14 « que aínda hoxe arrepíame o brazo. A morte é mala pero no traballo seméllame do peoriño.

E para que non te poñas triste vou falar de » espelear » que é o espanglish para deletrear.
Nos EEUU unha das cousas que aprenden dende pequenos é a deletrear as palabras cunha velocidade asombrosa e a xente que o escoita píllao no momento.
Hai un concurso a nivel mundial organizado por periódicos no que concursan nenos menores de 16 anos e teñen que deletrear ( ou soletrear ? ) a palabra que lle di un home. O rapaz pode preguntar o significado, pedir contexto e orixe da palabra e ten que acertar o deletreo.
Estes días empezan as eliminatorias e a final é en xuño.
Unha cousa curiosa máis que teñen os norteamericanos.
Na foto hai concursantes do ano pasado co nome do periódico que os patrocinan e con momentos aburridos que fan bocexar.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:47 PM 7 comments

Mércores 4 de xaneiro de 2006

Tempo de lareiras

Hoxe está o día húmido pero non moi frío. Por Warrenton flota un cheiriño a madeira ardendo nas chemineas e o día está triste e apagado.
O cheiro faime lembrar ao almorzo que fixemos nun Cracker Barrel no derradeiro día do 2005. A madeira chisporretaba na lareira e o local agasallounos cun almanaque rústico con noticias curiosas, previsións de lúas, ditos e previsión do tempo. Había unha historia que non coñecía que é a referida a John Henry, un xigantón que morreu traballando nunha competición contra unha máquina que ía roubarlle o seu posto de traballo. Esta historia adícolla aos mineiros mortos en West Virginia en particular e a tódolos mortos no posto de traballo en xeral.
E como non quero rematar con historias tristes quero lembrarche que hoxe da 4 e o aniversario do nacemento de Braille, o criador do sistema Braille para cegos. Topei a nova de casualidade nun blogo de nome lareira que parece estar ben.
Ata manha.

posted by acedre @ 7:40 PM 8 comments

Xoves 5 de xaneiro de 2006

Reis Magos

Hoxe é víspera de Reis e non se nota para nada neste país, polo menos nesta zona. As casas xa quitaron as luces e adornos e quedan moi poucas co eles. Os mexicanos teñen a celebración dos Reis pero cando viven neste país xa a perden bastante. Os da radio están regalando roscas de Reis e eu merquei unha nunha panadería mexicana de Henderson e non se pode comparar coas da terriña pero fai a función. Nin polo prezo nin polo sabor.
En Nova York sei que fan a cabalgata de Reis organizada por hispanos da cidade. Contoumo unha amiga que botou unha tempada nesa cidade. E falando de amigos, o amigo Pepe ten unha carta de Reis que vale a pena ler.
E así pasou este día sen moita novidade.

Mañá será outro día.

posted by acedre @ 7:33 PM 3 comments

Venres 6 de xaneiro de 2006

Reis e Befana

Hoxe é o día de Reis e en Italia vai a Befana repartindo agasallos ou carbón segundo o rapaz foi bo ou malo. A Befana ( deformación da palabra Epifanía ) era unha vella que acomodou aos Reis Magos no camiño de Belén. Eles convidárona a acompañalos pero ela dixo que tiña cousas que facer na casa e quedou. Máis tarde mudou de idea pero xa non topou aos Reis polo camiño e non deu chegado a agasallar ao neno Xesús. A partir daquela, ela percorre o mundo buscando ao neno Xesús e reparte xoguetes e lambonadas ou carbóns a tódolos nenos que atopa esperando dar dunha vez co neno Xesús. A Befana non é a única que reparte regalos que aquí hai máis.

Por aquí todo ben. Ana explicoulles aos alumnos ( aquí hai clase e o día é laboral ) a historia dos Reis e mandoulles escribir unha carta pedindo cousas. A maioría pedía » ropa «, » calzado «, » mucho el dinero «, » el carro «, » la licencia «, » joyas «, » aprobados en español «, etc, etc.

Estivemos lendo as cartas mentres bebiamos champán californiano ( xa beberemos do catalán na casiña ) e picoteabamos no roscón de Reis mexicano e no turrón de mousse de chocolate que chegou na maleta de Cris hoxe. A maleta apareceu hoxe despóis de seis días e faltan os chourizos requisados polo servizo de agricultura dos EEUU.

Neste momento Cris está en Washington que foi buscar a Toño que chegou hoxe.

E iso é todo. Que os Reis foran xenerosos convosco.

posted by acedre @ 7:36 PM 9 comments

Sábado 7 de xaneiro de 2006

Futbolíns e Colineta

Hoxe fomos a unha tenda de deportes en Raleigh. Alí hai de todo: dende futbolíns con luz e tres porteiros ata sudokus electrónicos pasando por material de deportes típicos e outros non tan coñecidos na terriña coma o lacrosse, xogo dos indios americanos que agora ten éxito entre brancos dos EEUU.

E seguindo co tema do futbolín, eu sabía que o inventor era galego e busquei pola interrede adiante. Na ilustración sae o inventor do futbolín, un galego de Fisterra que tivo unha vida de película e podes comprobar aquí. En canto a futbolíns dicir que descubrín que os hai a tamaño natural e debe de ser unha risa xogar a iso. Tamén descubrín que se non tés rival para xogar ao futbolín hai un futbolín robotizado contra o que podes botar unhas partidas. Cousas veredes !.

Virando de rumbo. Hai outro galego que escribe un blogo sobre gastronomía premiado e que cumpre un ano hoxe. Quéixase pola falla de comentarios aos seus escritos. Eu non sei porque será iso pero é así. Aí queda a ligazón para o seu blogo que podes visitar e onde fala de alimentos afrodisíacos, homes que non lles gusta a tortilla e trucos para dar sabor ao roscón de Reis por nomear só algúns dos seus últimos posteos.

Pois nada, que che aproveite e a ver mañá de que falo.

posted by acedre @ 7:44 PM 9 comments

Luns 9 de xaneiro de 2006

Lembras cando che dicían » xogas coma unha nena » para insultarte ?

Onte domingo estiven con internet a voltas ( demasiadas ) e aproveitei tamén o bo tempo para saír un momentiño e apañar noces ‘ pecanas ‘ aquí ao lado.

Cris e Toño apareceron cedo e Toño viña cargado cos agasallos de Reis traídos dende a vella monarquía da outra beira do mar.

Logo Ana máis eu fomos nadar e fixeime na socorrista que levaba unha camiseta de fútbol feminino cunha mensaxe en inglés que viña a dicir o texto que poño de título. Pensei un pouco e é verdade. Antes xogabas sen forza ou sen xeito e xa che dicían os compañeiros que eras unha nena. Supoño que algo cambiaría a cousa anque este tipo de ideas son difíciles de cambiar.
Aquí nos EEUU as mulleres non só son » cheerleaders « senón que xogan a moitas cousas e no fútbol como entendemos na terriña ( o » soccer « de aquí ) ten máis importancia a liga feminina que a masculina. E dende logo eu prefiro ver pernas femininas polo campo adiante que masculinas por moi depiladas e ben formadas que estean.
As mulleres xogan outros deportes iguais que os dos homes e unha excepción é o » softball « que é coma o béisbol pero que se diferencia na forma de lanzar a pelota.

E isto é o que conto hoxe que hai que madrugar e xa é tarde.

posted by acedre @ 8:16 PM 5 comments

Martes 10 de xaneiro de 2006

Futuro fantasma

Hoxe amenceu con néboa mesta e o camiño para o traballo semellaba fantasmal. Esparexidas aquí e alá hai granxas abandonadas que xorden da vexetación espida polo inverno.
Non podo evitar pensar no futuro de moitas poboacións pequenas que van morrendo ou xa morreron hai un tempo atrás.
No blogo de Nemeth fai a descuberta dunha páxina con vilas abandonadas nos EEUU da época mineira.

Por onde estamos nós a cousa non é tan esaxerada pero a xente emigra a Nova York, Philadelphia ou outras cidades. Cada vez menos xente se adica ao cultivo de algodón, tabaco, boniatos, soia ou a cría de vacas (a cría de pitos hai anos e anos que desapareceu) e as poucas fábricas que houbo na zona están pechando unha a unha as súas portas.

Na terriña tamén desaparecen aldeas e costumes como resalta Jan no seu blogo.

Supoño que será lei de vida e estas aldeas servirán de base de moitas lendas e contos para as xeracións futuras.

E unha noticia na terriña que non é triste nin é conto é esta dun lobo vivindo en pleno Monforte. Disfrútaa.

posted by acedre @ 7:27 PM 5 comments

Xoves 12 de xaneiro de 2006

Baixón de choio

Onte choveu a rabiar e hoxe fixo calor coma no verán.

No choio baixou bastante a cousa. Onte e hoxe mandáronnos a outras zonas de Revlon. Onte tocoume na linha de Almay con semente de moringa, a árbore milagrosa que non sei se será verdade o que din dela ( dubídoo ). E hoxe tocoume nos tintes de pelo e pasaron miles e miles de loiras pola miña man. Despóis apareceron os xefes e dixeron que algúns quedaban sen traballo ata o martes que vén ( luns é o día de Martin Luther King e non se traballa ). Eu traballo mañá.

E na foto saio eu no verán sufrindo un tratamento de beleza dado por María, a nosa sobriña e a máis moreniña da foto e Iris, unha veciña dela. Eu non estaba botando un peido senón que estaba aguantando os ataques delas que en vez de peites parecía que usaban martelos. A foto vai por María que estivo de cumpreanos onte.

E iso é todo por hoxe.

posted by acedre @ 6:55 PM 5 comments

 

Venres 13 de xaneiro de 2006

Venres 13, que medo !

O día de hoxe foi bastante normal. Nada de medos nin cousas raras desas. No choio pregunteille ao xefe para traballar por Revlon e o martes a ver que pasa. De tódolos xeitos, xa me asegurou que traballaría ata xullo que é cando remata o meu visado.

Pola tarde Ana máis eu fomos ao YMCA e Cris e Toño foron a Raleigh que teñen problemas coa cámara dixital que non lla dan amañado e din que a garantía non a cobre e patatín e patatán. Ou sexa, un lío.

E mañá Ana, o Colín e máis eu iremos a Winston-Salem que é unha cidade cun bairro antigo conservado onde vive e traballa xente real ao puro estilo do século XVIII.

E Cris e Toño queren ir as montañas.

Xa contarei como vai todo.

posted by acedre @ 7:54 PM 5 comments

Domingo 15 de xaneiro de 2006

Fin de semana en Winston-Salem

O sábado saímos de mañá cara Winston-Salem que está a dúas horas de Warrenton. Topamos a oficina de información e fomos visitar Old Salem pero facía moitiiíiisimo frío. Corría unha xistra de mil pares e non se paraba co frío. Logo tamén quedamos sen pilas para a cámara de fotos. Dalí marchamos para o hotel onde deixamos as cousas e fomos visitar Bethabara. O frío puido conosco e marchamos a un centro comercial e dalí para a habitación.

 O domingo xa fixo mellor tempo e volvemos a Bethabara para percorrelo de vagar e facer fotos xa con pilas. Bethabara era unha aldea duns relixiosos moravios da Alemaña e tiñan unha empalizada rodeando as casas. E un sitio bo para facer fotos e ver as cabanas antigas de troncos e barro. Como facía bo día ( relativo ) tiramos para Pilot Mountain que é unha montaña que sobresae na paisaxe case cha desta zona. Pateamos bastante e o Colín acabou con malletas que agora baixa as escaleiras de lado.

 

 

E camiño a Old Salem paramos nunhas «pulgas» que son os mercados de segunda man onde podes atopar de todo entre chambonadas e cousas curiosas como por exemplo bicicletas-tandem ( onde miraches ti unha a vender ? ) ou un carro de bólas ou carrilana coa forma dun coche de carreiras antigo. Tamén un home regalaba canciños ben bonitos que non é todo vender neste país. Dalí fomos a Old Salem onde xantamos e tomamos biscoitos feitos na panadería que leva funcionando máis de douscentos anos e que os fai ben saborosos.

 

A panadeira atendía coa roupa de estilo antigo e facía as contas no ordenador. Vaia mistura !.
Despóis iamos parar nunha casa que din que e a máis rara do mundo e non nos parecía así que aforramos eses cartos. Logo paramos no Whole Foods de Durham e tiramos para casa.
E iso é todo. Deica mañá.

posted by acedre @ 7:32 PM 8 comments

Luns 16 de xaneiro de 2006

Día de Martin Luther King

Hoxe é festivo aquí. Celébrase o nacemento de Martin Luther King, un sacerdote que loitou pola igualdade de dereitos dos pretos cos brancos. A Ana pregúntanlle os alumnos se se celebra este día na terriña e cando di que non quedan abraiados e non imaxinan unha terra onde non haxa negros.

O camiño para a igualdade aínda non rematou pero xa está enfiado e, aos poucos, conséguense avances impensados hai anos e xa hai unha muller negra presidenta en África, concretamente en Liberia, país creado polos norteamericanos para instalar esclavos liberados.

Ogallá que se consiga a igualdade plena no mundo entre os seres humanos e o soño que tiña Luther King sexa realidade.

posted by acedre @ 6:45 PM 8 comments

Martes 17 de xaneiro de 2006

Morriña

Non sei por que pero boto de menos a terriña. Quedan menos de seis meses e hai por diante un futuro incerto. Unha igrexa deste país tiña na súa porta este texto: » O pasado é historia, o presente un miragre e o futuro un misterio «. Creo que teñen razón.

Como estou así de choucho mellor metablogueo e mándote rebotado a unha exposición de fotos que me gustaría visitar, a un documento curioso e a Manuel Rivas cunha imaxe un chisco curiosa.

Seica mañá é outro día.

posted by acedre @ 7:02 PM 15 comments

Xoves 19 de xaneiro de 2006

Ata outra, morriña

Hoxe xa estou mellor. A vista do fundo da ría de Vigo dende o avión que foi o último que mirei de Galicia xa non me dá ataque de morriña. Todo gracias aos vosos comentarios e ao paso de tempo que todo cura. Hai días que un está apagado sen motivo aparente e iso foi o que me pasou o outro día. E onte non tiña ideas para escribir así que saltei o día.

O luns pasado fomos ao cine por primeira vez neste país. Cobráronnos menos (5.75 $) por irmos antes das seis e eramos seis persoas nun cine con capacidade para cento dez. A película foi Casanova e estivo pasable. Lembroume a película de » Shakespeare enamorado « pero sen tanta calidade.
Antes da película puxeron o tráiler dunha película de cans de trineo que tiveron que abandonar na Antártida e pasaban calamidades mentes non os rescataba o chico da película. A min estas cousas tócanme a fibra sentimental ( por que negalo ? ) e cando xa me proían os ollos mirei de esguello a Ana que xa estaba cos ollos húmidos. Nada, que somos uns sentimentais.

E para que miredes que xa recuperei de todo vouvos contar unha anécdota da mili referente ao idioma galego.
Estaba eu de paseo en Burgos cun compañeiro coruñés e había dúas rapazas sentadas nun portal e unha preguntounos de onde eramos que elas xa sabían que non eramos de Burgos polo corte de pelo estilo militar. O meu compañeiro, que estaba un pouco peneque, díxolle todo cheo: » Chéirache a perrecha «. Eu quedei pampo mirando para el como se atrevera a dicir tal cousa e despóis chegou a reacción das rapazas que foi ben simpática. Vai unha e dille á outra sen inmutarse: » Uy, estos dos son vascos «.

Pois nada, ata mañá e dicir que estamos todos ben e que non fai moito frío.

 

posted by acedre @ 6:48 PM 9 comments  

Venres 20 de xaneiro de 2006

Organización

Unha das cousas boas que teñen os norteamericanos é o relacionado coa prevención. Por exemplo, no instituto de Ana fan simulacros en caso de tornado, tamén no caso de que haxa un incendio e ata hai simulacro para evitar estas matanzas que de cando en vez suceden de rapaces armados que se poñen a disparar a compañeiros e profesores. O bo destes simulacros é que soa a alarma no código correspondente e todo o mundo sabe que facer. Así o día que pase algo de verdade (ogallá que non se dea o caso) a xente toda sabe como actuar e farao con naturalidade e sen histerismos pensando que é outro simulacro máis.
Este tema veume á cachola pola catarreira que teño que o mércores soou a alarma de incendios na piscina do YMCA e ala estivemos os catro nadadores fora da auga, mollados e a piques de saírmos para a rúa. Foi unha alarma falsa e logo volveu soar e outra vez fóra da auga e así unha terceira vez máis. O caso é que con tanto baile papei moito frío e agora ando coas napias vermellas e inchadas.
E remato falando de instrucións curiosas en máquinas expendedoras de condóns onde explican os pasos a seguir para conseguir os condóns. O máis simpático é que aclaran que hai que meter as moedas todas na mesma ranura. Por falta de explicación que non sexa. Aí che queda a foto e despídome ata mañá.

posted by acedre @ 7:33 PM 5 comments

Sábado 21 de xaneiro de 2006

Fantasmas en Arbo

Moito do día de hoxe andei fuchicando pola interrede adiante. Entre moitas cousas topei unha páxina onde sobes unha foto e búscanlle o parecido entre unha listaxe de famosos. Moitos dos resultados son ben patateiros e ata aparecen fantasmas. Nunha foto da nosa sobriña María nos muiños da Rocha en Arbo o programa ese descubriu que había outra face na foto e non era outra que Yoko Ono. Incrible pero certo. Aquí podes comprobalo.

posted by acedre @ 7:46 PM 3 comments

 

Domingo 22 de xaneiro de 2006

Fin de semana tranquila

Si. A fin de semana foi tranquila e sen grandes novidades.

Onte sábado aparte de fozar polo mundo artificial este da arañeira fomos a Rocky Mount a ver prezos de cámaras que Cris e Toño andan atrás dunha despóis do desastre da outra que se esmendrellou e a marca non llela repara nin lles dá unha nova.
No serán perdemos a actuación deste grupo de fe que sae retratado na foto e estivemos vendo unha peli en DVD que vai de xente solitaria que se xunta e non semella unha película americana. De feito recibiu premios en Ourense e Donosti.

Hoxe domingo estivo o día gris. A mañá adiqueina a facer safari fotográfico pola zona para dar de comer a este blogo tan agoento. Pola tarde fomos nadar e logo tiramos para casa que xa estaba a chover. E estivemos a mirar Spiderman 2. Como ves, non hai moito movemento por estes lares.

A ver mañá.

posted by acedre @ 7:05 PM 4 comments

Luns 23 de xaneiro de 2006

Vezos, manías

…hábitos, costumes, teimudeces, barrenes, terqueos, cabezonadas…En fin, cousas que fai un que non son moi normais.

A miña amiga Muralla embarcoume nisto e non me vou encomodar por tal cousa.
As normas do xogo son: No meu blogo escribo cinco manías, vezos, hábitos ou o que sexa que teño e que son raros. Feito isto, nomeo cinco persoas e ligo os seus blogos. A estas persoas pásolles a bóla supoñendo que me lean isto.

Agharraivos que empezo. Aclarar que os meus hábitos raros non foi moi doado topalos porque para min todo o que fago é normal. Supoño que se tivese máis tempo toparía máis.

Dito isto, aí os van:

1- Madrugar de máis. A min gústame chegar con tempo e facer as miñas cousas con calma. Así que me ergo as cinco da mañá para entrar no choio ás sete e vivo a media hora de Revlon. Esta manía é rara de máis, non ?.

2-Hipnotizarme con matrículas de coches. É unha manía que teño pero que vai a menos, por sorte. Se estou nunha terraza busco as matrículas dos coches que pasan e memorízoas. Fágoo inconscientemente e chega a ser moi agotador así que me poño de costas á estrada. Houbo un tempo que eu coñecía as matrículas da maioría dos meus veciños e amigos.

3-Usar cubertería canto máis pesada mellor (xusto ao rivés de meu pai). Se me dan a escoller collo os garfos e as culleres máis grandes anque sexa para un iogur ou uns pinchiños.

4-Buscar pelos, lixos e demáis obxetos extraños na comida e na bebida. Iso, en vez de disfrutar da comida o primeiro que fago é explorar na busca deses elementos. Iso si, non son escrupuloso e aparto a «descuberta» e sigo papeando como se nada.

5-Manía de consultar palabras que non coñezo ou temas que descoñezo. Cando oio ou leo algo que non sei procuro informarme en enciclopedias ou internet ou preguntando que para iso non teño vergonza ningunha. Non paro ata que me documento. Esta manía é boa para a aprendizaxe pero chega un momento que é excesiva.

E agora pásolles a bóla a:

Pepe

Falabarato

Laurindinha

Nemeth

Veloso

……………………….espero me perdoen e sigan o xogo………………….

posted by acedre @ 7:10 PM 12 comments

Martes 24 de xaneiro de 2006

De frigocanceiras e tratos aos animais

Cada un ten unha idea preconcebida dunha persoa, dun país, dunha cultura, etc, etc. E a miña idea dos EEUU era que aquí trataban mellor aos animais do que os tratan na terriña pero levei unha decepción coa miña presuposición. Eu sabía que os cans non os ían atar con chourizas e que non ían vivir en casas último modelo con calefacción e todas esas comodidades que de cando en vez sae nos noticieiros. Non son tan boafé. Pero o que fotografiei o domingo ben merece estar no concurso dos Aduaneiros. Na foto vese un can encadeado a súa » casa » que non é outra que unha neveira coa porta aberta. Menos mal que non está funcionando a frigocanceira esa.

E falando de relacións animal-home neste país teñen fama os rodeos e sobre todo os dos touros. Os montadores son xente ben tola. O home monta no becho, ábrenlle o cancelo e alá ten que aguantar enriba do touro oito segundos para poder puntuar. Ten que agarrarse ao animal cunha man soa e a outra non pode tocar o corpo do touro. Premendo en » Continue « nesta páxina podes ver tres minivídeos onde se ve esta loita entre home e touro que é perigosa para o home. Este deporte non ten arte ningunha pero non deixa de ser espectáculo e polo menos o touro sae enteiro que é o máis importante.

E mañá pode ser que haxa máis.

posted by acedre @ 6:15 PM 3 comments

Mércores 25 de xaneiro de 2006

Misturas de animais e misturas de razas humanas

E sigo falando de animais. Os Aduaneiros teñen unha foto no concurso que lle despertou a curiosidade ao amigo Colazo. Este amigo pregunta se se poden mesturar as mulas cos burros. Eu busquei e busquei e topei híbrido de cebra e burro ou tamén o caso de cruces de leóns con tigres.

No caso dos humanos tamén hai misturas e o idioma español de América tivo que crear palabras novas para expresar esa variedade de razas e colores.

E chegados a este país dos EEUU aquí resumen toda esa riqueza léxica baixo unha soa e triste palabra con mala fama: LATINO ou HISPANO.

É o que hai.

posted by acedre @ 8:06 PM 8 comments

 

Venres 27 de xaneiro de 2006

Prezos varios

O prezo dunha cama nova ( vai a terceira en dous anos ) e o prezo do meu blogo.
Hoxe é tarde e deixo para mañá o que tiña que facer hoxe.

posted by acedre @ 7:30 PM 2 comments

Sábado 28 de xaneiro de 2006

Sábado soleado

Hoxe fixo un dia primaveral. Pola mañá Ana foi a un curso onde falaban de pobreza. O bo do curso é que pagan e non pouco. Eu andei pola interrede e fun á biblioteca que Ana quería un libro para ler esta semana. En Warrenton non había grande novidade. Había unha reunión da chobenalla ou xuventude do trebo dos 4 H. Tamén había xente nas perruquerías: os brancos nas dos brancos e os negros nas dos negros coma sempre. Tamén había un enterro na funeraria dos negros e estaban os velliños de tódolos sábados vendendo productos Avon na rúa.

Bueno, que lle collín o libro «The Icarus girl» de Helen Oyeyemi, unha rapaza nixeriana que vive en Londres. Xa contarei que tal está.

Pola tarde fomos a Macon a unhas cinco millas de onde vivimos agora e que foi o primeiro sitio onde vivimos ao chegarmos aos EEUU. Demos unha volta polas casas abandonadas ( a foto é dunha delas ) e a escola abandonada e co tellado estrado da cachicha dos avutres. Logo fomos ata o lago Gaston e estabamos facendo fotos cando se acercou un home que se ofrecía a facernos unha foto de grupo. O home preguntounos de onde eramos e el comentou que estaba casado cunha muller das illas Azores, da Terceira en concreto. Despóis viñemos para casa e aquí andamos.

Eu fixen un paseo virtual por Monteferro gracias a Apunta que vou engadir á miña xa longa lista de ligazóns. Parece ser que os avutres inmobiliarios van escarallar a costa galega. Outra vaca máis no millo.

E máis nada. Ata mañá.

posted by acedre @ 4:03 PM 3 comments

 

Domingo 29 de xaneiro de 2006

Ano novo chinés

Hoxe empeza o ano chinés do can e o Toño marchou para Washington a facer prácticas no zoo. Vai botar uns dous meses no zoo de Washington.
Nós fomos ao ximnasio e á casa dos arxentinos que nos deron tarta de Santiago que estaba ben boa.
E mañá marchan as rapazas a un curso na universidade de North Carolina nas montañas e van estar cinco dias alá. Ou sexa, quedo de Rodríguez co Colín.
Ata mañá.

posted by acedre @ 7:18 PM 6 comments

Luns 30 de xaneiro de 2006

Monstros mariños

Hoxe na radio falaron dun submarino canadiano que foi atacado por un pulpo que tiña uns brazos de catro metros de longo polo menos. Aquí está o vídeo do ataque que evitaron revolvendo o fondo mariño cos motores do submarino. Ese pulpo xigante non é o único monstro mariño que tamén hai luras xigantes que pelexan contra cachalotes. Nesta páxina fálase moito desas criaturas misteriosas e case irreais. Para máis mitoloxía mariña galega podes consultar o blogo do percebeiro de Corme que sabe máis dun chisco da materia.

Nada, que non hai nada coma un pulpo normaliño de tamaño e posto a ferver como fai Ana nunha foto do mes pasado que por certo o pulpo dálles noxo aos norteamericanos. Pobriños que non saben o que perden. E agora non sei que boto máis de menos: se a Ana ou ao pulpo.

Mañá haberá máis.

posted by acedre @ 7:18 PM 8 comments

 

Martes 31 de xaneiro de 2006

Estado da Unión

Hoxe seguín de Rodríguez sen moita novidade. Fun ao choio e logo ao ximnasio. Na tele estaba o programa de Oprah e saía un médico sen fronteiras que estivo en Níxer, o país máis pobre do mundo, e onde nos anos bos morre un neno de cada catro. O malo é que non houbo colleita este outono pola seca e hai moita fame. E como a tele estaba tan deprimente eu mergulleime no libro «La sombra del viento». É doado mergullarse neste libro. Levo unhas setenta páxinas e está moi ben na intriga.
Vin para casa e agora poñen na tele o debate do estado da Unión onde sae o presidente Bush facendo propaganda. Foi recibido con aplausos, lembrou á viuva de M.L.King que morreu onte e o cámara estivo buscando negros entre os congresistas e volveuse parvo para topar tres ou catro. Logo Bush empezou coa leria de sempre de que en Irak son terroristas, que somos a policía do mundo, armas de destrucción masiva, etc, etc e agora segue falando e prometendo e os congresistas aplaudindo.
En vista do que hai, póñome a dar a tecla e a cheirar novos blogos como o dunha cadela Husky galega que ten cousas curiosas e divertidas para ler.
Ata mañá.

posted by acedre @ 6:51 PM 4 comments

Olark Livehelp